sábado, 29 de setembro de 2012

Los muertos (Lisandro Alonso, 2004)

-Me contaron que anduviste preso
-No, no me acuerdo más. Ya me olvidé de todo
-Ahí te estaba esperando porque María te dejó esa canoa...
-Ah, ¿esa canoa?
-...esta es la que trajo María... trajo esta para que puedas ir al encuentro de ella (...) Me dijeron que anduviste preso, que mataste a tus hermanos.
-Sí, sí, pero ya me olvidé. Ya me pasó todo.


Lisandro Alonso, guionista e director de Los muertos, recoñece na súa obra a pegada literaria de Horacio Quiroga. Eu acho tamén ás veces un forte arrecendo a Juan Rulfo nesta portentosa película que discorre ao ritmo tranquilo dunha canoa por un río. O protagonista, Argentino Vargas, sae do cárcere despois de cumprir moitos anos de condena e vai ao encontro da súa familia; déitase cunha prostituta, detense a comprar unha camisa para a súa filla e nunha escena que só un hipócrita consideraría excesiva degola unha cabra e ábrea e límpaa diante dos nosos ollos. Lisandro Alonso puidera ser unha sorte de parente arxentino de Apichatpong Weerasethakul, con quen comparte xeración e un gusto semellante polos planos longos e de magnética beleza, adubados por unha banda sonora inzada de sons naturais: os chíos dos paxaros, o asubío do vento, o arrolar das augas. É un envoltorio de absoluta placidez, pero vén de orixe alterado polo efecto que no espectador produce o inquietante comezo do filme, que vai camiño de se facer lendario. Desde ese momento e até a súa extraordinariamente fermosa secuencia final, con Vargas por fin xunto aos seus netos nunha cabana cuberta por plásticos, Los muertos revélase coma un filme pouco explícito, mesmo enigmático. Nada importa o que non se conta, en calquera caso; é infinitamente máis valioso o que se ve, o retrato doloroso duns personaxes que hai moito que deixaron de estar vivos da man dun cineasta que sabe que ningunha cousa é prescindíbel se miramos para ela o tempo suficiente.

Martin Pawley. Texto publicado orixinalmente no blog Días Estranhos o 10 de maio de 2006.

Ningún comentario:

Publicar un comentario