mércores, 18 de abril de 2012

Hai vida despois dos Capitáns

Os dous premios Goya que obtivo o filme Arrugas e o galardón no apartado de curtas para Birdboy foron amplamente celebrados pola prensa galega e mesmo pola Xunta, co presidente Feijoo disposto a comparar Galicia con Hollywood no ámbito da animación. A cruel realidade, porén, é que un filme coma Arrugas dificilmente alcanzará en salas comerciais a cifra de trinta mil espectadores, un resultado típico do pobre estado actual do mercado cinematográfico en España que en modo algún pode considerarse satisfactorio. Estréanse títulos a feixes, mais a maioría fican condenados a unha total invisibilidade fóra dunhas poucas grandes cidades. É un momento de crise -máis alá da financeira- que obriga a repensar os modelos de produción, distribución e exhibición: o século XX queda moi lonxe. Ao mesmo tempo, en Galicia vivimos un momento de esplendor creativo, con cineastas do país presentes en festivais internacionais, do Xurxo Chirro de Vikingland (Marsella, Mar del Plata, FICUNAM) ao Marcos Nine de La Brecha (BAFICI). As boas noticias seguen (e seguirán) con autores coma Xacio Baño (coa curta Anacos a concurso en Las Palmas) ou Lois Patiño, que ultima a longa Ecos da paisaxe. Hai vida máis alá de Todos vós sodes capitáns: o noso deber agora é darlles a todos eles oportunidade de existir.

Martin Pawley

Artigo escrito para o número de marzo da revista Tempos Novos.