martes, 23 de agosto de 2016

Filmes do Homem: filmes, comunicacións, proxectos e prácticas

por Miguel Castelo

Sostido nos seus principais esteos -Fora de Campo e Plano Frontal-, Filmes do Homem puxo en escena a edición do 2016 do seu Festival Internacional de Documentário, facendo de Melgaço durante cinco días a capital cinematográfica do norte portugués.

Identidade, memoria e fronteira foron os temas habituais arredor dos que viraron tanto os filmes participantes como as actividades todas que fixeron parte da programación deste ano.

Interacción estimulante

O espazo Fora de Campo acolleu as intervencións de Andreia Alves de Oliveira, “Um lugar chamado diáspora”; de Álvaro Domínguez, “Identidade –Para que serve?”, e de José da Silva Ribeiro, coordenador xeral desta sección, “Etnografias Audiovisuais Participativas”, comunicacións que conviviron cos exercicios de campo “O real imaginado” e “Cartografías sonoras colaborativas”, consistentes en recollidas de imaxes fotográficas e fragmentos sonoros, experiencias propostas, respectivamente, por Manuela Matos Monteiro e João Martins, que levaron aos diversos participantes a se deslocar por diferentes lugares da vila ante a ollada compracente e a actitude colaboradora dos seus habitantes, nalgúns casos directamente implicados na execución destas prácticas. No marco desta multidisciplinar e estimulante interacción, as presentacións dos proxectos en curso “Aldeias do Mar, Cultura da Vida”, da Asociação Ao Norte, por Daniel Maciel, e os galegos “Proxecto Socheo: tecendo a memoria de A Guarda”, por Beli Martínez, “Fálame de San Sadurniño”, por Carmen Suárez Nieto, e “Videocartografiar o espazo rural”, por Manuel González Álvarez, todos accesibles na Rede, completaron o programa desta sección.

Exposicións fotográficas: comercio e emigración

A Casa da Cultura, centro neurálxico do festival, acolleu así mesmo dúas exposicións fotográficas de interese: “Commercio”, de João Gigante, un percorrido diverso polo mundo do comercio na vila melgacense e a súa contorna, en palabras do seu autor “são fotografias que descrevem um espaço e a sua história, mais também uma revelação de quen o construiu e o mantém aberto”; e “Um lugar chamado diáspora”, na que Andreia Alves de Oliveira, fotógrafa vianense residente en Londres hai arredor de dez anos, presenta unha serie de retratos de persoas e espazos binariamente vinculados -o individuo e un emprazamento da súa circunstancia vital-, aos que se suman breves textos, recensión de longas entrevistas realizadas pola autora aos diversos fotografados, nas que se tenta dar resposta ás dúas cuestións -Porque emigramos? O que diz a emigração sobre nós?- nas que se sustenta o sentido conceptual da proposta.

Na procura de novos valores

Plano Frontal, na súa dobre modalidade, cinematográfica e fotográfica, volveu seleccionar catro equipos de tres integrantes (realizador, operador de cámara e operador de son) para acometer a rodaxe de senllos documentais que, relacionados con cuestións sociais, individuais, culturais ou de identidade, lle foron tematicamente propostos e orientados na súa realización por un titor e loxisticamente apoiados por un equipo de catro profesionais. Na fotográfica, tres xoves abordaron o seu labor sobre temas locais, igualmente propostos pola organización. Como é preceptivo, o resultado do seu traballo, en ambas modalidades, farase público na seguinte edición, entre tanto o realizado na edición do 2015 fíxose nesta.

Os filmes elixidos
A toca do lobo (Catarina Mourão, 2015)
Trece filmes de diversas metraxes, procedentes de oito países  -Irán, Brasil, Portugal, Polonia, África do Sul, España, Reino Unido e Alemaña- optaron aos premios Jean-Loup Passek. O xuri, presidido por Manuela Penafria e integrado polos tamén portugueses Margarida Cardoso e Tiago Afonso, o brasileiro Renato Amran e o galego Xurxo Chirro, decidiu conceder o galardón á Melhor Longa_Metragem Internacional a Behemoth (China-Franza), de Zhao Liang, retrato épico sobre a dureza das condicións de traballo en paraxes en transformación, en terras de Mongolia, produto das máis desapiadadas formas de explotación do capitalismo, “pela relevância do tema e pelo registo estético e ético onde a narrativa e apresentação de uma problemática social assenta nas qualidades formais de imagens, som e montagem. Nesse sentido, o filme coloca a arte numa relação direta não apenas com a vida tal qual ela é mas, sobretudo, com a sua transformação a partir de valores que dignificam o ser humano”; o premio á Melhor Curta ou Média-Metragem Internacional (neste caso curta) a Women in Sink (Reino Unido-Israel), de Iris Zaki, enxeñosa utilización dun salón de perruquería feminina en Israel para suscitar conversas coas clientas, tanto xudeas como árabes, sobre temas diversos de ambas culturas, “pelo interesse da temática, pela forte dinâmica das narrativas pessoais envolvidas no conjunto do filme e pela interação estabelecida entre a equipa de realização e as mulheres entrevistadas”; e o premio ao Melhor Documentário Português a A toca do lobo, de Catarina Mourão, minucioso e paciente achegamento en primeira persoa da realizadora a certos entretecidos e enigmas da súa familia, pertencente á burguesía ilustrada, no decurso de tres xeracións, “pela forma como nos revela, através dos diálogos entre os personagens, elementos humanos da biografia de um escritor português, pela beleza da narrativa, pelas qualidades formais de som, imagem e montagem”.

Ouros filmes foron proxectados, alén da Casa da Cultura, en diversos lugares da contorna da vila de Melgaço. Así, as freguesias de Penso e Cristóval e os concellos galegos de Padrenda e Arbo puideron participar tamén dos Filmes do Homem.

Imaxes, do cinema e da vida, para o recordo

A esplanada da Torre da Homenagem, núcleo do centro histórico da vila, axuntou por derradeira vez ao público desta edición do Filmes do Homem, na súa sesión de clausura. Alí, mergullados na escuridade dunha noite espléndida, puidemos asistir á proxección en pantalla xigante do desenvolvemento das anuais actividades, laborais, relixiosas e festivas, dos escasos habitantes de Uz, aldea de Tras-Os-Montes, no norte portugués, coas que o xoven realizador lisboeta, João Pedro Plácido, constrúe a súa primeira longamentraxe, Volta á Terra, filme poético, paciente e delicado, non exento de dureza, onde o humor e a ternura conviven con proverbial mestría.

Con anterioridade, no decurso desta xornada, as habituais visitas a Lamas de Mouro, na freguesia de Castro Laboreiro, en cuxo auditorio nesta ocasión se proxectou Os olhos de André, reconstrución cinematográfica de situacións diversas da vida dunha familia numerosa, realizada por António Borges Correia -cuxa torpeza narrativa e ton edulcorado foi posteriormente superado pola alongada e compracente comparecencia física dos membros todos da familia protagonista-, e aos museus “Memória e Fronteria”, onde o seu director, Albertino Gonçalves, contou anécdotas e revelou pequenos segredos dos códigos do mundo do contrabando, e “Jean Loup Passek”, no presente ocupado por unha pequena antoloxía dedicada ao cinema silente, serviron para achegar os participantes nestes encontros do cinema e a comunicación, nomeadamente aos estranxeiros e provenientes dos máis afastados lugares do mundo, a estas peculiaridades, verdadeiros emblemas dunha vila, Melgaço, que aposta decididamente polo cinema e a expresión audiovisual.

* * * * *

no arquivo: crónica do Filmes do Homem 2015