sábado, 25 de abril de 2009

A herdanza da Shoah

O holocausto é unha ferida imposíbel de curar con consecuencias políticas e sociais no presente. Theodor Adorno sentenciou que non se podía facer poesía despois de Auschwitz. Un poeta, o arxentino Juan Gelman, completou a frase engadindo un decisivo “como antes”: o que non se pode é facer poesía igual que se non tivese acontecido nada. Máis adiante Gelman rectificou as súas propias palabras: non hai, dixo, un antes e un despois de Auschwitz, nin de Hiroshima ou Nagasaki, nin do xenocidio arxentino, senón que estamos condenados a vivir no “durante”, nun continuo de matanzas que se repiten aquí e acolá. Dun xeito ou doutro a pregunta a responder é a mesma: cal debe ser o papel da arte diante desa ferida? Como tratar uns feitos que poñen en cuestión a propia condición humana? Coordinado por Ángel Quintana, o seminario A herdanza da Shoah. A propósito de “La cuestión humana” examinou onte no CGAI da Coruña a pegada que a Alemaña nazi deixou no mundo contemporáneo en tres ámbitos tan decisivos como a linguaxe e as imaxes, coa eterna discusión sobre o que se debe contar e amosar e o que non aboiando sobre todo o debate; e a industria, a partir do atrevido paralelismo entre a dinámica dos campos de exterminio e os modelos de produción capitalista que apunta A cuestión humana (La question humaine, 2007) a película dirixida por Nicolas Klotz e escrita por Elizabeth Perceval, cineastas que pasaron toda esta semana na cidade. Un filme excelente e denso que inspirou o seminario e permite tecer conexións entre pasado e presente de gran potencia ideolóxica.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós de Xornal de Galicia o sábado 25 de abril de 2009. Artigo relacionado: Paisaxes tranquilas e campos de exterminio

Paisaxes tranquilas e campos de exterminio

Cando o exército ruso liberou Auschwitz o mundo soubo dun dos maiores masacres cometidos polo home contra o home

Unha multitude avanza pola rúa. Escoitamos o son rítmico e incesante dos seus pasos, as súas pisadas contra o chan, firmes e furiosas, un eco na noite inquietante. Tardaremos aínda uns minutos en saber cara a onde se dirixen. O plano sitúanos na porta dun hospital; entramos nel paseniño, adiantados por homes que chegan con présa armados con paus. Detrás deles vén todo o grupo, unha masa de asaltantes disposta a arrasar con todo. A cámara xira á dereita e adéntrase nun cuarto para nos amosar un espectáculo dantesco, xente a bater nos enfermos, a zoupar neles sen piedade; logo sae e avanza lentamente polo corredor, pudorosa, como se quixera manterse á marxe do espanto de ver un espazo de salvación convertido no escenario dunha traxedia. Mais non é posíbel manterse á marxe. Xa vimos demasiado, xa somos partícipes dun sufrimento que non podemos considerar alleo, que debemos facer noso porque somos humanos, igual que as vítimas, igual tamén que os verdugos. Dous dos asaltantes camiñan polo hospital e achéganse a outra estancia; arrancan con forza unhas cortinas e inmediatamente fican paralizados. Unha música fermosa e morriñenta de Mihaly Vig comeza a soar nese intre e lentamente váisenos desvelando a imaxe que tivo o poder de frear a violencia. É un vello espido, de pé nunha bañeira. Un ancián esmirrado, un corpo famélico e feble, pouco máis que pel pegada aos ósos. A masa detense en bloque e marcha amoucada do hospital. Non fai falla dar ordes, todo o mundo sabe xa que “iso” non o poden facer. Un corpo estragado interpelounos directamente sen necesidade de palabras e fixo evidente a inxustiza cometida.

A secuencia forma parte do filme As harmonías Werckmeister, dirixido por Béla Tarr a partir dun guión escrito por el mesmo en colaboración con László Krasznahorkai, autor da novela na que se basea, Melancolía da resistencia (editada en español por Acantilado). Penso que nesa soa secuencia está contido todo o século XX, un século durante o cal a capacidade humana para a violencia e a destrución acadou insospeitadas cotas de brutalidade e eficacia técnica. Diluída a individualidade dentro dunha masa informe, a compaixón morre esmagada por unha demostración bastarda de poder, mais abrolla de súpeto coa visión dun vellote famélico que nos recorda necesariamente aos detidos nos campos de concentración. É a imaxe do sufrimento extremo, unha icona de dor que fai que se nos acendan todas as alarmas e acabemos por cuestionarnos, coma no título de Primo Levi, se de verdade aquilo será un home.

Cando o exército ruso liberou Auschwitz o mundo soubo dun dos maiores masacres cometidos polo home contra o home. Vimos as fotografías das foxas comúns, das pilas de cadáveres, dos corpos espidos, rapados e tatuados con números; lemos e escoitamos as escalofriantes testemuñas dos supervivintes, que relataron o horror e a humillación permanente que marcaban a vida cotiá dentro dos campos de exterminio, uns lugares onde con abraiante eficiencia e disciplina eran eliminados a diario centos e centos de individuos, executados coa mesma indolente e inmisericorde rutina coa que nos desfacemos das cousas que nos sobran. Dez anos despois do fin da guerra o director Alain Resnais dirixiu un documental definitivo, Nuit et brouillard. Prototipo de filme-ensaio, Noite e néboa abre e en certo sentido esgota todas as posibilidades de tratamento cinematográfico do holocausto: non é posíbel engadir nada ao que deixou dito Resnais. Calquera paisaxe tranquila, avisa, pode ser transformada nun campo de exterminio. O pavillón onde anos despois morrerán amoreados milleiros de seres humanos constrúese igual que se constrúe un hotel ou unha fábrica. Fan falla cartos, ten que haber un arquitecto que faga os planos, albaneis e peóns que levanten os muros e as torres vixía, esas nas que se apostarán militares que de cando en cando se entreterán en disparar sobre os presos famentos. “Unha cullerada menos de sopa é un día menos de vida”, recorda a voz en off, “e moitos están demasiado débiles para defender a súa ración”. Agardan pola morte en calquera sitio, convencidos de que morrer é un mal menor cando non hai nin consolo nin esperanza. Entre os presos agroma tamén a solidariedade; hai intentos de organización e autoxestión, mesmo política, para compartiren o que non teñen e coidaren os uns dos outros. Mais ao final “cada preso parécese ao seguinte”: son “corpos de idade indeterminada que morren cos ollos moi abertos”, coma no filme de Béla Tarr. Carne humana que acabará convertida en xabrón, un símbolo malsán que aínda hoxe nos atormenta.

O xenocidio nazi é un referente universal de atrocidade, un paradigma do mal que induce en nós unha resposta reflexa. Como referente poderoso que é debera ter servido de vacina contra o horror, mais non foi así, evidentemente. Non aprendemos a lección; antes polo contrario, aprendemos a matar máis xente con máis rápidez. Coas bombas atómicas demostramos ser capaces de destruír vilas enteiras en poucos segundos deturpando un coñecemento científico desenvolvido con fins nobres. Ensaiamos procedementos de tortura aínda máis refinados que acadaron cotas universais de infamia nas ditaduras latinoamericanas dos anos 60 e 70, co apoio intelectual da CIA; Brasil primeiro, e logo Chile ou Arxentina. Hai quince anos miramos para outro lado mentres en Ruanda o estado impulsaba o asasinato machete en man dun millón de persoas en tres meses, unha media dificilmente superábel que requiriu un nivel de organización tan portentoso como maligno. O século XX é o do saqueo do Congo a cargo da coroa e o exército belga, que cobraba en función do número de mans mutiladas; é o século de Franco, Musolini e Stalin, o dos xemeres vermellos, o da guerra en Iugoslavia que nos proporcionou instantáneas terribelmente evocadoras, o de Darfur, o de infinidade de conflitos esquecidos, de masacres asumidas como inevitábeis que responden ao nome de SIDA, malaria, fame. Mais os referentes seguen a doernos, e por iso no colmo do cinismo xogamos coas palabras para que non pareza que digan o que realmente din. Xa non hai campos de concentración, hai “centros de detención” e se existen é polo noso ben. Pola nosa liberdade, ou por calquera desas grandes palabras que adoitan empregarse coma desculpa.

Non podemos vivir de costas ao mal. Precisamos imaxes que nos axuden a loitar contra a desmemoria, contra a repetición cíclica do odio, contra os fabricantes de sufrimento. Imaxes e palabras que se instalen na nosa conciencia e fiquen aí latentes para recordarnos que é a vontade humana a que transforma unha paisaxe tranquila nun espazo de terror.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós de Xornal de Galicia o sábado 25 de abril de 2009. Artigo relacionado: A herdanza da Shoah

sábado, 18 de abril de 2009

Unha sinfonía do horror

“Estamos afeitos a escoitar as noticias máis estarrecedoras coma un ruido de fondo”, dicía non hai moito Bernardo Atxaga nunha entrevista. Os conflitos violentos e as crises humanitarias aparecen polos informativos con insospeitada lixeireza, ocupan as capas dos xornais uns días para logo desaparecer da memoria con avergoñante rapidez, sepultados polos irrelevantes asuntos de actualidade que enchen acotío os medios, nomeadamente leas partidistas, que non políticas, tratadas co rigor intelectual dunha pelexa de hooligans. Os asuntos que deberían ocupar o noso tempo –a pobreza, a desigualdade, o acoso ás liberdades, aquí e acolá– convírtense en notas a pé de páxina, apenas unha mera descrición caritativa do sufrimento alleo que non procura nin esixe solucións e asume que as traxedias e as inxustizas son un mal menor inevitábel.

Atxaga quixo enfrontarse a ese runrún molesto. “Interesábame falar sobre o horror de maneira que se puidera escoitar, e por iso elixín a comicidade sinistra. Por explicalo cun símil musical, había que quitar violíns e deixar un texto non ecualizado no que o lector vaia polo libro coma unha novela de aventuras e de súpeto pare e se pregunte que estou lendo”. Atopou o escenario axeitado para as súas intencións no Estado Libre do Congo durante o reinado de Leopoldo II de Bélxica, único propietario –si, leron ben, propietario– de todo o territorio. En menos de tres décadas a cabalo entre o século XIX e o XX o exército belga masacrou a poboación do Congo nun dos maiores xenocidios da historia; as estimación actuais falan de oito ou dez millóns de mortos por causa da fame e os ataques indiscriminados. Transformado o país nunha leira da cal tirar proveito económico, principalmente grazas ao caucho, o réxime colonial escravizou os congoleños para impoñerlles unhas cotas de produción desmedidas; o castigo por non satisfacelas era a morte, que se probaba coa entrega dunha man cortada do defunto. O número de mans cortadas acabou por ser unha medida do rendemento dos soldados belgas, que mesmo eran recompensados pola súa eficacia amputadora.

É nese contexto que se desenvolve o libro de Atxaga, ambientado en 1903 no destacamento militar de Yangambi, “lonxe de calquera lugar coñecido”. A misión dos soldados é organizar o negocio do caucho, de cuxa extracción se encargan escravos africanos controlados por homes coa súa mesma cor de pel que exercen a ingrata tarefa de xefes e verdugos a cambio das migallas dunha industria que lle proporciona aos brancos uns ingresos fabulosos. Afastados dos seus fogares e aborrecidos, inquedos tan só por unha posíbel revolta local que non se chegará a producir, os militares matan o tempo disfrutando dos envíos que lles chegan desde Europa –botellas de champaña, galletas e salami– mentres procuran un sobresoldo traficando con caoba e marfil, como fai o capitán Lalande Biran, que arela reunir os cartos precisos para mercar as sete casas en Francia que a súa muller Christine lle reclama carta tras carta. A novela comeza coa chegada ao destacamento de Chrysostome Liège, un mozo parco en palabras que se revela coma un tirador infalíbel. A súa extraordinaria puntería xera tanta desconfianza entre os seus compañeiros coma o seu comportamento virtuoso, inesperado nun rexemento de homes que colman os seus desexos sexuais recollendo mulleres das vilas para violalas. Chrysostome é chamado de ‘pédé’, de ‘maricallo’ na tradución galega, mais a súa actitude realmente ten outras razóns: é froito dun dobre shock infantil, a visión dun home magoado pola sífilis e os posteriores sermóns dun crego que o convence de que o camiño do éxito é o da castidade e pon nas súas mans o primeiro mosquetón, cousa que encaixa ben cunha certa tradición cristiá que ollaba con máis consideración os delitos de sangue que os pecados da carne. No Congo Chrysostome coñecerá unha muller que fará cambalear a súa rectitude moral, nun momento no que o destacamento se mobiliza na preparación dun acto que nace dunha ocorrencia caprichosa do Rei Leopoldo, a instalación dunha estatua da Virxe. Como é previsíbel, no desenlace da novela Eros terá todas as de perder fronte a Tánatos.

Sete casas en Francia supón un radical cambio de rexistro na escrita de Atxaga, que demostra outra vez o brilante pulo narrativo que xa lle coñeciamos, mais sen caer nos excesos simbólicos e as recaídas melindrosas que murchan algunhas das súas obras anteriores. O escritor vasco mira en fite o horror e relátao sen efectismo para compoñer un conto moral sobre a vileza, a corrupción e as tebras que aniñan no corazón dos seres humanos. A prosa vibrante que se ergue sobre unha sólida estrutura novelística dá como resultado un libro excepcional, un verdadeiro salto adiante que sitúa a Bernardo Atxaga, esta vez si, no espazo reservado para os grandes.

Martin Pawley. Publicado no suplemento Nós de Xornal de Galicia o sábado 18 de abril de 2009