luns, 22 de marzo de 2010

Play-Doc 2010

O Festival Internacional de Documentais de Tui presume de números, e con razón. O dato oficial que dá a organización fala de máis de sete mil espectadores desde o pasado mércores até onte, unha cifra que parece probada pola experiencia de ver o Teatro Municipal completamente abarrotado nas sesións de tarde e noite. É case inevitábel ficar marabillado polo multitudinario apoio dun público que responde con fidelidade e entusiasmo, así como pola abundante presenza de voluntarios e colaboradores que lle outorgan ao Play-Doc a aparencia dun gran festival feito con recursos razoabelmente modestos: aproximadamente cen mil euros, unha terceira parte do orzamento do festival Punto de Vista de Navarra, que á súa vez custa menos da metade que Documenta Madrid, os dous grandes certames do estado español dedicados á non ficción que dun xeito ou doutro deben ser espellos nos que mirarse.

A forma do Play-Doc é certamente exuberante; é o fondo o que pode provocar máis dúbidas. Ben consolidado despois de seis anos, e coa certeza de que cen mil euros non son en calquera caso poucos euros, quizais vaia sendo hora de que o de Tui supere a súa condición de festival modélico a escala galega para captar o interese e a atención dos cinéfilos que viven a moitos centos de quilómetros do Rosal. Polo seu carácter fronteirizo tamén sería desexábel que Play-Doc amosase no futuro unha maior curiosidade pola vizosa creación documental ao sur do Minho, ausente nas seccións competitivas das tres últimas edicións.

Portugués é, iso si, un dos membros do xurado, Dario Oliveira, codirector do festival de Vila do Conde. El e mais a xornalista e profesora catalana Eulalia Iglesias e o historiador e programador do CGAI José Manuel Sande decidiron que o premio á mellor longametraxe fose compartido por dous dos cinco filmes a competición: Sanya i Vorobey (Sanya e Pardal), do ruso Andrey Gryazev, retrato correcto aínda que tamén pouco inspirado da (infra)vida cotiá de dous traballadores nunha fábrica semiabandonada, do cal o xurado salientou “a forza e a inmediatez que transmite a través da súa depurada observación dos protagonistas, inmersos nunha situación desesperada pero non exenta de saída”; e Sweetgrass, fermosísima alfaia dirixida por Ilisa Barbash e Lucien Castaing-Taylor que explora con agarimo e rigor antropolóxico a esforzada peripecia dos últimos pastores que levan ovellas ás montañas Absaroka-Beartooth de Montana na procura de herba no verán.

O estadounidense Jay Rosenblatt foi obxecto dunha pequena retrospectiva que presentou nove dos seus traballos nos que se vale de material preexistente para elaborar con el pezas que mesturan rexistros poéticos, reflexivos e emocionais. O seu último filme, The Darkness of Day (A escuridade do día), levou o premio á mellor curtametraxe “polo seu uso da metraxe atopada que transcende a mera compilación para compor unha elexía en torno ao suicidio”. Na competición galega o gañador foi Alberte Pagán por Tanyaradzwa, que en Tui se viu nunha montaxe especial de menos de dúas horas acorde coas necesidades do festival.

Martin Pawley. Publicado o luns 22 de marzo en Xornal de Galicia.

sábado, 6 de marzo de 2010

Kathryn Bigelow e o 8 de marzo

Empezarei cunha obviedade: a gala dos Oscar é o espello no que se miran todas as entregas de premios, sexa para imitala ou para escapar dela, en xeral con pouca fortuna. Por aquí o habitual é repetir o tópico de que as cerimonias hollywoodenses son sempre un aburrimento, mais eu levo gozado moito con elas, cousa lóxica en alguén que suma á súa natural mitomanía o gusto polas listaxes -e a fin de contas os Oscar están cheos das dúas cousas-.

Os mitos van a menos, iso si; e máis agora que tomaron a decisión de homenaxear os vellotes ás agachadas, fóra do prime time televisivo, coa entrega dos premios honoríficos a Lauren Bacall, Gordon Willis, John Calley e Roger Corman nunha cea alá polo mes de novembro. Na procura dun público máis novo a Academia confía máis -e con razón- en Hannah Montana que na viúva de Bogart, e por iso a coloca sobre os escenarios xunto a un dos actores da saga Crepúsculo, Taylor Lautner, e o líder da triloxía High School Musical, Zac Efron. Os protagonistas dos filmes de maior éxito do ano pasado terán o seu minuto de gloria como presentadores no Kodak Theatre de Los Angeles: Sam Worthington (Avatar), Chris Pine (Star Trek) ou Bradley Cooper (Resacón en Las Vegas). Non me parece mal, mais así non hai maneira de ter unha standing ovation como é debido. Desta volta, o patio de butacas posto en pé ao completo só cabe imaxinalo cando Jeff Bridges recolla o premio ao mellor actor por Crazy Heart, máis polos servizos prestados que polas virtudes dunha interpretación sen tacha nunha película francamente anódina. Outro momento épico viría cun Oscar para Christopher Plummer como actor de reparto, mais todo apunta a que o austríaco Christoph Waltz (Inglorious Basterds) se vai encargar de que tal cousa non aconteza.

Non é un ano especialmente glorioso, non. Cun espanto coma Precious e o discreto Up in the air ocupando posicións de privilexio, non é estraño que o interese fique reducido ao amistoso duelo entre James Cameron e Kathryn Bigelow, Avatar vs The hurt locker. Os números de Avatar son colosais: é o filme que máis cartos recadou na historia do cinema, con máis de 2.500 millóns de dólares en todo o mundo. As contas de En terra hostil son cento trinta veces máis modestas: para que se fagan unha idea, tivo máis espectadores Celda 211 en España que o (excelente) filme da Bigelow nos Estados Unidos.

O seu máis que probábel triunfo nos Oscar débese en boa parte á influencia das asociacións de críticos norteamericanas, que a resituaron na primeira liña ao concederlle un premio tras outro a finais de 2009. The hurt locker foi o mellor filme do ano para os críticos de Austin, Boston, Chicago, Denver, Houston, Kansas, Las Vegas, Los Angeles, Nova York, Oklahoma ou San Francisco. Os profesionais do cinema americano non deixan tampouco moito espazo para a dúbida: a película foi premiada polas asociacións de guionistas, produtores, directores, directores de arte e montadores. É case unha aposta segura: Kathryn Bigelow será a primeira directora que reciba un Oscar, e cando iso suceda nós estaremos xa no luns oito de marzo, Día Internacional da Muller. Xornalistas do mundo, ide afiando os titulares!

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 6 de marzo de 2010.