xoves, 15 de novembro de 2018

Víctor Ruppen, empresario culto, modélico e singular

por Miguel Castelo

Se cadra sexa a condición de empresario o eixo sobre o que virou o motor da súa vida. Porque Víctor Manuel Ruppen Pardo era moitas cousas, pero por enriba de todo era empresario. E, lonxe de se enriquecer persoalmente, tiña a pretensión de enriquecer o país. Se cadra, soa altruísta ou a fantasía estúpida, pero era así. Porque Víctor Ruppen tiña a convicción de que gañando todos era como máis gañaba el. E esta consideración non descansaba só na riqueza do diñeiro. Ruppen era un grande humanista e sabía que o beneficio vai máis alá do estritamente económico. A fundación de empresas, de postos de traballo, a estratexia da diversificación, a idea de crear tecido empresarial, de facer país, estivo desde sempre na cabeza e no seu horizonte profesional. Víctor Ruppen era ideoloxicamente moderado e, ao tempo, radical. Sabía ir á raíz das cousas. E a súa ollada estaba sempre proxectada cara adiante. Non perdía o tempo en lamentos. Cando algo non saía ben, unha vez analizadas as causas, non gastaba un segundo máis en consideracións inútiles. Púñase decontado en disposición de seguir camiñando.

Víctor Ruppen (Fonte: La Voz de Galicia)
A súa curiosidade non tiña límite. Home culto -partidario da afirmación unamuniana “a cultura fainos libres”- e interesado polas distintas áreas do saber, a súa vocación fundamental era o cine. Grazas a el, na segunda metade dos 70, os que daquela, máis alá dun divertimento, oficiaban en S8mm. tiveron a oportunidade de acceder ao 16 mm. (Illa e A ponte da verea vella / Equipo Imaxe) e os directores coruñeses que aspiraban a unha profesionalización puideron rodar por vez primeira en 35 mm. (Fendetestas / Antonio F. Simón, O herdeiro / Miguel Gato, O cadaleito / Enrique R. Baixeras, O pai de Migueliño / Miguel Castelo). Grazas a el, os medios deron en falar da posibilidade dun cinema galego. Ruppen abriu moitas frontes cinematográficas dentro (Salas Valle Inclán / A Coruña, Santiago) e fóra de Galicia (en 1976 asóciase coa distribuidora madrileña Musidora Films, propietaria tamén das salas Alphaville, onde ocupa a presidencia do consello de administración, e posteriormente crea a súa división videográfica, Videogram). E por isto todo é considerado e recordado. Mais a incerteza desta aventura era posible pola inversión a título persoal de beneficios obtidos en empresas máis sólidas. Lume, librería-aula de cultura, Hortanova, central hortofrutícola, Urbilar, construtora inmobiliaria, Moblaxe, mobiliario de cociña, eran algunhas delas. E, paradoxos da vida, a solidez destas empresas tornouse en fraxilidade da noite para a mañá e frustrou a súa profesional vocación cinematográfica. Pero Víctor Ruppen continuou a se reinventar. Emprendedor, optimista, conciliador, positivo, axudou sempre a quen puido e da súa boca nunca publicamente saíu queixa ningunha. Coa súa morte desaparece unha figura modélica e singular do mundo cultural e empresarial de Galicia. Descanse en paz.