venres, 19 de agosto de 2011

Adeus a Raúl Ruiz (1941-2011)

Marabillounos hai uns meses con Mistérios de Lisboa, unha deslumbrante adaptación dun romance de Camilo Castelo Branco que fai que calquera cineasta novo pareza, en comparación co mestre chileno, un vulgar aprendiz. Durante a rodaxe foille diagnosticado un cancro hepático; acabou a película gravemente enfermo e en marzo do pasado ano tivo que someterse a un transplante de fígado. Estaba no hospital "entre la vida y la muerte" cando o filme foi presentado na súa forma definitiva no Marché du Film de Cannes. Logo concursou en Donostia; gañou o premio ao mellor director, pero merecía máis. Merecíaos todos, de feito.

Foi outro fito nunha carreira inusualmente prolífica, tanto que habemos ser lexión os cinéfilos que coñecemos dela apenas unha pequena parte, en calquera caso suficiente para gardarlle respecto e admiración. Raúl Ruiz morreu hoxe en París aos 70 anos por mor dunha afección pulmonar. Tiña a cabeza chea de proxectos: o seu "regreso" a Chile, La noche de enfrente, gravada no mes de marzo e que debe estar rematada, ou case; unha gran produción en Portugal, As linhas de Torres, que debía comezar a filmar en outubro e para a cal contaba cun reparto de luxo (John Malkovich, Mathieu Amalric, Léa Seydoux, Melvil Poupaud, Marisa Paredes, Adriano Luz e Albano Jerónimo); unha versión de El niño que enloqueció de amor de Eduardo Barrios e finalmente a máis que apetecíbel precuela de Mistérios de Lisboa, centrada no personaxe do Padre Dinis ao que deu vida maxistralmente o antes citado Adriano Luz.

sábado, 13 de agosto de 2011

Un cineasta na capa do Público

O xornal portugués Público dedica hoxe boa parte da súa capa a destacar a presenza de directores portugueses en diferentes festivais internacionais [1]. Para ilustrar a información de apertura do suplemento Ípsilon emprega unha foto do amigo Gonçalo Tocha, de quen levo falando ben dende que o descubrín no Indielisboa 2007 co magnífico Balaou. Hoxe o bo do Gonçalo presenta en Locarno unha longametraxe de intencións monumentais da que puiden ver hai uns meses un moi estimulante adianto: É na Terra Não É Na Lua, un achegamento "total" á máis pequena das illas do arquipiélago dos Açores, a do Corvo. Outro amigo, o gran Francisco Ferreira, escribiu sobre o filme na revista Expresso; déixolles a seguir as dúas páxinas do artigo: 1 e 2

Alégrome ben do éxito dos cineastas que admiro, e máis aínda de que haxa xornais que saben darlle á creación cultural, e en particular a cinematográfica, o espazo que merece. Unha portada coma esta do Público en Galicia é absolutamente impensábel.

[1] Gonçalo Tocha en Locarno con É na Terra..., Teresa Villaverde en Venecia-Orizzonti con Cisne, João Canijo en Donostia con Sangue do meu sangue, Gabriel Abrantes en Locarno con Liberdade (co-dirixida por Benjamim Crotty) e en Venecia con Palácios de pena (co-dirixida por Daniel Schmidt), João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata con Alvorada vermelha en Locarno, e Joaquim Sapinho en Toronto con Deste Lado da Ressurreição.

sábado, 6 de agosto de 2011

A axenda alternativa de Xornal

Cando en febreiro de 2009 o cineasta estadounidense James Benning visitou o CGAI para presentar o seu filme Utopía no marco dun ciclo dedicado á súa obra, Xornal de Galicia decidiu facer del o protagonista do seu suplemento cultural dos sábados. Que un diario xeralista lle dedicara tan xeneroso espazo a un autor de culto daquela apenas coñecido no país era un xesto atrevido revelador do espírito do equipo de Cultura de Xornal, con Iago Martínez á cabeza: o de ir na procura dunha axenda alternativa contra o consello dos cínicos de confianza, eses que teñen sempre na boca un “eu xa cho dixen”. Aquelas páxinas sobre Benning, por certo, estiveron durante moito tempo entre as máis vistas do sitio web, o cal proba que a loucura non era tanta, e que na sección de Cultura, igual que nas outras, o obxectivo non debe ser unicamente o de daren fe do que pasou o día anterior, senón tamén o de nos descubriren cousas que non sabiamos.

Seguramente por iso apostaron por darlle visibilidade a creadores que outros medios se esforzan ben en ignorar. Ninguén coma Xornal tratou con tanto interese e respecto os cineastas emerxentes galegos, cuxos éxitos -pequenos ou grandes- foron celebrados con afecto case fraternal. A ese carro sumouse logo máis xente, pero foi Xornal o que arriscou a darlle papel impreso a autores de curtas que nalgúns casos -é o que ten facer apostas: ás veces gañas- acabaron chegando a grandes festivais, incluído ese no que están pensando.

E non se atendeu soamente os galegos, non. Tamén a Nicolas Klotz e a Barbara Hammer, a Javier Rebollo e a Isaki Lacuesta, a Alain Bergala e a Paulino Viota; nomes todos eles que un non esperaba atopar noutros recunchos dos quioscos. Por iso malia os erros e fraquezas cómpre recoñecer, agora que o corpo aínda está quente, o extraordinario papel que desempeñou Xornal e o moito que o habemos botar de menos no sucesivo. A desaparición da súa edición impresa é outra derrota máis, acho que xa definitiva. Queda o dixital, onde nos seguiremos vendo: o meu acordo de colaboración está escrito en tinta transparente, tamén chamada gintonic, e polo momento aínda non secou.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia, edición dixital, o sábado 6 de agosto de 2011