Obrigado polo seu particular talante e un contorno complexo, a obra de Luis García Berlanga, logo de diplomarse en realización no Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (IIEC) vai pasar da fábula de tintes neorrealistas derivada da breve e fértil colaboración con Juan Antonio Bardem en
Esa pareja feliz (1951) ou
¡Bienvenido, Mister Marshall! (1952) a un progresivo endurecemento e carácter autenticamente liberador. Pezas maxistrais como
Plácido (1961) e
El verdugo (1963) parecen ocultar non só outras obras valiosas senón tamén a sociedade na que se desenvolve, as dificultades permanentes coa censura e as administracións que olevan a renunciar a infinidade de proxectos -uns 40- e a realizar en Francia
Tamaño natural (1974), o máis desesperanzado dos seus títulos, narración dos amoríos entre un burgués de boa posición -o gran Michel Piccoli- e unha boneca. A supresión da censura posterior á fin da dictadura axudou a Berlanga a construír novas e audaces metáforas da rapina humana, coa triloxía da familia aristocrática Leguineche comezada con
La escopeta nacional (1978) como emblema. Sainete con doses de esperpento, enxeñoso retrato de grupo de ponderada pericia estilística, exemplificaba a desinhibición e o espíritu satírico do seu autor, conformando saga histórica, éxito crítico e fenómeno sociolóxico.
Nin santurrón nin moralista nin albacea da progresía, o cine de Berlanga disecciona con sumo coidado na dimensión formal -lendarios os elaborados planos secuencia que acadan o xenial en
Patrimonio nacional (1980) invalidando toda acusación de desaliño formal- a mesquindade, a traizón e o desamor, ao tempo que amosa comprensión cara ao individuo, bochornoso e entrañable. Enmascarando a súa personalidade e con extrema lucidez, el mesmo –“fanfarrón negativo”, en expresión de Bardem- era consciente dos seus gustos e logros. Alto, amable, contraditorio e con mellor memoria da que dicía ter, a posteridade permitirá recuperar obras magnas como a negrísima e turbadora
¡Vivan los novios! (1969) e
Patrimonio nacional. Certa desorganización narrativa e vulgarización -en forma de comicidade grosa- na súa produción a partir de
Nacional III (1982) determinou que os parabéns oficiais -premios Goya- chegasen por medio dunha obra menor,
¡Todos a la cárcel! (1993), despois de que o seu vello proxecto sobre a guerra civil,
La vaquilla (1985), fose máis morno do agardado. Porén, a testamentaria
París-Tombuctú (1999), antoloxía do seu cine e recuperación de Michel Piccoli, devolvía con vigor ao gran cineasta esbozando un itinerario irrepetible polo absurdo da existencia.
Son moitos os feitos polos que o seu cine alcanza o maxistral: o proveito das tradicións culturais en sabia convivencia con elementos modernos; a asimilación de rostros e tipoloxías xenéricas populares integrados en valentes composicións corais; a singular reunión de motivos temáticos e filias; a sólida formación dun imaxinario de fantasías e mitos converxentes cos acentuados perfís do español do momento; a interrogación escéptica sobre o suxeito.
A aparición sorprendente dunha veta de traballos dirixidos por outros emanados da súa escritura compartida con Rafael Azcona -
Alla mia cara mamma nel giorno del suo cumpleanno ou
Una noche embarazosa-, as colaboracións como actor, a supervisión dun proxecto atractivo (logo truncado) para TVE como
Se vende un tranvía (1959), a condición de experto erotómano con consecuencias editoriais e o labor de lanzador de proxectos como
El inquilino (1957) e
Tenemos 18 años (1958), ubican a Berlanga como figura esencial da nosa historia cultural. Labores como o de profesor da Escuela Oficial de Cine ou director da entón Filmoteca Nacional, sumados a peripecias persoais propias da época que lle tocou vivir -combatente na División Azul- revelan a complexa e inesquecible dimensión de quen foi sutil oficiante do caos, un observador irónico que entendeu que o sentido tráxico da existencia (española) só podía ter, á maneira do esperpento, unha deformación subversiva das formas. Descanse en paz.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o domingo 14 de novembro de 2011