Imaxe: Martin Pawley |
Entre os agradecementos que saen nos títulos de crédito de Todos vós sodes capitáns hai un que recoñece non a unha persoa particular, senón a un colectivo agrupado arredor dun espazo físico: o Centro Social Ocupado das Atochas. En novembro do ano pasado o CSO acolleu a proxección dunha montaxe aínda afastada da definitiva do filme de Oliver Laxe que uns meses despois sería premiado na Quincena de Realizadores de Cannes. O coloquio aberto despois desta primeira proxección con público foi con certeza útil para unha obra daquela en construción.
Non foi esa a única actividade vencellada coas artes da imaxe, malia non ser o obxectivo prioritario dun lugar nacido para a reflexión e o debate sobre o tempo que vivimos. Pola Casa das Atochas pasou a palabra sempre lúcida de Miguel Castelo, un dos pioneiros do cinema de noso; Alberte Pagán, cineasta e ensaísta recoñecido aquí e fóra; o singular videoartista, docente e programador Marcelo Expósito ou unha figura esencial da contracultura fílmica española coma José María Zabala. O mesmo día e á mesma hora que en moitos outros lugares do planeta viuse alí To shoot an elephant, o multipremiado traballo de Alberto Arce que documenta o brutal acoso do exército israelí contra a poboación civil palestina na Franxa de Gaza. Nas Atochas estivo Andrés Duque para explicarnos como coñeceu a Iván Zulueta, e eu mesmo para falar de Ousmane Sembène, un dos meus cineastas de cabeceira. A Casa das Atochas é a demostración de que hai outras maneiras de (pre)ocuparse da cultura, á marxe do que fagan (pois é o seu deber) os concellos, a Xunta e o estado. Só por iso deberíamos felicitarnos todos pola súa existencia.
Publicado en Xornal de Galicia o venres 10 de decembro de 2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario