Figura pioneira na Historia do cine español (Teruel 1871-París, 1929), Segundo de Chomón é, xunto a Fructuoso Gelabert, a única figura que desenvolve unha produción de certa entidade durante os inicios do cinemátografo en España (destaquemos tamén, mesmo por proximidade, a presenza do francés do Lyon dos Lumière afincado en A Coruña José Sellier, autor todavía da primeira película datada da Historia do noso Cine, Entierro de Sánchez Bregua).
Gran coñecedor das técnicas, experto en trucaxes, profesionalizado toda a súa traxectoria, mesmo con recoñecementos e estadías prolongadas en Francia e Italia, colaborador de Pastrone en Cabiria (1914) e do Abel Gance de Napoleón (1926), de Chomón a Filmoteca de Catalunya conserva 105 títulos, dos que nada menos que unha selección de 31 constitúen este lanzamento de Cameo. O estimable libreto complementario escrito con notable erudición polo historiador Joan Minguet en edición trilingüe catalán-castelán-inglés resulta recomendable polo seu rigor, mesura e tino analítico. O traballo elabora unha axeitada división segundo a tipoloxía das pezas (Atraccións, Fantasmagoría, Cómico, Histórico-Documental), outorgándolle pulo a etapa fantástica -liña Méliès- na que desenvolve os seus principais empeños creativos.
A pesar do libro e o acompañamento musical a cargo de Joan Pineda, esta necesaria rehabilitación –produto dunha procura e esforzo en sintonía con outras cinematecas- da figura máxica e esplendorosa de Chomón, a edición carece doutro tipo de materiais que, dado o enorme descoñecemento sobre o período e as súas prácticas, consideramos imprescindible.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 20 de novembro de 2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario