Dende que deu con Ruhr o salto ao vídeo dixital despois dunha vida enteira traballando con cámaras de 16mm, James Benning parece ter comezado unha etapa creativa especialmente fértil, que se encarga de desvelar el mesmo no seu perfil de Facebook. Hai unhas semanas presentou nos Ánxeles a videoinstalación John Krieg Exiting the Falk Corporation in 1971, que el mesmo describe como “a cousa máis incríbel que fixen nunca”. Benning recupera un filme seu de hai case corenta para coller del apenas oito segundos, os correspondentes á “saída da fábrica” do obreiro do título, e retardalos trescentas veces para dar pé a unha obra de hora e dez que pasea sobre o plano a forza de paneos e zooms.
Small Roads segue o modelo de RR, reemprazando os camiños de ferro por estradas americanas. 47 planos de 2,5 minutos se non aparecen coches; se os hai, a duración esténdese até saíren da pantalla e esmorecer por completo o seu son. En 20 Cigarettes vinte persoas de todo o mundo de diferente idade, cor de pel e condición social fuman un cigarro diante da cámara; a lonxitude vén dada polo tempo que lles leve facelo: o fumador máis rápido acaba en tres minutos, ao máis lento lévalle dez. Máis tres: Reforming the past, a refilmación das imaxes de North on Evers; Pig Iron, feita para o Festival de Jeonju; e Two cabins, sobre as cabanas que construíu a imitación das de Thoreau e Ted Kaczynski perto da súa casa californiana. Dentro delas, copias de pinturas de oito artistas diferentes, entre eles Bill Traylor ou Mose Tolliver, inspiración permanente para Benning. Para rematar, Faces, por duplicado: unha curta que recupera imaxes dun filme anterior seu, Ode to Muzak, e outro máis longo feito con rostros recollidos do mítico filme de John Cassavettes.
Publicado en Xornal de Galicia o venres 29 de outubro de 2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario