sábado, 23 de outubro de 2010

Sharon Lockhart

Un dos mellores recordos da miña vida cinéfila vai asociado á proxección de Lunch Break na edición de 2009 do festival Punto de Vista, nunha sesión presentada de maneira memorábel por Carlos Muguiro, daquela director do certame. Renunciando ao estatismo que até aquel momento caracterizara a súa obra, Sharon Lockhart desprazaba a cámara polo corredor dun asteleiro en Maine durante a parada dos obreiros para comer. O resultado era un travelling de dez minutos que a directora ralentizou oito veces para producir unha película de fermosura hipnótica froito desa dilatación onírica da realidade –e non é casual que o momento elixido fose xustamente un de descanso–.

Para o espectador que se deixe seducir por esta singular proposta –o que non entra nela pode abandonar a sala aos cinco minutos, coa certeza de que xa viu todo o que tiña que ver– a experiencia acaba por ser extraordinariamente gratificante e sensual, reforzada por unha banda de sons que mestura voces e ruídos industriais creada por Becky Allen e James Benning, de quen a cineasta pode ser considerada discípula.


Na súa seguinte longametraxe, Double Tide, Sharon volve á contemplación minuciosa do traballo na liña do que fixera en , peza de media hora que rexistra o movemento case coreográfico dunha parella de labregos xaponeses mentres estenden herba seca sobre un prado. A protagonista agora é unha mariscadora de Maine e o esforzo recolector é recollido en dous planos fixos ao comezo e ao final dun mesmo día. O pracer de mirar e escoitar témolo esta vez ao noso alcance: os filmes forman parte do programa da Mostra de Ciencia e Cinema, a celebrar nuns días na Coruña. E perdoen o autobombo.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 22 de outubro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario