O
CGAI presenta en xaneiro un ciclo dedicado a
Luis Miñarro, a figura máis valiosa da industria española actual. A través da súa empresa
Eddie Saeta, inicialmente centrada na publicidade, Miñarro botouse de maneira valente e firme á produción de filmes -ámbito no que xa tiña experiencias puntuais, entre elas
Cosas que nunca te dije de Isabel Coixet- nunha aposta polas creacións que intentan traspasar a fronteira non só xeográfica dos Pireneos. Os resultados non tardaron en chegar, coas alfaias de Albert Serra,
Honor de cavalleria e
El cant dels ocells, coma fitos representativos da súa intuición para detectar cineastas novos con talento. As dúas pasaron pola Quincena de Realizadores, igual que
Liverpool do arxentino Lisandro Alonso, director cuxa aparición é o mellor que lle aconteceu ao cinema no que vai de século; polo medio, a obra mestra de José Luis Guerín
En la ciudad de Sylvia, a competición na Mostra de Venecia 2007.
A repercusión internacional das producións de Miñarro -autor tamén de dous interesantes documentais,
Familystrip e
Blow Horn- favoreceu a súa presenza en proxectos máis ambiciosos, e así xurdiron
as colaboracións con Manoel de Oliveira e a participación tan modesta como reveladora de intencións no filme de Apichatpong Weerasethakul
Uncle Boonmee lembra as súas vidas pasadas, triunfador por aclamación no último Cannes. Falar con el despois de se converter nun produtor con Palma de Ouro é un dos mellores recordos que gardo dese festival: naquelas horas de celebración Luis demostraba ser un cinéfilo apaixonado e xeneroso que matinaba facer máis películas con máis directores. O seu éxito será tamén o de todos os que amamos esta arte.
Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o venres 31 de decembro de 2010.
Ningún comentario:
Publicar un comentario