venres, 24 de decembro de 2010

"A antesala dos Oscars" (e 2)


A revista L.A.Weekly e o portal Indiewire publicaron esta semana as súas tradicionais enquisas a críticos sobre o mellor do ano, e o podio é o mesmo nas dúas, co posto de honra ocupado por The social network. Igual que sucedeu con The hurt locker, ser o título destacado pola prensa cinematográfica de maneira case unánime fai del o favorito para os Oscars, mais a diferenza do filme de Kathryn Bigelow, que pasou polas salas sen facer ruído, o de David Fincher foi recibido con expectación e leva recadado noventa millóns de dólares só no mercado estadounidense. A rede social é un produto perfecto, sen tacha, no que todo está ben, mesmo demasiado ben; mais eu sen gran esforzo podería dicirlles vinte obras desta tempada que me parecen bastante máis estimulantes.

No número dous aparece Carlos, de Olivier Assayas, unha sorpresa relativa se temos en conta que na edición anterior da sondaxe a crítica ianqui xa demostrara entusiasmo ante a estupenda L'heure d'été. A medalla de bronce é para Winter's bone de Debra Granik, que acumula ademais recoñecementos para a actriz protagonista, Jennifer Lawrence, e para John Hawkes como actor de reparto. Premiado en Sundance, Winter's bone responde ao prototipo de filme indie austero que se sostén nunhas interpretacións máis eficaces que deslumbrantes do que ninguén se acordará de hoxe nun ano.

Na categoría de películas que polo momento carecen de distribución en EEUU as elixidas son Film Socialisme de Godard, Autobiografía de Nicolae Ceausescu de Andrei Ujica e Mistérios de Lisboa de Raúl Ruiz. Nese apartado tamén recolle votos Todos vós sodes capitáns, os que lle outorgan os críticos Gabe Klinger, Dennis Lim e Jay Kuehner.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 24 de decembro de 2010

Ningún comentario:

Publicar un comentario