Número 6 da nova etapa de Nosferatu, unha publicación auspiciada por Donostia Kultura que mudou o formato revista por libro centrándose ata agora en cineastas xa falecidos ou tendencias xenéricas da Historia do cine. Neste caso establécese un proveitoso esbozo de retrato, ensaio exploratorio en torno á figura do cineasta francés François Truffaut (1926-1984), figura histórica reverenciada pola cinefilia que, ao igual que Chaplin ou Fellini, sufriu unha sensible merma na estima dos analistas especializados nos últimos anos.
Coordinado por Carlos Losilla, o libro analiza en dúas partes a súa traxectoria, entendida como ponte da modernidade ou en expresión de Javier Rebollo, “un dos verdadeiros pais do cine moderno: o que soubo unir América con Europa, o que quere ligar o espectáculo co íntimo e popular, a crítica co home da rúa”. O exceso, a paixón absoluta, a obsesión pola infancia ou a ambigüidade ideolóxica amosan os fragmentos dun home excesivo, incansable defensor do cine como arte da prosa.
A primeira parte do libro nos achega ao Truffaut crítico, as pisadas de figuras influentes (Rossellini, Hitchcock, Godard) e do cine estadounidense, os vínculos coa literatura -adaptacións de Bradbury, Irish ou Henry James- e mesmo os nexos en forma de tributo por parte de Kobayashi ou Tsai Ming-liang. A segunda amosa as súas cuestións capitais: a infancia, o amor, o retrato feminino ou as súas pegadas noutros directores. Un repaso bibliográfico e a extraordinaria, clarividente relación epistolar –en Truffaut que era esencial a correspondencia– entre Carlos Losilla e o director Javier Rebollo confiren ao libro un halo de sentida reescritura, de imaxinativa mirada sobre o creador de Antoine Doinel.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 27 de novembro de 2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario