Martin Pawley
sábado, 13 de novembro de 2010
Luís García Berlanga (1921-2010)
Pouco hai que dicir a estas alturas de Luís García Berlanga, un director capital na historia do cinema español e que conseguiu proxección para os seus filmes máis alá dos Pireneos nunha altura na que a industria estatal apenas podía aspirar a certos exercicios posibilistas que se aproveitaban dos ocos que deixaba a censura franquista. Unha situación ben descrita por Bardem nas Conversaciones de Salamanca de 1955 nas que resumiu o estado do cine español con cinco adxectivos ("Políticamente ineficaz, socialmente falso, intelectualmente ínfimo, estéticamente nulo e industrialmente raquítico"), fóra dos cales quedaban unha presa de cineastas de gran talento (Nieves Conde, Mur Oti ou o inmenso Edgar Neville) que escapaban da glorificación das esencias patrias para explorar camiños realistas, ás veces escuros, ás veces máis tenros. Berlanga competiu catro veces en Cannes (Bienvenido Míster Marshall, Plácido, pola cal chegou a ser candidato ao Oscar, ¡Vivan los Novios! e Patrimonio Nacional) e dúas en Venecia (Calabuch e El verdugo), obras maiores dun autor xenial que acabou facendo cousas tan chuscas coma Todos a la cárcel ou a curta El sueño de la maestra, a súa desafortunada despedida do cinema. O seu verdadeiro adeus chegou uns anos antes con París Tombuctú, o testamento excesivo, irregular e amargo dun creador que xa iniciara a conta atrás.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario