sábado, 6 de novembro de 2010

Un Hollywood non posible


Narrador minucioso, o cineasta Erich Von Stroheim (1885-1957) era moi capaz de fascinar ou esgotar a calquera entrevistador agobiado polos tempos da vida. Esta exhaustividade e procura de pureza obstaculizou a súa breve carreira –oito títulos en nove anos, entre eles os clásicos mutilados Avaricia (1924) e La marcha nupcial (1928)–, interrompida pola película que vén de editar Versus, La reina Kelly (1928), unha das rodaxes inconclusas máis famosas da historia do cine. Por mor dos seus excesos e da intervención dos produtores, a actriz protagonista Gloria Swanson e o patriarca dos Kennedy, Joseph, Stroheim tería un precoz e obrigado retiro, dedicado á súa vertente de intérprete.

Queen Kelly
Título insólito propio dese momento de estrañeza que marca o paso do mudo ao sonoro, transitando entre mundos e espazos atípicos (pazo, convento, burdel) onde o realismo extremo e o fetichismo se superpoñen, ofrécese unha versión restaurada con escenas eliminadas –pénsese que na súa versión orixinal posuía catro horas de duración e partes rodadas en Africa– chea de suxestivos extras, sobre todo o documental da serie Cineastas de nuestro tiempo, dirixido en 1965 por André Labarthe, Janine Bazin e Robert Valey. Miradas tan diferentes como as de Jesús Palacios, Carlos Losilla, Quim Casas –audiocomentarios do filme– ou o reputado biógrafo de Stroheim, Richard Koszarski, ilustran o libro que acompaña a edición.

Concienciudo, maxistral e arrogante, Von Stroheim tería un desgarrador reencontro anos despois coa diva Swanson no clásico de Billy Wilder Sunset Boulevard (El crepúsculo de los dioses, 1950). Contemplando os dous as imaxes de La reina Kelly, alguén pode imaxinar o momento máis emblemático da derrota?

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 6 de novembro de 2010.

Ningún comentario:

Publicar un comentario