Hai varios Abbas Kiarostami, mais todos son o mesmo. O dos filmes dos setenta e os oitenta feitos ao abeiro de institucións educativas, e o dos dramas de corte realista que os festivais promoveron con entusiasmo tras o éxito en Locarno de Onde está a casa do meu amigo?, e o que despois se lanza ao vídeo dixital e acaba por ensaiar fórmulas (non só) observacionais en Five Dedicated to Ozu, ou o que nos sorprendeu en 2008 con Shirin, achegamento a un clásico da cultura persa a través das emocións nos rostros das mulleres que atenden o relato. O espectador a contemplar espectadores nun artefacto excepcional que poderíamos considerar un descendente sofisticado do Ten minutes older de Herz Frank.
Presentada en maio en Cannes, Copia certificada pillou descolocados os que agardaban outro salto ao baleiro no imaxinario conceptual do iraniano e o que atopaban era unha luminosa historia de parella(s) na Toscana. Un home (William Schimell) e unha muller (Juliette Binoche) coñécense, pasean, falan e divagan sobre arte; nun momento capital do filme entran nun café e a dona pensa que están casados, e a partir dese punto actúan como un matrimonio que xa deixou moi atrás os seus mellores anos. Tanto dá se é un puro exercicio de representación ou se se trata doutra parella representada polos mesmos actores; a riqueza do filme nace xustamente desa ambigüidade, e da sutil transición entre o acto de sedución e a colección de reproches mutuos que experimentan os protagonistas. Ao fondo, o Roberto Rossellini de Viaxe a Italia e retranca, moita retranca; unha virtude tan nosa que eu estou disposto a considerar a Abbas Kiarostami o máis novo dos novos cineastas galegos.
Publicado en Xornal de Galicia o venres 5 de novembro de 2010
Ningún comentario:
Publicar un comentario