venres, 26 de novembro de 2010

Sandro Aguilar

Un home, unha muller, un neno. Un coche aparcado nunha rúa con árbores. As follas esparexidas polo chan e a luz que se reflicte nos cristais. A creación dun tempo poético, un tempo de misterio, pracenteiro e ambiguo, que non pode ser reducido a palabras. A sensualidade das imaxes como elemento primeiro, esencial, da arte fílmica; a beleza -algunha clase de beleza- como condición necesaria, e ás veces suficiente. A nova curtametraxe do portugués Sandro Aguilar (1974), Mercúrio, a competición no Festival de Xixón, é un exquisito exercicio de estilo que o confirma coma un dos grandes valores do cinema europeo contemporáneo, algo que xa sabiamos grazas a Voodoo e A zona. O socio fundador de O som e a fúria, produtora que está detrás doutros filmes imprescindíbeis coma Aquele querido mês de agosto (Miguel Gomes, 2008) e A religiosa portuguesa (Eugene Green, 2009), é ademais un director apaixonado pola súa ferramenta de traballo, e iso colócao nun proceso de actualización permanente, na necesidade de seguir aprendendo, de probar novas cámaras e novas técnicas, consciente de que o mundo non deixa de avanzar por máis que algunha xente siga empeñada en facer as cousas como hai oitenta anos. Cinco horas de gravación e un equipo de só dúas persoas (el mesmo e un técnico de son) foron suficientes para fabricar Mercúrio; todo o esforzo de posprodución recae no propio Sandro Aguilar, que onde máis goza é na sala de montaxe. Onte contábanos o cómodo e feliz que se sentía por poder reducir ao mínimo os recursos precisos para crear unha película: sen ruído de fondo a creación é máis libre e fértil. Ben nos viría mirar máis a miúdo cara ao sur.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 26 de novembro de 2010.

Ningún comentario:

Publicar un comentario