Amosando publicacións coa etiqueta Obituarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Obituarios. Amosar todas as publicacións

xoves, 23 de outubro de 2025

Pablo Guerrero, na lembranza

por Miguel Castelo

Pablo Guerrero. Imaxe: Shibui, CC BY-SA 3.0 [Wikipedia]
Hai persoas que, non sendo da familia ou amigas e nin sequera facendo parte da veciñanza, ao morrer deixan un notable baleiro na vida dos demáis. A desaparición de Bergman (tanto Ingmar como Ingrid), Romy Schneider, Luis G. Berlanga, Julio Anguita, Juana Ginzo, Leonard Cohen, Jean-Paul Belmondo, Javier Krahe, José Antonio Labordeta..., entre outras que agora non me veñen á memoria, conmoveume dun modo especial. Fica en min a sensación de as ter coñecido a todas. Todas, dalgunha maneira nos acompañaron na vida, proporcionaron gozosos instantes á nosa existencia. Por medio da súa obra artística, do seu comportamento ético, do seu estar na vida foron -continúan a ser- exemplos, modelos de coherencia dignos de admiración. Coa morte de Pablo Guerrero non foi diferente. A noticia chegou a min con certo retardo. Foi Javier Pérez Andújar, o pasado sábado na súa sempre espléndida columna radiofónica do "A vivir...", que na SER dirixe e conduce Javier del Pino, quen fixo referencia ao seu recente falecemento. Nese momento comezaron a cruzar a miña mente as imaxes que nalgún momento me uniron a apacible figura do cantor extremeño. Era a primeira hora dunha cálida tarde madrileña, moi posiblemente no mes de maio, cando se achegan as datas dos exames e a temperatura convida a calquera cousa que non sexa estudar, cando precisamente facelo é máis necesario. Na fin de semana, Blanca Silva, boa amiga coruñesa que tamén estudaba en Madrid, convidárame a xantar na súa casa, nun dos extremos do Barrio del Pilar, non lonxe da Vaguada. Colaboraba ela nas actividades que en materia de cultura se organizaban na parroquia (hoxe isto pode resultar extraño pero daquela a oposición á ditadura estaba tamén en certos sectores da Igrexa) e unha desas actividades era o recital, así se dicía (a palabra concerto só se usaba referida á música clásica), que aquela tarde ía dar Pablo Guerrero. O xeneroso convite da amiga, incluía a asistencia a tal actuación, polo que eu levara conmigo o meu magnetófono de casete coa idea de lle facer unha entrevista ao representante da canción extremeña. Daquela na Península Ibérica, seguindo o ronsel da chamada chanson française, que deu nome ao que se había chamar "canción de autor", naceran movementos musicais que con grande empeño e maior ou menor fortuna se ocupaban tamén de trascender a música de consumo para se centrar de forma diversa, entre elas a satírica, en composicións que facían referencia de modo serio aos asuntos da condición humana, en máis dun caso condicionados polo réxime político imperante. Estaban a canción vasca, a catalana, a galega, a castellana, a andaluza, a asturiana, a extremeña..., as comunidades que tempo despois, coa desaparición oficial da ditadura franquista, recibirían o nome de "nacionalidades". Da outra banda da raia, chegaban tamén os ecos da canção portuguesa, poderosa e estimulante.

Pablo Guerrero no Olimpia de París, anos 70.
Podía ser o cabo do curso 1972-73 ou 73-74. Todo estaba previsto, e nada preparado. Así que Blanca, alguén máis e máis eu, pensando que, con aquela tarde, o exterior era o espazo ideal para a actuación, comezamos a sacar da igrexa todas as cadeiras posibles e fúmolas situando na praza que daba á entrada do templo. Nesta tarefa andabamos cando apareceu o cantante e, logo dun "¡Hola!", como se nos coñecesemos de toda a vida, se sumou coa mesma naturalidade ao trasego e colocación dos asentos. Entre o parolar cordial propio da situación, conviñemos xa a gravación da conversa posterior para antes de el cantar, e todo correu nun feliz estado de harmonía e complicidade hoxe impensable. Como non ter un rabuñazo de tristura e un notable sentimento de perda ao saber da morte dun ser tan especial. Como non se encher de emoción ao acudir ao meu presente os versos e a música de "A cántaros" (Tú y yo, muchacha, estamos hechos de nubes Pero ¿quién nos ata? Pero ¿quién nos ata?. Dame la mano y vamos a sentarnos bajo cualquier estatua. Bajo cualquier estatua. Que es tiempo de vivir y de soñar y de creer. Que tiene que llover. Que tiene que llover. Que tiene que llover. Que tiene que llover a cántaros...).

Como non recuperar nun instante o seu nunca esquecido talante de persoa amable e bondadosa, a súa imaxe característica de cabelo lacio, tupida barba e naris aguileño... O son poderoso da súa grave e ben timbrada voz... Hoxe, a banalidade na chamada canción lixeira, letra e música, ocupa un espazo grande de máis. Mágoa que todo se axite ao ritmo da moda. Se cadra sempre foi así. Non sendo precisamente de agora, o dito de "maus tempos para a lírica" resulta hoxe máis vixente do que nunca.

Lástima que a mocidade de hoxe non coñeza "Y los demás se fueron", "Dulce muchacha triste", "Porque amamos el fuego", "El hombre que vendió el desierto", "Toda la vida es ahora", "Pepe Rodríguez, el de la barba en flor"; "A tapar la calle", "Luz de tierra", "Extremadura" e tantos outros títulos saídos do talento creador deste pacense, no que arte e vida foron un todo. Compositor infatigable, Pablo Guerrero deixa unha obra de máis de vinte discos de duracións diversas, algúns deles gravados en directo, así como cáseque outros tantos libros de poemas e literatura infantil. Obxecto de numerosos recoñecementos, entre eles no 2021 o da Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes, que outorga o Ministerio de Cultura, faleceu en Madrid o 30 do pasado setembro, aos 78 anos. Moitas grazas Pablo Guerrero por tan fecundo e fermoso legado. Foi unha sorte e un privilexio partillar un anaco daquela inesquecible tarde contigo.

venres, 15 de agosto de 2025

Manuel Lourenzo, compañeiro dos meus días

por Miguel Castelo

Entre as persoas para min fundamentais está Manuel Lourenzo. Coñecino na primeira metade dos anos 60, ao pouco de ter chegado el de Alemaña, da súa experiencia laboral diversa de emigrante, onde, alén duns notábeis coñecementos da lingua xermana, traía a descuberta de Bertold Brecht e o amor polo teatro, se cadra xa intuído nas cerimonias relixiosas da infancia e a adolescencia no seu Valadouro natal. Non sei se xa el levara consigo os estudos de maxisterio feitos ou foi á volta cando os fixo. Dunha ou doutra maneira, foron precisamente os seus compañeiros da Normal -unha das tres institucións docentes de grao medio existentes daquela na Coruña; Náutica e Comercio eran as outras, mentres a única Universidade galega era a de Compostela-, Xan Cejudo e Alfredo Ferreiro, con quen eu tiña trato, os que me levaron a el. O teatro, a literatura e outros asuntos da cultura eran as preocupacións de todos eles, e acabaron por seren as miñas. Eran estes os primeiros tempos do teatro coruñés, daquela aínda en castelán. As seccionadas carpas esféricas xémeas instaladas diante do Concello, por mor do enxeño popular coñecidas como “as tetas de María Pita”, acolleron no interior das súas ubres, no marco dun festival, algunhas das tentativas escénicas de Manolo e outras que chegaban de fóra. Logo, viría a organización colexiada do Festival Internacional de Teatro, no auditorio de Caixa Galicia da Ronda de Nelle, e os ensaios nun baixo da Falperra, cedido polo pai doutro Manolo, Manuel Varela. Neste local apañaron corpo, baixo a divisa Teatro Circo, As tres irmás parvas, Romaría ás Covas do Demo e Crónica do Sol de Inverno, as primeiras pezas, entre o Prometeo e as posteriores montaxes de Oración, nas que eu facía vulto. E máis adiante, xa nos 80, a creación da Compañía Luis Seoane e súa sala estable. Toda unha cumprida andaina de quen, uns anos máis tarde, recibiría o Premio Nacional de Literatura Dramática e o Premio Nacional de Artes Escénicas. Non me esquezo tampouco dos requerimentos da televisión e o cinema: Mareas Vivas, Entre bateas e Fariña.

Manuel Lourenzo. Fotografía: Santos-Díez (Ollo de vidro-ACAB). Fonte: Nós Diario.

Todo permanece claro na miña memoria, como se onte acontecese, malia que se cadra non foi exactamente así. As acampadas en Cecebre e no Portiño, con algúns dos teus alumnos do pequeno centro escolar creado co teu amigo Rogelio López Cardalda, no bairro da Sagrada Familia; as conversas na librería do teu pai na encosta da Unión; aquel magnetófono de fita 3/4 que compraramos a medias; as estadías estivais na túa ben rehabilitada casa de Vilaúde; os animados xantares do teu domicilio coruñés con Monserrat Modia, a nai dos teus fillos, Cilha e Brandán, e eficaz produtora e distribuidora das túas creacións; as representacións e debates de Casa Hamlet, espazo creado co teu socio Santiago Fernández... E as máis recentes tertulias na túa mesa do café no canto das rúas Federico Tapia e Menéndez Pelayo. Todo está presente na miña cabeza. Que enorme importancia teñen as primeiras amizades e compañías da vida. Moitas grazas, Manolo, por teres comparecido na miña a tempo. Obrigado, amigo, por todo o turbillón de instantes inesquecíbeis de felicidade e estímulo que me deixas para acompañamento dos meus días.

xoves, 23 de xaneiro de 2025

Un músico, unha voz, unha guitarra

por Miguel Castelo

Fausto no Chapitó, 17-11-2020. Imaxe:  Filipe Saraiva
(Lisboa, Portugal), CC BY 2.0 [Wikipedia]
A canción de autor portuguesa tivo sempre un nivel artístico considerable. Para moitos países descoñecida, en Galicia foi moi estimada por un público interesado polas manifestacións culturais, propias e do país veciño. Os propios cantautores galegos tivérona sempre como un referente. Fausto é un dos seus máximos respresentantes. Uns vão bem e outros mal e Rosalinda e O barco vai de saída e A guerra é a guerra, por citar dúas épocas extremas, son pezas que deixan ben ás claras a súa enorme talla artística.

Un, pola súa idade, foi testemuña activa da chegada da canción portuguesa á nosa comunidade, nomeadamente a A Coruña, concretamente ao Palacio de Deportes, espazo onde tiñan lugar as actuacións musicais procedentes de diversos países, tanto de dentro como de fóra de España. Porén, a Fausto tiven a oportunidade de o escoitar por primeira vez a noite gloriosa do curso 1973-74, na que os cantores portugueses pasaron ao completo polo taboado do abarrotado auditorio do madrileño Colexio Maior San Juan Evangelista, coñecido polo estudantado universitario como “O Johnny”. Algúns deles acoden agora á miña memoria: Adriano Correia de Oliveira, José Afonso, Vitorino, José Jorge Letria, Sérgio Godinho... Unha noite vibrante para todos os alí congregados, que vivimos coa especial emoción da confianza dun non afastado futuro mellor. Acabado o acto, non sabería dicir como, vinme metido nun coche no medio de xente que non coñecía, facendo parte dunha comitiva de vehículos que tivo como destino un piso alto da Avda. de América. Alí, todos, cantantes incluídos, estricados polo chan dunha ampla sala, da que previamente se tiñan separado os mobles, baixo unha atmosfera de luces de velas, comezaron a circular bebidas, improvisáronse conversas, Afonso declinou os reiterados convites a cantar, unha harmónica deixou oir unhas notas de blues, algunhas guitarras secundaron con punteos e acompañamentos, e a máxia da música e do inesperado acrecentou a enerxía que ali reinaba. Grande parte descoñecidos entre sí, artistas e admiradores, todos xuntos, como catecúmenos, unidos por unha mesma causa. Un daqueles guitarristas destros era o Fausto, aquel que da mesma maneira arrincaba do seu instrumento notas da súa autoría que outras que correspondían a disintas latitudes: lamentos e vindicacións de brancos e negros. E o máis simpático e enxeñoso daquela noite de máxia e de misterio veu tamén da parte de Fausto Bordalo: unha irónica,“engraçada” melodía que falaba da importancia da hixiene persoal nas relacións humanas, da que lembro o estribillo “co cu lavado, eu gosto” e o final convidador “co cu lavado... gostamos”. Anos máis tarde, puiden volver asistir a unha actuación de Fausto. Foi en Santiago, no desaparecido Yohakin, onde marabillou aos presentes con, entre outras pezas, Já foste linda, Rosa!, demostrando o que un só músico, con talento e unha guitarra, pode ser quen de facer.

Zeca Afonso, Fausto, Sérgio Godinho e Vitorino, entre outros, en 1979.
Imaxe: Maria Santos Helena, CC BY-SA 4.0 [Wikipedia]

E foi o pasado domingo, logo de escoitar unha audición radiofónica dedicada a este compositor, cantante e guitarrista, cando quixen renovar a emoción da escoita de O barco vai de saída para o que entrei en Internet. Foi así que descubrín algo que non sabía: Fausto Bordalo Días falecera o 1 do pasado mes de xullo. E non o puiden evitar, os ollos enchéronseme de bágoas.

martes, 14 de xaneiro de 2025

Adeus ao Pamplonetario

Sala Tornamira do Pamplonetario. Imaxe: Martin Pawley, 2021.
Dende a miña primeira visita á Casa das Ciencias na fin de semana en que abriu ao público, vai para corenta anos, fun incontábeis veces ao museo coruñés e ao seu planetario. Fíxenme maior co programa de introdución á astronomía fixado para sempre nas neuronas, coa música d’Os planetas de Holst e o ruído do avance dos carros de diapositivas que se proxectaban na cúpula. A partir dun certo momento, en 1993, os contidos que pasaban na Coruña empezaron a levar outra marca máis que revelaba que se producían man con man con outro planetario, o de Pamplona, unha sorte de irmán pequeno que realmente era un irmán maior, grande, inmenso. Pamplona revelábase un destino natural para calquera persoa amante da astronomía, un lugar ao que ir antes ou despois.

Pasaron aínda uns anos antes de eu poder viaxar aló. Foi en agosto de 2003 e o planetario era a principal escusa, mais a excursión tiña moito de xuntanza blogueira, o encontro con algúns membros da fauna de Blogalia, o portal creado por Víctor R. Ruiz, que tamén se achegou por alí. Entre eles destacaba, por suposto, Javier Armentia, daquela, e até hai uns meses, director do Pamplonetario mais tamén voz de referencia naqueles tempos de activismo sen tanta toxicidade en Internet. Fiquei marabillado con el mais fiquei marabillado co espazo, coa Sala Tornamira dominada polo sensacional proxector analóxico Zeiss, un obxecto doutra época con aspecto de pesado insecto metálico que eu sempre asocio ao robot Robby de Forbidden Planet (e non é que se parezan tanto, mais o cerebro é así, une elementos a miúdo inesperados).

Tardei uns anos en voltar. A miña seguinte oportunidade veu facilitada pola asistencia ao festival Punto de Vista, probabelmente o de 2009, a última edición que dirixiu Carlos Mugiro en que coñecín James Benning e Barbara Hammer, mais puido ser a de 2010, non teño a certeza. Nesa altura, o “comité central” do Pamplonetario xa non era xente allea a min; tanto Javier como Fernando Jáuregui e Nieves Gordón eran persoas que reencontraba de cando en cando nalgunha das súas visitas á Coruña motivadas pola permanente colaboración cos Museos Científicos Coruñeses. Cando empezaron a usarse os proxectores dixitais, o desafío de que imaxes era factíbeis foi un tema de conversa reiterado meu con Fernando, cuxa paciencia infinita para responder ás miñas dúbidas e preguntas non lle compensarei nunca o suficiente. Mais neses primeiros anos a resolución de vídeo era suficientemente pobre como para non ter, aínda, demasiada fe nas posibilidades audiovisuais dunha cúpula.

Era tempo, en calquera caso, de experimentar. A semiesfera dun planetario -dos verdadeiros planetarios- requiría pensar regras gramaticais diferentes ás dunha pantalla plana, e aquí na Coruña Marcos Pérez estaba ben disposto para o pensamento e para a experimentación. Un deses experimentos acabou sendo Fogos, que saíu ben ao segundo intento. Gravadas en xuño de 2015, o son e as imaxes, obtidas cun sistema composto por seis cámaras Go-Pro, pasaron practicamente un ano gardadas nun disco duro á espera de descubrirmos que podía facerse con elas. Chegamos á conclusión de que o mellor que se podía facer era manipulalas o menos posíbel, deixalas case “tal cal” (e na medida do “case” está sempre a chave das noces).


Fogos
existiu en dúas versións, como película para pantalla plana que se exhibiu, entre outros festivais, no FIC Xixón, no de Cosquín que programa Roger Koza ou no FID Marseille de Jean-Pierre Rehm, onde compartiu sección con Sharon Lockhart e James Benning, cousas da vida, e mesmo foi empregada no anuncio promocional do certame; mais tamén como película para planetario. Vímola na Coruña, por suposto, mais sobre todo vina no Pamplonetario nunha sesión gloriosa, o 8 de marzo de 2018, durante o primeiro Punto de Vista da era Garbiñe Ortega. Baixo o título, roubado de Wittgenstein, “Me asombro del cielo sea cual sea su apariencia”, na impoñente Sala Tornamira víronse, para alén de Fogos, Powers of Ten de Charles e Ray Eames, Observando el Cielo de Jeanne Liotta, Allures de Jordan Belson e Kilpisjärvella de Axel Straschnloy. Tiven a honra de presentar aquela velada -entre os espectadores estaba, por certo, Paolo Moretti, que viña de ser nomeado director da Quinzaine de Cannes- e de escribir unhas liñas para o catálogo: 
ME ASOMBRO DEL CIELO SEA CUAL SEA SU APARIENCIA
"La voluntad científica de registrar con precisión un tránsito de Venus llevó al astrónomo Pierre Janssen a diseñar un novedoso artilugio, el “revólver fotográfico”, que permitía la captación sucesiva y veloz de imágenes. El éxito fue relativo: no pudo fotografiar el tránsito de 1874 con tanta exactitud como deseaba, pero su revólver acabó siendo el más habilidoso antecedente del cinematógrafo. La vinculación entre cine y astronomía viene, pues, de antiguo, y en justa correspondencia la fascinación por el cielo ha estado presente desde el principio en la(s) pantalla(s). Muy especialmente en la tradición experimental, siempre afín al asombro y la gratitud por la belleza del cosmos".
Imaxe: Martin Pawley, 2018
En novembro dese ano regresei a Pamplona. Reabríase o centro despois de cambiar os equipos e daba inicio unha prometedora era con proxectores 4K e un sistema de son 13.1, algo digno de coñecer. E de aplaudir. Se as imaxes adquirían unha nova forza espectacular, era a acústica da sala a que máis gañaba: as cousas podían soar a tres alturas diferentes e así os sons cobraban volume e até movemento. Tiven verdadeira consciencia diso na miña última visita, xa a derradeira, para falar de ciencia e cinema, en decembro de 2021. Por razóns persoais que non veñen ao caso, nos últimos tempos pensei moitas veces no irrepetíbel que me parecía aquela fin de semana marabillosa. Agora sei que é, en efecto, irrepetíbel. Nunca máis vai acontecer. Suceda o que suceda, mesmo que o goberno navarro decida reconstruílo e poñelo de novo en marcha -chamádeme pesimista, non encontro razóns para crelo-, o Pamplonetario que existiu até onte xa nunca máis será. Nunca máis veremos emerxer do soto o impresionante proxector Zeiss para lanzar miles de estrelas sobre a feliz escuridade daquela cúpula de vinte metros de diámetro. A falta de futuro, toca aferrarse ao pasado, ás memorias e as emocións que abrollan como sorrisos entre as cinzas. Que bonito foi sempre estar alí. Que grande será sempre o meu agradecemento.

Martin Pawley

Imaxe: Martin Pawley, 2021


xoves, 12 de setembro de 2024

Plácido Romero, na miña memoria

por Miguel Castelo

Autor da imaxe: Xesús Fariñas [La Región]
Eu seguía a che mandar correos e ti xa marcharas. Non me estrañaba a túa falta de resposta porque era consciente de que non estabas para cumprimentos pero non me daba por pensar que tiveses motivos tan rotundamente poderosos. Foi o Aser quen me enviou unha fermosa glosa audiovisual sobre ti, o que me deu a entender que xa te tiñas despedido deste mundo. Como o sinto, querido Plácido. Coa chea de comentarios que nos quedaban por trocar... de disquisicións sobre os filmes que cada un de nós estabamos a ver, sobre a túa loita e a túa tenacidade para levar adiante os teus proxectos, as dúbidas e certezas arredor das solucións narrativas dos mesmos, da permanente vocación de aprendizaxe que sempre te moveu. Non en van non son poucos os alumnos que te lembran como o seu mellor profesor: un bo mestre sabe sempre o importante que é seguir aprendendo. Canto curso tiñas ao teu alcance alí estabas ti puntualmente para seguir repasando e aprendendo cousas novas sobre estratexias narrativas, montaxe e tantos outros aspectos da construción cinematográfica explicados por cineastas de contrastado prestixio como Víctor Erice, José Luis Guerín, Mercedes Álvarez, Jaime Rosales, Nicolas Philibert ou Albert Serra. De todos tirabas aprendizaxe, pero o teu preferido era Guerín, dixéchesmo máis dunha vez. Todo acontecía en La Plantación. Alí compartimos “pupitre”, no 2018, ante o maxisterio do autor de Être et avoir (Ser e ter). Un curso que principiou de maneira polémica polo alongado silencio de Philibert (estabamos no ecuador da xornada da mañá e non dixera palabra) e á proxección dun dos seus filmes de cativa progresión dramática (a virar unha e outra vez sobre a mesma idea), o que suscitou a intervención dun dos asistentes (eu, sen ir máis lonxe) ante a sospeita de que o home tivera a intención de que vísemos os seus filmes sen el dicir palabra. Alí saíron uns poucos defensores do, até o momento dubidoso, método didáctico do director francés e acabamos nunha discusión estéril diante do seu espanto por, dados motivos idiomáticos, non entender o que alí estaba a pasar. A persoa encargada da tradución, Mercedes Álvarez, non daba chegado e a boa vontade de quen a substituía non abondaba. A elocuencia do teu sorriso -eras o demo!- deume a entender que celebrabas que por fin aquela aborrecida mañá cobraba vida. Ao calor do estímulo do debate achegouse, con natural inquedanza e visible desacougo, a xerente de La Plantación. Malia as, se cadra unha miga enzarapalladas, explicacións recibidas, teño para min que aínda hoxe, Elisa Pereira non ten claro o que o alí aconteceu. O caso é que a cousa se endereitou e a seguir cobrou o interese que se agardaba.

Eu ben sabía pola nosa comunicación epistolar, polas cada vez máis dispersas conversas telefónicas así como polos anuais encontros no MDOC de Melgaço, tamén co pasar do tempo menos comúns, como ías levando a condena das túas doenzas, mais resistíame a admitir, malia ás confidencias que me facías, que o final estivese tan preto. Unhas confesións clarividentes que non impedían o emprego das túas forzas todas para lle poñer o ramo á construción do teu último edificio que, na contra do que che eu dicía, tiñas certo que ía ser o derradeiro. Debecíaste por encontrar solucións para os problemas que considerabas tiña nese momento a montaxe do teu Pretérito imperfecto. E non paraches até dar con elas. Non podías consentir que a túa ollada sobre ese tempo retrospectivo de convivencia escolar adolescente, de fundacionais descubertas da vida, ficara de calquera maneira. E puxeches cada cousa e cada persoa no seu sitio. Máis dunha vez confeseiche a admiración que eu sentía pola vocación profesional e o gusto pola cousas ben feitas, particularidades que te acompañaban. “Profesional”, cómpre clarexar, na acepción artística, non na económica, que a ti o teu traballo, lonxe de che dar un euro, levábache unha manchea deles. E téñoche que pedir perdón -unha solicitude retórica, mesmo insensata- polo egoísmo de te querer connosco, no mundo dos vivos, a costa dos sufrimentos sen medida que estabas a experimentar. E che dar as grazas pola compañía que me brindaches e tamén por suscitar esta conversa imaxinaria, que certamente é conversa comigo propio, un soliloquio que me permite saber un pouco máis de min. Sabido é, benquerido Plácido, que os mortos abren os ollos aos vivos. E, tamén, que viven na súa memoria.

xoves, 10 de marzo de 2022

Xosé Garrido: a chamada do Sur

 por Miguel Castelo

A Coruña pasou a ser a súa residencia cando tiña seis anos. Un desprazamento migratorio de interior, decisión de moitas familias que procuran un mellor escenario para o progreso dos fillos. Nesta capital fixo os estudos de arquitecto técnico na EUAT (UDC). Viñera ao mundo en Monforte de Lemos (1968). mais a súa tez moura, o cabelo, e os ollos, tan grandes como escuros, facíano do norte de África. Faltáballe falar árabe ou hassanía para confirmar esta primeira suposición de quen o acababa de coñecer. Curiosa impresión porque Xosé era un namorado do Sahara, de Mauritania, do Tinduf, a onde foi máis dunha vez en misión cultural e humanitaria. Xosé non exerceu de aparellador pero os estudos realizados non foron en van porque os seus coñecementos na materia servíronlle para os xuntar cos de fotografía, a súa verdadeira vocación. O seu dominio da luz e o seu sentido do encadramento levárono así mesmo a oficiar de director de fotografía e operador nuns cantos proxectos cinematográficos dos seus compañeiros de promoción da EIS, onde tamén se titulara, funcións que por veces foron máis alá, ao ter que exercer ademais de realizador, aínda que por cabo non figurase nos títulos de crédito.

Culto, responsable e esixente co seu cometido, sufría co desleixo dos que, no traballo en equipo, non o eran. Observador atento, contrariábase coa traza que nos 80, 90 e primeiros 2000 estaban a adoptar algunhas derivas da actividade cultural autóctona. Con certa frecuencia manifestaba o seu desexo de cobrar distancia, de marchar. E acabou por facelo. Un día anunciou que ía botar un tempo en Córdoba, onde lle saíra un encargo, e alí afincou. Víno de improviso nalgunha das súas escasas e fuxidías visitas á casa familiar. Ignoro se con outros amigos fixo o mesmo. A súa separación da terra natal foi rotunda. Sen dúbida era máis feliz na patria hispana dos omeyas. Tanto nun sitio como noutro, Xosé Garrido (1968-2022) deixa unha heteroxénea chea de realizacións culturais: exposicións, comisariados, filmes, publicacións diversas... Cando o pasado luns, a primeira hora da tarde, recibín doutro bo amigo a triste noticia, fiquei pampo. Quedou a nova a me dar voltas na cabeza e dei en pensar que decidira ir a Ucraína... Sempre estamos procurar argumentos para xustificar a causa da morte. Mais, ao cabo, que máis ten. Descoñezo o motivo que acabou coa vida do amigo, pero cincuenta e catro anos é hoxe unha idade moi temperá para morrer. A vida adoita ser inxusta. E, ás veces, moi cruel.

mércores, 18 de agosto de 2021

Pancho Pillado, elegante, preclaro e xeneroso

por Miguel Castelo

Imaxe: Manu Cruz, CC BY SA 3.0 (Wikipedia)
A Academia Galicia era, conxuntamente co Colegio Dequidt, a única opción laica dentro do panorama docente coruñés dos anos 50. Un laicismo certamente relativo: non faltaban nas dúas a materia de relixión e a omnipresencia da asotanada figura sacerdotal. Neste sentido, a diferenza que podía haber cos Dominicos, Jesuítas, Salesianos, Maristas ou os propios IEM, daquela segregados por sexos, non eran significativamente grandes.

Na Academia Galicia coincidiron e se fixeron amigos Manuel Lourenzo Pérez e Francisco Pillado Mayor. Dela e dos seus profesores sentín contar ao primeiro anécdotas que en nada teñen que envexar ás que Federico Fellini nos deixou no seu celebrado Amarcord. As de “Paquete”, profesor de matemáticas, e as do cura de relixión son un bo exemplo, na liña das que eu coñecín de primeira man no centro de estudos da familia de orixe francesa.

Comecei a tratar con Pancho Pillado anos máis tarde, logo de que mo presentou Manolo Lourenzo. Ambos fundaran a Escola Dramática Galega, na que Lourenzo se ocupaba das cuestións escénicas e Pillado de dirixir e coordinar a edición dos Cadernos, revista de artigos, ensaios e textos teatrais, tanto de autores consagrados como noveis, entrega mensual merecente do recoñecemento, na modalidade de Inciativas Culturais, dos Premios da Crítica Galicia 1989. O noso trato era tan fragmentario como ben levado: para min tiña sempre boas palabras. O certo é que nos profesabamos recíproca admiración. Gustaba da chacota e a rexouba, o que non quere dicir que non fose home serio, de modo especial cando tocaba falar de política, momentos nos que un rictus de solemnidade desprazaba o seu sorriso. Nos nosos encontros, antes ou despois adoitaba coñecer a miña opinión sobre algún título da carteleira e, entre a seriedade e a chanza, manifestaba invariablemente o seu desexo de intervir de “galán” nalgunha cousa que eu fose facer; e, curiosamente, cando nunha ocasión recibiu resposta afirmativa, ficou desconcertado.

Á súa complexión magra e abondoso cabelo lacio, unía clásicismo no vestir, con frecuente inclusión de garavata, estilo no que sobranceaba unha elegancia natural non carente de certa coquetería. Un porte adecuado ao papel cinematográfico a desempeñar, mais ao amigo, logo de o coñecer e pensalo uns cantos días, tal fasquía non lle deu para vencer a timidez e acabou por dar unha resposta negativa.

Dramaturgo e tradutor, ensaista, autor de varias publicacións, entre as que salientan entre outras Historia do teatro galego (con M. Lourenzo) e Conversas con Xosé Manuel Beiras (con M.A. Fernán-Velho), Pancho Pillado non se conformou coa condición de creador e fundou a editorial Laiovento que puxo ao servizo doutros autores. Fillo e sobriño de xornalistas, non entendía o mundo sen cultura. A súa Biblioteca-Arquivo, legada en vida á UDC, verdadeiro compendio da memoria teatral galega, constitúe unha ferramenta impagable para as novas xeracións. As súas fortes conviccións non o fixeron renunciar nunca dos seus principios, mais nos últimos tempos experimentaba, non sen mágoa, unha certa decepción coa deriva nacionalista.

Home de memoria prodixiosa, acabou endemal engolido pola doenza voraz que se encarga de ila borrando. A súa morte supón unha nova e notable perda para a nosa cultura, tan precisada de mentes lúcidas, preclaras e xenerosas.

mércores, 3 de marzo de 2021

Juan Antonio Porto, a conversa inacabada

por Miguel Castelo

Juan Antonio Porto era un deses galegos que nos últimos 60 iniciaba a súa andaina profesional en Madrid. Estudara un tempo antes na EOC, Escuela Oficial de Cinematografía, onde se diplomara en dirección. Coido que non rematara aínda 1970 cando apareceu pola súa cidade, na que adoitaba pasar as vacacións estivais coa súa familia no piso da rúa Pardo Bazán. Viña na compaña de Pedro Olea, con quen andaba a presentar aos medios informativos a primeira película de ambos, como guionista e director, respectivamente, El bosque del lobo. Un filme que J.A. Porto escribira adaptando a novela doutro coruñés, Carlos Martínez Barbeito, El bosque de Ancines. Era polo verán, cando eu facia un programa en Radio Juventud La Voz de La Coruña, que tiña os seus estudos no edificio modernista dos xardíns de Méndez Núñez, daquela cunha estrutura interior ben diferente á de hoxe. Non sei como entramos en contacto e ambos colegas achegáronse pola emisora para facermos unha entrevista que posteriormente se emitiría no programa cuxo título non lembro. Foi así como o coñecín persoalmente. Non tardando moito recuperei a súa figura, a súa voz de barítono e o seu particular modo de mover a boca desde o meu asento nunha aula do Instituto de Radio y Televisión, que compartía espazos coa EOC, na Dehesa de la Villa. Alí tiña tamén a súa sede, provisoriamente, a Facultad de Ciencias de la Información até que anos despois se trasladou ao novo edificio nos arredores do paraninfo. E naquela aula emprestada o profesor Porto falaba de guión cinematográfico ao alumnado da Rama de Imaxe e Son. E, como experto creador de historias, tiña o gusto pola palabra, falaba moito, ben e con grande entusiasmo. E cun moderado e elegante sentido do espectáculo, abandonando a súa cadeira, camiñando amodo, acenanado con mans e brazos e volvendo cara á mesa para sentar nun dos seus vértices. Amaba o seu oficio.

Fotografía: Mari Carmen López. Fonte: Academia de Cine.

Tiven o privilexio de ter moitas e amenas conversas co profesor Porto, por cabo amigo, pero a máis longa levounos medio día: a soleada mañá cando no seu coche viaxamos de Madrid a Ourense para participar nunha das edicións das Xornadas de Cine. Quedaramos a primeira hora ao pé do seu domicilio, se mal non lembro, na rúa Ardemáns, e desde que enfiamos a saída entramos con enerxía nunha feliz conversa ininterrompida. Tamén inacabada. O Festival de Cine de Humor, os cursos do CGAI, os paseos pola beiramar coruñesa ou os fortuitos encontros estivais nas inmediacións da praza de Vigo eran novas oportunidades para, arredor dun aperitivo ou un café, retomala. Ademais das cuestións da narración cinematográfica, a política ocupaba o noso tempo. Non en van, as súas historias están vistas desde a ollada dos perdedores. O tempo cinematográfico era para el nomeada preocupación. E, na fala, a característica principal do seu estilo a facilidade coa que pasaba do irónico ao solemne e viceversa. E aínda hoxe non sei con certeza que de un e outro había na súa aguda exemplificadora observación: Don Manuel, Don Manuel... ¿Qué es eso de Don Manuel? ¡En este país el único Don Manuel que ha habido es Don Manuel Azaña! Toda unha declaración de princípios que, unida ao seu numeroso e notable contributo á historia do cine, definen a un home apaixonado e cabal que viviu consagrado á arte de contar historias. Coa ferramenta da escrita de imaxes e sons. E coa palabra.

Artigo publicado orixinalmente en La Voz de Galicia, 26 de febreiro de 2021.

luns, 30 de novembro de 2020

O triplo legado de Daniel Domínguez

por Miguel Castelo

Foi en 1984, hai trinta e seis anos, parece mentira, cando souben da existencia de Daniel Domínguez, Seino ben, malia que me bailan os anos e adoito recorrer a fontes documentadas para non me trabucar á hora de escribir, porque facía eu parte do equipo da Dirección Xeral de Cultura, que comandaba Luís Álvarez Pousa. Foi aquel un tempo de realizacións e de esperanzas no que, entre outras moitas cousas, se instituiron as axudas á produción audiovisual, daquela nomeadamente cinematográfica. Primeiro en alianza e logo en solitario, Daniel Domínguez optou a elas e fóronlle concedidas. Houbo algún momento no que principiou o trato persoal -se cadra nas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, no Carballiño- e deseguido fómonos vendo nas distintas convocatorias e xuntanzas que sobre o que nos unía, o cine, se ían celebrando en distintos lugares da comunidade. Foi en 1991, cando se trasladou á A Coruña para desempeñar a función de profesor de Historia do Cine e Guión na recén estreada Escola de Imaxe e Son, EIS, cando os nosos encontros foran máis frecuentes, de modo principal nas proxeccións e outros actos do Centro Galego de Artes da Imaxe, CGAI, aos que asistía na compaña da súa compañeira, Ángeles.

Lanzal, de loiro cabelo crespo, Daniel ofrecía sempre no seu rostro agrazado un aceno amable e cordial. Educado e prudente, virtudes non sempre frecuentes, adoitaba falar desde a sensatez e o coñecemento. A súa competición era consigo propio. Caía ben. Cantos o trataban en proximidade mantiñan tal opinión. O alumnado todo que durante oito anos pasou polo centro de ensino audiovisual coruñés de Someso falaba marabillas del. Cando, logo de botar un tempo dando aulas para o Graduado Escolar para Adultos, en Porriño, retomou a praza de profesor de Primaria da que estaba excedente, unha das tarefas que máis o gorentaba, deixaba atrás de si un ronsel de bo facer e gratos recordos. Mais, antes disto, aportou a súa sabedoría de guionista en Voz Audiovisual para series de éxito da TVG como Mareas vivas, Terra de Miranda, As leis de Celavella ou Miña sogra e máis eu, da que foi creador co seu íntimo colaborador e amigo, Raúl Dans.

Espectador incansable e lector impenitente, os filmes e os libros eran o seu bálsamo no refuxio da súa casa familiar de Teira, pequena localidade do concello de Corrubedo. Ali tamén dedicaba tempo ao seu blogue, La Escuela de los Domingos, incesante discurso, agora fatalmente interrompido, acugulado de observacións cheas de interese arredor da literatura, o cine e a vida. A este importante contributo, únese con toda xustiza Río de Sombras, adaptación do relato O Suso, de Xosé Luis Méndez Ferrín, se cadra (malia os atrancos da produción) o filme máis logrado daqueles anos. Moitas grazas sempre, Daniel, por tan estimulante legado.

Imaxe: Daniel Domínguez. Fonte: twitter da Academia Galega do Audiovisual.

xoves, 15 de novembro de 2018

Víctor Ruppen, empresario culto, modélico e singular

por Miguel Castelo

Se cadra sexa a condición de empresario o eixo sobre o que virou o motor da súa vida. Porque Víctor Manuel Ruppen Pardo era moitas cousas, pero por enriba de todo era empresario. E, lonxe de se enriquecer persoalmente, tiña a pretensión de enriquecer o país. Se cadra, soa altruísta ou a fantasía estúpida, pero era así. Porque Víctor Ruppen tiña a convicción de que gañando todos era como máis gañaba el. E esta consideración non descansaba só na riqueza do diñeiro. Ruppen era un grande humanista e sabía que o beneficio vai máis alá do estritamente económico. A fundación de empresas, de postos de traballo, a estratexia da diversificación, a idea de crear tecido empresarial, de facer país, estivo desde sempre na cabeza e no seu horizonte profesional. Víctor Ruppen era ideoloxicamente moderado e, ao tempo, radical. Sabía ir á raíz das cousas. E a súa ollada estaba sempre proxectada cara adiante. Non perdía o tempo en lamentos. Cando algo non saía ben, unha vez analizadas as causas, non gastaba un segundo máis en consideracións inútiles. Púñase decontado en disposición de seguir camiñando.

Víctor Ruppen (Fonte: La Voz de Galicia)
A súa curiosidade non tiña límite. Home culto -partidario da afirmación unamuniana “a cultura fainos libres”- e interesado polas distintas áreas do saber, a súa vocación fundamental era o cine. Grazas a el, na segunda metade dos 70, os que daquela, máis alá dun divertimento, oficiaban en S8mm. tiveron a oportunidade de acceder ao 16 mm. (Illa e A ponte da verea vella / Equipo Imaxe) e os directores coruñeses que aspiraban a unha profesionalización puideron rodar por vez primeira en 35 mm. (Fendetestas / Antonio F. Simón, O herdeiro / Miguel Gato, O cadaleito / Enrique R. Baixeras, O pai de Migueliño / Miguel Castelo). Grazas a el, os medios deron en falar da posibilidade dun cinema galego. Ruppen abriu moitas frontes cinematográficas dentro (Salas Valle Inclán / A Coruña, Santiago) e fóra de Galicia (en 1976 asóciase coa distribuidora madrileña Musidora Films, propietaria tamén das salas Alphaville, onde ocupa a presidencia do consello de administración, e posteriormente crea a súa división videográfica, Videogram). E por isto todo é considerado e recordado. Mais a incerteza desta aventura era posible pola inversión a título persoal de beneficios obtidos en empresas máis sólidas. Lume, librería-aula de cultura, Hortanova, central hortofrutícola, Urbilar, construtora inmobiliaria, Moblaxe, mobiliario de cociña, eran algunhas delas. E, paradoxos da vida, a solidez destas empresas tornouse en fraxilidade da noite para a mañá e frustrou a súa profesional vocación cinematográfica. Pero Víctor Ruppen continuou a se reinventar. Emprendedor, optimista, conciliador, positivo, axudou sempre a quen puido e da súa boca nunca publicamente saíu queixa ningunha. Coa súa morte desaparece unha figura modélica e singular do mundo cultural e empresarial de Galicia. Descanse en paz.

xoves, 4 de outubro de 2018

Xan Cejudo, cordial, afable, divertido, independente

por Miguel Castelo

Imaxe: Tamara de la Fuente / AAAG
Juan Cejudo Álvaro (Xan Cejudo), director teatral e actor, era un home sabio. E a primeira das súas sabedorías era saber que -como di a fermosa canción (escrita por Jesús Munárriz, musicada por Luis Eduardo Aute e interpretada por Vainica Doble-Gloria Van Aerssen e Carmen Santonja)- “todo está en los libros.” Calquera que o coñecese un pouco sabía do seu grande amor pola lectura. Tratei e trato con grandes lectores, pero ningún como Juan Cejudo. Todo o relacionado con teatro (textos, estudos, ensaios…) e poesía estaba na súa biblioteca. O seu modo de ler era simultáneo: tiña varios libros encetados que ía combinando segundo lle suxería a propia lectura.

E, ademais de moito, Juan lía ben. No había máis que emprestar un pouco de atención ás súas alocucións para comprobar o ben que tiña estruturado o seu pensamento e a claridade expositiva coa que formulaba o seu discurso. Era ameno, sutilmente didáctico, irónico e, sentídose en confianza, mesmo divertido. Juan era tímido e o seu nivel de brillantez era directamente proporcional ao grao de confianza do(s) seu(s) interlocutor(es). O seu patrimonio cultural estaba fóra do común. Era un pracer maiúsculo escoitalo.

Juan non era galego pero, por motivos laborais do seu pai, viviu desde moi novo na Coruña, en Camiño da Igrexa, no bairro de Monelos. Tivo sempre vocación docente e obtivo o seu título de mestre na Normal. A súa inclinación cara o ensino era grande, pero o seu amor ao teatro era superior. De tal modo que en 1984, as novas expectativas que no ámbito do teatro se abren en Galicia coa creación do Centro Dramático Galego fan que Cejudo abandone a seguridade laboral do seu posto nun vangardista colexio privado de Madrid para se trasladar a Santiago de Compostela e emprender a incerteza da aventura teatral. Co nacemento do CDG a actividade teatral galega acadaba unha maior cota de profesionalidade. O oficio teatral regularizábase e os colectivos vían cumpridas algunhas das súas vellas demandas. Mais, a andaina non foi fácil. Malia todo, Xan Cejudo tivo a sorte de se arrodear de xente nova con talento e gañas de aprender: María Pujalte, Victor L. Mosqueira, Xavier Lourido, Quico Cadaval, e da súa man e baixo a denominación de O Moucho Clerc, sairon pezas até o momento inusitadas no espazo escénico autóctono, Gali&Matías, Da Vinci levaba razón e O Códice Clandestino, que supuxeron un sopro da aire fresco para a entumecida e circunspecta escena galega, foron as primeiras. Máis adiante, encargo do CDG, A Pousadeira, espléndida versión de La Locandiera, de Carlo Goldoni, magníficamente encarnada por Cruz G. Comesaña. Logo, O soño dunha noite de verán sería tamén, entre outras, un novo éxito.

Cejudo era realista e sabía que non todos os textos teatrais dos que gustaba os ía poder dirixir, pero lles tiña a dramaturxia elaborada. Para estas e para cada nova peza que lía facía o exercicio da súa proposta escénica.

Coñecín a Juan principiando a década dos 60, nos medios culturais e nomeadamente teatrais herculinos, nos que el era protagonista activo, e con el aprendín moitas cousas. Entre elas, a me decatar da presenza dunha realidade da que até o momento, malia a súa proximidade, non era consciente. Gregario, cordial e afable, era ao tempo independente. Gustaba da compaña e da conversa, mais practicaba tamén o exercicio da aprendizaxe da soedade. A súa morte inesperada, ademais dunha forte conmoción, deixa en min un grande baleiro.

venres, 13 de xullo de 2018

Grazas, mestre (e 2) ou Eloxio da conversa

How Green Was My Valley (John Ford, 1941)

Xabier P. DoCampo (1946-2018) foi bo e xeneroso. Foi un patriota no sentido clásico, defensor apaixonado do seu país e da súa lingua, sempre disposto a calquera esforzo en favor do que consideraba xusto, sempre con azos para vencer o conformismo, sempre libre. Un deses optimistas da vontade que podería ter como lema “por min que non quede”, que é sempre máis útil para a humanidade que o paralizante “xa cho dicía eu”. Un diamante moral, no atinado sintagma que lle adxudicou Manuel Bragado a Agustín e a Xabier.

Xabier foi un grandísimo escritor. Non “tamén”, nin “ademais”; foi esencialmente escritor, un dos mellores entre os nosos. Aí quedan Bolboretas e O libro das viaxes imaxinarias, as Catro cartas, A chave das noces, Cando petan na porta pola noite ou A nena do abrigo de astracán. E antes que escritor, foi lector. Non se chega a escritor sabio se non se é antes lector sabio.

Todo iso xa o sabedes. Deixemos, pois, a terceira persoa das necrolóxicas e as enciclopedias.

Podo precisar con exactitude cando foi a primeira vez que eu falei con Xabier. Foi o domingo 21 de marzo de 1999, pola mañá na libraría do Suso, Azeta. Sei ben a data porque unhas horas despois tiña lugar a cerimonia dos Oscars e esa foi a escusa da nosa primeira conversa. O asunto, na verdade, non eran os Oscars senón a escasa simpatía que tiñamos os dous por La vita è bella de Roberto Benigni, e a absoluta admiración que sentiamos, porén, por A delgada liña vermella de Terrence Malick. É curioso que fose Malick un punto de unión, pois Malick, ou polo menos a película del que máis amo, A árbore da vida, ficará sempre asociada para min a unha correspondencia que crucei con Agustín e Xabier.

A esa primeira conversa sucedéronlle outras, máis ou menos casuais. E non tardaron en deixar de ser casuais para se tornaren xuntanzas deliberadas, con pauta horaria, arredor das 11 da mañá dos domingos na mesma libraría do Suso,  que daquela era ben máis pequena do que hoxe é. O ritual comezaba indo a buscar cafés a algún bar da contorna, empregando as máis das veces a tapa dunha caixa de follas DIN A4 como bandexa (para os millenials: estabamos aínda no século XX e nas tendas pagábase en pesetas). Logo, de pé dentro da libraría, coas cuncas de café apoiadas onde for posíbel, abríamos a tertulia, pois iso era, unha tertulia. Desde moito atrás, Xabier os sábados participaba noutra na libraría Lume, e a esa acabei indo algunha vez como ouvinte con dereito a café; mais para min “a tertulia”, así, sen máis nada, era a dos domingos en Azeta. E houbo ben delas, abofé que si.

Chegou o día en que os cafés empezamos a tomalos fóra, nos bares. E en 19 anos de amizade podo dicir que foron moitos centos. Son moitos centos de horas, moitos centos de horas de conversa. Porque, e parecerá unha parvada mais non o é, Xabier e máis eu quedabamos para falar. Non nos atopabamos e falabamos -que tamén-, senón que as máis das veces facíamos por vernos e conversar. Nos últimos días déuseme por pensar que iso non é tan común como parece. Conversar non é intercambiar frases de cortesía, conversar é cruzar ideas e formas de entender o mundo, contar historias, propias e alleas, discrepar e discutir. Sei de moita xente que, a diario, non ten con quen falar. Con quen falar devagar, de asuntos grandes e pequenos, alegres e tristes. Hai xente que foxe da conversa, porque conversar supón, antes ou despois, aceptarmos a complexidade das cousas, aceptarmos que non todo é sinxelo e confortábel, que non sempre tes a razón. Hai, pola contra, xente disposta a meter os pés nas pozas. Xente disposta a aprender, no marabilloso dobre sentido que o verbo ten en galego: adquirir coñecemento mais tamén transmitilo.

A min Xabier aprendeume moito. Aprendeume case todo o que sei de libros e de literatura, nomeadamente desa literatura infantil e xuvenil que algúns, aínda que disimulen, seguen mirando con displicencia. Abriume ducias de portas, de Gianni Rodari a Lucia Berlin. Puxo no meu camiño a Agustín e a Mariasun Landa; pola súa culpa namoreime sen remedio dun conto dela sobre o encontro dunha mestra coa morte. O día que Xabier morreu falei por teléfono con Mariasun e recordoume que cando es mozo ninguén che dá aviso de que ao te faceres maior vas ir enterrando amigos. Dinche das engurras e doutros detalles sen importancia que veñen coa idade, mais non che contan que co andar dos anos vas ir perdendo necesariamente persoas que queres. Que che van ir faltando voces amigas. Aceptarmos a complexidade tamén consiste niso.

Un mesmo libro, dúas ausencias.
Agora fáltasnos ti. Sei que faltas e ao mesmo tempo paréceme imposíbel que tal suceda, que non te verei nunca máis, que non estarás á volta dunha chamada de teléfono ou dunha mensaxe; bastaban cinco caracteres: Café? Que non volveremos a maquinar conspiracións felices e por suposto equivocadas. Que non nos atoparemos, coma sempre, en Azeta, o noso centro, ben o sabe Yolanda Castaño.

Que non falaremos máis de cinema.

Eras un grande cinéfilo. Máis de Historias de Filadelfia que de James Benning, para que negalo (mais acabaches vendo unha sesión de Tacita Dean da que fun orgulloso culpábel). Moitas veces che escoitei aquilo de que, cando erades novos, ao teu querido Tuto Vázquez se lle deu por gardar os billetes de todos os filmes que vistes no cinema nun mesmo ano e contou máis de trescentos. E como O ladrón de bicicletas che descubriu que o cinema falaba de ti. E logo tamén falaban de ti, de nós, Abbas Kiarostami, cineasta supremo, e a Paz Encina desa Hamaca paraguaya que vimos xuntos no CGAI, ou calquera grande cineasta que no mundo houbo e hai. O cinema foi unha devoción e acabou sendo capital na túa derradeira novela, esa novela que nos debías e que te debías a ti mesmo desde hai quince anos. Vivín con xenuíno deleite a escrita final dese monumento literario. Escoitei con entusiasmo os teus avances, como fuches resolvendo as dificultades que traía canda si o relato. Fun un dos primeiros lectores da novela, mais no fondo xa a escoitara enteira na túa voz, aos poucos, durante meses. Sei que estabas orgulloso dela mais sei, sobre todo, que ao final gozaches escribíndoa. Que gozaches pensando o cinema a través do cinema da novela. Moitas das nosas conversas do último ano e medio xiraron arredor d'A nena do abrigo de astracán mais, sobre todo, dos fíos que dela nacían, e boa parte deses fíos eran cinematográficos. Falar d'A nena era falar de John Ford, John Ford e John Ford, ou da importancia que ten a escaleira n'A Loba de William Wyler. Agora son plenamente consciente de que tamén para ti, igual que para a Susana da novela, o cinema foi un refuxio en tempos duros. Non un lugar para escapar, senón un lugar para coñecer, para coñecérmonos.

De A delgada liña vermella a O fío invisíbel de Paul Thomas Anderson que tanto nos fascinou hai só uns meses -velaí outro filme que gardarei unido a ti-, foi un honor, mestre, compartir contigo tanto cinema. Fixéchesme mellor. Fixéchesme rir moito, ademais. Fuches un piar intelectual e ético, aínda o es, o serás. Unha referencia: non vou ter outra igual.

Que pena sinto polos que non te coñeceron, as que non te trataron!

Como pode ser que xa non esteas, se estabas sempre tan perto?

Martin Pawley. Xabier P. DoCampo finou o 26 de xuño de 2018. Texto (lixeirisimamente) revisado e corrixido o 26 de xuño de 2023. O primeiro Grazas, mestre, foi publicado á morte de Agustín Fernández Paz, o 12 de xullo de 2016. 

luns, 24 de xullo de 2017

Hans Hurch (1952-2017)


Morreu Hans Hurch, director da Viennale dende 1997. Un cinéfilo apaixonado e un gran conversador, como proba esta charla con Roger Koza na edición 14 do BAFICI. Explicou os fundamentos do seu traballo como programador dun festival de cinema nunha memorábel entrevista en Sight & Sound: "Durmo cunha pistola debaixo da almofada" (I sleep with a gun under my pillow).

domingo, 9 de abril de 2017

Adeus a Feli Manzano

por Miguel Castelo

O pasado xoves pola noite pasei, camiño da miña casa, pola coruñesa praza de Luís Seoane, onde tiña o seu domicilio Feli Manzano, e tiven un especial recordo para ela. Digo especial porque sabía da súa situación delicada e da súa estadía en Madrid, na compaña da súa filla, Raquel, e de cando en vez a súa imaxe acudíame á cabeza. Ao día seguinte, o venres, 7, chegábame a triste noticia da súa morte.

Foi polos primeiros anos 60 cando Manolo Lourenzo, nos albores da actividade teatral n´A Coruña de posguerra, fixo tres montaxes de Oración, de Fernando Arrabal, nas que eu participei. Realmente, eran a mesma, o único que mudaba era a actriz que facía o papel feminino: Carmen Loureiro, Amparo G. Cores e Feli Manzano. Jorge Trigo e máis eu permanecemos nas tres. Na posta en escena -escena única-, o infanticidio do comezo prescrito polo autor fora substituído, supoño que por motivos de censura, por unha situación erótica cun desenlace inmediato: concluído o lance, o colega da muller, que o presenciara todo, entregáballe un puñal co que esta daba morte ao ocasional amante. Mais achegada á metáfora que ao realismo (non estaban as cousas para o explícito), a solución escénica pasaba por unha casta aperta unha miga alongada para incentivar a imaxinación do espectador. Consumado o crime e afastado o cadáver da vista do público, é dicir, botado para atrás das costas da parella, esta permanecía sentada e daba principio o inventario de paradoxos e perversas inxenuidades:

Home.- Desde hoy seremos buenos y puros.
Muller.- ¿Qué te pasa?
Home.- Digo que desde hoy seremos buenos y puros como los ángeles.
Muller.- ¿Nosotros?
(…)

Así, deste xeito, de partner de Feli Manzano, logo de ter ensaiado con Carmen Loureiro e Amparito Gómez Cores, se produciu o comezo da miña carreira teatral. O comezo e o final. Unha andaina escénica breve pero intensa, que me deu para aprender de memoria case que todas as intervencións dos dous personaxes, deitado detrás dos seus intérpretes no decurso todo da obra. Porque, por se aínda alguén non se decatou, eu era o morto. Malia ser así, a crítica valoraba o esforzo e o traballo dos actores: “Ayer en el salón de actos de los Dominicos tuvo lugar la representación de la obra teatral Oración, de Fernando Arrabal, dirigida por Manuel Lorenzo. Matizaron muy bien sus papeles Feli Manzano, Jorge Trigo y Miguel Castelo”, poderá encontrar o esforzado mergullador de hemeroteca nun dos dous diarios locais da época. Unha época ben diferente da actual, onde todo era carencia. Tal era así que os ensaios se facían na casa dos pais de Feli, na metade da Avenida de Finisterre, á altura de Santa Margarita. Voluntariosa e perseverante, cunha clara e inequívoca vocación, resultaba ben doado traballar con ela. Eu alí era un mero observador, pero mesmo na parte que me correspondía o noso contacto físico producíase de modo natural, sen finximentos e falsos pudores, comportamento non sempre habitual, e menos naquel tempo. Posuidora dunha ben dotada voz e unha boa fonética, acabou encontrando o espazo que lle correspondía dentro do oficio. Non vou falar dos seus traballos, sobradamente coñecidos. Mais, permítaseme lembrar unha das súas, para min, mellores intervencións: As muxicas (Carlos Alberto Alonso, 2002), con Tucho Lagares, o seu home, e a voz do propio Manuel Lourenzo.

Cálida e agarimosa, Feli Manzano deixa un grato recordo en todos cantos a coñecemos. No trato persoal, “Churriño/ña!” era o seu apelativo preferido. Gustaría de saber que o seu obrigado adeus non supuxo para ela sofrimento ningún. Botarémola de menos.

martes, 20 de decembro de 2016

David Ethève: afectuoso amigo, músico excepcional


por Miguel Castelo

David Ethève, un dos violonchelistas principais da Orquestra Sinfónica de Galicia, era, ademais de espléndido músico, unha excelente persoa, cordial e afable como poucos. Prestaba escoitar os seus irónicos razoamentos no seu asisado castelán con acento francés. Durante o mandato do PSOE na Deputación coruñesa, fixo parte do xurado da área de Música das becas artísticas desta institución. Alí foi onde eu o coñecín. Axiña principiamos unha cordial relación, que foi alternando os encontros nas anuais convocatorias das becas, tempos de descanso das estivais montaxes operísticas e fortuítos cruces pola rúa que con frecuencia daban tamén oportunidade a algún parrafeo relacionado co mundo da cultura, asuntos da Sinfónica ou a algunha cuestión relativa ao último concerto habido ou que se estaba a ensaiar. David vivía na praza de Vigo e os días de ensaio adoitaba regresar do Palacio da Ópera cara o seu domicilio pola avenida de Arteixo portando o seu instrumento na voluminosa funda negra que el carrexaba sen grande esforzo dada a súa respectable complexión e estatura.

Foi nun deses encontros na rúa onde, nunha mañá gris, me fixo unha revelación que me deixou gratamente desconcertado e, ao tempo, cheo de orgullo pola confianza que en min depositaba. Tratábase dunha confidencia familiar e como tal pediume que a mantivese en secreto. A vella cuestión da orixe do artista, que hai de xenético e que de cultural nas persoas que se ven apañadas pola pulsión da expresión artística acudiu, a partir dese momento, de modo especialmente intenso ao batán do meu pensamento. Nalgunha ocasión volvemos sobre o asunto que, por descontado permanecía pola miña parte en secreto, coa tentación engadida de me saber portador dunha noticia que podía interesar a máis dun colega.

Tempo despois, un bo día vin que a programación do CGAI incluía un filme de Claire Denis, coido que White Material (“Una mujer en África”). De contado pensei en David Ethève e achegueime á praza de Vigo coa idea de advertilo de tal circunstancia, sabedor do seu interese pola obra desta cineasta. Vin saír un home dun portal que me parecía que podía ser o de acceso á vivenda do músico, pregunteille pero manifestou non ter a menor idea, Chamei ao chou a un dos pisos do portal contiguo e tampouco me souberon dicir. Eu sabía que tiña que ser nun dos dous porque o vira saír un día, pero non lembraba exactamente de cal. E como non era cousa de andar importunando, desistín do meu propósito, non sen pesar mais co argumento tranquilizador de que malo sería que el non tivese pola súa conta información do asunto. No próximo encontro, uns días despois, faleille da frustrada tentativa. Agradeceumo e díxome, para a miña despreocupación, que o sabía e fora ver o filme. O interese do músico na cineasta compatriota non deixaba de ter poderosos motivos. A primeira vez que David Ethève e máis eu falaramos dela dixérame que era a súa irmá por parte de pai, cousa que a realizadora ignoraba, de aí o seu rogo de discreción. Nunha conversa posterior  -antes da comentada proxección-, pregunteille por ela. E, felizmente, o episodio familiar progresara: estivera visitándoa e informáraa do vínculo familiar existente entrambos, asunto delicado que ela recibiu non sen abraio e asumíu con serenidade; que o seu pai mantivese en secreto tantos anos a existencia dun irmán, doutro fillo "fóra do matrimonio", non era cousa trivial.

Nun próximo encontro, mostrouse preocupado: falara coa súa irmá e esta dixéralle que estaba a atravesar por un delicado estado de saúde.

A seguinte vez que nos volvemos ver, David estaba notablemente máis delgado e fíxome partícipe de que se estaba a repoñer da operación dun tumor cerebral. Fiquei conturbado. Deixei de velo. Comezou a tempada da Sinfónica e a súa continuada ausencia no centro do escenario era máis que notable. Agora os medios deron a triste noticia: David Ethève acaba de falecer tras dunha longa enfermidade. Tiña cincuenta anos. A Orquestra Sinfónica de Galicia prepara unha homenaxe. Asistiremos. Era un amigo afectuoso, un músico excepcional.

sábado, 17 de xaneiro de 2015

Alberto Carpo (1936-2015). Fragmentos subxectivos da trashumancia doméstica do artista amigo

por Miguel Castelo

Alberto Carpo | La Opinión A Coruña
Poderíanme torturar e non sería quen de confesar cando coñecín a Alberto. Debeu ser inevitablemente nalgún acto cultural, alá polos últimos 60. Daquela era así. Vivíase baixo un certo síndrome da clandestinidade. Este é dos nosos -pensabamos todos ao coñecer a alguén que che daba confianza- e se nos caiamos ben, na próxima vez que coincidises xa te puñas a falar sen máis cerimonias. Con todo, o que si lembro é que empatamos desde o principio, que sempre houbo entre nós unha mutua e recíproca simpatía. Nunca tivemos unha continuada e intensa relación, mais verse e retomar era todo un. E así, a vida foinos dando a oportunidade de nos ir encontrando fragmentariamente.

Cando hai uns cantos anos, bastantes, unha miga contrariado, Alberto abandonou o privilexio do seu piso-estudo da coruñesa rúa Real, amplísimo e céntrico, foi vivir para unha rúa, Costa Rica, dunha zona que xa el frecuentaba moito de sempre: a parte posterior dereita da metade de Juan Flórez. Un pouco máis cara o monte de Santa Margarida, na glorieta de América, estaba "La Cantera", unha pequena tasca, lugar de referencia dos amantes dos viños populares, principalmente do Bierzo, da rexouba e das partidas de cartas. O que quixese dar con Alberto non tiña máis que se achegar aí contra o mediodía a este local. Mais, curiosidades da vida, cando Alberto, forzado polas circunstancias, fixo este traslado domiciliario a súa cantina favorita xa pechara. "La Cantera" tiña moita parroquia, das rúas circundantes pero tamén  doutras zonas da cidade. A sona dos seus callos non desmerecía da do viño. Sempre me chamou a atención a clausura deste negocio, que deixou amolada á súa numerosa clientela. Naquel momento, alguén -se cadra, o propio Alberto- me revelou os motivos do peche, que agora non lembro. Non se tratou, así e todo, da conversión do espazo nun negocio máis próspero, nin de causa especulativa ningunha: pechada a cal e canto, a tasca permanece hoxe co seu aspecto exterior de antano e teño entendido que no seu interior acontece outro tanto.

Así que, desaparecida a taberna onde o viño lle traía á memoria sabores da súa terra, Alberto, que ultimamente tiña certos problemas de mobilidade, paraba agora, cando o tempo non era moi revirado, nos poucos bares da súa mesma rúa. Onde máis se lle podía ver era no que cadra xusto diante do seu portal, o "Rincón Esperanza". Alí botei con el unha boa parrafada, xa non sei se nos derradeiros días do ano pasado ou nos primeiros deste. O noso semellante sentido do humor facía moi fluída e dilingueira a comunicación. Os dous partillabamos un certo sentimento tráxico da vida. Sen dúbida, el tiña, malia que xa afastados no tempo, motivos dabondo. O gusto polo paradoxo, os dobres sentidos, os xogos de palabras, a ironía, presentes sempre nas conversas, eran os luminosos contrapesos da nosa parte máis sombriza e atribulada.

Nese longo parrafeo, que agora inevitablemente contemplo como unha despedida, estivo por momentos presente unha amiga súa, unha desas amigas que se preocupaban por el e o axudaban. Tío Alberto, tío Alberto, cató de todos los vinos, anduvo por mil caminos y atracó de puerto en puerto, cantáballe eu ás veces, unha broma ante a que el, cambiando de terzo, sorría, como recoñecéndose dalgún modo no personaxe da canción de Serrat. O certo é que, unha miga coqueto e de verbo cálido, Alberto era un sedutor. Case sempre non lonxe del había mulleres. E digo case porque tamén lle tocou nalgunha ocasión facer a travesía do deserto.  Amaba ás mulleres e, ao tempo, amolábao o feito de que pasasen a facer parte da súa vida doméstica. Este contigo pero sen ti tróuxolle algunha perda sentimental que non pareceu lamentar moito. Aínda que non sei. Vai ti saber…

Mais, antes de gozar das comodidades de morar no centro da cidade, Alberto, sen deixar de habitar na urbe, viviu como quen di na aldea, empoleirándose no primeiro andar dunha modesta e simpática casa da rúa San Pedro de Mezonzo, entre a Ronda de Nelle e a Avenida de Finisterre. Daquela non había edificio ningún construído por diante (agora só o CIFP Paseo das Pontes) e o que se espallaba ante a súa xanela era talmente unha estampa rural, unha paisaxe sementada de pequenos camiños entre pequenas árbores, ramallos e silveiras, e algún anaco de terra traballada que, co contraste do acueduto pola esquerda (o único elemento que hoxe permanece), se alongaba até a confluencia da rúa do Palomar coa avenida de Finisterre, dúas denominacións toponímicas aínda hoxe inexplicablemente non recuperadas. Resultaba curioso observar como nese anaco de aldea, no que aniñaba unha pequena pero diversa fauna, se daban as manifestacións todas dos cambios estacionais. A Alberto, urbanita de fina estampa, prestábanlle, como a min, estas cousas e a idea e o feito de ter a aldea aos seus pes.

Barcelona foi tamén cidade de acollida de Alberto. Alí viviu antes de todo o até aquí evocado e coido que foi para el un tempo feliz. No seu piso de Consell de Cent, rúa de resonancias históricas situada na chamada “cidade ideal”, concibida nos primeiros anos da segunda metade do S. XIX polo arquitecto Ildefons Cerdá, parei nalgunha ocasión camiño de Menorca. E tamén á volta. Tras dunha xornada doméstica de moita conversa e pouca condumia, a cea, tan copiosa como económica, coa que merecidamente nos agasallamos os dous e as nosas respectivas mozas naquela modesta casa de comidas atestada de persoal heteroxéneo permanece diáfana na lembranza, do mesmo modo que perdura a posterior velada nunha das terrazas das Ramblas, onde o prezo da copa superou abondo o da cea. Desde tan cobizada atalaia, compracidos, puidemos asistir a unha incesante parada, arriba e abaixo, de disfrazados e travestidos, e contemplar a celebración da vida. Andabamos abeirando o ecuador dos 70 e os artistas Ocaña e Nazario iniciaban novos modos de provocación e intervención cultural, no desexo irredutible de encher os escenarios monocromáticos da Ditadura da cor da festa e  a alegría.

Tempo despois, Alberto e máis eu, coa lembranza das nosas mozas no faiado da memoria, evocamos aquela noite simpática na que o colorido das vestimentas, a música e as cancións, se mesturaran coas sereas da policía e mesmo con tiros.

Ignoro que interese poden ter todas estas evocacións. Coido que a Alberto lle prestaría lelas e por iso xa paga a pena telas debullado. Non digo que a Alberto Carpo non lle gustase que a xente lembrase que era un dos grandes pintores contemporáneos galegos, que se formou na ESAM, École Supérieure des Arts Modernes, de Paris, que era un excelente retratista, que a súa obra máis persoal cae de cheo no expresionismo, que o esperpéntico non lle era precisamente alleo, que a muller era un dos seus temas recorrentes, que foi o principal fundador do grupo “A Carón”, que estando máis que integrado en Galicia, nunca renunciou á súa condición de leonés. Mais isto, coido eu, era xa cousa sabida.

luns, 22 de setembro de 2014

Peter von Bagh (1943-2014)

Peter von Bagh e Aki Kaurismäki. Fonte: MSFF.
En agosto de 2005 celebrouse na Coruña un Congreso Europeo de Percepción Visual ao que tiven a oportunidade e o pracer de asistir como parte da creación dun documental de divulgación científica sobre ilusións visuais. Coma en calquera outro congreso, ademais das ponencias e posters houbo oportunidades sobradas para o convivio. Unha noite no Jazz Filloa un neurocientífico finlandés faloume dun festival de cinema que se celebraba no seu país, en Sodankylä, unha vila de menos de nove mil habitantes na Laponia situada 120 kilómetros por riba do Círculo Polar Ártico. O Sol, no verán, non chega a poñerse xamais e por iso o festival, que se celebra no mes de xuño, leva por nome Midnight Sun Film Festival, Festival do Sol de Medianoite. Foi fundado en 1986 por un grupo de directores fineses, entre eles Aki e Mika Kaurismäki, co apoio da Municipalidade de Sodankylä; o obxectivo, presentar unha excitante combinación do vello e o novo, "obras mestras sen idade de cineastas veteranos presentadas a carón dos máis absorbentes filmes contemporáneos", cun espazo de privilexio reservado á proxección de filmes mudos con acompañamento musical en vivo. No sitio web presumen de que o festival "sen ningunha clase de restricións formais" se caracteriza polo seu "amor puro polo cinema". Un amor puro que, unido ás vinte e catro horas diarias de luz que hai nesa altura do ano, deriva en vinte e catro horas diarias de proxeccións: "a hora real é facilmente esquecida dado que o Sol brilla por igual ás 4 a.m. e ás 4 p.m.".

Esa noite tiven primeira noticia de Sodankylä e banda larga mediante -daquela, dito sexa ao paso, non tan larga- non tardei en ampliar información. Esa noite tiven tamén, indirectamente, primeira noticia de Peter von Bagh, director e cofundador do Midnight Sun, tamén director artístico de Il Cinema Ritrovato e ademais notábel historiador e cineasta. O programador Antti Alanen, amigo seu, vén de anunciar a súa morte: faleceu o pasado mércores, 17 de setembro, "rodeado polos seus seres queridos" e "coas botas postas", con novos filmes e libros en marcha. Consciente de que non lle quedaba moito tempo, mais afrontando a recta final con enerxía e humor. No seu derradeiro filme, Sosialismi, que pasou polos "seus" dous festivais mais tamén por Locarno, elabora un moi valioso, sintético e didáctico repaso ao asunto que revela o título e a súa representación no cinema, o xeito en que o cinema retratou a loita de clases, de A corner in wheat de Griffith a Our daily bread de King Vidor e The grapes of wrath de John Ford. E non só eles, por suposto: Chaplin, Joris Ivens, Pudovkin, Rossellini, Pasolini e un longo feixe de imaxes memorábeis desfilan na pantalla para, en palabras de Olaf Möller, mostrar que o socialismo e o cinema son "un só". Un filme sensacional que terá no outono a súa estrea en España, no Festival de Cine Europeo de Sevilla.

Martin Pawley