domingo, 26 de xullo de 2020

Ciencia en igualdade

Por unha ciencia construída en igualdade entre diferentes

Mudaron as formas, mais boa parte da divulgación científica contemporánea segue o padrón de sempre: unha persoa moi lista explícalle cousas a outras que saben menos. Quedou atrás a rixidez e a vestimenta académica e agora o divulgador pode ir en pantalón curto e camisa hawaiana, pon todo o empeño en caer simpático e abre contas en canta rede social colle fama, nomeadamente as que frecuenta a mocidade. Mesmo prodiga o seu verbo nos bares, onda o vulgo, porque o obxectivo é evanxelizar con sermóns científicos. Mais todo iso non deixa de ser o século XIX revestido con tecnoloxía moderna e a obsesión capitalista polo “impacto”, que se mide contando cabezas. Aínda son, no fondo, sacerdotes que baixan dos púlpitos coa misión de captaren fieis.

Está ben, é un labor as máis das veces honesto e valioso. Mais non é o único camiño e quizais non deba ser o principal. Fronte á ciencia que cae do ceo sobre a testa de novos adeptos, quizais conveña fomentarmos unha cultura científica que naza da colaboración entre persoas e entidades de base, feita man con man, como acontece en iniciativas escolares das que en Galiza hai notábeis exemplos, da Axencia NOSA ao Open Science de Cambre. Ciencia construída en igualdade entre diferentes, un modelo que debería practicarse máis tamén entre a poboación adulta.

Martin Pawley. Artigo escrito para o oitavo número do caderno "Aprender", suplemento de investigación e divulgación do Nós Diario coordinado por Susana Rois; 15 de xullo de 2020.

xoves, 16 de xullo de 2020

Rosalía mirando a Rosalía

Acto do 135º cabodano de Rosalía de Castro. Imaxe: Fundación Rosalía de Castro
Unha semana antes de morrer, hai 135 anos, e xa moi enferma, Rosalía de Castro foi pasar uns días a Carril porque quería ver o mar. Non sabemos o que fixo eses días en Carril, mais quero pensar, máis ben afirmo, estou seguro, que ademais de mirar o mar tamén mirou o ceo nocturno. Tivo que ser así porque a noite, daquela necesariamente escura, estivo sempre presente na súa obra. As estrelas, que sinalan o camiño: “Colleume a noite, / noite brillante, / cunha luniña / feita de xaspes, / e fun con ela / camiño adiante, / cas estreliñas / para guiarme, / que aquel camiño / solo elas saben”. Astros innúmeros nun ceo ao que "no se le encuentra fin", onde a Terra, este pequeno mundo que habitamos, "parece un punto en el espacio".  A Lúa, “lámpara hermosa, eternamente hermosa”, que “ós probes lle luz dá”. E o luar, que tingue a terra “con ese color pálido amarillento” e presta ás cabanas e os montes de “cierto tinte fantástico”, como afirma en La Hija del Mar, onde hai noites claras e purísimas, con esa “fría transparencia peculiar a las noches de invierno”, mais tamén noites de verán, serenas, lixeiras e breves, tapizadas de estrelas.

Quen así escribe non fala de oídas. Fala dun ceo que coñece, dun firmamento e dunha noite que foi compañeira de moitas horas ao longo de moitos anos. Non é un firmamento imaxinado, é un firmamento contemplado cos ollos propios, naquela época na que a luz artificial, a contaminación luminosa que corrompe a natureza e a nosa humanidade, non nos roubaba o patrimonio da noite.

E por iso eu imaxino a Rosalía neses días finais mirando o ceo, como con certeza fixo miles de veces antes. E ao mirar o ceo, logo do solpor, en dirección sur, onde culminan as estrelas, nestas primeiras semanas do verán vería a constelación do Serpentario, ao pé de Hércules, non lonxe do triángulo do verán. É fermoso imaxinar a Rosalía mirando o Serpentario naqueles días finais, nesas horas derradeiras, imaxinala mirando ese Serpentario no que está a estrela que agora leva o seu nome.

Desde mediados de decembro o ceo ten unha estrela chamada oficialmente Rosalíadecastro. Foi unha iniciativa que emprendemos nós, os socios e as socias da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, e que contou desde o primeiro momento coa colaboración entusiasta da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Fundación Rosalía de Castro, entidades ás que lles agradecemos moito o seu apoio. Penso, cada vez máis, que ese é o camiño, que entidades diferentes, con intereses e perspectivas diferentes, se axuden mutuamente en favor da cultura. E a ciencia é parte imprescindíbel desa cultura.

Non permitades que vos rouben as estrelas.

Martin Pawley. Discurso (máis ou menos) contado no acto conmemorativo do 135º cabodano de Rosalía de Castro, o 15 de xullo de 2020, na Casa da Matanza (Padrón). 

mércores, 8 de xullo de 2020

Coidarmos o fogar

A Agrupación Ío publica en galego un caderno da IAU que compila ideas esenciais da astronomía

Que precisamos saber sobre astronomía? Que coñecemento do universo debería ter calquera persoa con algunha educación científica? Responder estas preguntas foi o punto de partida para unha longa serie de discusións, obradoiros e intercambios telemáticos por parte dun grupo de membros da Unión Astronómica Internacional, entidade que agrupa a máis de 14 mil astrónomos e astrónomas profesionais. O resultado do seu traballo foi un documento de enorme valor educativo, “Big Ideas in Astronomy”, presentado en maio de 2019, que aspira a servir de ferramenta de alfabetización astronómica. A partir da versión orixinal en inglés, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío emprendeu unha tradución ao galego: o idioma de noso foi o primeiro do mundo que contou coa súa propia versión do texto.

Entre o case centenar de ideas repartidas nos once capítulos do caderno é un desafío destacar algunhas. A humanidade leva mirando o ceo e preguntándose que é todo iso que hai aí fóra desde a antigüidade. Ao longo de miles de anos foi cambiando a nosa visión do cosmos, de forma asombrosa no último século. Hai cen anos a Vía Láctea era todo o universo coñecido; hoxe sabemos que a nosa é apenas unha máis entre centos de miles de millóns de galaxias, cada unha delas con miles de millóns de estrelas, moitas delas, quizais a maioría, con planetas que dan voltas ao seu redor. Hai cen anos non sabiamos ben de que estaban feitas as estrelas; empezamos a entendelo grazas a unha muller excepcional, Cecilia Payne. Despois comprendemos o mecanismo polo que producen enerxía e aprendemos como se forman e como evolucionan. Descubrimos que nas últimas etapas da vida das estrelas se forman boa parte dos elementos químicos, como o calcio dos nosos ósos e o ferro do noso sangue: somos po de estrelas. Nas últimas décadas sorprendémonos coas pistas que sinalaban que todos eses elementos son apenas unha parte mínima dun universo dominado pola materia e a enerxía escura. Un universo que vemos sempre no pasado, pois a radiación que nos permite estudalo tarda un tempo en chegar até nós: un segundo desde a Lúa, oito minutos desde o Sol, dous millóns e medio de anos desde a galaxia veciña, Andrómeda. Un universo ao que lle puxemos idade: 13800 millóns de anos.

Quizais non esteamos sós nese universo. A busca de vida fóra da Terra acaba coma quen di de iniciarse, estimulada pola detección de moléculas orgánicas no medio interestelar e a constatación de que hai organismos capaces de vivir en ambientes realmente extremos. Mais, polo momento, o único planeta no que sabemos que hai vida é a Terra, ese que nos empeñamos en destruír. Velaí a idea máis importante: debemos preservar a Terra, o noso fogar, o noso único fogar.

Martin Pawley. Artigo escrito para o quinto número do caderno "Aprender", suplemento de investigación e divulgación do Nós Diario coordinado por Susana Rois; 24 de xuño de 2020.