O pasado xoves pola noite pasei, camiño da miña casa, pola coruñesa praza de Luís Seoane, onde tiña o seu domicilio Feli Manzano, e tiven un especial recordo para ela. Digo especial porque sabía da súa situación delicada e da súa estadía en Madrid, na compaña da súa filla, Raquel, e de cando en vez a súa imaxe acudíame á cabeza. Ao día seguinte, o venres, 7, chegábame a triste noticia da súa morte.
Foi polos primeiros anos 60 cando Manolo Lourenzo, nos albores da actividade teatral n´A Coruña de posguerra, fixo tres montaxes de Oración, de Fernando Arrabal, nas que eu participei. Realmente, eran a mesma, o único que mudaba era a actriz que facía o papel feminino: Carmen Loureiro, Amparo G. Cores e Feli Manzano. Jorge Trigo e máis eu permanecemos nas tres. Na posta en escena -escena única-, o infanticidio do comezo prescrito polo autor fora substituído, supoño que por motivos de censura, por unha situación erótica cun desenlace inmediato: concluído o lance, o colega da muller, que o presenciara todo, entregáballe un puñal co que esta daba morte ao ocasional amante. Mais achegada á metáfora que ao realismo (non estaban as cousas para o explícito), a solución escénica pasaba por unha casta aperta unha miga alongada para incentivar a imaxinación do espectador. Consumado o crime e afastado o cadáver da vista do público, é dicir, botado para atrás das costas da parella, esta permanecía sentada e daba principio o inventario de paradoxos e perversas inxenuidades:
Home.- Desde hoy seremos buenos y puros.
Muller.- ¿Qué te pasa?
Home.- Digo que desde hoy seremos buenos y puros como los ángeles.
Muller.- ¿Nosotros?
(…)
Así,
deste xeito, de partner de Feli Manzano, logo de ter ensaiado con
Carmen Loureiro e Amparito Gómez Cores, se produciu o comezo da miña
carreira teatral. O comezo e o final. Unha andaina escénica breve pero
intensa, que me deu para aprender de memoria case que todas as
intervencións dos dous personaxes, deitado detrás dos seus intérpretes
no decurso todo da obra. Porque, por se aínda alguén non se decatou, eu
era o morto. Malia ser así, a crítica valoraba o esforzo e o traballo
dos actores: “Ayer en el salón de actos de los Dominicos tuvo lugar la
representación de la obra teatral Oración, de Fernando Arrabal, dirigida
por Manuel Lorenzo. Matizaron muy bien sus papeles Feli Manzano, Jorge
Trigo y Miguel Castelo”, poderá encontrar o esforzado mergullador de
hemeroteca nun dos dous diarios locais da época. Unha época ben
diferente da actual, onde todo era carencia. Tal era así que os ensaios
se facían na casa dos pais de Feli, na metade da Avenida de Finisterre, á
altura de Santa Margarita. Voluntariosa e perseverante, cunha clara e
inequívoca vocación, resultaba ben doado traballar con ela. Eu alí era
un mero observador, pero mesmo na parte que me correspondía o noso
contacto físico producíase de modo natural, sen finximentos e falsos
pudores, comportamento non sempre habitual, e menos naquel tempo.
Posuidora dunha ben dotada voz e unha boa fonética, acabou encontrando o
espazo que lle correspondía dentro do oficio. Non vou falar dos seus
traballos, sobradamente coñecidos. Mais, permítaseme lembrar unha das
súas, para min, mellores intervencións: As muxicas (Carlos Alberto
Alonso, 2002), con Tucho Lagares, o seu home, e a voz do propio Manuel
Lourenzo.Cálida e agarimosa, Feli Manzano deixa un grato recordo en todos cantos a coñecemos. No trato persoal, “Churriño/ña!” era o seu apelativo preferido. Gustaría de saber que o seu obrigado adeus non supuxo para ela sofrimento ningún. Botarémola de menos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario