Sei que pasou a infancia en Moçambique e polo tanto ten unha relación directa co pasado colonial portugués, mais como nace e se desenvolve o seu interese por explorar a memoria e o pouso desa memoria no presente?
A miña interpretación sobre iso foi mudando ao longo do tempo. Houbo unha altura en que me parecía unha cuestión simple e persoal, a procura dunha revelación de todo o que vivira como crianza. Nós non viviamos en Maputo, senón na segunda maior cidade, Beira, que era case un colonato da Rodesia (actual Zimbabwe), un país súper racista até o punto de que as persoas brancas non falaban cos negros nin por teléfono. O meu pai era militar e polo tanto tiña que loitar por Portugal malia ser contrario ao réxime e non contaba moitas cousas da guerra. Pouco e pouco comecei a interesarme pola distancia que se crea entre as persoas nestes sistemas coloniais, ao viviren nun sitio onde unhas non falan coas outras, unhas son subalternas das outras e hai
unha separación abismal nas cuestións culturais.
Como foi a chegada a Moçambique?
Meu pai chegou un pouco antes, mais na práctica marchamos toda a familia ao mesmo tempo, no 1964; nesa época aínda estaba moi incentivada a idea de que se asentasen nas colonias familias enteiras. Até veu connosco a miña avoa, que era unha lisboeta que nunca saíra da Alfama. Nós ficabamos na cidade e o meu pai ía cos outros homes á guerra ao norte de Moçambique, no medio da selva, a máis de dous mil quilómetros de distancia de
onde estabamos.
E de nena viña a Portugal algunha vez?
De vez en cando viñamos, visitabamos a familia e todo iso. Non era propiamente nas vacacións normais, senón durante unha sorte de ferias longas de tres meses que tiñan os militares. O noso sistema de ensino era o das colonias así que os cursos non coincidían aquí e alá no tempo, de xeito que eu tiña que ir tamén á escola en Portugal e iso traía unha maior complicación para min. Mais o meu lugar era Moçambique, as súas praias, a calor, a xente; sentía unha ligazón moito máis profunda con aquela terra (...)
Martin Pawley. Entrevista completa publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 28 de agosto de 2026. As persoas subscritoras poden lelo completo nesta ligazón.







