martes, 12 de xullo de 2016

Grazas, mestre

O falecemento de Abbas Kiarostami a semana pasada deixoume conmocionado. Era, para min, o máis valioso dos cineastas do noso tempo. Hai grandes cineastas vivos cuxa carreira rematou hai décadas, caso de Stanley Donen; outros cunha filmografía fabulosa que (quizais) aínda nos sorprendan con algúns froitos excelsos, coma Godard ou Agnes Vardà, mais tamén Souleymane Cissé. Logo están os xenios plenamente en activo, os que me reafirman ano tras ano na miña paixón polo cinema, dá igual a súa idade, de James Benning e Hou Hsiao-hsien a Deborah Stratman ou Nadav Lapid. Mais Kiarostami era outra cousa. Cada filme del que vin, fose dos novos ou dos vellos, non fixo máis que aumentar a miña admiración. Amei a súa versatilidade e a súa coherencia, a súa grandeza por riba de xéneros e duracións, a súa mirada comprensiva cara ao ser humano, sexa un home con ánimo suicida ou un neno pequeno empeñado en axudar ao seu compañeiro de clase -e o Ahmed de Onde está a casa do amigo? segue a ser o meu heroe preferido de ficción. Foi un shock ver Close-up e foi un shock descubrir, case corenta anos despois de que a fixera, O traxe da voda. Nos últimos dez anos a miña cinefilia saudou con entusiasmo cada nova obra mestra súa. Shirin, Copie conforme, Like someone in love. Nunca vin a Kiarostami en persoa, nin sequera ao lonxe, mais sentín a súa morte coma unha traizón do destino. Kiarostami debíanos varias películas máis. E Peter Hutton tamén.

Hoxe morreu Agustín Fernández Paz. Direino unha vez máis: era un home de ben. Un gran escritor, un gran cinéfilo, un home bo e xeneroso, esa expresión que lle roubamos ao himno e que a ninguén lle acaía tan ben como a el. Tiven dende hai anos, xa non poucos, o privilexio da súa amizade. Do seu cariño, da súa sabedoría, da súa paciencia revolucionaria. Da súa convicción de que o coñecemento nos fai máis libres. Do seu optimismo no futuro, a pesar de todo, porque o sentido do camiño é sempre cara adiante.

Queda o recordo das horas compartidas, as conversas por teléfono, incluso os correos electrónicos, ese eco virtual que fica detrás de todos nós. Queda o moito e bo que escribiches. Mais facíasnos falta ti, Agustín; facíasme falta. Venme á cabeza un diálogo sublime nun dos filmes que máis te marcaron, Ordet. Inger morreu e o sogro intenta consolar ao seu fillo dicíndolle que ela xa non está aquí, que agora está no ceo. O fillo, Mikkel, responde: “si, mais eu tamén amaba o seu corpo”. Hai unha necesidade física da xente que queremos. É xigantesco o rastro que deixaches, a alegría que foi convivir contigo nesta parte do planeta que chamamos Galiza. Mais xa non quedaremos para vernos antes de coller eu o tren en Guixar. Xa nunca falaremos de libros, de filmes, do mundo. Xa non estarás cando te necesite.

Doe a túa ausencia, si. Mais aos poucos sobre esa dor agroma a felicidade e o orgullo de saberme afortunado porque formaches parte da miña vida. E sei que algún día destes tomarei un café co teu irmao Xabier e ao pensar en ti serán máis os risos que as bágoas, porque nos fixeches moi felices. A el máis, durante máis anos, abofé. Foi moita a felicidade, Agustín, e esa felicidade temos que compartila.

Martin Pawley

4 comentarios:

  1. Fermoso texto de despedida/s.
    Aínda que doia a ausencia de Agustín, tes que quedar con iso, que o gozaches e gozaches en vida con el.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  2. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  3. Fermosa despedida que fai mais levadeira a terrible perda! Agora purremos para que a a memoria de Agustín non se esqueza! Grazas Martin por facer público tanto sentimento! Forza!

    ResponderEliminar