sábado, 13 de febreiro de 2010

O estadounidense Ben Russell gaña o festival Punto de Vista

“Hai que facer as cousas duras porque o tempo e a memoria as amolecen”. Díxoo o luns o dúas veces Premio Nacional de Música Agustín González Acilu tras a presentación no Festival Punto de Vista dun documental sobre a súa figura. Non pasa nada se agora algo non se entende, non hai que preocuparse, “xa se comprenderá”, engadía logo, co convencemento de que “o bonito non é o mellor”. A palabra lúcida do músico navarro resume ben as intencións do festival, que por sexto ano explorou o fértil territorio da non ficción para albiscar as tendencias do cinema que virá desde unha actitude de oposición ao pensamento feble e xelatinoso.

A edición que remata hoxe, a primeira de Josetxo Cerdán como director despois da espiñenta substitución do anterior responsábel, Carlos Muguiro, estivo marcada pola presenza en Pamplona do cineasta neoiorquino nado en Kābul Jem Cohen, obxecto dunha completa retrospectiva que chegará tamén ao CGAI nas próximas semanas. Cineasta vocacionalmente underground e urbano, Jem Cohen móvese con intuición entre diferentes formatos e xoga coas texturas da imaxe para crear vídeos musicais, pezas de corte ensaístico e diarios de viaxe cun enfoque íntimo e lírico que non exclúe o posicionamento político e a reflexión filosófica sobre o noso tempo.

Na Sección Oficial a triunfadora foi Let each one go where he may, de Ben Russell, que se alzou co Gran Premio Punto de Vista. O xurado recoñeceu o virtuosismo coreográfico dun filme resolto en trece espectaculares planos-secuencia que seguen a dous irmáns en case permanente movemento polo Surinam actual, un itinerario no que acaba por escoitarse o eco do pasado colonial e escravista. Menos cerebral e artificiosa e en consecuencia máis perdurábel é Sweetgrass, obra mestra de Ilisa Barbash e Lucien Castaing-Taylor que nos trouxo algunhas das imaxes máis fermosas que veremos neste 2010. Ilisa e Lucien rexistraron durante tres veráns o desprazamento dos gandeiros de Montana na procura de pastos para as ovellas e elaboraron con teimuda paciencia unha deslumbrante elexía a un estilo de vida que se extingue. As virtudes deste excelente docu-western foron recompensadas cun merecido Premio do Público. O palmarés complétase cos nomes de Jay Rosenblatt e Antoine Boutet, mencións especiais por The Darkness of Day e Le plein pays; Lluís Escartín, mellor curtametraxe por Amanar Tamasheq; e o extravagante premio á mellor dirección para Javier Fernández, Luis López e Natalia Marín, membros do colectivo Los hijos, polo seu filme Los materiales.

Martin Pawley. Artigo publicado en Xornal de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario