luns, 22 de setembro de 2014

Peter von Bagh (1943-2014)

Peter von Bagh e Aki Kaurismäki. Fonte: MSFF.
En agosto de 2005 celebrouse na Coruña un Congreso Europeo de Percepción Visual ao que tiven a oportunidade e o pracer de asistir como parte da creación dun documental de divulgación científica sobre ilusións visuais. Coma en calquera outro congreso, ademais das ponencias e posters houbo oportunidades sobradas para o convivio. Unha noite no Jazz Filloa un neurocientífico finlandés faloume dun festival de cinema que se celebraba no seu país, en Sodankylä, unha vila de menos de nove mil habitantes na Laponia situada 120 kilómetros por riba do Círculo Polar Ártico. O Sol, no verán, non chega a poñerse xamais e por iso o festival, que se celebra no mes de xuño, leva por nome Midnight Sun Film Festival, Festival do Sol de Medianoite. Foi fundado en 1986 por un grupo de directores fineses, entre eles Aki e Mika Kaurismäki, co apoio da Municipalidade de Sodankylä; o obxectivo, presentar unha excitante combinación do vello e o novo, "obras mestras sen idade de cineastas veteranos presentadas a carón dos máis absorbentes filmes contemporáneos", cun espazo de privilexio reservado á proxección de filmes mudos con acompañamento musical en vivo. No sitio web presumen de que o festival "sen ningunha clase de restricións formais" se caracteriza polo seu "amor puro polo cinema". Un amor puro que, unido ás vinte e catro horas diarias de luz que hai nesa altura do ano, deriva en vinte e catro horas diarias de proxeccións: "a hora real é facilmente esquecida dado que o Sol brilla por igual ás 4 a.m. e ás 4 p.m.".

Esa noite tiven primeira noticia de Sodankylä e banda larga mediante -daquela, dito sexa ao paso, non tan larga- non tardei en ampliar información. Esa noite tiven tamén, indirectamente, primeira noticia de Peter von Bagh, director e cofundador do Midnight Sun, tamén director artístico de Il Cinema Ritrovato e ademais notábel historiador e cineasta. O programador Antti Alanen, amigo seu, vén de anunciar a súa morte: faleceu o pasado mércores, 17 de setembro, "rodeado polos seus seres queridos" e "coas botas postas", con novos filmes e libros en marcha. Consciente de que non lle quedaba moito tempo, mais afrontando a recta final con enerxía e humor. No seu derradeiro filme, Sosialismi, que pasou polos "seus" dous festivais mais tamén por Locarno, elabora un moi valioso, sintético e didáctico repaso ao asunto que revela o título e a súa representación no cinema, o xeito en que o cinema retratou a loita de clases, de A corner in wheat de Griffith a Our daily bread de King Vidor e The grapes of wrath de John Ford. E non só eles, por suposto: Chaplin, Joris Ivens, Pudovkin, Rossellini, Pasolini e un longo feixe de imaxes memorábeis desfilan na pantalla para, en palabras de Olaf Möller, mostrar que o socialismo e o cinema son "un só". Un filme sensacional que terá no outono a súa estrea en España, no Festival de Cine Europeo de Sevilla.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario