sábado, 19 de maio de 2018

XVIII Encontros de Cinema de Viana do Castelo: promovendo a creación da liberdade cinematográfica

por Miguel Castelo

Por décimo oitava vez, Viana do Castelo celebrou os seus Encontros cinematográficos, que fixeron o seu percorrido entre o 2 e o 7 de maio, congregando a un considerable número de persoas nesta capital do norte portugués.

Dúas grandes frontes articulan esta cita anual: a Conferência Internacional de Cinema e Olhares Frontais.  Incorporada con posterioridade ao nacemento dos Encontros de Cinema, a Conferência Internacional de Cinema vén reunindo cada ano por estas datas a un cada vez maior número de estudosos e especialistas  en materia cinematográfica. A esta edición -a sétima- concorreron trinta e catro comunicacións, das cales dezasete foron presentadas no apartado Cinema e Escola e outras tantas dentro de Cinema: Arte, Ciência e Cultura. Tanto na unha como na outra destas vertentes, a maioría de participantes, na súa práctica totalidade mulleres, proveu de Brasil, país onde o sistema educativo dedica desde o ensino primario até a universidade especial atención ao estudo do cinema e a imaxe audiovisual.  

Participación galega 

Galicia tivo así mesmo presenza con catro participacións, tres dentro do segundo e unha no primeiro dos dous apartados: “¿Qué debo mirar?”: vagabundeos terminales por la ciudad y el cine modernos, a cargo de José Manuel López Fernández, profesor de Guión na Facultade de Comunicación de Pontevedra, A Estética do Cru: da Revolução Digital Doméstica ao Cinema Comercial, de Miguel López Calzada, A representación da crise: fisuras, complicidades e rostros do cinema europeo, de Sabela Rei Cao, e Da Literatura ao Cinema: Crónica dunha experiencia didáctica, do autor desta información, respectivamente.

Previamente a este espazo de reflexión e intercambio, que tivo como sede a Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, levouse a cabo a entrega do Prémio Ação04! dentro do Festival de Vídeo Escolar, nas modalidades de ficción e animación, unha convocatoria que ten como principal obxectivo “promover a práctica e a cultura audiovisual no ámbito escolar e está aberta a todos os grupos de alumnos ou Clubs de Cinema das escolas portuguesas do ensino Básico e Secundario.”

Vinte e catro primeiras obras

Pola súa banda, Olhares Frontais, “espazo de encontro e coñecemento entre investigadores, especialistas, profesionais, alumnos e profesores do medio cinematográfico particularmente centrado no cinema documental”, constitúe sempre o apartado de maior proxección pública dos Encontros. O teatro municipal Sá de Miranda, esplendidamente dotado para a actividade audiovisual, concentra en cada sesión un público numeroso entre o que se encontra a maioría dos autores das pezas, ao obxecto de presentalas e responder as cuestións que se susciten ao final das proxeccións. Vinte e catro filmes de curta metraxe realizados por alumnas e alumnos de escolas de cinema de Portugal e Brasil, optaron ao Prémio PrimeirOlhar, que os xurados, tanto o internacional como o de cineclubes, coincidiron en conceder, polos motivos que argumentan nas súas respectivas actas (1, 2), a Vidas Cinzas, de Leonardo Martinelli (Brasil).

Desbordante, provocador, irreverente

Outras películas, fóra de competición, fixeron parte desta fronte do certame: Vira Chudnenko, de Inés Oliveira, Gipsofila, de Margarida Leitão, Mães portuguesas que ficaram sem filhos na guerra, de Lucília Monteiro,  Desencaminharte, de Rui Esperança, e Jet Lag, do pontevedrés Eloy Domínguez Serén, título e autor convidado para a sesión de clausura, obras de moi diversas metraxes, ofreceron temáticas e resultados cualitativos moi diferentes. Con maior unanimidade foi recibido O Homem-Pykante - Diálogos kom Pimenta, de Edgar Péra; desde a subxectividade deste cronista, o título de maior interese dentro desta sección non competitiva. Un agudo e estimulante retrato do singular vate portugués Alberto Pimenta, no que este, entre poemas e consideracións diversas, mostra o seu desbordante enxeño, o seu provocador e irreverente sentido do humor  -da ironía ao sarcasmo-, a súa condición de espléndido rapsoda, a súa madeira de actor e o seu dominio da posta en escena; imaxes e sons especificamente elaborados para o filme e que organizados nun paciente e meditado traballo de montaxe con fragmentos diversos procedentes doutras situacións protagonizadas polo escritor, dan lugar a un suxestivo discurso ao que colabora un non menos excelente labor de posprodución, tanto no ámbito do visual como do sonoro. Un filme orixinal e intelixente co que os amantes da literatura e a palabra, do efecto revelador do paradoxo e provistos da vocación de encontrar o(s) sentido(s) da vida gozarán grandemente.

Teoría e reflexión

Entre outras actividades relacionadas co ámbito da teoría e a reflexión, que completaron a proposta deste ano de Olhares Frontais, levaron a cabo as denominadas “masterclass” (expresión saxona que se coou con éxito en áreas lingüísticas alleas) Estruturas narrativas, guionista como cineasta, da profesora brasileira Glaucia Davino, e O cinema iraniano e Abbas Kiarostami (Do plano geral a um close-up), impartida polo profesor da Escola Superior de Tecnologia de Abrantes e dirixente do cineclube da mesma localidade, Carlos Coelho, cun nivel moi superior ao da primeira.

Desta maneira, con algunha que outra cousa a maiores, no decurso de sete xornadas, un ano máis se cumpriu o obxectivo de “relacionar ideas e promover a liberdade efectiva da criação cinematográfica que, desde hai dezaoito, vén propondo AO NORTE, Associação de Produção e Animação Audiovisual, quen, coa participación económica da Cámara Municipal de Viana, se encarga de programar e pór na palestra e a pantalla estes Encontros dedicados, no máis amplo sentido da palabra, ao mundo da imaxe.