por Miguel Castelo
Entre as persoas para min fundamentais está Manuel Lourenzo. Coñecino na primeira metade dos anos 60, ao pouco de ter chegado el de Alemaña, da súa experiencia laboral diversa de emigrante, onde, alén duns notábeis coñecementos da lingua xermana, traía a descuberta de Bertold Brecht e o amor polo teatro, se cadra xa intuído nas cerimonias relixiosas da infancia e a adolescencia no seu Valadouro natal. Non sei se xa el levara consigo os estudos de maxisterio feitos ou foi á volta cando os fixo. Dunha ou doutra maneira, foron precisamente os seus compañeiros da Normal -unha das tres institucións docentes de grao medio existentes daquela na Coruña; Náutica e Comercio eran as outras, mentres a única Universidade galega era a de Compostela-, Xan Cejudo e Alfredo Ferreiro, con quen eu tiña trato, os que me levaron a el. O teatro, a literatura e outros asuntos da cultura eran as preocupacións de todos eles, e acabaron por seren as miñas. Eran estes os primeiros tempos do teatro coruñés, daquela aínda en castelán. As seccionadas carpas esféricas xémeas instaladas diante do Concello, por mor do enxeño popular coñecidas como “as tetas de María Pita”, acolleron no interior das súas ubres, no marco dun festival, algunhas das tentativas escénicas de Manolo e outras que chegaban de fóra. Logo, viría a organización colexiada do Festival Internacional de Teatro, no auditorio de Caixa Galicia da Ronda de Nelle, e os ensaios nun baixo da Falperra, cedido polo pai doutro Manolo, Manuel Varela. Neste local apañaron corpo, baixo a divisa Teatro Circo, As tres irmás parvas, Romaría ás Covas do Demo e Crónica do Sol de Inverno, as primeiras pezas, entre o Prometeo e as posteriores montaxes de Oración, nas que eu facía vulto. E máis adiante, xa nos 80, a creación da Compañía Luis Seoane e súa sala estable. Toda unha cumprida andaina de quen, uns anos máis tarde, recibiría o Premio Nacional de Literatura Dramática e o Premio Nacional de Artes Escénicas. Non me esquezo tampouco dos requerimentos da televisión e o cinema: Mareas Vivas, Entre bateas e Fariña.
![]() |
Manuel Lourenzo. Fotografía: Santos-Díez (Ollo de vidro-ACAB). Fonte: Nós Diario. |
Todo permanece claro na miña memoria, como se onte acontecese, malia que se cadra non foi exactamente así. As acampadas en Cecebre e no Portiño, con algúns dos teus alumnos do pequeno centro escolar creado co teu amigo Rogelio López Cardalda, no bairro da Sagrada Familia; as conversas na librería do teu pai na encosta da Unión; aquel magnetófono de fita 3/4 que compraramos a medias; as estadías estivais na túa ben rehabilitada casa de Vilaúde; os animados xantares do teu domicilio coruñés con Monserrat Modia, a nai dos teus fillos, Cilha e Brandán, e eficaz produtora e distribuidora das túas creacións; as representacións e debates de Casa Hamlet, espazo creado co teu socio Santiago Fernández... E as máis recentes tertulias na túa mesa do café no canto das rúas Federico Tapia e Menéndez Pelayo. Todo está presente na miña cabeza. Que enorme importancia teñen as primeiras amizades e compañías da vida. Moitas grazas, Manolo, por teres comparecido na miña a tempo. Obrigado, amigo, por todo o turbillón de instantes inesquecíbeis de felicidade e estímulo que me deixas para acompañamento dos meus días.
Ningún comentario:
Publicar un comentario