Nos seus primeiros cinco anos de vida o Festival Internacional Punto de Vista de Navarra consolidou un prestixio a estas alturas innegábel que o converte nunha das principais referencias europeas no ámbito do documental de creación. Grazas a Punto de Vista Pamplona é cada mes de febreiro un territorio de descubrimento, un lugar onde achegarse a directores que non coñecíamos, onde reivindicar autores excepcionais ignorados polo sistema. O seu interese pola periferia do cinema, polos espazos menos visitados e máis audaces, derivou na creación dunha sección específica, La Región Central, quizá o único apartado verdadeiramente imprescindíbel do calendario español de festivais. Este ano ofreceunos un froito sublime que fixo por si só que ir a Pamplona pagase a pena: Lunch break de Sharon Lockhart, un dos fitos polos que recordaremos este 2009. O filme retrata os traballadores dun asteleiro en Maine durante a hora da comida, cunha cámara que avanza ao longo dun corredor para amosarnos os obreiros mentres comen, falan, len ou dormen. Sharon Lockhart ralentizou esas imaxes e transformou os once minutos de descanso en oitenta, producindo un efecto hipnótico reforzado polo soundtrack creado por Becky Allen e James Benning, coas voces orixinais a se mesturaren con ruídos industriais e outros sons cun resultado abraiante.
A audaz aposta do comité de selección para configurar unha Sección Oficial modélica non sempre se ve reflectida no palmarés final, que este ano deixou fóra a obra mestra de Hartmut Bitomsky Staub (Dust), documental de incríbel riqueza que sabe tecer un discurso ao mesmo tempo enciclopédico, ético e poético. A gañadora foi Alicia en el país de Esteban Larrain, que reconstrúe un insólito feito real: a viaxe dunha nena quechua desde a súa vila no sur de Bolivia até San Pedro de Atacama en Chile, 180 kilómetros camiñados na procura de traballo. Completan o palmarés Olivier Dury, premio á mellor dirección por Mirages; Gyula Nemes, mellor curta con Lost world, e Intimidades de Shakespeare y Victor Hugo de Yulene Olaizola, proxectada en novembro en Cineuropa, que recibiu unha mención especial e ademais o premio do público.
Alén da estimulante presenza de Barbara Hammer, que presentou A horse is not a metaphor, un traballo honesto que recrea con valentía e lirismo o seu proceso de recuperación dun cancro, o indiscutíbel protagonista desta edición do festival foi o director James Benning, que non quixo perder ningunha das súas aulas en CalArts e optou por un percorrido exprés que en só cinco días o levou por Pamplona e A Coruña indo e volvendo desde Los Angeles. O cansazo acumulado limitou a actividade do xenio de Milwaukee, que tivo a súa cita principal na conferencia que impartiu o luns pola mañá na Biblioteca da Universidade da Navarra, nunha aula presidida por un crucifixo. Máis que dar unha palestra en sentido estrito o que fixo foi explorar a través dunha charla informal os territorios e personaxes que inspiran a súa vida e creación artística. Comezou amosando vía Google Maps o seu Milwaukee natal e logo Hot Springs, en California, onde actualmente reside. Falou da reprodución da cabaña de Thoreau que ten alá e das pinturas coas que a decorou, que encaixan dentro do xénero chamado -ás veces de maneira despectiva- “folk-art”; copias de obras do pintor autodidacta e ex-escravo Bill Traylor, do tamén afroamericano Mose Tolliver ou do moi prolífico Howard Finster. A carón desa cabaña construiu logo outra idéntica á que fixera Ted Kaczynski “Unabomber”, inspirada á súa vez na de Walden Pond, e explicou como os dous edificios acabaron por ser unha metáfora do pensamento que constrúe e o pensamento que destrúe, unha instalación artística no medio da natureza que representa o mellor e o peor do ser humano.
Foi no turno de preguntas cando se falou máis especificamente de cinema, da duración dos seus planos ou do papel da montaxe. Respondeu con serenidade e deixou boa impresión, mais tamén resultou evidente que non é a clase de persoa que disfruta teorizando sobre a súa obra e prefere que sexan os seus filmes os que falen por el. Cento por cento americano no mellor sentido (o de Thoreau, Mark Twain ou Walt Whitman), James Benning é unha persoa amábel e cordial, un home comprometido, independente e solitario que fica á marxe de calquera clase de etiquetas, tamén as ideolóxicas.
Martin Pawley. Publicado o sábado 21 de febreiro en Nós, suplemento de cultura do Xornal de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario