Amosando publicacións coa etiqueta Xabier P. Docampo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xabier P. Docampo. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de abril de 2026

Grazas, mestre (epílogo) ou Eloxio da empatía

Book of Days (Meredith Monk, 1988)

Xabier, irmao,

Nunca darías imaxinado as cousas que pasaron nos últimos oito anos. Empezando pola pandemia da COVID-19, aquel argumento de ciencia ficción distópica que se fixo realidade para parar o mundo. Non tendo persoas de risco na miña contorna, recoñezo que vivín aquela paréntese forzada con tranquilidade, mesmo con certa despreocupación, aceptando que había de pasar o que tivera que pasar, mais tamén coa curiosidade de saber cales serían as consecuencias daquela experiencia social global. Como por unha vez o tempo non faltaba, aproveitei para ver e rever filmes moi longos, Shoah de Claude Lanzmann, A Comuna de Peter Watkins, a saga Heimat de Edgar Reitz. Tamén os filmes que trataron dende os inicios a outra pandemia das nosas vidas, a SIDA, dende a obra mestra pioneira Buddies de Arthur J. Bressan Jr. até o impresionante relato sobre a estupidez destrutiva do fanatismo e a intolerancia que é Book of Days de Meredith Monk, unha das películas que teño por favoritas.

Faltábame inxenuidade para crer que despois daqueles meses de reclusión obrigatoria, daqueles meses para aprendermos e para pensarmos, ía emerxer espontaneamente unha sociedade mellor; mais estaba convencido de que aquel silencio e aquela calma, que mesmo nos fixeron redescubrir a fauna que segue aí, á volta das nosas vilas e cidades á espera de que lles deixemos sitio, podían servir para reflexionarmos sobre os estragos sociais e ambientais do noso modelo económico, sobre a destrución acelerada da natureza e da vida no planeta que nos acolle.

Non pasou tal. Dáme moita pena dicirche que o mundo de hoxe, o mundo que xa non coñeciches, é aínda peor, moito peor, que aquel de 2018 en que nos deixaches sós. Din as enquisas que agora no estado español de cada cinco veciñas e veciños, unha delas vota ou quere votar ultradereita. E si, sei que fascistas hóuboos sempre. Sei ben que a morte do ditador non os converteu a todos maxicamente en demócratas, esta tarde fáloche dende Vilalba onde aínda se lle manteñen honras a un dos membros máis ilustres da ditadura, e de feito este auditorio se chama como se chama. Mais o problema hoxe é que o fascismo exponse farruco e sen complexos para golsar os seus discursos de odio. Non é só cousa de aquí. A internacional do desprezo e a desigualdade foise estendendo dunha maneira estarrecedora. Nunca imaxinarías quen chegou a gobernar Brasil de 2019 a 2022. Nunca imaxinarías quen goberna hoxe Arxentina, ou quen goberna hoxe Chile, todos eles elixidos lexitimamente polo voto popular. Nunca imaxinarías quen e como goberna por segunda vez os Estados Unidos de América. Quen goberna Israel si o imaxinarías, porque é o mesmo.

Sei que sentirías un noxo infinito ao ver a diario na televisión a destrución consciente de Gaza por parte da barbarie sionista. Pola nosa incapacidade para poñerlle freo a un xenocidio retransmitido en tempo real. Para poñerlle freo ao que está pasando no Líbano e en Irán. A nosa incapacidade para ver e apoiar a loita activa e xusta do pobo saharauí, do pobo kurdo, de todas as nacións sen recoñecemento nin estado.

Vivimos nun momento histórico no que un presidente ameaza con destruír unha civilización enteira nunha noite e di tal cousa con fachenda, como se fose un motivo de satisfacción ese de ser quen de varrer un país en poucas horas. Que clase de cerebro constrúe esas frases?

É un tempo de barullo e confusión, de mensaxes crueis que se manifestan sen disimulo facendo que medre e medre a nosa tolerancia ante a brutalidade. Facendo que aceptemos que a vella orde morreu, que non hai límites para a desorde, que todo o mal que pode suceder, sucederá. O que non hai tanto nos doía e nos avergonzaba agora é apenas un ruídiño de fondo. Que maten crianzas aquí e acolá mentres pasamos unha tras outra as imaxes sen fin da pantalla do móbil. Vivimos incomunicados polas tecnoloxías da comunicación, pechados en burbullas de atención e desexo. O soma que imaxinou Aldous Huxley resultou ser a colección de imaxes e mensaxes banais que circulan a través das redes sociais e as plataformas de mensaxaría. O soma que consegue manternos durmidos mentres estamos espertos.

Onte á noite falei co mestre Salva Bará, o meu sensei. Como se rompe esta dinámica aniquiladora?, pregunteille. En última instancia, díxome, o que o explica todo, a chave das noces, é a falta de empatía. O desinterese por quen está enfronte, ou ao noso carón. O mal reside na ausencia de empatía, escribiu o psicólogo estadounidense Gustave Mark Gilbert logo de asistir aos xuízos de Nuremberg. É a ausencia de empatía a que lle permite á humanidade, ou á inhumanidade, asentar unha sociedade na escravitude, dar por bo un exterminio, consentir calquera forma de opresión (ou de prisión). Para loitar contra iso precisamos cultura, precisamos ciencia, precisamos, en suma, coñecemento, mais precisamos, sobre todo, cariño. Precisamos referentes que nos guíen nese camiño de recoñecemento e aceptación da diversidade, na recuperación das vellas palabras: solidariedade, igualdade, liberdade. Precisamos referentes como fuches ti, como foi o teu irmao Agustín, que nos aprendan a comprender e amar o mundo. A través dos vosos libros, aos que lles debemos máis coidado, da vosa palabra, das vosas inquebrantábeis conviccións, da vosa defensa do país e da lingua que nos fai país, da vosa defensa do ben común. Da vosa condición, como escribiu Manuel Bragado, de diamantes morais. Seguides facéndonos moita falta. Seguimos necesitándovos como compás, como faro ético e de dignidade.

O tempo fíxome oito anos máis vello e oito anos máis repunante. Acabóuseme a paciencia para a xente que só conxuga os verbos en primeira persoa do singular: eu son, eu quero, eu mando, eu teño, eu compro. Nesta altura da miña vida, as formas verbais que me interesan son as que levan implícito o pronome “nós”. As formas verbais que favorecen o diálogo e celebran as diferenzas porque delas nacen novas ideas, as que nos irmandan, as que non exclúen. Leamos. Pensemos. Falemos. Amemos.

Repitamos, xa que logo, esas palabras: solidariedade, igualdade, liberdade, empatía.

Martin Pawley. Texto lido o 11 de abril de 2026 na Polavila Docampo celebrada en Vilalba. Poden lerse neste mesmo blog as anotacións Grazas, mestre e Grazas, mestre (e 2) ou Eloxio da conversa

sábado, 1 de xuño de 2024

La fuerza de nuestro amor no puede ser inútil

En muchas obras fundamentales de la literatura gallega hay sitio para el paisaje y la cultura de la noche.

* * *

Casa da Matanza, Padrón. Imaxe: Merce Ares, Fundación Rosalía de Castro.

Desde 1963 cada 17 de mayo se celebra en mi país el «Día das Letras Galegas», que cada año rinde homenaje a una figura literaria ya fallecida. La idea de impulsar una jornada dedicada a honrar los libros surgió asociada al centenario de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, obra fundamental de nuestro renacimiento cultural. A falta de conocer la fecha exacta de su salida de imprenta se tomó como referencia la que la autora escogió para la dedicatoria a Fernán Caballero que inicia el libro, ese 17 de mayo de 1863 en el que su esposo Manuel Murguía cumplía treinta años.

En 2024 el «Día das Letras» se le dedicó a Luísa Villalta, que escribió ensayo, teatro y narrativa –sublime es su novela As chaves do tempo–, aunque es más conocida por su poesía, muy vinculada a su ciudad, A Coruña, «tatuada na pétrea pel do mar». «De novo as estrelas meten-se nos bares abertos até o horizonte da madrugada», leemos en Ruído. Y en En concreto, «Demasiada luz para esta noite / demasiados mecanismos entre as mans», versos que riman con aquellos de Rosalía en Follas novas: «Luz e progreso en todas partes..., pero / as dudas nos corazós».

Siendo la gallega una sociedad tradicionalmente ligada a la naturaleza, no es extraño que no sean pocas las referencias literarias a los paisajes y la cultura de la noche. «E o faro estraviado / daba o S.O.S. / n-o morse / –clave Orión– / das estrelas», escribió Manuel Antonio en De catro a catro (1928), joya inmortal siempre en vanguardia. Manuel María, patriarca de la Terra Cha, envió una hermosa carta a las estrellas, «rosas de luz na noite escura». Anxo Angueira evoca en Palmeiras, piueiros las «cen lúas de Xúpiter» o los «asubíos do Serpentario». Xabier P. Do Campo incluyó no poder mirar las estrellas entre su lista de miedos en Cando petan na porta pola noite. Y en A viaxe de Gagarin, novela mayor de Agustín Fernández Paz, la fascinación por el espacio marca la infancia y adolescencia del protagonista (Xabier, Agustín: para quien esto escribe, amigos, maestros, irmaos).

Los ejemplos son abundantes en la propia Rosalía, que nació bajo una «roxa estrela» (el planeta Marte) y cantó la anchura sin límites del cielo y a las estrellas que guían el camino o sonríen mientras contemplan los amores que florecen. Antes, Xoan Manuel Pintos dejó huella en su poesía del paso espectacular del cometa Donati en 1858. Otro contemporáneo, Eduardo Pondal, alabó al «fulgente Sirius» e hizo del «prácido luar» una parte esencial de Galicia junto a los árboles (los rumorosos pinos) y la «costa verdecente», un triunvirato natural de cielo, tierra y mar que abre el poema que se convirtió en nuestro himno. Paisajes, los tres, hoy amenazados por la codicia sin límites y cuya defensa es, digámoslo una vez más, irrenunciable: sin ellos nada somos. En palabras de otro grande, Uxío Novoneyra, poeta de O Courel, la fuerza de nuestro amor no puede ser inútil.

Martin Pawley. Artigo publicado na sección "La noche es necesaria" da Revista Astronomía, número 300, xuño de 2024. 

martes, 9 de abril de 2024

Xabier e Agustín, cinéfilos

Como era verde o meu val (John Ford, 1941)

En 1969 a desaparecida editorial Magisterio Español publicou na colección "Novelas y Cuentos" o libro Entrevistas con directores de cine, ao coidado de Andrew Sarris, que compilaba conversas aparecidas orixinalmente en diversos medios (Cahiers du Cinéma, Movie ou Sight and Sound, entre outros) cunha serie de cineastas fundamentais: Antonioni, Bergman, Bresson, Buñuel, Chaplin, Eisenstein, Fellini, Ford, Godard, Hitchcock, Lang, Losey, Ray (Nicholas), Pasolini, Renoir, Resnais, Rossellini, Truffaut e Welles. Todos homes, si (e ningún asiático ou africano), mais con certeza unha listaxe representativa do que a cultura daquel tempo podía considerar un canon. Foi entón que adquiriu o libro na Coruña un cinéfilo chamado Xabier Puente Docampo. O mesmo fixo en Barcelona un mozo vilalbés, Agustín Fernández Paz, e sabemos a data exacta, o 2 de maio de 1970. Eses dous exemplares, asinados cada un polo seu propietario primeiro, son agora un dos maiores tesouros da miña biblioteca. Prodúceme un sorriso reparar en como, nunha altura en que eles dous non se coñecían -para iso aínda habían pasar uns anos, cando Agustín, logo de voltar a Galiza para facerse mestre, tivo a Docampo como titor de prácticas-, había xa un fío invisíbel que os unía. Era só cuestión de tempo que o destino os puxera en contacto e esa paixón común, entre outras moitas, alimentara o inicio dunha fermosa amizade.

Non hai na literatura galega escritores cuxo amor polo cinema se manifeste, na vida e na obra, de forma máis explícita. Logo do descubrimento das películas na nenez, o impacto da versión d'A illa do tesouro de Byron Haskin nun pequecho Agustín, ou a revelación que tivo Xabier con O ladrón de bicicletas de Vittorio de Sica de que os filmes, traten o que traten, falan sempre de nós, veu despois o exercicio sistemático e consciente de "ir ao cinema" e da lectura das revistas sobre a materia. Os exemplares de Film Ideal que Fernández Paz devoraba na Laboral de Xixón ou os de Nuestro Cine que logo mercou. Mentres viviu na capital catalá tiña acceso, a través das salas de arte e ensaio e os cineclubs, a filmes noutras cidades impensábeis, tamén a posibilidade da versión orixinal. Na súa xuventude coruñesa, Xabier ía ás salas na compaña do seu amigo Tuto, o actor Tuto Vázquez, quen gardaba os billetes e nun só ano xuntou máis de 300.

O seu entusiasmo acabou por facerse presente na escrita. De maneira máis abundante no caso de Agustín, que xa en 1995 deixou mostra elocuente del no libro Amor dos quince anos, Marilyn, e en particular no conto homónimo, emocionada homenaxe ás salas que van pechando por medio dunha colección de estrelas ligadas polo recordo das miles de horas sentado nunha butaca, de Anna Magnani a Liv Ullmann, da adorada Stéphane Audran ao impoñente Orson Welles. O autor confesouse no prólogo ao volume: non sería quen é sen películas como As uvas da ira, Paixón, António das Mortes, Jules e Jim ou Grupo salvaxe. Tampouco sen Ordet de Dreyer, Días do ceo de Malick, O sabor das cereixas de Kiarostami ou O festín de Babette de Gabriel Axel, adaptación do relato de Karen Blixen da que se apropiou, para sempre, dun diálogo inesquecíbel, cando, despois de gozar dunha cea excepcional, as anciás irmás dinamarquesas descobren que a cociñeira gastou todo o que tiña en preparar ese menú único. "Agora serás pobre o resto da túa vida", pregúntanlle con pena, ao que Babette responde "Unha artista nunca é pobre".

Aínda houbo un segundo e espléndido tributo á sala escura e ás criaturas que as poboan, Fantasmas de luz, e moitas outras referencias aquí e acolá, incluídas as non poucas recomendacións que nos deixou no seu blog, Un lector, ou nos textos cos que acompañou a publicación d'A viaxe de Gagarin. A cinefilia de Xabier, non precisamente oculta na súa achega ao xénero negro A chave das noces ou mesmo en obras de estirpe tan literaria coma O libro das viaxes imaxinarias ou A illa de todas as illas, pois é imposíbel liberarse dos millóns de fotogramas felizmente acumulados na memoria, encontrou a súa expresión definitiva na novela última, A nena do abrigo de astracán. Novela que fai das películas un abrigo que a nena protagonista encontra contra a crueza da Galiza da posguerra, contra a barbarie do mal que se estende e normaliza ante os ollos adultos que fan como que non ven. O cinema como espazo para as emocións, para a risa e para o medo, para experimentarmos o pracer de chorar a gusto, mais, sobre todo, para aprendermos o mundo, para entendermos quen somos.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario, 9 de abril de 2024, terza feira.

luns, 1 de abril de 2024

Xabier P. DoCampo na memoria

Ademais de mestre, escritor, contacontos e un incansábel promotor da lingua e a cultura galega e da lectura, Xabier P. DoCampo foi un gran cinéfilo, un deses que non sería quen de contar as horas que na súa vida pasou na escuridade dunha sala. Esta paixón fíxose explícita n’A nena do abrigo de astracán (2018), estruturada en sete capítulos con títulos de películas clásicas, as sete que a nena protagonista ve nas sesións dos domingos e lle serven de refuxio e de aprendizaxe fronte as miserias e crueldades da Galiza da posguerra. Para ela, igual ca para o autor, o cinema é unha xanela ao mundo, mais o cinema, o mellor cinema, fala sempre de nós: axúdanos a entender o que pasa fóra e o que nos pasa por dentro, a comprender e a comprendérmonos. É unha xanela, mais tamén é un espello.

Nunha homenaxe ao autor chairego, pois, o cinema non pode non estar presente. Abre o ciclo A cinta branca de Michael Haneke, que tanto lle gustou e que, no seu estudo das raíces do mal, conecta ben coa que foi a súa novela derradeira. Despois desta, O novato de Rudi Rosenberg, que nunha fermosa recensión Xabier defendeu como “un canto a todos aqueles que, por enriba da taxonomía social que atribúe posicións preasignadas no grupo, recoñécense na súa singularidade e fan dela un camiño de vida, un vieiro cara á felicidade persoal que ten moito que ver cunha certa acracia que debía ser predicada como xeito de vida nos centros escolares”. Admirador como era de Nanni Moretti, é indubidábel o moito que lle había gustar a exultante O sol do futuro, e máis aínda o seu colofón, a revolución da esperanza en forma de desfile festivo. A xeito de peche, Onde está a casa do meu amigo? de Abbas Kiarostami, unha obra maior dun cineasta, tamén para Xabier, de referencia.

Martin Pawley. O programa do ciclo "Xabier P. DoCampo na memoria" pode consultarse no blog Polavila Docampo.

luns, 1 de xuño de 2020

O pintor cego

Logo da primeira das moitas lecturas que merecerá O pintor cego (Kalandraka, 2020), o derradeiro libro que iniciaron como parella creativa Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas, dou en pensar no moito que lle gustaría a Xabier Portrait de la jeune fille en feu de Céline Sciamma. Ambientado a finais do século XVIII, o filme trata dunha pintora, Marianne, que recibe a encarga de retratar unha muller antes do matrimonio concertado desta cun home que non coñece. A encomenda, que a obriga a desprazarse a un lugar illado na Bretaña, presenta unha dificultade adicional: a muller, Héloïse, non desexa ser retratada porque non quere casar, así que a pintora deberá facer o seu traballo en segredo, acompañala nos seus paseos diarios e pouco a pouco ir memorizando o seu rostro e o seu corpo. A película convértese axiña nun ensaio sobre a mirada, sobre a elaboración do obxecto artístico como construción dunha persoa que, para crealo, debe facelo seu, ver máis aló do superficial para achar a súa singularidade, para dar coa beleza. Por esa razón será destruída a primeira versión do cadro, non por unha cuestión de falta de oficio nin de técnica, senón porque non recolle a esencia da protagonista do mesmo, isto é, non estivo ben mirada. Despois diso, Héloïse accede finalmente a posar. Nun momento especialmente memorábel, Marianne enuncia os xestos, os tics, de Héloïse, e dille algo así como que os coñece ben porque para executar o seu traballo leva días esculcándoa con atención. Héloïse responde que, como modelo, ela tamén está a escrutar a pintora mentres traballa: a ollada sinala unha dirección con dous sentidos. O amor que nace entre as dúas mulleres é tamén o resultado dese descubrimento, o resultado de construír a imaxe da outra, do outro. Portrait de la jeune fille en feu é un filme belísimo, un deses no que non hai un plano que non sexa perfecto, cunha fotografía impresionante, máis unha vez, de Claire Mathon, co lume e as candeas deitando luz sobre a pel humana, sobre as paredes, sobre os vestidos. Un filme que non berra, no que se escoita o riscar do pincel contra o lenzo e o estralo das faíscas máis as voces de dúas actrices colosais, Noémie Merlant e Adèle Haenel. Podo imaxinar perfectamente a conversa que eu tería con Xabier sobre este filme. Podo imaxinarme con el, diante dun café nalgún bar do noso barrio da Coruña, debullando o filme igual que antes fixemos con The Tree of Life de Malick ou, o último de todos, Phantom Thread de Paul Thomas Anderson.


O pintor cego tamén é -na miña opinión, sobre todo- un ensaio sobre a mirada. A mirada da que nace a arte e a mirada da que nace o amor. O pintor do conto ten sona porque “é quen de tirar dos retratados a verdade do seu ser”. É quen de ver o que outros non ven, porque non miran abondo. O pintor debe facer un cadro dunha raíña e o primeiro día senta diante dela a contemplala durante horas. E igual o día seguinte, e os que veñen despois. Explícalle ao rei que non pode empezar a pintala até atinxir e facer súa a beleza da raíña. Antes dunha man destra, a arte precisa un cerebro que a inicie. O cadro debe existir primeiro na cabeza do pintor antes de empezar a distinguirse sobre a tea. Na súa feitura final, o retrato da raíña pode ter forma de música, mais iso é apenas a maneira na que se comunica aos demais: o retrato existiu primeiro na imaxinación do artista. O retrato é a impresión que da raíña quedou nel.

A morte prematura de Xabier fixo que o libro percorrera un camiño diferente das colaboracións anteriores entre o escritor e o ilustrador. Xabier e Cobas traballaban man con man, nunha influencia mutua permanente pola cal o texto ía dando forma ás imaxes mais estas facían logo que o texto cambiase. Desas idas e voltas naceron libros de inmensa fermosura, fitos da edición galega como Bolboretas, O libro das viaxes imaxinarias ou A illa de todas as illas. N’O pintor cego, o treito final do camiño Cobas houbo de percorrelo só. Partía dun texto xa moi sólido, mais non era posíbel o diálogo enriquecedor. Do desafío, aínda máis emocional ca artístico, agromou un froito prodixioso, coherente coa traxectoria previa. A grande cultura artística de Cobas converte O pintor cego nun fabuloso cóctel de referencias pictóricas, unhas explícitas (Arnold Böcklin), outras evidentes, a maioría máis sutís, desde o quattrocento italiano até Yves Klein e Luis Feito. Un colofón marabilloso a máis de trinta anos de fértil parzaría.

Martin Pawley

venres, 13 de xullo de 2018

Grazas, mestre (e 2) ou Eloxio da conversa

How Green Was My Valley (John Ford, 1941)

Xabier P. DoCampo (1946-2018) foi bo e xeneroso. Foi un patriota no sentido clásico, defensor apaixonado do seu país e da súa lingua, sempre disposto a calquera esforzo en favor do que consideraba xusto, sempre con azos para vencer o conformismo, sempre libre. Un deses optimistas da vontade que podería ter como lema “por min que non quede”, que é sempre máis útil para a humanidade que o paralizante “xa cho dicía eu”. Un diamante moral, no atinado sintagma que lle adxudicou Manuel Bragado a Agustín e a Xabier.

Xabier foi un grandísimo escritor. Non “tamén”, nin “ademais”; foi esencialmente escritor, un dos mellores entre os nosos. Aí quedan Bolboretas e O libro das viaxes imaxinarias, as Catro cartas, A chave das noces, Cando petan na porta pola noite ou A nena do abrigo de astracán. E antes que escritor, foi lector. Non se chega a escritor sabio se non se é antes lector sabio.

Todo iso xa o sabedes. Deixemos, pois, a terceira persoa das necrolóxicas e as enciclopedias.

Podo precisar con exactitude cando foi a primeira vez que eu falei con Xabier. Foi o domingo 21 de marzo de 1999, pola mañá na libraría do Suso, Azeta. Sei ben a data porque unhas horas despois tiña lugar a cerimonia dos Oscars e esa foi a escusa da nosa primeira conversa. O asunto, na verdade, non eran os Oscars senón a escasa simpatía que tiñamos os dous por La vita è bella de Roberto Benigni, e a absoluta admiración que sentiamos, porén, por A delgada liña vermella de Terrence Malick. É curioso que fose Malick un punto de unión, pois Malick, ou polo menos a película del que máis amo, A árbore da vida, ficará sempre asociada para min a unha correspondencia que crucei con Agustín e Xabier.

A esa primeira conversa sucedéronlle outras, máis ou menos casuais. E non tardaron en deixar de ser casuais para se tornaren xuntanzas deliberadas, con pauta horaria, arredor das 11 da mañá dos domingos na mesma libraría do Suso,  que daquela era ben máis pequena do que hoxe é. O ritual comezaba indo a buscar cafés a algún bar da contorna, empregando as máis das veces a tapa dunha caixa de follas DIN A4 como bandexa (para os millenials: estabamos aínda no século XX e nas tendas pagábase en pesetas). Logo, de pé dentro da libraría, coas cuncas de café apoiadas onde for posíbel, abríamos a tertulia, pois iso era, unha tertulia. Desde moito atrás, Xabier os sábados participaba noutra na libraría Lume, e a esa acabei indo algunha vez como ouvinte con dereito a café; mais para min “a tertulia”, así, sen máis nada, era a dos domingos en Azeta. E houbo ben delas, abofé que si.

Chegou o día en que os cafés empezamos a tomalos fóra, nos bares. E en 19 anos de amizade podo dicir que foron moitos centos. Son moitos centos de horas, moitos centos de horas de conversa. Porque, e parecerá unha parvada mais non o é, Xabier e máis eu quedabamos para falar. Non nos atopabamos e falabamos -que tamén-, senón que as máis das veces facíamos por vernos e conversar. Nos últimos días déuseme por pensar que iso non é tan común como parece. Conversar non é intercambiar frases de cortesía, conversar é cruzar ideas e formas de entender o mundo, contar historias, propias e alleas, discrepar e discutir. Sei de moita xente que, a diario, non ten con quen falar. Con quen falar devagar, de asuntos grandes e pequenos, alegres e tristes. Hai xente que foxe da conversa, porque conversar supón, antes ou despois, aceptarmos a complexidade das cousas, aceptarmos que non todo é sinxelo e confortábel, que non sempre tes a razón. Hai, pola contra, xente disposta a meter os pés nas pozas. Xente disposta a aprender, no marabilloso dobre sentido que o verbo ten en galego: adquirir coñecemento mais tamén transmitilo.

A min Xabier aprendeume moito. Aprendeume case todo o que sei de libros e de literatura, nomeadamente desa literatura infantil e xuvenil que algúns, aínda que disimulen, seguen mirando con displicencia. Abriume ducias de portas, de Gianni Rodari a Lucia Berlin. Puxo no meu camiño a Agustín e a Mariasun Landa; pola súa culpa namoreime sen remedio dun conto dela sobre o encontro dunha mestra coa morte. O día que Xabier morreu falei por teléfono con Mariasun e recordoume que cando es mozo ninguén che dá aviso de que ao te faceres maior vas ir enterrando amigos. Dinche das engurras e doutros detalles sen importancia que veñen coa idade, mais non che contan que co andar dos anos vas ir perdendo necesariamente persoas que queres. Que che van ir faltando voces amigas. Aceptarmos a complexidade tamén consiste niso.

Un mesmo libro, dúas ausencias.
Agora fáltasnos ti. Sei que faltas e ao mesmo tempo paréceme imposíbel que tal suceda, que non te verei nunca máis, que non estarás á volta dunha chamada de teléfono ou dunha mensaxe; bastaban cinco caracteres: Café? Que non volveremos a maquinar conspiracións felices e por suposto equivocadas. Que non nos atoparemos, coma sempre, en Azeta, o noso centro, ben o sabe Yolanda Castaño.

Que non falaremos máis de cinema.

Eras un grande cinéfilo. Máis de Historias de Filadelfia que de James Benning, para que negalo (mais acabaches vendo unha sesión de Tacita Dean da que fun orgulloso culpábel). Moitas veces che escoitei aquilo de que, cando erades novos, ao teu querido Tuto Vázquez se lle deu por gardar os billetes de todos os filmes que vistes no cinema nun mesmo ano e contou máis de trescentos. E como O ladrón de bicicletas che descubriu que o cinema falaba de ti. E logo tamén falaban de ti, de nós, Abbas Kiarostami, cineasta supremo, e a Paz Encina desa Hamaca paraguaya que vimos xuntos no CGAI, ou calquera grande cineasta que no mundo houbo e hai. O cinema foi unha devoción e acabou sendo capital na túa derradeira novela, esa novela que nos debías e que te debías a ti mesmo desde hai quince anos. Vivín con xenuíno deleite a escrita final dese monumento literario. Escoitei con entusiasmo os teus avances, como fuches resolvendo as dificultades que traía canda si o relato. Fun un dos primeiros lectores da novela, mais no fondo xa a escoitara enteira na túa voz, aos poucos, durante meses. Sei que estabas orgulloso dela mais sei, sobre todo, que ao final gozaches escribíndoa. Que gozaches pensando o cinema a través do cinema da novela. Moitas das nosas conversas do último ano e medio xiraron arredor d'A nena do abrigo de astracán mais, sobre todo, dos fíos que dela nacían, e boa parte deses fíos eran cinematográficos. Falar d'A nena era falar de John Ford, John Ford e John Ford, ou da importancia que ten a escaleira n'A Loba de William Wyler. Agora son plenamente consciente de que tamén para ti, igual que para a Susana da novela, o cinema foi un refuxio en tempos duros. Non un lugar para escapar, senón un lugar para coñecer, para coñecérmonos.

De A delgada liña vermella a O fío invisíbel de Paul Thomas Anderson que tanto nos fascinou hai só uns meses -velaí outro filme que gardarei unido a ti-, foi un honor, mestre, compartir contigo tanto cinema. Fixéchesme mellor. Fixéchesme rir moito, ademais. Fuches un piar intelectual e ético, aínda o es, o serás. Unha referencia: non vou ter outra igual.

Que pena sinto polos que non te coñeceron, as que non te trataron!

Como pode ser que xa non esteas, se estabas sempre tan perto?

Martin Pawley. Xabier P. DoCampo finou o 26 de xuño de 2018. Texto (lixeirisimamente) revisado e corrixido o 26 de xuño de 2023. O primeiro Grazas, mestre, foi publicado á morte de Agustín Fernández Paz, o 12 de xullo de 2016

xoves, 30 de novembro de 2017

A nena do abrigo de astracán

Transcorreron quince anos desde que prendeu a idea até a obra final, que vén de chegar ás librarías, mais xa se pode dicir con claridade: pagou a pena o esforzo e a espera. A nena do abrigo de astracán, o novo libro de Xabier P. DoCampo, o primeiro del editado nunha colección especificamente para adultos, é unha obra maior, outra desas novelísimas que aparecen cada poucos anos para marcar un fito no sistema literario galego. Éo non só porque o resultado estea á altura das súas ambicións, senón, sobre todo, pola naturalidade e enganosa sinxeleza coa que resolve todos os numerosos e inmensos retos.

A aparente protagonista da novela é Susana, unha nena adoptada polos seus padriños logo da morte da súa nai. Educada baixo os principios ultraconservadores do nacionalcatolicismo e gobernada a súa vida pola mentalidade beata e castradora de Agustina, a madriña, Susana achará nas sesións de cinema o refuxio necesario para sobrevivir a un tempo cruel. Mais o cinema non é só un refuxio e un espazo para a ilusión, tamén é un espazo para o coñecemento e o recoñecemento. Os sete filmes que Susana ve e lle conta á madriña, a miúdo en versións deliberadamente deturpadas para que encaixen na mente cativa de Agustina, son portas que se abren para a comprensión do mundo, para a comprensión do sufrimento e da felicidade, da xenerosidade e da hipocrisía, do amor máis grande e da miseria máis infame, pois todo iso está presente no ser humano. Os sete filmes, polo tanto, non lle dan só estrutura á novela, tamén lle dan estrutura á propia vida de Susana, e así nada máis lóxico que a súa acabe por imitar o final d'A loba, unha vez entendido canto se parece a patroa da súa casa á Regina Giddens que encarna Bette Davis: comparten a mesma destrutiva cobiza que non se detén ante nada, por máis que o seu obxecto sexa diferente, aquí non o diñeiro senón a posesiva necesidade de control e afecto.

Dicía que Susana é só a aparente protagonista porque o verdadeiro centro da novela é a vila toda, Ribadaínsua, narradora dos feitos estremecedores que acontecen ao longo duns poucos meses. Estremecedores mais tolerados con perversa normalidade polas persoas que habitan a vila, que interiorizaron dentro de si o mal até facer ver que non o ven aínda que estea diante. Lonxe de todo maniqueísmo, A nena do abrigo de astracán é unha gran novela sobre o mal, asociado inevitabelmente a un período sen perdón da nosa historia recente, a brutal posguerra, mais fácil de extrapolar a calquera momento e lugar en que o mal se estende sen que ninguén lle poña barreiras. A calquera momento e lugar en que a piedade e a compaixón desaparecen sepultadas pola avaricia, a vinganza e o odio. Iso é o que sucedeu en Ribadaínsua e iso é o que Ribadaínsua expón, para que non se esqueza, para facer dos feitos historia e da historia novela. Mais o mal non consegue agochar para sempre o sentimento de culpa, que agroma en forma de voces que resoan nos faiados. Os faiados das casas e os faiados da memoria. A nena do abrigo de astracán é, tamén, unha novela sobre os fantasmas que petan na porta pola noite. Unha novela sobre as culpas propias, por acción e por omisión, que a cada un se lle revelan nos retratos de xente pintada de costas que fai Antonina, un dos moitos personaxes memorábeis.

Mais non todo é mal e miseria. N'A nena... hai homes e mulleres sempre dispostos ao agarimo e a tenrura a pesar de que o mundo convide ao contrario, personaxes que non renuncian á bondade aínda que a súa actitude as poña de camiño ao sacrificio. É o caso do alfaiate Isidoro, o primeiro veciño de Ribadaínsua no que Susana encontra un xesto de cariño. De Engracia, a compoñedora tratada de meiga, entregada desde a súa infancia a intentar axudar aos demais. Personaxes valentes, como tamén o é Paulina, que racha co veleno das humillacións na procura dunha vida nova.

Un dos asombros que proporciona a novela vén do ben trazado que está o seu carácter coral. Nada do que se di é gratuíto, todo ten unha razón; non sobra unha voz, non sobra nada do que se di. A arquitectura do texto é impresionante, con ecos que van e volven. Así, non importa que un personaxe poida desaparecer fatidicamente nun certo capítulo, pois del saberemos máis logo da man doutra voz que o recorda e dá conta do que fixo. A pegada decisiva dunhas vidas nas outras. O autor, un dos grandes entre os nosos, asume desafíos complexos, fíos argumentais que tiñan o risco de caer nos tópicos, por outra parte reais, da Galiza dos anos 40, cos seus curas desalmados (como o é o don Amancio) e a submisión xeral ao medo. Ou episodios, caso da suposta aparición mariana, que podían derivar cara ao grotesco. Xabier vence, con oficio consumado, todos os perigos, porque na súa escrita persiste a fe en nós. Foxe do pesimismo e a podremia e iso produce unha novela triste, emocionante como poucas, e finalmente encamiñada á esperanza. Encamiñada á felicidade que é vivir nunha cidade na que hai unha ducia de salas de cinema.

Martin Pawley. "A nena do abrigo de astracán" vén de ser publicada por Edicións Xerais de Galicia. Para saber máis: entrevistas en vídeo con Xabier P. Docampo sobre a novela e o cinema da novela.

luns, 18 de abril de 2016

A 10000 km do BAFICI: Le nouveau (Rudi Rosenberg, 2015)

Hai quen fai conta das horas que pasou durmindo, mesmo as contabiliza como non vividas, eu non son quen de contar as que na miña vida pasei na escuridade dunha sala de cine, e habíame saír un número ben callado de horas e de soños alí vividos.

Seguindo tal costume o xoves pasado fun ver Le Nouveau de Rudi Rosenberg (mágoa que dobrada, xa retiraran a VOSE sen agardar por min). Nada sei deste director como nada sei dos actores e actrices do reparto, mais é unha fortuna ver un filme coa limpeza do anonimato autoral, cunha total ausencia de preconceptos críticos.

En múltiples lugares se pode encontrar unha sinopse desta sinxela (afortunada sinxeleza) película, por exemplo aquí, así que aforremos esta parte da reseña.

Sempre apreciamos moito no cinema a aqueles directores que souberon poñer a cámara á altura dos ollos dos protagonistas de idade infantil ou adolescente, fose para ollar para eles ou para nos dar o seu punto de vista, e eu sigo apreciando esa opción da narración visual, pero mais aprecio a capacidade que ten Rosenberg para poñer a totalidade da narración á altura dos preadolescentes do seu filme, e para iso fai uso dunha sinxeleza narrativa, dunha planificación e dun ritmo que teñen a virtude de seren os propios protagonistas os que nos contan a súa propia historia á marxe de intermediarios. O filme trata coa mesma tenrura ao espectador e aos protagonistas, pero sabe esconxurar o tenrurismo e afastarse abondo para non caer na hiperglucemia. A min dáme a sensación de que o director coñece ben as crueldades dos diferentes nun medio hostil como é un centro de ensino: os gordos, os fracos, os raros, os novos... en fin, todo canto non encaixa na mediocre uniformidade do mais dos preadolescentes “típicos” ou “normais”, conxunto que funciona coma un plato de leite no que o albo de atención ponse, como neste caso, en catro moscas que resaltan no medio do líquido (que por certo non pode evitar caracer de forma propia e ter a do prato). Entón vén Rosenberg e dinos que os únicos seres vivos son as moscas, e iso fáinolo notar con amor e con humor: Benoit, Joshua, Constantin e Aglaée están vivos e gustan de vivir. Mesmo o único adulto que estabelece cos rapaces unha relación cercana, despegada de calquera intento pedagóxico, Greg, tamén supera a barreira de parasito social e familiar para pasar a mostrarse vivo, producindo no espectador unha incómoda empatía por un ser que baila no cribo social a contrapelo do marcado pola corrección política.

Un canto a todos aqueles que, por enriba da taxonomía social que atribúe posicións preasignadas no grupo, recoñécense na súa singularidade e fan dela un camiño de vida, un vieiro cara á felicidade persoal que ten moito que ver cunha certa acracia que debía ser predicada como xeito de vida nos centros escolares: os frikis, os diferentes, os excluídos son os verdadeiros heroes, os outros, os que precen ir camiño do triunfo e do éxito, só son seres asimilados e construídos a base de verter no molde a materia da súa trituración social e escolar.

Xabier P. DoCampo

domingo, 1 de febreiro de 2015

O libro das viaxes imaxinarias


Pide que o camiño sexa longo

Son tantos e tan bos os froitos da colaboración entre o escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas que custa crer que a súa maneira de facer libros non sexa a máis común. Desde hai unha morea de anos, vai xa para vinte, DoCampo e Cobas traballan man con man fabricando textos e imaxes que se alimentan mutuamente nun proceso activo e continuo, unha sorte de interferencia construtiva que produce como resultado unha obra cuxo brillo é aínda maior do que cabería agardar pola simple suma da súa incuestionábel arte individual. O seu labor conxunto, capital para a historia recente da nosa literatura, acadou un fito notábel coa publicación en 2004 de Bolboretas, un libro medido e fermoso que falaba do nacemento do amor. Aquel prodixio case semella agora unha obriña menor trala aparición d'O libro das viaxes imaxinarias, un asombroso volume que marca un antes e un despois na traxectoria dos autores.

A magnífica edición de Xerais (en galego) e Anaya (en español) salienta o seu carácter de libro singular e outórgalle unha merecida condición de obxecto de desexo onde todo está milimetricamente estudado, da capa ás sobrecubertas, da tipografía á caixa do texto. A esa evidente beleza contribúen as ilustracións de Xosé Cobas, que desta volta multiplica o seu talento ao longo de sesenta páxinas esplendorosas. A súa evolución como artista é digna de análise e de recoñecemento. Dono dun oficio insuperábel, Xosé Cobas consegue imaxes cheas de forza cun número mínimo de elementos. Os seus lenzos amosan amplas superficies de cores pardos e ocres sobre as cales unhas veces se albiscan formas apenas bosquexadas, e noutras aparecen detalles de incríbel precisión hiperrealista. Ben lonxe do debuxo redundante de intencións simplemente figurativas, Xosé Cobas avanza por un vieiro de depuración que esixe un lector non pasivo, atento á multitude de ecos e sensacións que agachan os seus deseños.

Sería inxusto, porén, que o lexítimo entusiasmo diante dun libro visualmente abraiante acabase ocultando a altísima calidade da prosa de Xabier P. DoCampo. Explicitamente inspirado pola obra As cidades invisíbeis de Italo Calvino, O libro das viaxes imaxinarias transcribe o contido duns cadernos de viaxe nos cales o seu autor, que se chama a si mesmo "o Viaxeiro", describe as cidades e reinos que visita. Entre eses textos aparecen outros moi distintos, apuntamentos feitos durante o camiño que falan das persoas encontradas, mais tamén listaxes de aforismos e refráns, apócemas para curar enfermidades ou os costumes das terras nas que deixou a súa pegada, nun xogo literario que admite ademais a presenza dun conto e unha carta, un bando e unha canción, unha receita de cociña e mesmo unha partitura.

"Todas as viaxes son un regreso". Guiado por ese precepto, pola idea de que é preciso volver para contar, "para facer da viaxe relato", Xabier P. DoCampo escribiu un libro de inmensa potencia narrativa, que evoca por igual a Homero e a Cunqueiro na procura dunha prosa que é poética sen caer xamais na inutilidade de certos artificios pirotécnicos. Antes polo contrario, a escrita de DoCampo é inequivocamente social e política, posúe fondura épica e ten visión clara de país, e por iso entre as terras polas que pasa o Viaxeiro hai unha, Aiznire, que se converteu en illa pola vontade das súas xentes, e outra, Adnilo, invadida pola tristura por teren esquecido os seus habitantes o pasado. O camiño fai diferente ao Viaxeiro, que coñecerá ao chegar a Aruasi o verdadeiro significado da xustiza e aprenderá logo en Amri que a cobiza pode destruír o máis harmonioso dos paraísos.

Por máis que se delongue con desvíos non previstos, o sentido da viaxe é sempre o de retorno. Na derradeira etapa a viaxe faise libro, faise literatura que nos explica o mundo. E nós, coma o Viaxeiro, sairemos dela transformados.

Martin Pawley. Publicado en PROTEXTA, suplemento de libros da revista Tempos Novos, nº 8, outono 2008.

luns, 25 de marzo de 2013

Like someone in love (Abbas Kiarostami, 2012)

Se esta crónica apresurada levase título sería: O enorme peso da tenrura. Unha película faise obra comunicativa basculando entre dous polos: o autor e o receptor. O director e o espectador deben percorrer ambos os seus pasos no camiño para que funcione o código expresivo-comunicativo. Isto é unha obviedade que non sempre se dá, e escríboa aquí porque aí se esconde a chave de comprensión de Like someone in love.
Unha estudante universitaria exerce de prostituta ocasional. Cando é requerida para atender un cliente, resístese porque, ademais de discutir co seu mozo, ese día a súa avoa está de visita en Tokio e quere vela. Mais vese obrigada a acceder. O cliente é un vello escritor que vive só. Polo medio un noivo ciumento, a soedade do vello, os seus segredos e unha veciña rexoubeira... e até aquí podo contar.

Pero hai máis? Si, todo canto está no espectador, na súa intelixencia e na súa sensibilidade (ou iso que agora chaman intelixencia emocional). Un espectador que agarda, anticipa, corrixe, deriva, inventa e, o que é máis importante, constrúe o seu filme. Todo para chegar a un final verdadeiramente sorprendente. Este si que é un final aberto! Unha obra dun director que acredita na intelixencia do espectador, algo non moi frecuente.

Entrementres o cinema pulcro e fermoso de Kiarostami: os seu planos fixos sostidos, as súas longas secuencias primorosamente elaboradas, o seu amor polos reflexos e ese seu xeito de mostrarnos o que sucede dentro e fóra ao mesmo tempo... En fin, un belísimo filme que nos conta unha historia chea de tenrura filmada con non menos delicadeza. Nota: 8/10.

Xabier P. DoCampo

martes, 19 de marzo de 2013

Anna Karenina (Joe Wright, 2012)

Fun ver esta película por amor á obra orixinal e tamén porque a min Joe Wright é un cineasta que non me desagrada, mesmo son dos poucos a quen lle gusta moito o longo plano secuencia de Atonement (2007). Eu non fuxo das adaptacións de obras literarias ao cinema: cando son boas danme novos camiños de coñecemento da obra e cando son malas, pois non dan nada, só iso. Esta non me deu nada. Xa podía parar despois da frase anterior, pero intentarei explicar por que afirmo tal cousa.

Como xa na altura sabe todo o mundo, Wright fai uso dunha posta en escena de profundas e directas referencias teatrais: o mais da película desenvólvese no escenario dun teatro coas súas tramoias, cambios de decorado, iluminación desde bambalinas, espazos entre caixas e mesmo a platea. Este artificio resulta moi atractivo e moito máis cando, como é este o caso, está cheo de alardes técnicos e mecánicos, así como vistosos movementos de cámara con grúas, dollys e toda caste de instrumentos de aproveitamento narrativo. Os decorados avanzan, retíranse, elévanse, caen... Os intérpretes andan por eles, entre eles, sobre deles... Debo confesar que todo isto compraceume e mirei con gusto a coreografía do baile e outros momentos, tamén coregrafiados, de inmobilidade dos figurantes (aínda que non sei moi ben que querían significar). A carreira de cabalos que comeza no escenario, sae ao exterior e remata coa caída de Vronski e Frou-Frou ao proscenio é abraiante. Mesmo me rendín ao sentimentalismo inducido por certos recursos de escenario dentro do escenario que o 2D convertía na ilusión de estar vendo cadros flamencos (de pintura flamenca, quero dicir).

Pero aí estabamos, eu e outro bon número de persoas, para que nos contaran unha das historias máis conmovedoras da literatura universal e cando chegaba ese momento a Wright acabáraselle o combustíbel, de tanto pinchacarneiro de posta en escea non quedaran forzas para narrar e emocionar. De tanto darlle voltas á cabeciña (e hai que recoñecer que non foron poucas) para nos demostrar o listo que é, esqueceulle ler a obra como é debido.

O reparto escolleuno mal e dirixiuno peor. Keira Knightley dá a sensación de que nunca leu a obra e non sabe nada do personaxe. Unha das mulleres máis complexas da literatura universal vese aquí reducida a unha simpleza interpretativa carente de matices. O intérprete de Vronski, Aaron Taylor-Johnson, é un boneco de pau que non interpreta, está. O sempre notábel Jude Law, puxo unha cara na primeira toma do primeiro día da rodaxe e seguiu con ela até o final. Só, ademais de notábeis actrices que fan pequenos papeis como Emily Watson ou Olivia Williams, destacan Kelly Macdonald no papel de Dolly e, moi especialmente, Alicia Vikander no papel de Kitty, ela ponlle toda a tenrura e toda a inocencia non parva que ten ese personaxe polo que, desde a miña primeira lectura de Anna Karénina, sempre tiven certa simpatía.

En fin, que fun disposto a aceptar calquera lectura que da obra de Tolstoi quixera facer Joe Wright cunha soa condición: podía cortar, recortar, elidir e desprezar todo canto quixera agás non emocionarme, non darme unha Anna que me penetrase na alma e ma revirase moralmente, que me levase con ela desde o amor, ao que se lle ofrece a vida como prenda, á vida como tributo á desesperanza e á miseria dunha sociedade hipócrita, e saír da sala conmovido como se sae da lectura. E iso non mo deu. Nota: 4/10.

Xabier P. DoCampo

sábado, 26 de xaneiro de 2013

Beasts of the Southern Wild (Benh Zeitlin, 2012)


Por que poño o título en inglés se eu vin a película dobrada de forma infame en español? Claro que tampouco non teño ningunha posibilidade de vela en versión orixinal en condicións.

Moito é de agradecer que dunha película poidas dicir que é sorprendente, e este é o caso. Pouco ou nada nela é convencional, porque tampouco o é a vida dos seus protagonistas. Unha fermosa e poética mestura de realismo e imaxinación, mesmo de fantasía e toques do que Carpentier chamaba o real marabilloso, terman no plano estilístico deste filme sobre a infancia e sobre a capacidade transformadora do mundo que a ollada infantil ten.

No formal a cámara a man que ameaza con marearte nos primeiros momentos, acaba por se converter no único xeito posíbel de narrar esta historia que sucede tan pertiño da nena protagonista que non hai distancia para retratar a vida se non é así. Con esa cámara que persegue os rostros, os movementos, os obxectos e que retrata para nós un mundo dese sur dos EE. UU., desa Luisiana atravesada polo mesmo Mississipi que lle aprendeu a Huckleberry Finn todo canto sabía. Esas terras pantanosas, anegadas de auga salgada que botou por fóra en New Orleans cando o Katrina, tan presente mentres ves este filme e contemplas os diques que preservan a cidade e afogan aos que moran na Bañeira. Esa cámara que mostra todo o feo e miserábel e a todo el se achega. Ás veces non hai mellor denuncia social que mostrar, coma aquí, só mostrar sen a máis mínima intención explícita de denunciar.

E por diante de todo isto Hushpuppy, a nena que todo o olla e que todo o transforma. Todo muda coa súa mirada, porque os nenos, como se di en The Night of the Hunter «Sopórtano todo. O vento sopra e a choiva é fría. Porén eles sopórtano todo.» Esa nena marabillosamente interpretada por Quvenzhané Wallis. Interpretación que a todos nos dará tanto que falar, pero que non é allea a unha dirección atinada que fai que os mellores momentos interpretativos sexan aqueles nos que a nena observa o que a rodea, cando, sen ollar á cámara, se afana en aprehender o mundo. Nota: 7/10

Xabier P. DoCampo

domingo, 20 de xaneiro de 2013

Django Unchained (Quentin Tarantino, 2012)

Que distingue as películas de Tarantino? A resposta más simple e rápida é a violencia. A resposta máis intelixente o humor. Nas películas deste director ris, pero non a gusto. E iso nesta tamén é así. Django unchained é un filme que se ve co sorriso co que se ven as películas de Tarantino e coa mesma incomodidade, porque hai momentos onde a violencia afecta ao espectador máis aló do que tiña previsto ao entrar na sala. O desenlace da loita mandinga ou do episodio do negro Dartagnan, son en Django exemplo dese desasosego que xea no corazón no medio doutra violencia, esaxerada e chea de xorros de sangue navegábeis que un ve con maior distancia emocional, e con maior perigo de banalizar tan indesexábel comportamento humano.

A risco de que un bo amigo me acuse de literario ao xulgar o cinema que me gusta, eu disfruto cos guións ben escritos, e esta película de Tarantino ten, por veces, por abondosas veces, diálogos intelixentes, ben construídos e cheos de coherencia que fan dela iso, unha película por veces, por abondosas veces, intelixente e ben construída. Claro que polo medio aparecen desacertos que deslucen ese guión, como é a aparición do Ku Klux Klan que, querendo ser caricaturesca acaba en ridícula e narrativamente grotesca.

Ah, e unha espléndida banda sonora, comezando pola canción inicial de Luis Bacalov que nos leva á Django de Sergio Corbuci, inzada de actores españoles. Por certo, na de Tarantino a actriz que fai o papel de Sheba chámase Nichole Galicia. Nota: 7/10.

Xabier P. DoCampo

venres, 18 de xaneiro de 2013

El muerto y ser feliz (Javier Rebollo, 2012)

Antes de comezar a película proxectáronme o trailer doutra baseada na novela de Kerouac On the Road, e mira por onde a continuación vexo unha película on the road. Aínda que me resista a meter nun saco xenérico superficial de road movie o filme de Rebollo. Si o é, pero é moito máis.

Principiarei por dicir que me parece unha magnífica película na que o que de verdade me interesa é o misterio da morte e o do seu contrario o amor. Saber que a morte vén a nos coutar o camiño polo que todos andamos -tamén os asasinos mercenarios- á procura de esconxurala. E para iso só podemos contar co seu antídoto natural, co único ritual humano que pode afastala do noso horizonte, mesmo que ese arredamento sexa unha fantasía, que é o amor. Ese é o gran tema da película de Javier Rebollo. Esa a razón do seu rexistro lírico. Un lirismo sen floreos innecesarios, pero profundamente poético.

Ser un asasino non te libera de seres humano, fondamente humano. E o director, fondamente humano, ten a grandiosa xenerosidade de nos dar un camiño de redención, non só a Santos, senón a todos os seres humanos: o mellor que a morte ten é facernos desaparecer, o feito de nos ocultar aos ollos dos vivos e podermos gozar comendo un xeado. Nota: 8/10

Xabier P. DoCampo

mércores, 7 de decembro de 2011

Correspondencia sobre A árbore da vida

Conversa sobre The tree of life de Terrence Malick mantida por correo electrónico entre os días 27 e 29 de setembro de 2011

De: Agustín Fernández Paz
Para: Xabier P. Docampo, Manuel Bragado, Martin Pawley

Benqueridos cómplices:
Hoxe, 26 de setembro, fun ver A árbore da vida. Foi unha experiencia que non sei ben como cualificar, quizais o que máis se achegue sexa recoñecer que é algo novo, que nunca vira tal nunha pantalla. E que saín da película conmocionado. Visualmente é admirable, non sei como move a cámara para conseguir as escenas que imos vendo, un abraio continuo. Saliento o enorme sentimento relixioso, que o enchoupa todo. Unha relixión con moito de panteísmo, mais o sentimento relixioso é moi forte. Incluído ese “ceo” final, a carón do mar, fonte de vida, onde nos encontramos con todas as persoas da nosa vida, tamén as que morreron. O aquén e o alén xuntos. Tamén sentín que en moitos momentos estaban a contar a miña vida (en realidade, a vida de calquera persoa; pero os que vivimos unha infancia en contacto coa natureza quizais nos sentimos máis interpelados). A longa secuencia documental é deslumbrante, desexaría que nunca acabase. O río por onde andan os dinosauros, o mesmo polo que logo andan os nenos. O río da vida, supoño. Está logo a amargura e a dor, e a esgazadura que provoca en nós ao lembrarmos os momentos en que tivemos que nos enfrontar á morte dun ser querido. A dor entrecruzada coa alegría de estar vivo, coa marabilla que supón cada momento da vida cotiá. E as relacións familiares, coas súas alegrías e cos seus conflitos: tanto unhas coma outros nos marcan de por vida, e tamén nos moldean. E, xaora, a narración da infancia, deses anos en que asistimos á creación do mundo e plantamos as raíces de todo canto ha vir despois. En fin, compañeiros: algo máis ca unha obra de arte, unha experiencia que esperta os sentimentos e emocións que viven na cerna de cada un.
Apertas de
Agustín

De: Martin Pawley
Para: Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Manuel Bragado

Olá a todos,
Hai algúns aspectos importantes que atinxen á vida e obra de Malick que axudan a poñer en contexto este filme:
1) Sobre o "bloque científico". Despois de que se estreara Days of heaven, Malick marchou a París a desenvolver un proxecto chamado Q que incluía un segmento inicial no que se relataban as orixes da vida. A medida que foi pensando nel, o segmento foi medrando e acabou por devorar o filme enteiro. Un equipo de fotógrafos e técnicos empezou a traballar nesas ideas, até que un bo día, de súpeto, Malick parou todo. O director tardaría case vinte anos en facer o seu seguinte filme, The thin red line. Nese tempo intermedio, e co diñeiro que lle proporcionou a Paramount co compromiso de que fixera outra película para eles, Malick mandou equipos polo mundo a rodar imaxes de medusas, volcáns en erupción, xeos na Antártida, etc. O proxecto Q reapareceu finalmente nesta Árbore da vida, mais non queda aí a cousa: ao parecer Malick tiña ganas de sacarlle máis partido a aquelas ideas e produciu en paralelo un filme-documental, Voyage of time, narrado por Brad Pitt, no que se falaría da aparición da vida, as bacterias, os primeiros seres unicelulares, de como xorde a conciencia, o amor, a humanidade, e da vida e morte do universo. Parte do material estaría gravado en formato IMAX, cun ancho especial e notábel resolución de imaxe, e o filme final sería lanzado en salas dese tipo (en EEUU hai unhas cantas, e as producións documentais de gran formato que alí se exhiben recadan moita, moita pasta: non aparecen nunca no boxoffice da fin de semana porque son lanzamentos limitados, pero se prolongan anos en cartel e acumulan cifras de espectadores alucinantes). Voyage of time é un dos tres proxectos pendentes de Malick despois de The tree of life: rodou o ano pasado unha longa na que actúa como secundario Javier Bardem, e está facendo agora outra con Christian Bale. Tardou corenta anos en facer as súas catro primeiras longas e agora encadea catro seguidas!
2) Os elementos autobiográficos do filme. Malia sabermos moi pouco de Malick, que leva décadas sen conceder entrevistas, si hai aspectos coincidentes entre a súa propia vida e o que se conta na película. Dunha banda as relacións cos pais: a devoción e extremo respecto pola nai, á cal non lle deixou ler o guión de The thin red line porque tiña medo de que lle pareceran mal as palabrotas que dicían os soldados, e a paulatina aproximación ao pai, de quen herdou ese carácter ríxido e austero. Mais o punto clave é a morte do seu irmán menor, Larry, que coma o neno do filme tamén tocaba a guitarra. O tal Larry decidiu ir a España nos 60 para aprender a tocar ben o instrumento; e coa rabia de ver que non acadaba o grao de perfección que desexaba fixo por tronzar as súas propias mans. O pai dos Malick foi entón a España para recuperar o seu fillo, mais cando chegou Larry estaba morto: decidira suicidarse, seica aos 19 anos, coma o da película. O outro irmán de Malick, Chris, tivo un tráxico accidente de tráfico no que lle morreu a muller e el mesmo sufriu graves queimaduras (lembrade que no filme hai un neno coa cabeza queimada). Ao final dos créditos vemos que a película está dedicada "for LRM and CBM", que poderían ser ben os irmáns Larry e Chris.
Paréceme especialmente importante o de Larry, claro, porque tal e como eu o vexo o filme é un sofisticado artefacto para a expiación dunha ferida, a da morte do irmán. Nas escenas de Sean Penn da actualidade evócase a súa ausencia na conversa co pai por teléfono ("todos os días penso nel"... "non debera ter dito aquilo") e no feito de que prenda unha vela. A propia idea de remontarse á orixe do universo e da vida, e de apuntar o final do planeta contra o peche do filme, forma parte do exercicio de entender e aceptar que vivir e morrer é o máis natural do mundo. Por iso eu non vexo a escena da praia como unha representación do alén, senón como un símbolo ou metáfora do feito de "poñerse en paz" cun mesmo. O que se visualiza nesa escena é a familia tal e como os recorda na infancia, nese momento decisivo de formación, cando todo era posíbel, ou antes de que todo se torcera; o personaxe da nai entrégalle logo explicitamente o fillo ao Deus no que ela cre (e a simboloxía é de todo menos sutil: a idea de cruzar a porta, nun sentido diferente ao do parto, o rapaz que dubida, as imaxes evocadoras de paz posteriores). Despois diso, o campo de xirasoles, Sean Penn na actualidade en medio dos rañaceos, a ponte, e esa luz primixenia -puro Jordan Belson- que apareceu en momentos previos do filme. No fondo, ver a praia coma unha imaxe do máis alá é equivalente a pensar que a nai é unha meiga, ou unha fada, polo feito de que nunha escena concreta a vemos literalmente levitando (o elemento feérico da nai volve aparecer cando lle preguntan se vai morrer e aparece representada morta nunha urna de cristal, coma Branca de Neve). Ao pensar no ceo o que fas é darlle á imaxe a interpretación máis literal plausíbel, que non é necesariamente a correcta; digo isto porque aínda non negando o seu compoñente espiritual e relixioso o filme está moi lonxe de ser unha proba de catequese, como parece interpretarse das críticas máis feroces que tivo. Algúns mesmo lle achacan un certo espírito neocon, cando para min é todo o contrario: é unha película sobre o colapso do sistema, sobre o absurdo dunha sociedade capitalista ultracompetitiva na que o esforzo honesto do pai durante anos, mesmo a costa de perder os fillos, non evita que a fábrica peche e el quede sen traballo (e noutros momentos apunta a necesidade de non ser honrado para triunfar).
Dá moito para falar este Malick, si señor.
Apertísimas,
M P

De: Agustín Fernández Paz
Para: Xabier P. Docampo, Manuel Bragado, Martin Pawley

Non sabía o dos irmáns de Malick. Esa información axuda a ver mellor canto hai de autobiográfico. Mais, como en toda obra de arte, transcende eses datos. Eu sentinme reflectido, sentín que falaban de min; non creo que fose só porque meu irmán Luis tamén morreu aos 18 anos, senón pola experiencia da morte dun ser querido (meu pai, miña nai). Creo que a dor do filme pode chegarlle a calquera que pasase por iso (e tamén a quen non pasase, aínda que dun xeito máis "racional").
Eu non vin esa dimensión feérica da nai, malia os apuntamentos de Branca de Neve (ou da Bela Adormecida) e do seu voar polo aire. Se o hai, é episódico. E a secuencia da praia, se non se quere ver como unha representación dun "ceo" moi peculiar, pode verse como ese lugar/estado onde nos reencontramos coas persoas queridas (case como o equivalente a ese instante fugaz en que a vida pasa por diante dos teus ollos, ou iso din, que está por ver).
Reitero a miña opinión da fonda relixiosidade da película, sen que iso teña nada que ver coas visións neocón das que Martin di que aparecen nalgunhas críticas. Eu vexo o sentimento relixioso que nace da constatación da beleza da vida, ou da milagre da vida, se se quere. Unha variante do panteísmo, aínda que teña trazos do cristianismo.
Non sei se é unha película sobre o colapso do sistema. O que é evidente é que a sociedade de hoxe non lle gusta a Malick, parécelle un sensentido, Sean Penn reitérao en varias ocasións. E tamén Brad Pitt, ao final. Pero a alternativa parece ser o paraíso da infancia, a inocencia de quen aínda non tomou decisións, o tempo en que todo tiña sentido e parecía estar ben.
Non sigo, e non porque non haxa máis cousas que dicir. É certo que este Malick dá moito de si. De todos xeitos, non esquezo algunhas secuencias de Días do ceo que me fascinaran, como a da sega e a malla colectivas. Máis que a da Liña vermella, que non me chegou a emocionar.
Máis apertas.
Agustín
P.S.: Ese documental narrado por BP ha ser digno de verse!

De: Martin Pawley
Para: Agustín Fernández Paz, Manuel Bragado, Martin Pawley

Claro que hai relixiosidade, mais unha relixiosidade panteísta, de amor pola natureza e a humanidade, que entronca coa literatura norteamericana do século XIX, de Thoreau a Walt Whitman (igual que podía haber algo de Herman Melville, en especial o Billy Budd, en The thin red line, no que ten de retrato da imposíbel supervivencia do ben nun contorno de maldade). Nesa idea de gozar de cada folla, de cada raio de luz, está máis presente Leaves of Grass que a Biblia. Un dos grandes cineastas experimentais aínda en activo, Nathaniel Dorsky, explora liñas comúns dende o budismo. E aí vexo outra das claves: a escrita fílmica de Malick ten moito que ver cunha tradición experimental ianqui moi vitalista, a do abraio ante a natureza e o sistema do mundo, na que está Dorsky, mais tamén Hutton, Benning ou Deborah Stratman; e polo seu carácter fragmentario Mekas ou Brakhage. E con quen non ten nada, absolutamente nada que ver, é con Kubrick, por máis que haxa moita xente acordándose de 2001 cada vez que ve un planeta en pantalla (como se os planetas os inventara o sobrevaloradísimo cineasta inglés).
Non digo que a nai teña dimensións feéricas, puña iso como exemplo de que non se lle pode dar a cada plano unha interpretación que encaixe de maneira simple coa nosa bagaxe como espectadores. Unha muller que levita non ten por que ser unha meiga, e de igual maneira unha praia na que se reencontran seres queridos non ten por que ser unha imaxe anticipatoria do máis alá. En España hai xente que mesmo ironiza co plano final da ponte, que lles trae á memoria un anuncio de seguros; pero podedes ter a certeza de que Malick non pensaba en Ocaso cando fixo esa imaxe.
Está claro que a Malick non lle gusta o mundo en que vive, mais tampouco creo que para el os paraísos estean todos eles perdidos. Mesmo parece albiscar a beleza do mundo nese ambiente ultramoderno e urbano no que vive Sean Penn: o ceo e as nubes reflíctense nos cristais dos edificios e unha árbore asoma entre eles, miúda e fráxil entre tanto aceiro e formigón, pero desa árbore ben podemos dicir aquilo que Díaz Castro deixou escrito sobre unha "herba pequerrechiña" en Nimbos: "o Universo sería / máis pequeno sen ti". E a cita non é inoportuna, pois o poemario de Díaz Castro comparte fíos invisíbeis cos filmes de Malick, tamén tradutor e experto na obra de Heidegger: se algún día alguén traduce Nimbos ao inglés, faremos por mandarlle un exemplar...
Apertísimas,
Martin

De: Manuel Bragado
Para: Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Martin Pawley

Grazas a Óscar e Agus por tan interesantes reflexións das que moito aprendo.
Abrazos.
Manolo Bragado Rodríguez

De: Agustín Fernández Paz
Para: Martin Pawley, Xabier P. Docampo, Manuel Bragado

Benqueridos amigos:
Vistas as notas que nos vai achegando Martin sobre A árbore da vida (e que, xaora, enriquecen a visión da película, aínda que non son necesarias para o contido esencial dela), creo que xa podo entender a razón (ou unha razón) pola que suscita tantas visións diferentes. Non vou recorrer ao concepto que Eco desenvolvía na súa Obra aberta (aquela, cito de memoria, capaz de xerar múltiples interpretacións diferentes, válidas unha por unha e complementarias entre si). Vou a algo máis simple: estes días comecei a ler Y el cerebro creó al hombre, de Antonio Damasio, un libro que vos entusiasmará se aínda non o coñecedes. E atopeime con que, ao ir lendo, asociaba de xeito inmediato varias das cuestións que lía coa película de Malick. Como sabedes por experiencia, este é un fenómeno que nos ocorre cando algo nos afecta de xeito especial (o caso máis citado: estás embarazada e pola rúa só ves embarazadas; esnogas un nocello e alá ves unha chea de persoas co nocello esnogado. Os que escribimos ficción sabémolo ben: cando andamos metidos nunha novela, parécenos que todo o que ocorre ao noso redor ten relación coa historia que temos entre mans).
Así que, na miña opinión, creo que A árbore da vida nos afecta/conmove/impresiona porque fala de algo esencial para todos nós: a vida, a conciencia da vida, as emocións, os sentimentos, as experiencias infantís que sentimos como vitais. Por iso eu vin reflectidos anacos da miña biografía (non da de sucesos similares aos que puido vivir Malick; non, experiencias miñas); e por iso mesmo Martin atopa versos de Díaz Castro que se relacionan, e a min ocórreme igual cos meus autores favoritos, de Neruda (as Odas elementais) a Valente ou a señora Wislawa. Velaí o segredo: fala da vida, faino con honestidade, coa súa verdade, implicándose na obra con todo o seu oficio e talento. Creo que aí está a cerna, e de aí os fíos que a unen con calquera outra obra de arte feita desde presupostos semellantes.
Agustín

De: Xabier P. Docampo
Para: Agustín Fernández Paz, Manuel Bragado, Martin Pawley

Onte quixen entrar na rolda de comentarios sobre El árbol de la vida con humildade e mesura (aínda que me saíu desmesurado), pero á hora de envialo só llo mandei a Manolo. Corrixo o feito e envío a todos. Aquí vai...
Tamén eu andaba a pensar en intervir no que se fala sobre The tree of life (ao Pawley préstanlle máis os títulos en inglés aínda que diga o mesmo), o que non quere dicir que pretenda dar maxisterio a ninguén.
Esta película a min o primeiro que me fai pensar é que vai quedar na miña vida coma unha desas experiencias a cabalo entre o coñecemento intelectual e o emocional, que marcan, que deixan unha forte pegada, como ocorre con outras vistas no pasado ou con unha ducia ou dúas de libros que forman parte da miña (vosa) biografía, nese sentido no que xa non se pode contar a propia vida sen falar desas obras. O dito vale tamén para a primeira vez que un ve Las meninas, A leiteira de Vermeer, a Pietà de Miguel Anxo... Para cando escoitas Ne me quitte pas por primeira vez ou como imaxino que sería a experiencia dalguén que tivese a fortuna de escoitar á Callas cantar en directo a Casta Diva nun deses días nos que cantaba coma os anxos o farán no paraíso. Algo así é para min esta peli. Mais, por que?
Coincido en todo con vós (con ambos falei largo por teléfono da peli) mesmo o que non coincidides entre vós porque todo iso ten a peli de Malick dentro. É relixiosa? Moito, mais daquela maneira. Teñamos en conta que os O’Brian son católicos, minoría, moi grande, pero minoría relixiosa nos EEUU fronte aos protestantes. Como sabedes son relixiosidades distintas e unha das diferenzas fundamentais está na interpretación da Biblia, libre para uns e dirixida para outros, o que fai que o panteísmo tan evidente na película xunto coa narración da formación do universo que nos propón Malick non se compadeza moito cos EEUU dos anos 50. Eu inclínome máis por ver esa relixiosidade e ese panteísmo coma dúas formas de se enfrontar ao misterio da vida. A fe fala da existencia/presenza de Deus, iso explica todo, iso encaixa con “Deus que che dá a vida tamén cha pode tirar”. Mais a visión panteísta fala de que a vida é todo, o que está en nós e o que está fóra de nós, máis aínda, o que está fóra de nós contennos, pertencemos a un todo e ese todo é o que chamamos vida. En que punto se xuntan ambas visións do misterio da existencia? Na permanencia, na transcendencia do momento, da singularidade da nosa existencia: sempre estaremos, para uns a nosa alma inmortal, para os outros no universo de materia en transformación (en evolución) do que formamos parte.
Con todo a min unha das cousas que me fascinou desta peli é o tratamento cinematográfico, narrativo da infancia. Esa visión da e desde a infancia é un acerto grandioso. A infancia como un panteísmo visíbel, pois a integración dos rapaces na natureza e, mesmo, nos seus propios pais como seres que os conteñen. Pero ademais móstranos como a infancia nas súas actuacións e motivacións tantas veces inexplicábeis (os nenos xogando, probando a vida, albiscando a sexualidade, chorando...) acabarán por dar, moito máis adiante, os porqués da nosa vida adulta. Unha etapa da vida que condiciona, explica e, moitas veces tamén, xustifica a vida adulta.
Estoume estendendo demasiado así que acabo facéndovos notar a enorme importancia que ten na narración fílmica de Malick a música, onde, a mais do traballo magnífico de Alexandre Desplat que compón, mestura, arranxa... e todo canto faga falla, van pasando anacos de pezas de inconmensurábel beleza: Bach (a Tocata e fuga), Mozart, o Agnus Dei dunha misa de Berlioz (fantástico) e o Moldava da obra A miña patria de Smetana, unha peza de música descritiva na que escoitamos/vemos como o río nacional checo, o que pasa por Praga, por embaixo desa ponte Karlo que todos os turistas visitamos, é descrito paso a paso e que é un símbolo da vida como poucos mellores hai na historia da música. E moitísimas máis entre as que, con non pouco traballo, puiden atopar a Lacrimosa de Zbigniew Preisner, que forma parte dunha obra titulada Requiem for my friend que o músico dedicou ao director de cine  Krzysztof Kieslowski.
Seguiremos falando (creo que por moito tempo) desta película. Apertísimas,
Xabier P. DoCampo

martes, 13 de setembro de 2011

Agustín Fernández Paz, Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil

Dous dos meus escritores preferidos forman parte dende hai anos da listaxe dos amigos que quero: son un home afortunado. Un deles é Xabier P. Docampo, a persoa que mellor me fixo entender o oficio de escribir; o outro é Agustín Fernández Paz. Se os teño por favoritos non é só pola súa incuestionábel grandeza literaria, polas moitas páxinas memorábeis que deixan xa escritas, senón tamén pola súa afouteza para defenderen o que é xusto e polo seu permanente compromiso coas causas nas que cren. Por daren a cara mentres outros disimulan. Admíroos porque son xente que non cansa nunca, que non se resigna; para min Agustín e Xabier son a principal razón -estou por dicir a única- pola cal sigo convencido de que existe algo que podemos chamar "país".

Hoxe concedéronlle a Agustín o VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil y Juvenil, "por su compromiso con los valores humanos universales y su papel determinante en la construcción de una literatura infantil y juvenil en lengua gallega”. É un fito histórico: por primeira vez un gran premio internacional avala a traxectoria dun autor na nosa lingua, e o elixido foi Agustín, un home de ben, mestre, amigo, irmao. Virán máis recoñecementos, e infelizmente virán tamén tempos sombríos, mais ninguén poderá impedir que cada noticia feliz sexa para nós un gromo de esperanza.