Amosando publicacións coa etiqueta Ángel Santos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ángel Santos. Amosar todas as publicacións

venres, 2 de abril de 2021

Termar do tempo. Sobre "O cazador" e "Las altas presiones" de Ángel Santos.

por Miguel Castelo

Para ben e para mal, a opción cinematográfica das conversas a medias, de carentes ou escasas expectativas dramáticas (por veces circulantes por camiños desacostumados), que propoñen á audiencia non saber máis do que a(s)/o(s) protagonista(s), que a convidan a camiñar cando a el(es)/a(s) na súa andaina, ou que mesmo renuncia á figura protagónica, deixa polo camiño unha chea de espectadores/as afeitos/as ás normas narrativas clásicas e dispostos/as a non investir un minuto en seguir asistindo a algo que non acaban de entender. Absolutamente desinformadas, non deixan de ser xentes preguiceiras que ao pouco de ter comezado a proxección abandonan a sala na escuridade como alma levada polo diaño, ou, coñecendo de antemán a figura responsable da dirección, escollen para esa ocasión outro modo de divertimento. Porque o cine é, entre unhas cantas outras cousas, un divertimento. E na escolla do brinquedo co que pasar o tempo, como noutras ordes da vida, hai con todo o dereito xente de toda condición.

A mesma óptica, diferente paisaxe

A estas dúas partes que compoñen un amplo espectro de público -a que a un perfil cultural baixo suma unha actitude nugallán, ou, a máis informada, que tan só estima a época dourada do cinema clásico- úneas a decisión firme de utilizar a mesma óptica para se achegar a filmes de tan diferente fasquía, de negar que o cine é unha expresión que, como as outras artes, está suxeita á evolución da súa linguaxe. Para ben e para mal. Para ben porque deixa ver no cinema a súa condición de ser vivo, que turra da audiencia, estimula a súa curiosidade e provoca a súa capacidade de atención, tratandoa como un ente adulto. E para mal porque o sector máis recalcitrante, obstinado na súa porfía, non pasa pola billeteira nin se asoma a outras xanelas onde poder contemplar estes filmes diferentes e tan precisados de recuperar os seus investimentos, sempre ben máis cativos que os das grandes produtoras.

O CGAI, Centro Galego de Artes da Imaxe, sen esquecer a súa atención aos clásicos, dedica unha boa parte da súa programación a este cine máis minoritario, que trata de reproducir a vida dun modo menos espectacular e se dirixe á audiencia con maior respeito. Para iso é a Filmoteca de Galicia. Un cine cuxas/os autoras/es optan por lle entregar aos/ás espectadores/as o filme aberto, carente de verdades absolutas e certezas manifestas, ripándolles as orelleiras e convidándoas/os a ser co-relatores/as do que nel se conta e/ou se deixa de contar.

Preocupacións recorrentes

A este modelo cinematográfico pertencen O Cazador e Las altas presiones, da autoría de Ángel Santos Touza, que o CGAI vén de recuperar (13/03/2021) dentro do espazo Off Galicia para comemorar o décimo aniversario do acuñamento do termo Novo Cinema Galego (NCG10).

Pontevedrés de nacemento (Marín, 1976), licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e diplomado en Dirección Cinematográfica polo Centre d´Estudis Cinematográfics de Catalunya (CECC), Ángel Santos é un dos realizadores máis interesantes dos que hoxe ofician en Galicia. O Cazador (2008) é a súa segunda curtametraxe, logo da diplomatura en 2002; e Las altas presiones (2014) a súa segunda e, polo momento, última longametraxe. Entrambos títulos, ademais da súa primeira longa, Dos fragmentos/Eva (2012), median diferentes pezas en soportes diversos e de variada duración que revelan as súas preocupacións temáticas e narrativas recorrentes, perceptibles en maior ou menor medida en todos os seus traballos: as relacións persoais, o universo dos sentimentos, o camiñar do tempo..., a adecuada escolla de escenarios e intérpretes, a dirección de actores (e actrices), a fuxida de diálogos explicativos, o preciso sentido do encadre, a función dramática do tempo, o conxunto da posta en escena, as lindes e rozamentos do documental coa ficción... Intereses e propósitos que estando nas intencións de moitos/as realizadores/as non sempre aparecen nos resultados dos seus traballos en cuxos títulos de crédito figuran como responsables da tarefa de dirección.

O cazador (Ángel Santos, 2008). Pode verse en Vimeo nesta ligazón.

Elegancia artística

Tirada do conto homónimo de Antón Chéjov, O Cazador estruturase en tres partes -O conto, Os intérpretes, A ficción-, independentes e complementarias, nas que se presenta un orixinal e brillante exercicio que ilustra con sutil vocación didáctica e elegancia artística o proceso de adaptación: a lectura unipersoal en alta voz do relato literario, o ensaio escénico dos intérpretes e a solución adoptada ou versión especificamente cinematográfica. Contido nunha espléndida fotografía, tanto en interiores como exteriores, o filme cumpre á perfeción con todos os preceptos antes enunciados para nos trasladar sen dramatismo, con inquedante frialdade e riqueza expresiva ao aldraxante estado de desamparo, desprezo e sumisión ao que unha muller é levada polo seu home.

Un retorno revelador

Con guión orixinal do propio Santos e Miguel Gil, Las altas presiones, goza igualmente dunha adecuada fotografía (se cadra unha miga irregular) na que se envolve a andaina do retorno circunstancial á súa cidade dun home novo. Provisto dunha pequena cámara videográfica, o home grava imaxes no amplo interior dun edificio ruinoso que semella unha antiga nave industrial. Xa en zona urbana, atópase cun vello amigo e quedan de se chamar, toma algo nun bar e observa os paisanos, fílmaos con prudencia, brevemente... Aos poucos, no seu seguimento, iremos sabendo que se chama Miguel e reside fóra de Galicia, se cadra en Madrid, onde se move no ámbito da actividade cinematográfica, e que está en Pontevedra co encargo de localizar escenarios para un novo filme que, afirma, non dirixirá el, cometido do que non tarda en se desentender para orientar a cámara cara a outras manifestacións da vida que o arrodea. Nos sucesivos movementos en reencontros con amigas/os, irémoslle descobrindo o peso dos sentimentos encontrados, o desexo de congrazarse cos escenarios dos anos mozos e unha certa sensación de estrañeza e desacougo de se volver encontrar neles, se cadra a crise da entrada nos corenta. Vai tomando conciencia dos efectos do camiñar do tempo nas persoas e nas cousas; descobrindo que non todo é igual a como el o tiña estabulado. Tampouco a súa situación na súa actual cidade de residencia semella estar moi boiante. Este conxunto vital insatisfatorio e o desexo de atención cara a súa persoa lévano mesmo a cometer algunha torpeza. Por cabo, no medio deste revelador encontro coas paisaxes de tempos idos, unha raiola de esperanza preséntase no seu horizonte próximo.

Las altas presiones (Ángel Santos, 2014)

Escenarios e estados de ánimo

Ademais das sinaladas ao comezo destas consideracións, Las altas presiones ofrece as virtudes de logradas atmosferas, tanto en escenas esenciais como circunstanciais, ao que contribúe a función dramática dos lugares da acción. Cometido este que, sen pasar nunca inadvertido, resulta nomeadamente patente entre o estado de ánimo do protagonista e a fasquía dalgúns dos escenarios, xustamente os que abandona por dalgún modo verse reflectido neles. Porén, acaba retornando, e será nese novo encontro conciliador onde atope un pretexto que o encamiñe cara a un posible cambio vital. Unha idea que emana da ambigüidade, estimulante e provocadora, do plano final do filme.

Circunstancias da sesión

A interrogante do cineasta pontevedrés, manifestada na súa presentación virtual (certamente interesante) referida á esperanza de que detrás da cámara -diante da pantalla- estivese alguén, razoablemente fundada no retraemento orixinado pola crise sanitaria e a conseguinte limitación da capacidade da sala de Durán Loriga, ten unha resposta pouco estimulante. Cinco persoas: tres mulleres e dous homes. E, non tiña rematado aínda a segunda parte de O Cazador, cando o outro home decidiu abandonar. Sabido é que a programación do CGAI ten desde hai un tempo un público notablemente ecléctico, xa antes referido. “A entrada é económicamente asequible (agora gratis), dentro vai menos frío do que fóra, a ver que poñen hoxe, se non me gusta, marcho”: son as recorrentes consideracións dunha parte del. Coñecido espectador habitual, o desertor responde con fidelidade a este perfil.

Rematada a proxección, nada indicou que as mulleres non saisen satisfeitas. E a un só lle queda constatar que a súa presenza viña motivada polo desexo de repasar: o primeiro filme estaba fóra de toda dúbida; o segundo pedíame unha segunda volta. E a conclusión é que da vez anterior non debía ter a tarde adecuada para me achegar a esta historia entre o desacougo e a esperanza. Puidese ser tamén que hai filmes que, como os bos viños, melloran co tempo.

luns, 22 de decembro de 2014

A enquisa de Luzes

No número de decembro de 2014 a Revista Luzes preguntou a vinte e cinco persoas por cinco filmes galegos producidos dende 1989, ano da aparición de Sempre Xonxa, Continental e Urxa que ás veces se cita coma "inicio" do cinema galego, cousa evidentemente inexacta. A listaxe pretendíase absolutamente aberta e así fixen eu a miña, que combina o meu criterio persoal (e subxectivo) con títulos cuxa importancia obxectiva non debería discutirse a estas alturas. Velaí van os meus cinco, por orde cronolóxica, cos comentarios que enviei á revista que, infelizmente, non puideron ser recollidos nin no papel nin no sitio web:

O cazador (Ángel Santos, 2008)
A súa estrea no Filminho 2008 (e, no mesmo certame, de París #1 de Oliver Laxe) foi unha pequena revelación, un sinal de que estaba nacendo algo, de verdade. A confirmación dunha capacidade e unha cinefilia xa apuntada en traballos anteriores do mesmo autor, en particular Septiembre (2004).

Todos vós sodes capitáns (Oliver Laxe, 2010)
A presenza en Cannes deste filme é sen discusión algunha o feito máis importante do cinema galego dos últimos vinte e cinco anos (e un dos feitos máis importantes da cultura galega, en xeral). Unha referencia.

Gato encerrado (Peque Varela, 2010)
1977 foi un fito da creación galega confirmada pola súa selección no Festival de Sundance. A súa seguinte curta, Gato encerrado, foi unha proeza aínda maior, un cóctel maxistral e audaz no formal e no ideolóxico que a través das vidas paralelas de dous gatos catalogaba de maneira tan concisa coma certera as desigualdades e inxustizas do mundo. Precisamos máis filmes de Peque.

Vikingland (Xurxo Chirro, 2011)
Unha lección: para facer cinema non sempre se precisan grandes recursos. Sen grandes recursos non darás feito Lawrence de Arabia, con certeza, mais hai outro tipo de propostas que si son factíbeis a forza de decisión, traballo e talento. Ingredientes os tres que caracterizan a obra toda de Xurxo Chirro, figura imprescindíbel que aínda non recibiu o recoñecemento que merece.

Costa da Morte (Lois Patiño, 2013)
Chegou no momento xusto, no apoxeo da aceptación cinéfila das propostas contemplativas arredor da paisaxe e o traballo. A acollida foi extraordinaria: premio en Locarno, ducias e ducias de festivais, proxección en corenta países... O seu éxito representou tamén a definitiva consolidación dunha marca útil, a do "novo cinema galego". Lois Patiño: a star is born.

Martin Pawley

sábado, 15 de novembro de 2014

Las Altas Presiones. Amor, cinema e traballo.

A concepción cinematográfica dun director aseméllase ás veces a fórmulas que van cambiando para descifrar un problema matemático. Atopamos entre as teimas de cada un elementos que alicerzan todas as súas especulacións e outros que se incorporan con maior ou menor fortuna para facer a ecuación máis significativa. Estas variables poden evocar repeticións e solapamentos, mais tamén apuntar novos diálogos e producir estrañezas. Moitas veces os críticos deixámonos levar por prexuízos sobre os cineastas no intento de codificación do seu traballo e para ben ou para mal estas lousas caen sobre as costas do director. Probablemente entre os nosos directores un dos máis marcados por estes sambenitos sexa Ángel Santos.

Con Las altas presiones, a súa segunda longametraxe, volvemos a certo territorio transitado pola súa filmografía. Tanto na súa ópera prima (Dos fragmentos / Eva) como nas súas curtametraxes de ficción (A., Septiembre, O cazador, Sara y Juan) vemos que o interese de Santos se centra nas relacións persoais de parella. A insistencia nesta temática amorosa evidencia unha xenealoxía que o conecta coa "nouvelle vague". O interesante deste acoutamento é que empregando a óptica axeitada sae á luz certo grao de conduta humana que pode ser considerada unha representación. Os distintos estados de amor que aparecen no filme son un inventario onde o espectador pode recoñecerse. En traballos anteriores Santos trataba estas “postas en sentimento” dunha maneira intranscendente, sen apenas irradiación. Porén, en Las altas presiones hai un cambio á hora de reflectir esas condutas. Santos carga as tintas das relacións, esaxera as situacións, os comportamentos son máis radicais, incorpora rexistros teatrais... En suma, un artificio escénico que reforza algúns dos comportamentos baseados na falsidade ou no simulacro.

O outro aspecto que aparece en Las altas presiones é o propio cinema. Toda a filmografía de Santos destaca por facer gala dunha excelente cinefilia. Mais na súa segunda longametraxe é cando esta emerxe en toda a súa magnitude. No corazón da trama temos unha persoa que traballa para unha produtora e percorre un territorio na procura de localizacións para un futuro filme. Unha reflexión sobre o medio trufada de contaminacións e texturas: o mundo dos monicreques, a maxia, a literatura, a música, a filmación en 16mm, o emprego do vídeo, a manipulación no ordenador ou as imaxes de televisión. Mais o pensamento sobre as derivas fica nun segundo plano. Las altas presiones ofrece un aumento de complexidade da posta en escena para deconstruír a natureza do cinema. Comeza cunha personaxe cun estado anímico ao pairo que se relaciona con espazos en ruína. Santos ofrece unha gran presentación do personaxe sen recorrer á palabra. Este comezo ten algo de documental contemplativo onde a “relación sentimental coa paisaxe” fai que as imaxes falen en silencio. Mais aos poucos Miguel (papel interpretado por Andrés Gertrudix) váisenos enunciando en relación cos outros personaxes, primeiro na cidade mais tamén internándose na natureza mais mesta. Neste reduto waldeniano os personaxes xa non se comportan dunha maneira social e sorpréndennos coa súa impostura. A actuación dos personaxes, sobre todo os de Marta e Bruno, subscriben estes substratos desautomatizadores. En Dous fragmentos / Eva unha secuencia, a do home que inchaba globos, condensaba o espírito de modernidade do cinema de Santos propiciando a comuñón entre o documental e a ficción. O procesual emerxe de novo. A improvisación leva a aportar unha gran naturalidade ás secuencias protagonizadas polo sentimento amoroso.

Para rematar falaremos da importancia do traballo en Las altas presiones. O cinema de Santos tendemos a etiquetalo no rexistro dos desvíos sentimentais adolescentes alleos aos conflitos sociais. Mais a madurez do cineasta constátase ao renunciar a certo esteticismo sentimental e enmarcar o sentimento amoroso nunha crise social que acentúa todas as vivencias, incluso as que teñen certo nivel de sedución, como teoricamente son as do cinema. Santos pretende certa desmitificación do cinema, das súas referencias ornamentais e incluso de si mesmo. Os tempos actuais son pouco dados ao engano. O operario do cinema traballa dunha maneira apática. Os espazos en ruína fan referencia a tempos de maior bonanza económica. O contexto da crise fai contrapunto ás banalidades. Finalmente o protagonista renuncia ao seu status intelectual e quere participar nun traballo físico no que “manchar” as mans para non vivir máis nunha mentira insostible. A idea que permanece ao final de Las altas presiones é a de certo desencanto, non só procedente do protagonista, senón dunha xeración, dunha sociedade e dun tipo de cinema onde os soños se converten en pesadelos.

Xurxo González

sábado, 8 de novembro de 2014

Las Altas Presiones. Entre amigos.

Nos últimos anos un grupo de cineastas galegos conseguiu abrirse un oco no panorama internacional de festivais, de Cannes a Pusan pasando por Marsella, Locarno ou Rotterdam. O que en 2010 bautizamos coma "novo cinema galego" con intención provocadora contra a improdutiva rutina do escepticismo e a desidia é hoxe unha realidade sólida no creativo, poboada por un número de creadores xa imposíbel de ignorar que debe vencer co seu talento as dificultades xeradas pola crise e as políticas culturicidas.

Ángel Santos ocupa un lugar de privilexio nesta alentadora xeración de cineastas. Aínda que probou con fortuna fórmulas documentais e ensaísticas -o díptico Fantasmas #1 e #2 ou Adolescentes- é, de todos eles, o que con máis vigor se dedicou á ficción, primeiro en varias notábeis curtametraxes (A., Setembro, O cazador, Sara y Juan) e logo no terreo da longa con Dos fragmentos / Eva e agora Las altas presiones, o seu traballo máis pulido. E fíxoo cunha coherencia exemplar, facendo evidentes -mais sen caer na imitación groseira- as súas moitas e boas filias literarias e fílmicas, de Anton Chejov a Eric Rohmer. O cinema de Ángel está cheo de amores mozos e de rupturas amargas, é un cinema habitado pola enérxica efervescencia da xuventude mais tamén invadido pola frustración ante o paso do tempo e os soños que non se cumprirán. Así é Las Altas Presiones, un filme de reencontros que foxe de calquera tentación exhibicionista e convida o espectador a sentarse (e sentirse) sereno e cómodo para compartir ao voo hora e media entre amigos, lonxe do ruído e a furia, un pouco alegre, tamén un pouco triste.

Martin Pawley. Versión galega dun artigo escrito para o blog do Festival de Cine de Sevilla.

mércores, 11 de decembro de 2013

Adolescentes

por Alberte Pagán

Em novembro de 2010 Iago Martínez quijo abrir umha janela no CulturGal de Pontevedra e convocou umha série de cineastas para apresentarem a sua obra. Eu aproveitei para projectar a daquela inédita Eclipse. Na mesma jornada e na mesma sala Ángel Santos mostrou fragmentos da sua Adolescentes, rodada entre setembro e outubro e por aquel entom em processo de montage. Gostei do conceito, mas quando vim o primeiro plano chocou-me o tremer da cámara em mao (sempre tivem querência polos planos fixos): o projecto prestava-se para uns enquadres e composiçons elaborados desde umha cámara fixa no seu trípode. Assi lho comentei a Santos, que me respondeu que a ausência de trípode era umha escolha deliberada e igualitária: queria estar à altura das suas e dos seus retratados: se a gente nova que posa diante da cámara tem que aguantar estoicamente os dous minutos e meio que dura cada toma, tamém temos que sentir o aguante do cineasta mentres sujeita a cámara, as suas vacilaçons e a fortaleça do seu pulso (na realidade, o cineasta olha comodamente como o seu fotógrafo, Bertitxi, fai o esforço por el). Hoje, quando vejo a película rematada, nom podo concebê-la doutro jeito: efectivamente, a mobilidade da cámara é parte essencial da obra.

Adolescentes (2012, 63’) é 21 retratos de moços e moças que podem aparecer em solitário (como o primeiro e outros 4), em parelhas (como o derradeiro e outros 7), em trios (um par deles), quartetos (3), quintetos (2) ou septetos (o sétimo). Das 56 persoas retratadas 18 som mulheres e 38 homes. Cada plano dura dous minutos e meio e está separado do seguinte por celuloide branco e, nalgum caso, por images impressionadas que duram uns pouco fotogramas, tomas falsas e acidentais que Santos conserva bem para manter a integridade da bobina bem para conservar a textura original do celuloide. A película começa precisamente cumha destas tomas falsas, na que, brevemente, o retratado aparece recolhido por umha cámara rebelde que fai umha panorámica nom intencionada. De igual jeito o quarto plano começa cum subliminal contrapicado fixo das copas das árvores; e o seguinte cuns fotogramas abstractos.

Adolescentes é umha olhada directa e honesta à realidade, aos rapazes e raparigas e ao contexto urbano que os (des)acouga. A cámara abre-se ao mundo sem manipulaçom, curiosa e paciente como a dos Lumière e a de Warhol. Porém, a película tem um aquel de irreal e fantasmagórico que num princípio um nom sabe mui bem donde procede. Mas se prestamos atençom decataremo-nos de que é o som, e a sua ausência, o que nos desacouga. Santos nom conservou o som directo, senom que regressou com posterioridade aos mesmos espaços para gravar o ambiente sonoro, fidedigno ao espaço mas falso cos protagonistas. As e os retratados convivem pois cumha banda sonora que pertence às ruas e praças que habitam mas que nom lhes pertence, real e irreal ao mesmo tempo. Os débeis intentos de sincronizaçom (a música apagada dos auriculares no retrato 14, o repentino jorro da fonte no 12, umha pequena tos no 9) convivem cumha óbvia ausência sonora, situando a película num estranho limbo entre a realidade e a fantasmagoria.

Transiçom ao plano 4 de Adolescentes



O som, ademais, ajuda a estruturar os diferentes espaços nos que se reúne a juventude pontevedresa, essa meia dúzia de praças e galerias que se agrupam em secçons nom sempre facilmente identificáveis. Os retratos 11 e 12 estám claramente rodados no mesmo lugar: a fonte que cobra força tras a parelha de 11 reaparece subliminalmente num reflexo no cristal do bar de 12. Neste caso é o som do jorro o que nos chama a atençom sobre a sua presença visual. De igual jeito os planos 13, 14 e 15 pertencem à mesma seqüência: nos tres vemos, intuímos ou escoitamos a actividade de rapazes exercitando-se no monopatim, bem fora de campo bem em segundo termo. A mirada pendular do retratado do plano 13 cobra significado polo ruído dos monopatins, ruído que ao mesmo tempo ajuda a identificar as sombras reflectidas na polida pedra da fachada na que o moço se apoia. Há continuidade sonora co plano seguinte, no que vemos directamente, tras o retratado, os moços em monopatim. No plano 15, mais amplo, a parelha de retratados posa no meio da praça que serve de área esportiva. À direita podemos ver a fachada que servia de espelho dous planos atrás. E assi, pouco a pouco, com pequenos detalhes visuais e sonoros, podemos reconstruir a geografia urbana que emarca os retratos e que é à sua vez retratada.


Transiçom ao plano 17 de Adolescentes



A geografia urbana, pois, é tamém protagonista da película, através dos fundos da image, dos reflexos em fachadas e galerias, dos sons urbanos, da gente que passa por diante da cámara: o colectivo retratado nom está só senom que formam parte dum contexto e dumha sociedade. Os espaços, que tendem à permanência, arroupam e acolhem a mocidade retratada, por definiçom efémera. De feito, entre a rodage e a exibiçom os adolescentes retratados já deixárom de sê-lo (mas sempre o serám na película). É umha idade efémera imortalizada durantes esses tempos de espera em ruas e praças, essas juntanzas sem mais objectivo que o de estarem juntos ou como muito o de decidir “que fazemos hoje”. Som momentos de “nom fazer nada” igualmente efémeros, um fugitivo passar pola cidade que se encherá de novos moços e moças, sempre os mesmos e sempre cambiantes. A mesma cidade cambiará, por suposto, mais os seus ritmos som mais lentos. A actualidade política está indirectamente presente na camisola dum rapaz: “Noites abertas 2010” (plano 11), que alude à política juvenil do BNG, partido que governa o concelho.

Intuímos a inspiraçom de Andy Warhol, dos seus Screen Tests. Mas Santos evoca a sua obra por partida dobre no inesperado derradeiro retrato (essa “cançom desesperada” tras os “20 poemas de amor”): umha parelha heterosexual beija-se ante a cámara (e diante dum trinque de larpeiradas) num longo ósculo que lembra a Kiss. Mesmo o riso inicial da rapariga remete-nos aos sorrisos de Naomi Levine nos seus vários beijos na película de Warhol. Santos recupera, cum toque de humor, o áudio da cena, proveniente da tenda de chucherias: “¿Ya has probado? ¡Deliciosas palomitas!”

O uso de celuloide, material nobre analógico, choca fortemente cos hábitos digitais de criaçom de images dos próprios retratados; a duraçom e paciência das tomas contradize os usos de montage rápida das novas geraçons. É o passado olhando ao futuro.

mércores, 7 de novembro de 2012

Galicia alterada

Cannes, Marsella, Locarno, Mar del Plata, FICUNAM, Roma, Vancouver, BAFICI, Jeonju, Lisboa, Viennale... Nos últimos dous anos, a presenza de autores galegos nos máis importantes festivais foi constante, con Oliver Laxe, Xurxo Chirro e Eloy Enciso como nomes máis destacados dunha listaxe que non para de crecer. E isto sucede nun contexto económico moi difícil, co apoio público reducido en Galicia ao mínimo, cando non eliminado (así aconteceu coas chamadas "axudas á promoción do talento", das que se beneficiaron xustamente os novos creadores con maior prestixio no exterior), e coa insólita pasividade das elites intelectuais, os medios de comunicación e mesmo os certames de cinema locais, que salvo honrosas excepcións non prestaron atención suficiente a esta estimulante efervescencia creativa.

Benvida sexa, pois, a oportunidade de ver os ensaios sobre a memoria familiar e persoal de Ángel Santos; a emotiva ficción de Xacio Baño sobre a soidade e a ausencia; o retrato do traballo e a paisaxe que fai Xurxo Chirro (máis un excepcional fragmento que puido formar parte de Vikingland); e o novo estudo sobre comunidades e a súa integración nun espazo que nos ofrecen os QQ, Vicente Vázquez e Usue Arrieta.

Martin Pawley

Texto escrito para o catálogo do 27 Festival Internacional de Cine de Mar del Plata. Versións en español e inglés, neste enderezo.

venres, 31 de agosto de 2012

A ferida profunda da saudade

por Miguel Castelo
"Nada hai comparábel ao rostro humano. É un territorio que un nunca cansa de explorar”.
C. T. Dreyer

Unha parella na trintena encóntrase nunha cidade para pasar unha fin de semana xuntos. E o que se supuña ía ser unha feliz estadía acaba por se converter nunha sucesión de desencontros e insatisfaccións que levan a interrompir o acordo e a se despedir antes do previsto. No seu deambular, inesperadamente, a muller atopa unha nova compañía masculina, un mozo máis novo, co que establece unha puntual e singular relación, á que non é alleo o recordo do infortunado episodio anterior. Este é o magro fío argumental no que se sustenta Dos fragmentos / Eva, primeira longamentraxe de Ángel Santos.

A operación de apreixar coa palabra escrita un universo de imaxes e sons, de facer a viaxe inversa da habitual no proceso da construcción cinematográfica -da película no papel á película da cámara e a “moviola”- resulta en certo modo imposíbel, mais tamén apaixonante polo que ten de tentativa de se apoderar do obxecto fílmico, de esnaquizalo e volvelo recompoñer para descobrir como traballa, o porqué do seu funcionamento. Mais fique aquí -no limiar e o conxunto narrativo seguinte- este, malia que torpe, esforzado achegamento, que permite observar como a presentación da historia anticipa con elocuencia as formas, o tempo narrativo, as regras de xogo que o propio filme propón para a súa lectura:


Un retrato de muller. Dous perfís masculinos. Unha historia de amor clandestino, un pautado encontro afastado do cotián, unha dúbida, unha intromisión telefónica, un desencanto. A aceptación, no entresoño da madrugada, da sedutora incitación do obxecto amado. Un paseo pola cidade histórica, un percorrido polos escenarios do pasado. O hermetismo, a inhibición e a comodidade do non compromiso. Unha insastifacción recorrente, a angustia existencial, novas dúbidas, retraementos e silenzos. O interese do que se di, a importancia do que se cala. Unha fin de semana frustrada e frustrante. Un desencontro, unha ruptura amorosa, unha despedida.

O desexo -racional ou inconsciente- de recuperar espazos compartidos. O cine dentro do cine. Un encontro inesperado. Un xove enxeñoso, ocorrente e divertido, interesado no misterio feminino. Unha muller pairando no mar do desencanto, un ser mergullado na mágoa da perda. A naturalidade e a perspicacia como recursos da seducción. Unha noite diferente. Unha presenza ausente, un estar coa cabeza noutro sitio; a procura do equilibrio entre a acción e a reflexión, a franqueza, a espontaneidade e a tenrura, cualidades para a comunicación. Un novo desencontro de emocións, o inusitado tremor da música, a beleza fronte ao horror, a beleza e o horror, obra do ser humano. Un novo reencontro na noite cos espazos do amor e o desacougo. A semanticidade dos escenarios da vida. A entrega da tribulación e o desamparo ao cobertor da noite. O retorno á cidade ao albor dun novo día.

E, nunha nova destilación: o tremor da expectativa, o esperanzado encontro, a primeira decepción; o poder do desexo e a paixón; itinerancias, acordos e trasacordos nun novo día e unha obrigada separación; un novo, engaiolador e inoportuno encontro, un desacordo de intereses, unha sorte de expiación panteísta. Un limiar, un subseguinte tramo narrativo e dous “fragmentos” a través dos que a nosa protagonista efectúa o seu itinerario vital desde un presente solitario e esperanzado cara a ferida profunda da saudade. Sobre isto todo versa a historia de Dos fragmentos / Eva.



Unha historia que principia nun mosteiro, coa súa imaxinería relixiosa en proceso de restauración, transita por unhas instalacións aeroportuarias, un hotel, e deambula por unha antiga librería, un edificio público en fase de rehabilitación dos seus espazos interiores, unha exposición fotográfica, un antigo camposanto convertido en lugar de ocio e esparexemento, un centro cultural, cafés e bares diversos, viais e travesías históricas, rúas en obras... Escenarios en ocasións “baleiros”, que os personaxes ocupan oportunamente para os dotar de sentido; espazos espidos, lugares en transformación. Ambientes sonoros que con frecuencia insisten tamén na mesma idea de cambio e renovación, que latexan en nós coma un eco do corazón desolado da nosa protagonista.

Unha historia sustentada nunha estrutura narrativa precisa e rigorosa, construída co manexo proverbial do ritmo interno, da xusta relación entre espazo e tempo, da correspondencia xusta dos personaxes co seu entorno, alén da súa beleza, espazos significantes -sempre significativos-, apañados con primor e pulcritude pola luz reveladora de Alberto Díaz “Bertitxi”. Unha composición visual en completa sintonía co espazo sonoro, elaborado por Xavier Souto, no que a música, asinada por W., de modo oportuno, anticipa, subliña, define, substitúe, cumpre coa súa función no seu sentido máis nobre sempre, e interactúa cos outros elementos sonoros producindo resultados altamente estimulantes.

Con delicadeza e exquisitez inusuais, por medio dun rexistro formal esteticamente impecábel, Ángel Santos indaga no complexo mundo das emocións, se cadra un dos desafíos da realización cinematográfica que ofrece maiores atrancos, efectúa unha incursión na soidade e establece unha sorte de xeometría das paixóns, unha cosmografía dos sentimentos encarnada na figura dunha muller e dous homes. Tres diferentes tipoloxías humanas, tres intérpretes en estado de graza -Iria Pinheiro, Isak Férriz, Fernando Tielve -, dirixidos con singular intuición e sabedoría.

Sen renunciar definitivamente ao narrativo, o filme adopta unha disposición fragmentaria. Equilibrada combinación de fragmentos breves con medidos planos-secuencia, na que conviven en perfecta harmonía escenas previamente concibidas con situacións atopadas. Fragmentos visuais e sonoros, distantes no espazo e no tempo, que trasladan sutilmente ao espectador a función de establecer entre eles relacións e sentidos, nun respectuoso convite a ser partícipe activo do relato. Unha participación que moi ben podería dar lugar a percepcións dalgún modo diferentes ás aquí expresadas, na consideración de que o filme, pola súa disposición formal e informativa, segmentada e intencionadamente fráxil, se propón como unha caste de cheque en branco que o espectador debe cumprimentar ao seu xeito. Un procedemento narrativo que acada a súa máxima expresión na secuencia na que Eva e Manuel escoitan na casa deste a aria enteira Un bel di vedremo, de Madama Butterfly. Dous personaxes, dous estados de ánimo, dúas expectativas, un coñecido fragmento musical.
Un anaco de música do que se tira un dobre significado. Un canon de beleza ao que, malia o seu recorrente uso cinematográfico, Ángel Santos, nun benfadado atrevemento, extrae un novo valor (semellante ao que posúe na súa orixe), cal é o de facer del e da situación no que se insire a caixa de resonancia de todo o anteriormente narrado, construíndo á vez un tempo de emoción profunda, que sen reparo se pode situar entre os momentos máis intensamente emotivos da historia do cine.

Dos fragmentos / Eva é a longametraxe de ficción máis fermosa de cantas todas se produciron e realizaron en Galicia. Unha película á que, con todo dereito, como propuña Bresson, podemos chamar bela porque dá unha idea elevada do cinematógrafo.

(...) Llamará Butterfly, desde lo lejos
Y yo, sin responder,
estaré allí escondida,
un poco por inquietarlo,
y un poco para no morir
en el reencuentro, y él,
con cierta inquietud, llamará, llamará:
"Pequeña, mi pequeña esposa, perfume de verbena", [1]
los nombres que me daba
cuando llegaba a casa.
Todo esto ocurrirá, te lo aseguro.
Guárdate tu miedo,
yo, con fe cierta, lo espero.


[1] Reférese á verbena officinalis, pranta, principalmente tropical, da familia das verbenáceas, comunmente coñecida como "Herba sagrada". Outras traducións máis libres falan de "aroma de naranjas", expresión, malia a distancia literal, paradoxalmente máis dentro do contexto.

martes, 20 de marzo de 2012

A singularidade de Dous fragmentos / Eva

Nunha entrevista que lle fixo Carlos Meixide para Dioivo, Ángel Santos, director do filme Dous fragmentos/Eva, di que cumprirá as súas expectativas co filme se o espectador recoñece as súas singularidades. O dispositivo de Dous fragmentos/Eva baséase nunha itinerancia non só da súa protagonista senón dun proceso cinematográfico que ilustra perfectamente a deriva da concepción cinematográfica contemporánea, que pasa dunha ficción pesada e solemne a unha narrativa libre e imaxinativa que se evapora na modernidade absoluta.

No filme hai unha secuencia clímax onde se condensa esta transfiguración, unas imaxes nidias que transmiten dunha maneira eficaz e pedagóxica por onde deambulou o cinema polos últimos anos. A secuencia en cuestión é cando a protagonista (Iria Pinheiro) e o seu novo partenaire (Fernando Tielve) chegan, no seu peregrinar nocturno, a un bar e se poñen a conversar cun home que fai figuras con globos. Esta secuencia condensa as “singularidades” e sinala os atractivos do filme.

A escena non estaba no guión, probablemente foi feita para cubrir algún contratempo climatolóxico e ficou suxeita á máis absoluta improvisación, mais nela podemos ver como convive dunha maneira fluída a ficción e a realidade. A parella na ficción, os actores, o director, o equipo técnico en xeral e toda a parafernalia do artificio acomodan as súas artes a unha realidade esmagadora sabedores de que nesa fricción hai un camiño cheo de froitos. Emporiso estamos ante a cristalización incosciente dos obxectivos dun filme, onde o azar esmaga a lóxica do cálculo para deixar atrás as incertezas que promoven prácticas antigas. Velaí unha porta aberta para todo aquel que se considere navegante, comezando polo propio Ángel Santos.

Xurxo González

Dos fragmentos/Eva estréase esta semana na Biennale du Cinéma Espagnol de Annecy, dentro da súa sección competitiva.

mércores, 27 de abril de 2011

Novo Cinema Galego no CGAC

A etiqueta “novo cinema galego”, tan provocadora como eficaz, foi cobrando peso ao longo dos últimos meses, mais... que hai de novo nese novo cinema? A asunción de riscos, a certeza de que non hai máis límites para facer arte que os do talento que cada un teña, a vontade de participar nos mesmos debates estéticos e argumentais que sacoden o cinema no resto do planeta. Por primeira vez temos un cinema que non chega tarde, que se suma ás tendencias e correntes creativas en tempo presente. Tamén hai críticos, polo xeral fóra dos grandes medios, e mesmo entidades culturais, que perciben estes movementos como unha oportunidade que non hai que perder. Estas xornadas, dedicadas aos novos creadores cinematográficos galegos, constarán de seis sesións que terán lugar ás 19:30 h no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela. Cada unha delas será presentada por un dos comisarios do ciclo e contará coa presenza do director correspondente. Ao finalizar a proxección de cada filme abrirase un coloquio cos asistentes.

PROGRAMA

28 DE ABRIL
Sesión 1. Peque Varela
Gear (2004, 1 min) + Phace (2005, 1 min) + 1977 (2007, 8 min) + Gato encerrado (2010, 12 min)

5 DE MAIO
Sesión 2. Marcos Nine
Manuscritos pompeianos (2010, 18 min) + Radiografía dun autor de tebeos (2010, 20 min) + Avance da longametraxe La brecha (2011, 20 min)

19 DE MAIO
Sesión 3. Eloy Enciso
No tan buena vista (2002, 9 min) + Funk the Wheel (2003, 7 min) + Isa003 (2003, 7 min) + La clase (fragmento) (2003, 8 min) + Pic-nic (fragmento) (2007, 9 min) + Miércoles (2008, 5 min) + Arraianos (fragmento) (en produción, 12 min)

26 DE MAIO
Sesión 4. Lois Patiño
Recordando los rostros de la muerte (2010, 38 min) + Paisaje-Duración (2010, 10 min) + Paisaje-Distancia (2010, 12 min)

9 DE XUÑO
Sesión 5. Ángel Santos
O cazador (2008, 25 min) + Sara y Juan (2009, 21 min) + Fantasmas #1 (2010, 9 min)

16 DE XUÑO
Sesión 6. DSK: Juan Lesta e Belén Montero
Serie ICONOSCOPIO (2009-2010, 18 min) + Serie PENÍNSULA XY (Ruta x, 2011, 16 min; Ruta y, 2011, 10 min)

COMISARIOS: Acto de Primavera (Martin Pawley, Xurxo González e José Manuel Sande). COORDINADORA: Gema Baños

Máis información, no sitio web do CGAC e no folleto do ciclo.

sábado, 13 de novembro de 2010

Cinema galego en Cineuropa

O fácil é dicir que Cineuropa, a cita principal do calendario de festivais galegos, aposta polos cineastas do país, por todos eses autores novos (e non tan novos) que fan filmes sen prexuízos, sen máis limitacións que as que lles impón o talento grande ou pequeno que posúan. Creadores valentes que pensan, ensaian e arriscan, e que en consecuencia unhas veces se equivocan e outras veces acertan, único xeito que coñezo de progresar en calquera ámbito do coñecemento. O fácil é caer no paternalismo e falar deles en termos compasivos, como se difundir a súa obra fose unha cuestión de caridade.

Como programador da sección Panorama audiovisual galego de Cineuropa síntome na obriga de darlle á volta á frase. Non é Cineuropa a que aposta polos creadores, son os creadores os que apostan por Cineuropa. Son eles os que nos conceden o privilexio de exhibirmos as súas obras, os que comparten xenerosamente connosco o seu esforzo e a súa creatividade, os que nos permiten facer do certame un punto de encontro para todos os implicados na creación cinematográfica en Galicia, sexan autores, críticos ou espectadores con curiosidade polo que fan os seus veciños. Son eu, e non eles, quen debe estar agradecido. Agradecido por poder proxectar a filmografía case completa de Lois Patiño, inesperadamente variada e fecunda tendo en conta a súa xuventude; a primeira longametraxe do equipo creativo que forman Víctor Hugo Seoane, Jaione Camborda e Iván Marcos, Lugares no tempo, fértil e repousado canto a unha maneira de vivir que renuncia ás présas, e os traballos de Ramiro Ledo, Marcos Nine, Alberte Pagán, Ángel Santos, Peque Varela e tantos outros, até superar o medio cento de filmes (e máis que podería haber). Grazas a todos eles pola confianza que nos outorgan.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 12 de novembro de 2010

domingo, 10 de outubro de 2010

Sen compaixón

A edición en que o Festival de Xixón se abre máis que nunca a ese cinema español de calidade creado desde uns parámetros artísticos e de produción radicalmente contrarios aos que agora alenta a nefasta dupla diabólica formada polo director do ICAA Ignasi Guardans e a ministra de Cultura Ángeles González-Sinde, é tamén a que consagra a inmensa valía dunha nova xeración de autores galegos cuxa obra transcende xéneros e categorías para despertar xenuína admiración e interese en todas partes, máis alá da natural simpatía e compaixón localista.

Pouco hai que dicir xa de Oliver Laxe, o mellor dos nosos, un director que vive un ano de gloria desde que a súa ópera prima Todos vós sodes capitáns recibira o recoñecemento da crítica tras a súa estrea na Quincena de Realizadores de Cannes. Tampouco é precisamente unha descoñecida a ferrolá Peque Varela, que conseguiu colocar no Festival de Sundance a súa curtametraxe 1977 uns meses despois de que lla rexeitaran varios certames do país. A de Caranza supera os magníficos resultados acadados daquela na súa nova obra mestra, Gato encerrado, un impoñente alegato contra as desigualdades cuxa incríbel riqueza non se capta nun único visionado. A curta expón as vidas paralelas de dous gatos con moi diferente fortuna: un deles nace con sete vidas, como asegura o mito popular hispano, e o outro con nove, como é común na tradición anglosaxoa.


Ese é o primeiro elo dunha longa cadea de desvantaxes; para o gato de sete vidas será moito máis complicado acceder á educación ou cruzar fronteiras, será vítima da fame e da represión policial e terá, en suma, moito máis difícil a supervivencia. Saír adiante é unha odisea e equipararse en dereitos ao outro unha utopía nesta fértil e intelixente parábola que une ao vigor e contundencia da súa mensaxe unha espectacular inventiva visual, que outorga rapidez e elegancia a esta curtametraxe imbatíbel. Pouco importa que a súa filmografía completa poida verse en vinte minutos: Peque Varela é o valor máis seguro do cinema galego pola súa capacidade para chegar a públicos amplos con produtos intelixentes sen traizoar a súa identidade.

Por último, Ángel Santos, que despois de demostrar o seu talento en ficcións harmoniosas como Septiembre ou O cazador proba sorte no campo do ensaio. En Fantasmas #1 Ángel explora o arquivo familiar para rescatar fotografías e filmacións e con elas construír unha atinada reflexión sobre o paso do tempo, a memoria e as pegadas do pasado na construción da propia personalidade.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia o domingo 10 de outubro de 2010.

sábado, 3 de xaneiro de 2009

Dous cineastas do noso tempo

“Quen sinta necesidade de facer filmes pode facelos. Fará todos os sacrificios que precise para iso, para que esa necesidade non se volva na súa contra. Se non os fai é porque pode que non precise facelos, que non lle dea máis voltas. Que se acepte. Non hai escusas para non facer filmes, de ningún tipo”. Con esa resposta pechaba Oliver Laxe (París, 1982) a entrevista que hai uns meses lle fixo Xurxo González; unha frase que vale de autopoética e define ben a maneira de pensar e actuar do cineasta galego que máis alegrías nos ha de dar no futuro.

Tiven noticia del ao final do verán de 2007 grazas a unha conversa telefónica con Manolo González, o director da Axencia Audiovisual Galega. Preguntoume se o coñecía, supoño que polo feito de eu tamén ser coruñés, e faloume dunha película que Oliver estivera a rodar nos Ancares con cámaras de 16 mm. Foi nesa altura cando saiu á venta o primeiro pack da serie Cinema de notre temps editado por Intermedio; nun dos DVDs, o que recolle o documental de Chris Marker dedicado a Andrei Tarkovski Un día na vida de Andrei Arsénevich, aparecen como extras dúas pezas súas, Grrr! Nº 7: e as chemineas decidiron escapar, co-dirixida con Enrique Aguilar e que chegara a ser seleccionada no Festival Internacional de Cinema de Xixón, e Grrr! Nº 8: Soa a trompeta, agora vexo outra cara, xa en solitario. Son dúas curtametraxes moi diferentes. En As chemineas... as feridas e os sacrificios cristalizan en imaxes en branco e negro que amosan edificios e guindastres e onde a presenza humana fica reducida á mínima expresión, materiais cos que constrúe unha sinfonía torturada de baleiros e ausencias tan fermosa como desacougante. Rodada un ano despois, Soa unha trompeta... segue a ser un traballo moi austero, “de destapar máscaras e máis máscaras”, mais o seu autor parece terse reconciliado co mundo e consigo mesmo e grazas a iso pode enfrontarse aos rostros con decisión para tratar de recoñecerse na mirada do outro. Cheo de curiosidade despois de ver os dous filmes procurei información na rede sobre Oliver Laxe e os resultados non fixeron máis que aumentar o misterio: boa parte das referencias atopadas daquela aludían ao seu pasado traballo como modelo de pasarela. Cineasta experimental e modelo, unha combinación insólita, case un binomio fantástico, como diría Gianni Rodari.

París #1
Non volvín acordarme del até o mes de xullo, coa celebración en Goián e Vila Nova de Cerveira da primeira -e agardo que non única- edición dun certame modélico e audaz, o Filminho. Eu formaba parte do xurado e en competición estaba París #1, a súa nova película. Acabou levando o Grande Premio, non sen esforzo: foi cousa de José Manuel Sande e máis miña, que actuamos como valedores dunha obra que non todos parecían aprezar. Foi unha decisión xusta. Oliver asumiu o risco de preguntarse que é Galiza e a súa elocuente resposta foi unha alfaia que sitúa o audiovisual de noso en pé de igualdade co mellor cinema contemporáneo. En París #1 o hermetismo das súas fitas anteriores desaparece para dar paso a unha verdadeira exaltación do pracer de mirar e escoitar. Nun proceso coidado de depuración a ollada do director aproxímase á dun neno marabillado pola visión dos animais, presentes en escenas cuxa frescura evoca o slapstick, ou polo paso dun helicóptero, que exemplifica a súa fascinación polos obxectos que voan. A rodaxe dun filme en Ourense, os ritos máxico-relixiosos vencellados coas pedras en Muxía, unha poxa e unha cacería son algunhas das imaxes que recolle nun paseo polo país que quere ser decididamente sentimental antes que etnográfico e cuxa suma conforma un abraiante caleidoscopio no que hai sitio para a alegría e para a crueldade, para a vida e para a morte.

Despois da proxección de París #1 en Goián houbo un pequeno coloquio que non funcionou demasiado ben. Oliver intimida pola súa seguridade e rigor reflexivo e de lonxe pode parecer innecesariamente fachendoso. Mellora nas distancias curtas, cando descobres que na súa actitude non hai impostura. Levo falado moito con Oliver tralo Filminho; conversas longas case sempre en bares do barrio que compartimos, esa clase de tascas cuxa antigüidade podemos estimar contando as raias que teñen os vasos. Cervexa a cervexa a admiración derivou en amizade, alimentada logo a forza de correos electrónicos de dimensión crecente nos que se debullan proxectos de futuro. Teño a certeza de que lle sobra capacidade para incorporarse acó ou aló a unha industria na que xente con bastante menos talento está producindo filmes a un ritmo vertixinoso, e por iso me sorprende que podendo acceder ao cinema por unha vía máis rápida elixira facer tan só as cousas que lle pareceron necesarias, as que necesitou contar. Que escollese o traxecto longo e tortuoso. O menos convencional e o máis libre, e quizais tamén o máis satisfactorio por ser “o seu”, o que lle permite facer o que quere, ou polo menos intentalo. Iso é algo polo que debe sentirse orgulloso. Con naturalidade, sen darlle máis transcendencia da necesaria; simplemente orgulloso de filmar o que quere filmar, asumindo as dificultades e as pedras no camiño coa teimosía propia dun personaxe de Werner Herzog. Mesmo vivindo en precario se for preciso, como lle aconteceu ao chegar a Tánxer, a actual residencia deste autor errante cuxa aínda curta vida vai asociada xa a outras catro cidades, París, A Coruña, Barcelona e Londres. Leva dous anos traballando nun obradoiro de creación cinematográfica para nenos en situación de exclusión social que leva por nome Dao byed, “Luz branca”, o nome co que os cativos decidiron bautizar o proxector. A fascinante experiencia váinola contando nun blog, e como resultado dela fará en 2009 unha longametraxe documental. Hai outra longametraxe máis que lle ronda a cabeza, un traballo de sofisticada estrutura que explora o relato convencional, a poesía e a representación fuxindo sempre do manierismo inútil para ir na procura desa honestidade humanista que caracteriza aos grandes cineastas actuais, de Béla Tarr a Pedro Costa. El pode.

* * * * *

No exemplar de xaneiro da revista Cahiers du Cinéma. España aparece un informe sobre as curtametraxes feitas en España no 2008. Entre os documentais, Gonzalo de Pedro salienta París #1; Carlos Reviriego ocúpase dos traballos de ficción e o primeiro que cita, e ademais de xeito moi eloxioso, é O cazador de Ángel Santos (Marín, 1976), calificada de “rareza excepcional”. “O cazador”, afirma Carlos, “ábrese en canal e pon ao descuberto o entramado dunha adaptación á pantalla do relato homónimo de Chéjov, desde a súa lectura á súa representación, nun sobrio exercicio de invención creativa que baixo a súa aparente simplicidade agacha varias capas de lectura”, para proseguir dicindo que “esta pequena xoia atrapa as fases de transformación dunha historia desde que é papel até que é imaxe”. Levei unha grande alegría ao ler estas palabras, tanto por Ángel Santos, a quen hoxe teño por amigo, coma por min mesmo, polo moito que levo discutido e defendido a súa maxistral curta diante de xente que non soubo ver os seus méritos, ou que sinxelamente non sabe ver. O bo oficio Ángel xa o demostrara anos atrás cunha curta deliciosa, Setembro (Os amores novos), reveladora do seu gusto polo cinema francés en xeral e por Eric Rohmer en particular; mais os vinte e cinco minutos de O cazador supoñen un extraordinario salto adiante pola súa intelixente reflexión sobre o proceso de adaptación literaria, construída en tres bloques ben diferenciados que deslumbran co seu rigoroso formalismo e a súa admirábel contención e sutileza, adxectivos que valen igualmente para describir a actuación da formidábel parella protagonista, Marta Pazos e Lois Soaxe. Dixen nalgures que O cazador era a mellor película de ficción xamais feita en Galiza; non opinan o mesmo os responsábeis dos diversos certames de cinema que a rexeitaron. Por desgraza para eles non é o alento da xenialidade a única cousa que Ángel e Oliver teñen en común: tamén coinciden no desinterese e nalgún caso o desprezo expreso que pola súa obra amosan certos festivais cuxa cegueira acabará por ser lendaria.

Martin Pawley. Publicado o sábado 3 de xaneiro de 2009 en Nós, suplemento de cultura do Xornal de Galicia