por Fernando Redondo
Nota: Esta entrevista foi publicada en Tempos Novos. Revista mensual de
información para a opinión e o debate, nº 260, xaneiro de 2019.
A mostra compostelá Cineuropa acolleu a presentación en Galicia de
Trote, de Xacio Baño, quen xa tiña demostrado o seu talento visual e
narrativo en curtas como Anacos (2012), Ser e voltar (2014) ou Eco
(2015). Agora, a súa primeira longametraxe estréase nos circuítos
comerciais o 14 de decembro tralo paso pola sección Zabaltegui do
festival de San Sebastián e pola Cineasti del Presente de Locarno. O
filme tamén foi seleccionado, xunto con outros tres, para participar no
Ikusmira Berriak, residencia artística do certame donostiarra para
afondar no guión e confrontar o teu proxecto con outros proxectos, con
profesionais e expertos. O rural galego de Trote, ateigado de conflitos
silenciados e con planos pechados sobre personaxes que pulan por
expresarse, ben podería confrontarse, tamén, con aquel outro que, pola
contra, presentaba Costa da Morte (Lois Patiño, 2013), de amplos planos
xerais e nos que a figura humana facía parte da paisaxe.
En Trote advírtense certas semellanzas coas curtas anteriores, Ser e voltar ou Eco, como é o caso das relacións familiares
Sinto
que ten que ver no temático coas anteriores curtas, coa familia, coa
identidade, co noso espazo no mundo. Pero penso que é pura ficción,
aínda que hai unha parte documental en Trote. Entón, por aí, si que noto
unha certa diferenza coas curtas. Si é verdade que, vendo Eco hai
pouco, dinme de conta da utilización das elipses, do non dito ou o non
mostrado. Tamén é certo que en Eco Xosé Barato estaba moitas veces fóra
de cámara ou tapado por paredes, con figuras ou voces de lugares que non
acabas de recoñecer. Iso tamén está en Trote: personaxes que están
rodeados por voces e por espectros, por pais que no están… E como algo
que noto que continúa unha liña, sobre o non mostrado e o non dito e
para min tiña que ver, todo ese off de cámara, ese off de imaxes sobre
todo, máis que de son. Tamén busquei afastarme un pouco do coñecido por
min ou de onde estaba cómodo. Entón, Trote ten que ver co animal que non
amosamos ou que non queremos aceptar. A peli vai diso, sobre o animal
que levamos canda un e que non acabamos de domar ou de entender ou de
aceptar. Entón por aí a peli tamén me pedía que tivera tantos ocos e
tanto baleiro narrativo e de imaxe.
Trote é un filme
construído sobre a incomunicación, o silencio e os sobreentendidos (para
os personaxes, pero non para os espectadores, que teñen que completar o
que falta). Como se fai disto un traballo de imaxe e se constrúe un
relato?
Efectivamente, unha das dúbidas máis importantes foi como
abordar todos eses sobreentendidos: isto que sabe a xente da familia da
película, como se falan, como non se falan, o que hai por aí abaixo....
Hai cousas que pertencen a un ou á manada, que hai que aceptar como
espectador e que hai que intentar descifrar polo subconsciente, polo
instinto, por lugares que non teñen que ver con entender todo. E como
tratamos a narración e a imaxe? Tiñamos claro que tiña que ser unha peli
onde o tempo pesara, onde os planos foran longos, onde os personaxes,
moitas veces, foran o centro do cadro e todo o mundo estivera ao seu
redor, dando voltas, un pouco para tentar poñernos no que están
pensando. A película vai de coller forza, de moverse, de trotar. Moitas
veces aparecen as mulleres levantándose da cama, están incorporándose,
facendo pequenos movementos. Para min, tamén ía diso: dos roles de
xénero, do que espera a sociedade dunha muller ou dun home.
O elenco e o traballo actoral
Este
é un filme que asenta nun traballo forte de interpretación, ¿fixeron as
actrices e os actores algunha achega non prevista no guión?
Houbo
unha etapa de ensaios fortes, sobre todo con María Vázquez. Comentaba
Tamara Canosa, a outra actriz principal, que escolleramos para os
personaxes principais persoas que no seu día a día son xente nerviosa,
con moita vida. E a min gustábame moito a idea de levar eses corpos,
que se nota que se moven e que están moi soltos, a un lugar máis
estático, moito máis ficcional, que se notara esa rixidez dos corpos. O
que fixemos aquí foi quitar moita palabra, moito texto. E iso tamén foi
un traballo deles: como meter no corpo o non dito ou o sobreentendido.
Por momentos dá medo o de quitar e quitar, pero esta era unha
película de chegar ao animal e para iso hai que quitar o verbo, quitar o
humano, a expresión, e deixalo moito máis na linguaxe non verbal. E
tamén buscabamos eses corpos máis tesos e máis ficcionalizados para logo
ir a un lugar moito máis vivo e documental, onde os corpos estiveran
moito máis soltos. Buscabamos que se notara moito máis esa diferenza da
ficción pura e dura na que hai un texto e un encadre, e ir así a un
lugar moito máis libre, que é a rapa, cos animais que non podes
controlar e non pasa nada por non controlar.
Sobre o
tratamento visual da figura humana, observamos que hai moitos primeiros
planos e planos dende a caluga acompañando o movemento dende atrás. Parece
que se busca aquí unha aproximación física aos personaxes. Outras
veces, porén, ocupan o límite do cadro ou están directamente cortados…
Porque
había algo de animalizar os corpos, non só de amosar os corpos, senón
aquilo que nos fai diferentes. Se te achegas coa cámara a unha
persoa e filmas a súa pel e filmas a pel dun animal as diferenzas vanse
eliminando. Xa dende o cásting, gustábame moito, no caso de María
Vázquez, todas as pencas que ten. Isto potenciámolo en posprodución.
Démoslle contraste a todas esas peles. Tamén os seguimentos dende atrás
teñen que ver co estilo documental. Sabíamos que a peli ía rematar nunha
parte máis real, que era a rapa, e había que facer unha transición.
Moitas veces na montaxe, por exemplo, escolliamos os peores planos de
cámara, para ir rompendo e chegar a ese punto final dunha maneira
orgánica, digamos. Entón, había decisións que van de aceptar a
imperfección, de aceptar esas rupturas na cámara ou no son. Por exemplo,
ás veces, queriamos chegar coas voces ao nivel do imperceptible e que
só o corpo dera información, tentar xogar á contra do narrativo. Todos
os personaxes, menos o de María (Tamara Canosa), teñen problemas coa
identidade ou co seu animal interno. No caso de Carme, un animal que
quere escapar. No caso de Diego Anido, un personaxe que non acepta o
animal interno. El quere ser un macho dominante pero non o consegue.
Entón, un plano coma o que aparece coas pernas colgando ten que ver con
ese home que non pode amosar o que sente, que está máis roto e querendo
tamén facelo máis neno ao mesmo tempo. Para min é un personaxe que se
bloquea coas emocións e que non sabe exteriorizar iso. Tamén, de aí todo
ese off e todas esas miradas cortadas. Neste retrato dunha manada que é
a película, Diego Anido é ese rapaz que nunca encaixou na vila, que
quere mandar e ser tido en conta. Tamén é algo moi infantil: pensar que
todo o que existe é porque eu estou aquí e que logo non hai nada máis.
O retrato do rural galego non se axusta ao que se adoita facer ou ao que un agarda que se faga.
O
outro día, un colega, o actor Vicente Mohedano definiu ben o ambiente
da película: ti que fas aquí, que miras?, que é como dicir que este é o
meu, que queres saber del e por que te metes aquí. A película vai desa
maneira de relacionarse e de tapar os problemas e os conflitos
familiares. Por iso non usamos os planos xerais, senón que xogamos a
facer un mundo sen aire, sen lugares abertos, pechar os personaxes,
pouco movemento dentro do plano. Estoume acordando da película
Santoalla, a do asasinato do holandés de Petín: esta familia é dese
tipo. Obviamente, hai moita variedade, pero estas familias existen. Eu
quería falar deste tipo de xente máis torpe coas emocións. Por iso
tampouco quería facer unha peli de moito desenvolvemento dramático, de
xiros etc, porque para min isto é o relato dun lugar que está un pouco
estancado. É cuestión de contar un momento vital, de familia, de como
se relacionan e de nada máis que iso. Despois, obviamente, inventas unha
historia, pero todo en función dos personaxes e da súa forma de ver o
mundo ou as interrelacións familiares.
A rapa de Amil para o desenlace
Como foi o traballo de localización, como apareceu o lugar idóneo para amosar a rapa das bestas?
Estivemos
dous anos antes da rodaxe, Lucía Catoira, a directora de foto, e máis
eu, indo por rapas de toda Galicia buscando a que máis se podía axustar á
película que queriamos facer. Entre todas, a que máis nos gustou foi a
de Amil, en Moraña, porque nos parecía que a tradición era moito máis
honesta, porque o que pasaba era menos espectacular. Había un espazo moi
bonito para filmar, con po, coa cantidade xusta de animais. Había
sombras en pleno verán, había árbores que tapaban o curro, que nos daban
texturas e, sobre todo, había a posibilidade de gravar coa cámara á
altura dos homes e dos animais, non ter que gravar nas gradas, que as
eliminamos para que non nos despistara do que estaba pasando, da
metáfora da película. E logo buscamos tamén unha casa co muro, coma un
curro, que estivera cerca de Santiago e atopamos unha a carón de
Pontemaceira, e que ademais nos daba a posibilidade de ter nun radio moi
cativeiro a aldea, que era Lens, un pobo de rúas estreitas, que non
aproveitamos moito polo tema de non empregar planos xerais, pero que si
nos daba un espazo de identificación, de mundo pechado. A taberna que
aparece tamén é real, pero estaba en Boqueixón, igual que a marmoraría.
Isto foi traballo, sobre todo, de Sebas Coto, xefe de produción. É unha
das cousas que eu notei moito, no cambio das curtas ás longas, que hai
moita xente que che facilita as cousas.
A rapa das bestas
mostrada a ese nivel, a pé de campo, dálle un especial dramatismo á
acción que se nos mostra. Entendo que aquí se pon en imaxes esa metáfora
á que aludiches e que conduce toda a historia ata este desenlace.
Si,
pero para min tamén hai moitos ocos na película que se pechan neste
momento. Hai un fóra de campo e unha información que o espectador
reclama cando hai elipses. Ten que ver co animal, cando os personaxes
están no territorio ou defendendo o territorio, ou está no sexo, ou na
dominación ou na pelexa. Cousas así, máis de animal, máis físicas, máis
instintivas. Entón, todo iso que non se conta, para min péchase coa rapa
e co que sucede alí. Tamén quero incidir moito no son desa secuencia,
como conseguir co son e coas imaxes golpear aínda máis ao espectador, ao
igual que eliminar alí ao público e traballar co primeiro plano do
cabalo e do home.
Imaxino que houbo moitas dificultades na rodaxe da rapa nese intento de acompañar coa cámara todo o que alí acontece.
Tres
ou catro días antes da rapa houbo unha reunión de urxencia con
produción porque estaban un pouco preocupados ao non haber un planning
de todo isto. Eu defendín alí que a secuencia ía precisamente de non ter
planning, de deixar que pasen cousas, de estar listos e deixar que a
película acabe aí, nese instante. Se hai unha proposta formal e
intelectual detrás da película, había que levar esta falta de
planificación ata o extremo. Disto vai facer cine e para min é o
principal, aínda que te equivoques pero é a única maneira de chegar ao
sitio que ti sospeitas, como creador, que podes chegar. Logo, gravamos a
rapa con dúas cámaras, con varias persoas arroupando ao operador e ao
microfonista. E o remate foi moi sinxelo: confiar, non ter medo, saber
que estamos protexidos, que podemos facelo. Lucía, que operaba a cámara,
e que é unha rapaza non moi alta, estaba a 20 centímetros. dos cabalos,
e nós preparados por se había que tirar dela para atrás. Tratábase de
non ir á frialdade nese momento. Supoño que o seguro de cámara que pagou
a produtora Frida non sería pouco, pero o que pedía a película era
chegar a ese momento, un pouco aberto, xogándose o tipo, esperando que
foran pasar cousas.
O futuro do Novo Cinema Galego
O
teu nome está vinculado dende un principio ao Novo Cinema Galego. Como
te ves ti aí nese movemento e como ves o movemento en si mesmo?
Funciona
moi ben a marca, foi unha moi boa decisión de xente moi lista e moi
pilla, e ademais tamén hai base para falar de cousas comúns. Hai unha
conxunción de xente sen medo, con ganas de retarse contra o cinema e
contra as formas, sen medo a equivocarse nin a fallar e que sabe que esa
é a única forma de medrar, que non queren contentar aos demais, senón
facer o seu propio camiño. E eu si que me inclúo nese grupo. Tes poucas
posibilidades de facer películas, longas menos. Incluso a xente que
triunfa a nivel comercial teno complicado. Entón, a única maneira é ser
honesto con un mesmo, buscar o teu camiño e porfiar que leve unha boa
dirección e lle guste a certa xente. Eu si creo que vai haber futuro
para o NCG, e que o 2019 vai seu un gran ano, coas películas novas de
Oliver Laxe, de Eloy Enciso, de Lois Patiño, de Jaione Camborda.
O que nos preguntamos sempre e se en Galicia hai base suficiente para crear unha industria sostida no tempo.
No
meu caso, todo o que me pasou foi por traballo propio. Case non
traballei para outra xente. As rodaxes nas que estiven foron as miñas. O
ideal é que haxa unha industria, que haxa máis produtoras que aposten.
Eu creo que si, que cada vez se aposta máis polo cine de autor porque é o
único cine que vai ter futuro. Nos casos de pelis que van ao comercial,
que as hai, creo que é complicado que alcancen as súas metas e non
porque crea que non o merezan, senón porque o mercado é moi puñetero. É
moi complicado pelexar nun top 10 no que cinco son pelis de majors e
estadounidenses, dúas foron premiadas en grandes festivais e as outras
tres son comedietas españolas con Dani Rovira… Para min, hai que ser
máis listo que as circunstancias e a partir de aí actuar. Dixo a miña
avoa (que sae en Ser e voltar e ten as súas propias opinións sobre o
cine): a túa peli non vai funcionar porque nela os homes tiran os
cabalos, pero as películas boas son aquelas nas que os homes están enriba
dos cabalos. E para min é unha boa reflexión, e por iso hai que facer
cinema galego e en galego, contar a nosa historia, para que a miña avoa
vexa que o noso tamén importa.
Amosando publicacións coa etiqueta Xacio Baño b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xacio Baño b>. Amosar todas as publicacións
venres, 15 de marzo de 2019
xoves, 13 de agosto de 2015
Conversa sobre "Eco"
Xacio Baño regresou hoxe á competición internacional "Pardi di domani" do Festival de Locarno coa curta Eco. Por cuarto ano consecutivo hai un filme galego no festival suízo, despois de Arraianos (Eloy Enciso, 2012), Costa da Morte (Lois Patiño, 2013) e Ser e voltar (Xacio Baño, 2014). Sobre o novo filme de Xacio vai esta conversa entre Martin Pawley e Xurxo González.
Martin Pawley: Eco é moi sinxela, mais está moi ben resolta. Hai que destacar a valentía de Xosé Barato no manexo dos diarios da nai, que apuntan/desvelan frustracións e sufrimentos sostidos no tempo fáciles de extrapolar a moitas vidas de mulleres desa e doutras épocas. Gústame moito o final, cando as palabras perden xa toda posíbel inxenuidade. O eco é de amargura e de tristeza, mais tamén iso é vivir.
Xurxo González: Gustoume moito. Xunta moi bos recursos e distintas referencias que dan interesantísimos niveis de lectura. Barato foi moi valente. Esta é a curta de Xacio que me gusta máis.
MP: Eu diría que Anacos é máis perfecta mais esta é mellor. É bo pensar xuntos eses dous retratos femininos "in absentia" porque o eco no espectador é moi diferente. Anacos xera unha empatía inmediata pola vía da (triste) tenrura, porén Eco produce outras sensacións, entre elas a incomodidade. A nudez familiar afrontada por Barato deixa algo de mal corpo, non o digo nun mal sentido, antes polo contrario; está moi ben que sexa así. Penso que é nesa incomodidade onde está a virtude da curta.
XG: Xa, xa, son consciente. Mais eu dígoo coma Xurxo espectador e creador. Interésame máis este cine. Probablemente (oxalá me equivoque) non teña tanta acollida como Anacos, mais interésanme máis este tipo de propostas. Déixome levar polas palabras, polo recitado, quería saber que lle pasaba a esa muller. Creo que deixa ao espectador máis libre e iso a min encántame.
MP: Si, si, estou de acordo no que dis. Coma proposta é máis ousada e deixa máis liberdade ao espectador e iso faina tamén "menos festivaleira", non é a clase de curta que vaia gañar premios do público, para entendernos, xustamente porque evita suliñados, non fai explícitas as conclusións. Iso é unha proba de madurez tremenda coma creador. En certo sentido, Xacio está facendo un camiño inverso ao que é máis común no cinema: empezou xogando coa ficción de xénero e foi derivando ao "real". O bo de Eco é que a partir dunha forma canonicamente documental -a observación de algo, neste caso unha mudanza- extrae un relato, a historia dunha(s) vida(s); arma en sentido literal "um filme falado" e o de menos xa é a carga de verdade do relato, non importa se os diarios son reais ou falsos, porque a historia si o é en canto a que hai moitas historias así. Por riba do concepto orixinal está a construción do filme na súa forma final.
XG: A evolución de Xacio resulta patente, alégrome moito. Vaime quedar pena non producirlle a longa que estará ao caer. Se continúa nesa liña a longa será macanuda. Quédome coa parte final do que dis, esa capacidade de suxerir historia co mínimo suficiente. A min gústame esa lectura e ese recitado, sen chegar a formas radicais coma as de Straub. Lembroume lixeiramente O Cazador de Santos, mais a proposta é orixinal e anovadora, pasa do literario e afonda no cotiá onde todo o mundo pode verse identificado. Fai un convite ao espectador intelixente. Agardo que a xente saiba aprecialo.
MP: En Vila do Conde tiven ocasión de entrevistar a Miguel Gomes pola estrea d'As Mil e Uma Noites e nun momento da conversa falou da súa fascinación pola forma máis clásica da narración: alguén que conta unha historia. En Anacos a "historia" realmente quedaba fóra de campo, o que quedaba dunha vida era "o oco", a ausencia, unha sensación compartida por moitos espectadores. Eco funciona case ao revés, parte da ausencia, a despedida dunha casa que xa non serve a ninguén, e dela, ou do que queda dela, agroma un relato, un relato expresado por voces que ao mesmo tempo están a descubrilo. Páxina a páxina esa historia vai doendo e o pudor conduce ao silencio final, que é aínda máis elocuente.
XG: É que aí esta a chave do cinema contemporáneo. Moitas veces pénsase que a "perfección" está nunha narración en imaxes dunha historia á maneira literaria onde as imaxes e as palabras arróupanse unhas ás outras dunha maneira edulcorada. En Eco por un lado temos a recuperación dunha historia que chega a cristalizarse na atención e interese do espectador. Mais Eco vai alén do narrativo, ten algo de performático, de experiencia, de proceso. O espectador invade a intimidade ou, mellor dito, séntese participe dese momento, desas palabras, desas lembranzas, desas historias, desas lecturas. Iso que en gramatoloxía se contrapón: o mostrado e o dito. Este é un cóctel que me gusta, que me entusiasma. E outra cousa que xoga a favor de Xacio é o de ser consciente do terreo acoutado, do espazo, da escrita, das palabras. Elementos suficientes para materializar unha historia cunha chea de niveis significantes. Gratificante.
mércores, 17 de xuño de 2015
Proxecto NIMBOS: Ai capitán (Xacio Baño, 2014-2015)
Curtametraxe de Xacio Baño para o Proxecto NIMBOS, serie de filmes inspirados nos poemas do libro Nimbos de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014. Segunda versión elaborada na primavera de 2015 a partir de material gravado e editado o ano anterior.
Ai capitán
Chorar, chorar, méntrelo barco rompe
contra o solpor, na noite!
A túa pipa non verán meus ollos
fomegar máis;
a túa risa, para sempre inmenso
abrente na mar.
Lume che din, cinza me queda. Cinza,
capitán!
Sola a sireia do teu barco
toda a eternidá.
Fume nos ollos, aréa fría
nas miñas maus.
I en boca que perdín, a longa pipa
fumando a miña vida, capitán.
Chorar, chorar,
como sempre choraron as mulleres,
ai capitán, con barcos ou sin eles!
Nimbos, Xosé María Díaz Castro.
Poema reproducido da edición bilingüe publicada en 1982 por Editora Nacional, con supervisión e tradución ao castelán do autor.
sábado, 2 de febreiro de 2013
Anacos para a memoria
Non cabe outra, hai que pór Anacos na parte máis indelébel da nosa memoria. Probabelmente a de Xacio Baño sexa unha das mellores curtametraxes galegas que xogan, de maneira descuberta e valente, a baza da ficción. Mostra deste logro podería ser a súa extraordinaria recepción por parte de público e de crítica; un éxito referendado polo paso por innumerábeis festivais internacionais e a interminábel suma de premios. Mais Anacos dista de ser un filme acomodado ás prácticas mainstream: as metas por el atinxidas chegan moito máis lonxe do que nun principio se podería imaxinar.
Unha das maiores virtudes desta curtametraxe está no equilibrio entre o que conta e o que se mostra. Nos seus escasos seis minutos de duración despréganse unha serie de recursos visuais, de postas en escena e de montaxes que subscriben e reafirman a escusa argumental coa que se constrúe o filme, o gran tema da contemporaneidade: a memoria. A preocupación por este concepto enmascárase na ilustración dunha enfermidade asociada á debilidade memorística. A presentación dos síntomas do Alzhéimer ten unha dupla consecuencia: fai que a curtametraxe se mova por altos rexistros dramáticos e introduce unha aguda reflexión sobre a propia natureza do medio, xa que a memoria forma parte esencial do dispositivo cinematográfico.
No que atinxe ao primeiro aspecto, a curtametraxe móvese con astucia e sobriedade polo inestábel terreo que define o xénero dramático. Mais o risco de meter o pé nun fondo lameiro Xacio Baño evítao con axilidade e sobriedade sen caer en efectismos. Para iso hai que destacar -e isto é interesante no ámbito galego- a extraordinaria dirección de actores na procura de evitar calquera exceso de condutismo, nun elenco no que destacan sobre todo Mabel Ribera, a protagonista do filme, e José Barato, quen incorpora a súa voz en off para enfiar o relato.
Mais Anacos onde é mais rico é na segunda parte: na reflexión ontolóxica do cinema. Xacio Baño xa viña de facer outros traballos sobre os sentidos. En Estereoscopía trataba o proceso da visión coa escusa dun transplante de córnea. A triste vida do paciente víase alterada pola nova “óptica” que lle fai revivir experiencias pasadas alleas, unha dualidade que o director solucionaba desdobrando a pantalla. En Anacos volve acontecer o mesmo: recorre a un achado visual, a división da pantalla panorámica en cinco rectángulos verticais, para ilustrar a fragmentación e a fraxilidade da memoria.
Grazas a este split screen Baño é capaz, cunha economía narrativa excepcional, de amosar como se vai minando a memoria da nai de quen conta a historia. Un repaso vital moi íntimo que se vale de fotografías, de elementos metafóricos e de recreacións puntuais na biografía da muller extremadamente significantes que lle dan ao conxunto unha gran delicadeza sen caer na sensiblería.
Mais Baño non se detén aquí. O seu respecto polo cinema faille explorar a condición espectral que este ten: cada proxección revive un momento pretérito ao se ordenaren as luces e as sombras arquivadas no pasado. E por outro lado temos o tempo. O cinema ten moito de efémero, de infraleve; o filme nas pantallas é unha analoxía da vida porque nos conta unha historia en presente, esquecendo o comezo no pasado e precipitándose cara a un final futuro. É aquí onde xorde a erosión imparábel do tempo, exercendo unha conexión coa nosa percepción e a nosa memoria como espectador.
Xurxo González
Anacos forma parte da competición internacional do festival de curtas de Clermont-Ferrand, do 1 ao 9 de febreiro.
Unha das maiores virtudes desta curtametraxe está no equilibrio entre o que conta e o que se mostra. Nos seus escasos seis minutos de duración despréganse unha serie de recursos visuais, de postas en escena e de montaxes que subscriben e reafirman a escusa argumental coa que se constrúe o filme, o gran tema da contemporaneidade: a memoria. A preocupación por este concepto enmascárase na ilustración dunha enfermidade asociada á debilidade memorística. A presentación dos síntomas do Alzhéimer ten unha dupla consecuencia: fai que a curtametraxe se mova por altos rexistros dramáticos e introduce unha aguda reflexión sobre a propia natureza do medio, xa que a memoria forma parte esencial do dispositivo cinematográfico.
No que atinxe ao primeiro aspecto, a curtametraxe móvese con astucia e sobriedade polo inestábel terreo que define o xénero dramático. Mais o risco de meter o pé nun fondo lameiro Xacio Baño evítao con axilidade e sobriedade sen caer en efectismos. Para iso hai que destacar -e isto é interesante no ámbito galego- a extraordinaria dirección de actores na procura de evitar calquera exceso de condutismo, nun elenco no que destacan sobre todo Mabel Ribera, a protagonista do filme, e José Barato, quen incorpora a súa voz en off para enfiar o relato.
Mais Anacos onde é mais rico é na segunda parte: na reflexión ontolóxica do cinema. Xacio Baño xa viña de facer outros traballos sobre os sentidos. En Estereoscopía trataba o proceso da visión coa escusa dun transplante de córnea. A triste vida do paciente víase alterada pola nova “óptica” que lle fai revivir experiencias pasadas alleas, unha dualidade que o director solucionaba desdobrando a pantalla. En Anacos volve acontecer o mesmo: recorre a un achado visual, a división da pantalla panorámica en cinco rectángulos verticais, para ilustrar a fragmentación e a fraxilidade da memoria.
Grazas a este split screen Baño é capaz, cunha economía narrativa excepcional, de amosar como se vai minando a memoria da nai de quen conta a historia. Un repaso vital moi íntimo que se vale de fotografías, de elementos metafóricos e de recreacións puntuais na biografía da muller extremadamente significantes que lle dan ao conxunto unha gran delicadeza sen caer na sensiblería.
Mais Baño non se detén aquí. O seu respecto polo cinema faille explorar a condición espectral que este ten: cada proxección revive un momento pretérito ao se ordenaren as luces e as sombras arquivadas no pasado. E por outro lado temos o tempo. O cinema ten moito de efémero, de infraleve; o filme nas pantallas é unha analoxía da vida porque nos conta unha historia en presente, esquecendo o comezo no pasado e precipitándose cara a un final futuro. É aquí onde xorde a erosión imparábel do tempo, exercendo unha conexión coa nosa percepción e a nosa memoria como espectador.
Xurxo González
* * *
Anacos forma parte da competición internacional do festival de curtas de Clermont-Ferrand, do 1 ao 9 de febreiro.
mércores, 7 de novembro de 2012
Galicia alterada
Benvida sexa, pois, a oportunidade de ver os ensaios sobre a memoria familiar e persoal de Ángel Santos; a emotiva ficción de Xacio Baño sobre a soidade e a ausencia; o retrato do traballo e a paisaxe que fai Xurxo Chirro (máis un excepcional fragmento que puido formar parte de Vikingland); e o novo estudo sobre comunidades e a súa integración nun espazo que nos ofrecen os QQ, Vicente Vázquez e Usue Arrieta.
Martin Pawley
Texto escrito para o catálogo do 27 Festival Internacional de Cine de Mar del Plata. Versións en español e inglés, neste enderezo.
Etiquetas:
Ángel Santos,
Eloy Enciso,
Festivais,
Festival de Mar del Plata,
Martin Pawley,
Oliver Laxe,
QQ,
Usue Arrieta,
Vicente Vázquez,
Xacio Baño,
Xurxo Chirro
mércores, 18 de abril de 2012
Hai vida despois dos Capitáns
Os dous premios Goya que obtivo o filme Arrugas e o galardón no apartado de curtas para Birdboy foron amplamente celebrados pola prensa galega e mesmo pola Xunta, co presidente Feijoo disposto a comparar Galicia con Hollywood no ámbito da animación. A cruel realidade, porén, é que un filme coma Arrugas dificilmente alcanzará en salas comerciais a cifra de trinta mil espectadores, un resultado típico do pobre estado actual do mercado cinematográfico en España que en modo algún pode considerarse satisfactorio. Estréanse títulos a feixes, mais a maioría fican condenados a unha total invisibilidade fóra dunhas poucas grandes cidades. É un momento de crise -máis alá da financeira- que obriga a repensar os modelos de produción, distribución e exhibición: o século XX queda moi lonxe. Ao mesmo tempo, en Galicia vivimos un momento de esplendor creativo, con cineastas do país presentes en festivais internacionais, do Xurxo Chirro de Vikingland (Marsella, Mar del Plata, FICUNAM) ao Marcos Nine de La Brecha (BAFICI). As boas noticias seguen (e seguirán) con autores coma Xacio Baño (coa curta Anacos a concurso en Las Palmas) ou Lois Patiño, que ultima a longa Ecos da paisaxe. Hai vida máis alá de Todos vós sodes capitáns: o noso deber agora é darlles a todos eles oportunidade de existir.
Martin Pawley
Artigo escrito para o número de marzo da revista Tempos Novos.
Martin Pawley
Artigo escrito para o número de marzo da revista Tempos Novos.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)




