mércores, 1 de xullo de 2026

O ano das luces. Crónica do (S8) 2026.

(...) A eclipse total de Sol que vivirá Galiza o próximo 12 de agosto, a primeira dende 1912 (e non haberá outra até 2180) serviu de inspiración ou leitmotiv para a edición 2026 do S8, Mostra de Cinema Periférico, que máis que nunca pousou a súa mirada no ceo. A xeito de pequeno xesto simbólico, tanto na presentación á prensa como na xornada inaugural e noutras sesións fíxose uso dunha animación da famosa serie de fotografías que en 1912 fixera José Sellier, unha colección de doce imaxes que recollen todas as fases daquela eclipse e que pedían a berros ser postas en secuencia, un recordatorio do labor do indiscutíbel pioneiro do cinema no estado español. Coa mesma lóxica, serviu de apertura da mostra unha sesión de curtametraxes de diferentes épocas á volta das eclipses baixo o lema “O obturador cósmico”, que tece paralelismos entre o fundamento da cámara -permitir ou non o paso da luz sobre o substrato fotoquímico que capta eses fotóns- e o paso da Lúa por diante do Sol que o oculta por completo de forma efémera. A máis antiga, unha de Georges Melies de 1907, L'Éclipse du Soleil en Pleine Lune, cuxo encanto indiscutíbel non agocha o esgotamento da fórmula do cineasta naquela altura: en vésperas de que David Wark Griffith comezase a facer evolucionar a narrativa fílmica, Melies seguía ancorado nas pantomimas de concepción decimonónico e levaba unha década sen moverse da súa baldosa. Pioneiro da animación experimental e o collage, Larry Jordan xogou cos obxectos celestes en Orb (1958), unha das súas características fantasías surrealistas con certo pouso esotérico. Curioso é o caso de Jan Peters, que en Ich Bin 33 (2000) decide “perder” a eclipse do 11 de agosto de 1999, ou talvez experimentala doutra maneira (certamente irrepetíbel), ao gravarse a si mesmo falando á cámara durante a totalidade para encher os 3 minutos dun rolo de súper 8. Shutter (2010) de Alexi Manis é un estudo da luz e as sombras en diferentes momentos do día, coas follas das árbores como centro da atención -captar o vento nas árbores, iso era o cinema para Griffith- que se complementan con metraxe dunha eclipse obtida por Andreas Gada. O estadounidense Kevin Jerome Everson está construíndo unha serie de pezas arredor das eclipses solares que iniciou con Polly One (2017), en cor, e Polly Two (2018), en branco e negro, as dúas dedicadas á memoria da súa avoa, Bertha Everson. No S8 pasou a terceira entrega, Cóndor, filmada en Chile en 2019. A morte hai uns meses do compositor Michael Harrison outorgoulle carácter de homenaxe á proxección de Just Ancient Loops (2012), a abraiante peza de Bill Morrison para a cal compuxo unha belísima música interpretada pola violoncellista Maya Beiser. A curtametraxe está estruturada en tres bloques, o primeiro deles composto por filmacións de comezos de século de observatorios astronómicos, o Sol durante unha eclipse e as persoas que o observan e imaxes da Lúa, Saturno ou obxectos de ceo profundo como a nebulosa da Cabeza do Cabalo. A segunda parte é unha animación por computador que representa o planeta Xúpiter cos seus catro maiores satélites Ío, Europa, Ganímedes e Calisto e establece unha conexión entre as súas órbitas e os harmónicos musicais a partir dunha investigación de Walter Murch. O bloque final emprega nitratos degradados -un dos sinais de identidade da obra de Morrison- da Vida e Paixón de Cristo (Ferdinand Zecca, 1907), A Biblia (Achille Consalvi, 1913) e imaxes científicas dos anos 10, para conformar en conxunto un estudo da representación dos ceos, do científico ao relixioso-simbólico, e a súa ligazón coa aparición da vida (...)

Martin Pawley e José Manuel Sande. Artigo completo dispoñíbel no número 153 da revista Luzes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario