Amosando publicacións coa etiqueta Xornal de Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xornal de Galicia. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de agosto de 2013

El cant dels ocells, auto de representación moderno

Uns días despois do gran triunfo de Albert Serra en Locarno con Història de la meva mort, recuperamos un dos primeiros artigos que escribiu José Manuel Sande en Xornal de Galicia a conta da estrea española de El cant dels ocells.
El cant dels ocells, auto de representación moderno

Se Albert Serra (Banyoles, Girona, 1975) conxuraba en Honor de cavalleria (2006), aproximación ao vagar de Don Quijote e Sancho, os ecos do relato cervantino cunha sinxeleza -pola que se filtraba unha naturalidade que absorbía ás figuras humanas- que irritou a moitos, en El cant dels ocells (O canto dos páxaros, 2008) nos achega a terreos lindeiras coa celebración relixiosa que parecían afastados. Descrición do periplo dos Reis Magos cara á adoración do neno Xesús, nela conflúen os ecos dalgúns dos grandes mestres (Pasolini, Rossellini, Dreyer, Bresson, Scorsese, Godard) en correlación con elementos derivados do cine primitivo, dos retablos elaborados na antigüidade e dos autos de representación teatrais, compoñentes da tradición cultural cristiá en boa medida vixentes, aínda que os usos modernos pagáns e a estrañeza do relixioso contribúen a manter en segundo plano.

A película foi o único título español presente no Festival de Cannes 2008, participante na Quincena de Realizadores, acreditada pola excelente recepción que o título anterior obtivera en Francia, incluída unha especial dedicación desde as páxinas da prestixiosa revista Cahiers du Cinéma e a posterior distribución por salas con numerosas presentacións a cargo do director. Todo o contrario, por certo, que a súa traxectoria peninsular. Erixíndose en figura insólita e apaixonante no noso cine que soborda autenticidade, Serra, preto de influencias e nomes foráneos pero con trazos inconfundibles do entorno próximo, é partícipe das tentativas de renovación da linguaxe fílmica e, ao tempo, absolutamente descoñecido non só para boa parte dos espectadores, senón tamén dentro da profesión. Especializado en Literatura Comparada, contrario ao Chaplin sentimental -sobre o que ven de firmar unha peza da longametraxe colectiva Reflejos de Chaplin (2008)-, Serra é un católico confeso, un provocador -trazos de Dalí na construción do seu personaxe-, un deslinguado con medida lucidez, que se nos ofrece emblematicamente como autor capaz de traballar -con altas doses de azar, improvisación e manipulación- de maneira case exclusiva con actores non profesionais orixinarios do seu pobo nunha construción comunitaria que parece recoller estruturas pasadas -unha metodoloxía que podería resumirse na máxima “Serra filma os seus”- mentres se instala na procura de pureza do cine pioneiro.

En El cant dels ocells percibimos unha progresión e afán de busca que linda co etéreo, o abstracto e os piares da metafísica. Fronte á maior concreción de raíz cervantina de Honor de cavalleria, emerxe aquí unha liberdade gozosa. Unha liberdade pola que este estado de iluminación racional se transmite de diversas maneiras: concentración na esencialidade a través da posta en escena; intencionalidade simultaneamente realista e sacra nun relato que se propón como relixioso, exploratorio da fe e o misterio; explosivo e hilarante sentido do humor; destrucción de toda estandarización narrativa e estilística a través duns presuntos tempos mortos entendidos como capturas do intanxible; mestura de técnicas nas que ficción e non-ficción se atopan. O proveito do descoñecemento existente sobre as figuras dos Reis Magos, a súa carencia de toda psicoloxización ou representación, leva a aposta de realizar un filme baseado na paisaxe e as figuras inseridas, imaxe-tempo que amosa con lirismo e audacia unha terra mítica.

A película rodouse cunha cámara de alta definición, con convincentes contrastes na imaxe en branco e negro, en Islandia, Tenerife e Fuerteventura en localizacións que Serra viu seis días antes do inicio da rodaxe por Google Earth. O papel de San José foi encargado a Mark Peranson, director da revista Cinemascope, que se encargou de constatar os particulares métodos de traballo de Serra no documental Waiting for Sancho.

El cant dels ocells estreouse con catro copias (en Barcelona, Madrid, Girona) o 19 de decembro. Serra prepara agora varios proxectos, entre eles un filme biográfico sobre o cineasta alemán Rainer Werner Fassbinder e unha revisión fílmica do episodio bíblico das vodas de Canaán.

José Manuel Sande

luns, 19 de agosto de 2013

Na morte de Jacques Vergès: Dereito de ruptura

O falecemento o xoves pola noite de Jacques Vergès, (1925-2013), o polémico avogado francés de orixe asiática, ao que Barbet Schroeder dedicaría todo un filme biográfico sobre a súa persoa, El abogado del terror (L´avocat de la terreur) (2007), fainos recuperar un artigo publicado por Xornal de Galicia en marzo de 2009.
Dereito de ruptura

O avogado francés Jacques Vergès (1925), figura política relevante da segunda metade do século XX, significado pola súa participación en xuízos vinculados aos procesos de descolonización -Alxeria é o seu metafórico punto de partida- e a defensa de coñecidos militantes e revolucionarios, remata protagonizando un singular crescendo que o involucra en casos polémicos. Comunista, feroz anticolonialista –fillo de nai vietnamita e pai francés orixinario de Reunión-, Vergès, a partir dos anos 80, logo dunha sonada, prolongada (1970-1978) e enigmática desaparición, relaciónase, seguindo a súa consigna de que “non podo tolerar que un home sexa humillado, incluso un inimigo”, coma defensor nos procesos xudiciais do criminal de guerra nazi Klaus Barbie, do ex presidente serbio Slobodan Milosevic ou de varios tiranos africanos, ao tempo que representa a vellos camaradas (Carlos o Chacal, Klaus Croissant ou Magdalena Kopp). Lúcido e sibarita, sempre con sobrados motivos para estar en primeira liña, estes días a súa presenza ten, se cabe, razóns engadidas.

A edición en DVD esta mesma semana do documental que Barbet Schroeder dedicou no 2007 á súa figura, El abogado del terror (L´avocat de la terreur), únese á publicación en Anagrama, con carácter de reedición, do libro no que Vergès amosaba os fundamentos da súa estratexia, unha tese que enraizaba o político e o legal para postularse abertamente en favor dos procesos de ruptura. Estrategia judicial en los procesos políticos é o libro, un texto inicialmente editado en Francia por Les Éditions de Minuit en 1968 e aproveitado dous anos despois polo editor Jorge Herralde, en plena ditadura franquista e coincidindo co proceso de ruptura por antonomasia do final do réxime, o célebre Proceso de Burgos.

Para Vergès as humillacións non se esquecen e, en moitas ocasións, explotan e dan lugar a procesos revolucionarios. El abogado del terror atravesa, en paralelo á traxectoria de Vergès, os escenarios e as causas determinantes da súa época, Alxeria, Camboya, Palestina, Alemaña, homes que falan e viven rodeados de morte, testemuñas dunha era convulsa. Barbet Schroeder, amante dos riscos, produtor entusiasta e cineasta interesante, xa deixara pegadas das súas dotes de observación noutro documental que pasa por ser o seu mellor traballo, o retrato do histriónico ditador de Uganda General Idi Amín Dada (1974). Mais Vergès, sutil e lapidario, estratego intelixente e perfeccionista, non ten a imaxe unívoca que nos deixaba o brutal Amín. Filme demasiado ambicioso, a vontade de contar a historia de 50 anos de revoltas e, ao tempo, a complexa peripecia biográfica e política de Vergès non se axusta en todo momento, o que non impide unha degustación dinámica e con momentos cheos de brío, malia unha sorte de banda sonora feita á marxe das imaxes, música que subliña todo intre emotivo nunha tentativa de enfatizar as contradicións do atractivo personaxe.

As verbas e comportamentos conformados no documental de Schroeder atopan maior comprensión e coherencia unha vez un pode complementalas coa lectura de Estrategia judicial en los procesos políticos. Texto que non precisa dun coñecemento especial de terminoloxía especializada algunha e polo tanto accesible, establece dúas estratexias, ben exemplificadas, para os procesos políticos: conivencia ou aceptación das regras do tribunal versus ruptura.

As características que Vergès sinala nos procesos de ruptura (esquecemento da personalidade do acusado, debate restrinxido ao puramente político, intransixencia total) e a anulación ou recusación das leis e a propia competencia do tribunal desenvolven a súa vertente revolucionaria. Os casos, explicados con precisión exenta de prolixa exhaustividade, concrétanse en varios procesos brillantes e de probada eficacia, coma a alegación de Fidel Castro logo do asalto ao cuartel de Moncada, a absolución de Dimitrov ante o tribunal nazi que o acusaba do incendio do Reichstag ou o proceso que remata coa execución de Luis XVI e a monarquía francesa. Non faltan os contraexemplos - Nurenberg como macroproceso errado ou o caso Dreyfuss como lexitimador dos instrumentos oficiais- nin un reconto das técnicas e espazos destas confrontacións. Fonte de coñecemento inspiradora, o posfacio, aparece firmado polo mesmo Herralde. Pero é unha cita de Carlyle escollida por Vergès a que parece (auto)definir o su ideario: “cando a orde significa escravitude e opresión, a desorde é o comezo da xustiza e a liberdade”.

José Manuel Sande

luns, 10 de decembro de 2012

Crónica do día de autos

Eduardo Blanco Amor elabora dous guións sobre a súa novela A esmorga, datados en 1967 e 1971, inéditos ata a súa publicación en 1994. Logo de varias tentativas fallidas para a súa realización fílmica, o respaldo da empresa Lotus Films garantiza a execución da produción. Ao mesmo tempo, o interese dun Gonzalo Suárez que viña de rodar con Lotus unha versión de dous contos de Valle-Inclán, Beatriz (1976), permite unha ousada transposición da novela trasladada a terras asturianas.

Cineasta atípico e xenial literato, Suárez, libre adaptador de textos e motivos de Goethe, Clarín, Pardo Bazán, Mary Shelley, Molière, Andersen ou de si mesmo (Epílogo ou Ditirambo), ofrece en Parranda (1977) un resultado sumamente persoal. Blanco Amor, ancián e con problemas económicos, redacta con él o guión definitivo, rodado en 41 días e protagonizado –papel das súas vidas- por José Sacristán, José Luis Gómez e Antonio Ferrandis como encarnacións de Cibrao, Bocas e Milhomes. Polo camiño quedaba eliminada a proposta do xove director Eloy Lozano, que pretendía rodar en lingua galega, en localizacións fieis á Auria /Ourense da novela unha versión a modo de road-movie cámara en man. Lozano pelexaría pola obra ata reunirse co ministro Cabanillas, obter permiso oficial polo seu guión, unha posible financiación de Morgana Films e o interese de Alfredo Landa.

A irritación motivada pola sustitución do microcosmos Auria pola cuenca mineira asturiana, será unha decisión de Suárez cimentada na “personalidade mitolóxica” da terra galega, un rexeite da visión de turista cultural e o apego á noción de Auria como espazo mental e universal antes que físico e concreto.

O conto final

Logo duns inicios arriscados e orixinais, Gonzalo Suárez atopábase entón preto do abandono, empantanado en encargos lonxe da súa idiosincrasia (xogos de ficción e representación, marcado sentido do humor, mestura de xéneros e modos narrativos). Antinaturalista por convicción, xunto a Blanco Amor vai enlazar moitas claves, agregando modelos narrativos dispares (investigación xudicial, crónica negra, conto de terror cotián, recorrido picaresco e existencial, melodrama rural ou relato mítico-antropolóxico). A estrutura itinerante nútrese de elementos procedentes do fantástico, o vodevil cómico -a cervantina historia do morto, tomada de “Une ruse” de Maupassant-, a farsa e o surreal (a partitura musical que debuxa contrastes e desdramatiza accións) e unha maraña de problemas sociais como contexto.

Estreada con boas críticas en xullo de 1977, un posterior e lúcido artigo de Julio Cortázar (“Los juegos secretos de Gonzalo Suárez”, 1979) describe a última viaxe dos esmorgantes a través da “atmósfera de alucinación onírica, de enorme farsa fantástica que aumentará todavía más el impacto de regreso a la realidad”. Inmersos na espiral de destrucción que atravesa pazos, burdeis, bodegas e tabernas, atopamos a combinación de paixóns e obsesións que conforman a trama. Espazo entre dous menceres que converxe Eros e Thanatos como crescendo etílico cheo de persoales actrices (Charo López, Queta Claver, Isabel Mestres), Cortázar sintetiza a alternancia de tremendismo, traxedia, épica, mundo onírico e absurdo que crea un relato autoconscente e de enorme interese metanarrativo, aglutinador das perspectivas de ambos autores.
Se o voyeurístico tematiza en Parranda construíndose en relato sobre o sentido da mirada, Suárez fai seu outro apunte. Expresa a verosimilitude narrativa mesma por unha audaz sustitución que domina a película: o maxistrado interrogador de Cibrao, autoridade omitida con espazos en branco n'A esmorga e expresión do enorme flash-back que é o relato, aparece aquí como profesor e escribinte do xulgado (gran Fernán-Gómez); en simultáneo narrador e xuíz, manipulador e asesino, contrapunto xerárquico dos antiheroes. A súa transformación en demiurgo narrativo e social permite ao autor fuxir de todo costumismo. A análise das complexidades da conducta, o relativismo da propia narración poñense por enriba do conflito individuo-sociedade.

O guión de Blanco Amor contén a filmación da morte final do reo. Suárez faina desaparecer, unha maior ambigüedade e dureza no desenlace vindicada a toda unha serie de miradas e voces -desesperadas, rebeldes ou ensimismadas- históricamente silenciadas. Aínda que Parranda non tivo éxito comercial, estamos de cheo ante unha interpretacion do orixinal literario, en absoluto sumisa ou empobrecedora.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o 4 de abril de 2009.

mércores, 21 de setembro de 2011

Agnès Varda, un cine no que a vida continúa

Vittorio Gassman, xenio atormentado, miraba cara ao pasado no texto autobiográfico Un gran porvir ás túas costas coa idea de clausura dunha vida, inmisericorde co paso do tempo. Agnès Varda (Bruxelas, 1928), cineasta e fotógrafa vivaz e sensible, decide camiñar de costas no seu último filme, Les plages d’Agnès (2008), outeando toda a súa traxectoria con delicadeza, ausentes todos os fatalismos innecesarios.

A película, César ao mellor documental, proporciona unha dimensión de procura global do seu traballo, unha miscelánea equilibrada do proveito de elementos autobiográficos, activismo humorístico, emotividade e sentido lúdico que, para os coñecedores do seu documental de culto Los espigadores y la espigadora (2000), “documental de camiño errante” –Varda dixit–, peza mestra da arte do detritus fílmico coa súa estrutura de colaxe e persoal antoloxía dos procesos de recolección na sociedade do consumo, axuda a entender as exploracións realizadas en primeira persoa en parte do cine de non ficción contemporáneo. Un Eu outrora vergoñento que subliña as dimensións afectivas da experiencia para a cineasta e outórgalles maior relieve aos aspectos subxectivos dun discurso claramente obxectivo.

Sobrepasado o Eu exhibicionista (Moore), a presenza deste recurso en Varda colinda con outros fascinantes –e distintos– investigadores da subxectividade moderna –de Marker e Jordá a Berliner– coincidindo cunha situación excepcional da non ficción, na que Varda se involucra co emprego de novos formatos e a presenza de compoñentes integradores do cine-ensaio.

Mais isto aparece emparentado con todo o seu cine anterior, amparado por unha sólida formación como fotógrafa marcada pola produtiva etapa no Théâtre National Populaire francés (1948/1960) que a leva a montar filmes construídos sobre fotografías como Salut les Cubains (1962 e 1963), aproximación aos estertores iniciais da revolución cubana, agregando o compoñente viaxeiro que sempre posuirá a súa filmografía.

Varda aparece adscrita por orde xeneracional e concepción artística a un grupo fóra de toda norma ou circuíto estandarizado –Resnais, Demy ou Marker–, cronoloxicamente pre-Nouvelle Vague, máis politizado e versátil que os logo célebres auteurs franceses. As pisadas da crucial Te querré siempre (1953) de Rossellini na súa primeira longametraxe, La pointe courte (1954), descrición do final dunha parella que reflexiona sobre a experiencia conxunta, producida en réxime de cooperativa, xa perfilan a falsa ruptura ficción-non ficción e a fraxilidade dos xéneros.

Autora de estimulantes retratos femininos, Varda –con Chantal Akerman– devén na gran cineasta europea, con títulos como Cléo de 5 a 7 (1962), a espera en tempo real dunha moza por coñecer o seu destino; o pequeno panfleto Réponse de femmes (1975); Una canta, la otra no (1977) ou a toma de conciencia da muller moderna, Sin techo ni ley (1985), León de Ouro en Venecia, dura e elaborada reconstrución dos dias finais dunha moza rebelde ou o retrato da amiga, Jane Birkin, en Jane B. par Agnès V. (1988).

A vontade de captar o mundo faille conciliar os dous aspectos da realidade que concitan o seu interese, o “moi combinado, composto, pensado, e a reportaxe, a vida real”, o movemento entre a vida interior e o mundo. Isto conduce a un universo de historias comprometidas que amosan itinerancias e complexidades, cheo de asociacións, analoxías, azar, unha escritura fílmica receptiva á interacción e que visibiliza o propio proceso de construcción.

Parella do director Jacques Demy (1931-1990) desde 1958, ambos crean a produtora Ciné-Tamaris. Cando Demy, logo do éxito das películas cantadas Los paraguas de Cherburgo e Las señoritas de Rochefort é tentado por Hollywood, Varda viaxará con el e rematará coñecendo os movementos contraculturais que se xestan nese momento historico, un feito que lle impide estar presente no maio francés pero que lle permite realizar traballos radicais como Black Panthers (1968), un retrato do movemento político afroamericano. Nos últimos meses da vida de Demy, Varda recibe del unha importante encarga: gravemente enfermo, desexa que ela filme a súa infancia, co resultado de Jacquot de Nantes (1991). Dez días despois de finalizar a rodaxe, Demy morre. En Les demoseilles ont eu 25 ans (1993), documento sobre Las señoritas de Rochefort, Varda tribútalle unha nova homenaxe ao que foi o seu compañeiro de sempre.


Les plages d’Agnès sintetiza o seu cine. Varda estrutura un tema xenerando infinidade de motivos, persoas –moitas e sonadas: de Nathalie Sarraute a Jim Morrison, dos Dardenne a Jean Vilar, de Cocteau a Godard, de María Casares a Calder, de Laura Betti a Harrison Ford–, reflexións e asociacións, un cine de interrogantes e celebración no que a multiplicación de sentido e os niveis narrativos apelan con intelixencia a outras artes establecendo sempre unha curiosa simbiose entre imaxe e texto.

José Manuel Sande. Publicado o 3 de outubro de 2009 no suplemento Nós do Xornal de Galicia

sábado, 6 de agosto de 2011

A axenda alternativa de Xornal

Cando en febreiro de 2009 o cineasta estadounidense James Benning visitou o CGAI para presentar o seu filme Utopía no marco dun ciclo dedicado á súa obra, Xornal de Galicia decidiu facer del o protagonista do seu suplemento cultural dos sábados. Que un diario xeralista lle dedicara tan xeneroso espazo a un autor de culto daquela apenas coñecido no país era un xesto atrevido revelador do espírito do equipo de Cultura de Xornal, con Iago Martínez á cabeza: o de ir na procura dunha axenda alternativa contra o consello dos cínicos de confianza, eses que teñen sempre na boca un “eu xa cho dixen”. Aquelas páxinas sobre Benning, por certo, estiveron durante moito tempo entre as máis vistas do sitio web, o cal proba que a loucura non era tanta, e que na sección de Cultura, igual que nas outras, o obxectivo non debe ser unicamente o de daren fe do que pasou o día anterior, senón tamén o de nos descubriren cousas que non sabiamos.

Seguramente por iso apostaron por darlle visibilidade a creadores que outros medios se esforzan ben en ignorar. Ninguén coma Xornal tratou con tanto interese e respecto os cineastas emerxentes galegos, cuxos éxitos -pequenos ou grandes- foron celebrados con afecto case fraternal. A ese carro sumouse logo máis xente, pero foi Xornal o que arriscou a darlle papel impreso a autores de curtas que nalgúns casos -é o que ten facer apostas: ás veces gañas- acabaron chegando a grandes festivais, incluído ese no que están pensando.

E non se atendeu soamente os galegos, non. Tamén a Nicolas Klotz e a Barbara Hammer, a Javier Rebollo e a Isaki Lacuesta, a Alain Bergala e a Paulino Viota; nomes todos eles que un non esperaba atopar noutros recunchos dos quioscos. Por iso malia os erros e fraquezas cómpre recoñecer, agora que o corpo aínda está quente, o extraordinario papel que desempeñou Xornal e o moito que o habemos botar de menos no sucesivo. A desaparición da súa edición impresa é outra derrota máis, acho que xa definitiva. Queda o dixital, onde nos seguiremos vendo: o meu acordo de colaboración está escrito en tinta transparente, tamén chamada gintonic, e polo momento aínda non secou.

Martin Pawley. Publicado en Xornal de Galicia, edición dixital, o sábado 6 de agosto de 2011

sábado, 30 de xullo de 2011

Os lugares da mirada

Atópase nas librerías máis audaces Ver y poder. La inocencia perdida: cine, televisión, ficción, documental, suxerente conxunto de ensaios escrito polo francés Jean-Louis Comolli (1941), crítico de cine e jazz, teórico, director, documentalista captador de vidas (Durruti, Totó) e mesmo campañas electorais da ultradereita francesa. Publicada no 2004, recibimos unha traducción arxentina (2007) que adxunta unha (preclara) introducción de Eduardo A. Russo, redactor da revista El Amante.

A carreira de Comolli é unha das máis impresionantes do cine moderno. O seu paso por Cahiers du Cinema, xefe de redacción e autor de seis artigos influentes, Técnica e ideoloxía (1971-1972), é histórico. Frecuentador de artistas e mundos inesquecibles, reivindicador de pensadores tutelares (Bazin, Daney, Foucault, Deleuze, Rancière), a súa suma de procura moral, estética e política vertebra un proxecto maior que se extende por estas páxinas.

Textos escritos entre 1988 e 2003, Comolli establece unha transversalidade mutante encadeada, unha alternancia de diario e declaración de amor, ensaio e folla de ruta, proposta didáctica e peza de reflexión. Son moitos os aspectos tratados de xeito brillante na rede tecida –froito de artigos, notas, conferencias, debates–: o cine-ensaio, a pulsión escópica, a (predominante) representación do real, a ética da imaxe, a complexidade dos creadores, a mirada do outro, a dualidade escritura/espectáculo ou as solucións de posta en escena. As tomas de partido non poden ser pois casuais, de Kramer, Costa, Claire Simon, Philibert, Rouch, Cassavetes a Pasolini, Rossellini, Kiarostami, Godard, Renoir ou Vertov. Imprescindible.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 30 de xullo de 2011

Donostia, o curmán pobre

A Mostra de Venecia fixo pública onte a súa inabarcábel programación completa, cunha sección competitiva que combina grandes autores –Cronenberg, Ferrara, Garrel, Polanski, Friedkin, Sokurov– e cineastas que se incorporaron á pasarela festivaleira nos últimos anos –Giorgos Lanthimos, Steve McQueen, Andrea Arnold–. O luxo cinéfilo prosegue fóra de concurso con Chantal Akerman, Marco Bellocchio, Ermano Olmi, Victor Kossakovsky ou Al Pacino, mais a volta da parella Claude Nuridsany & Marie Perennou, autores de Microcosmos e Xénese. En Orizzonti, a portuguesa Teresa Villaverde (Cisne) e o chileno José Luis Torres Leiva (Verano) nunha ampla listaxe na que tamén resoan os nomes de Michael Glawogger, Ross McElwee e Ben Rivers.

Unhas horas antes o Festival de Donostia daba a coñecer once títulos da súa sección oficial, e o anuncio revela con claridade as dificultades para facerse un oco nun calendario no que por orzamento e por historia son o curmán pobre. Con Venecia coma meta inalcanzábel, a estratexia pasa por acoller filmes que teñen a súa verdadeira premiere en Toronto, caso dos de Terence Davies –a gran figura desta edición–, Sarah Polley e Mathieu Demy, o fillo de Jacques, a quen se lle dedica unha retrospectiva. Posto que pasaron por salas nos seus países de orixe tampouco son presentacións mundiais nin a comedia Los Marziano de Ana Katz, estreada con éxito na Arxentina a finais de abril, nin Kiseki de Hirokazu Kore-eda, un habitual do certame sempre derrotado, a diferenza de Arturo Ripstein, que gañou dúas veces a Cuncha de Ouro e agora proba sorte con Las razones del corazón. É un programa de transición, continuísta. Polos cambios, se os houber, aínda haberá que agardar.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 29 de xullo en Xornal de Galicia

Actualización: outros dous filmes aínda non anunciados oficialmente mais si seguros na sección oficial de Donostia son No habrá paz para los malvados de Enrique Urbizu e Los pasos dobles de Isaki Lacuesta. Isaki presentará ademais un documental en Zabaltegi relacionado con ese mesmo proxecto, e tamén con Miquel Barceló coma inspirador: El cuaderno de barro.

Actualización 2 de agosto de 2011: o festival deu a coñecer a listaxe de filmes españois seleccionados nas diferentes seccións, entre os cales hai dous con produción galega: Tralas luces de Sandra Sánchez (Tic Tac Producciones) e Arrugas de Ignacio Ferreras (Perro Verde Films)

sábado, 23 de xullo de 2011

Viaxe ao reino onírico


Varios aspectos destacan en When You’re Strange (2009), documental sobre a traxectoria de The Doors, a mítica banda de rock californiana –un legado esencialmente expresado en 54 meses, entre 1966 e 1971– formada por Ray Manzarek, Robby Krieger, John Densmore e Jim Morrison. Un deles é tan inusual como afortunado: o afán didáctico e a análise musical sitúanse por enriba da biografía ao uso. Isto non representa obstáculo para un entretido repertorio (cronolóxico) salpicado das fitas, incidentes, censuras e angustias acontecidas ao grupo coa figura do malogrado Morrison como núcleo.

Rebobinado dinámico pola conciencia dunha época complexa –a psicodelia, os movementos sociopolíticos, a adicción á violencia dun país, Vietnam, a segregación racial, a clausura final dos soños–, a renuncia a entrevistas e a construción con substancial material da época permite unha narración precisa que, sen abdicar da subxectividade, aparece conducida pola lúcida e omnipresente voz do actor Johnny Depp, experto en relatos contraculturais.

Aproximación ao eclecticismo autodidacta do grupo, o despregamento dos temas memorables –The End, Riders on the Storm, Light My Fire, Break on Through (to the Other Side), Touch Me– condensa un traballo realizado con autenticidade por Tom Dicillo (1953), cineasta de estirpe independente autor de filmes como Johnny Suede e Delirious que iniciou a súa traxectoria como camarógrafo de Jim Jarmusch. Presente en Berlín, Sundance e San Sebastián, premio Grammy, a empresa española Avalon prosegue coa súa brillante colección de biopics musicais –Joe Strummer, Joy Division, Scott Walker, Neil Young, Chet Baker ou Daniel Johnston–.

José Manuel Sande. Publicado o sábado 23 de xullo en Xornal de Galicia.

A superioridade de Pedro Costa

A organización do festival de curtametraxes de Vila do Conde ten razóns de sobra para estar ben satisfeita: a décimo novena edición pechou con máis de vinte mil espectadores, aos que haberá que sumar os que se acumulen nas extensións que se celebran en diferentes vilas e cidades portuguesas. A cifra revela o alto grao de consolidación dun certame que asenta o seu éxito nuns contidos sempre excelentes nos que hai sitio para moitas das mellores producións da tempada, elixidas con intuición e coraxe polo equipo de programación. O prestixio acumulado ano tras ano facilita a visita de grandes nomes do cinema actual, dende o romanés Corneliu Porumboiu, obxecto dunha retrospectiva, até o ilustre Thom Andersen ou o actor-director Louis Garrel, presentes os dous nun palmarés final coroado pola subxugante Boro in the box de Bertrand Mandico, unha curta longa –40 minutos– que fai un singular achegamento á figura do polaco Walerian Borowczyk, autor que gozou de certa celebridade nos setenta pola pegada erótica de filmes coma A besta ou Interior dun convento.

Dentro da competición nacional o gran triunfador foi Pedro Costa con O nosso homem, nova demostración da súa superioridade intelectual e artística. O de “nova” é un dicir, por canto a peza é o resultado da remontaxe de dous traballos anteriores, Tarrafal, un encargo da Fundação Calouste Gulbenkian coa deportación dun mozo caboverdiano ao fondo; e a máis fantasmal A caça ao coelho com pau, producida co apoio do Festival de Jeonju. Dúas obras concibidas de maneira independente cuxa fusión permítelle ao mestre erguer outro retrato poético da crueldade dun sistema que converte os que están nas súas marxes en espectros.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 22 de xullo en Xornal de Galicia

sábado, 16 de xullo de 2011

Invención da imaxe e centros de arte


A diversificación da actividade do cineasta barcelonés José Luis Guerín (1960) permítelle nos últimos anos o aumento do volume do traballo ao tempo que a entrada noutras canles de difusión, os centros de arte. O autor de grandes títulos da historia do cine, de Tren de sombras (1997) a En la ciudad de Sylvia (2007), ofrece nestes días –desde decembro de 2010 e ata o 28 de agosto– unha exposición a modo de instalación audiovisual, La Dama de Corinto. Un esbozo cinematográfico, dentro do Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente de Segovia.

Despois de gozar na Bienal de Venecia 2007 da montaxe fotosecuencial Las mujeres que no conocemos, a historiadora da arte –ex directora do Reina Sofía– Ana Martínez de Aguilar queda fascinada por esta vertente creativa de Guerín. Contactan e xorde unha proposta específica para o museo segoviano, unha instalación en varias salas –cadros proxectados– acompañada dunha publicación. No libro, con textos de Martínez de Aguilar e Calvo Serraller, inclúese, establecido Guerín na epístola fílmica –quente a correspondencia (CCCB) con Jonas Mekas–, a obra fílmica central en DVD, Dos cartas a Ana.

A peza –media hora– profundiza no presuposto previo, o proveito das relacións pintura-cine e a constitución das imaxes en Occidente. Conto de esbozos e sombras, Guerín constrúe en ton didáctico e poético o paralelismo pantalla-lenzo mentres indaga na súa querencia polas orixes, a esencialidade e a decantación por unha arte austera, onde a presenza do mito, as imaxes desaparecidas e a invocación a Plinio o Vello –Historia Natural– comportan unha explicación da arte impregnada de ilusión, frescura e sabedoría.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 16 de xullo de 2011

A árbore da vida

Premiado en Cannes cunha Palma de Ouro que soa a “agora ou nunca”, The tree of life, o agardadísimo novo traballo de Terrence Malick, sobrepasa as non precisamente pequenas expectativas xeradas ao seu redor para confirmarse coma o seu filme máis ambicioso, libre e valente. Incómodo dentro dunha estrutura narrativa convencional, Malick non renuncia a ela mais si se desprende das súas preguiceiras carcasas; escolle ser elíptico e sutil até extremos superlativos, froito dun abraiante exercicio de depuración na montaxe –son cinco os editores acreditados– que deconstrúe un relato familiar clásico para prestarlle atención aos detalles e ás asociacións sensoriais na liña dunha sólida tradición espiritual do cinema experimental americano, de Jordan Belson a Nathaniel Dorsky.

Denso e complexo, o filme confronta a maternal figura de Jessica Chastain, que transmite aos fillos unha crenza cega no amor, coa do pai, un sensacional Brad Pitt que acada ese grao de presenza escénica reservado aos grandes, que os educa con rigor para sobrevivir nun mundo hostil. Un conflito caseiro que Malick pon en paralelo, aí queda iso, coa formación do universo e a orixe da vida, nun bloque científico cun momento especialmente revelador: o encontro de dous dinosauros –si, leron ben, dinosauros– nun río, episodio que dá para longos debates. Mais na vida hai amor e sufrimento, beleza e traxedia, e todo suma, todo debe ser aceptado. A actitude obsesiva do pai non impide a súa propia derrota, que é tamén a do "American way of life", e así A árbore da vida acaba por ser, dalgunha maneira, unha visión poética sobre o colapso do sistema, máis alá dos caprichos das axencias de rating.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 15 de xullo en Xornal de Galicia

sábado, 9 de xullo de 2011

Ganancias privadas, perdas públicas


Gañadora do Oscar ao mellor documental e presente no Festival de Cannes 2010, Inside Job (Sony Pictures, 2010), dirixida por Charles Ferguson, empresario tecnolóxico e autor doutro filme a descubrir, No End in Sight: The American Occupation of Iraq (2007), é, sen dúbida, unha das estreas máis pertinentes da temporada. Unha narración sobre a historia económica recente dos Estados Unidos, coas orixes e consecuencias da crise desatada en outono de 2008, como epicentro, na que Ferguson, coa entrevista –mesmo os suxeitos que declinan aparecer- como núcleo da intervención, non oculta as súas intencións: un traballo didáctico, áxil, envolvente, de asumida preeminencia informativa, presidido pola voz do actor Matt Damon.

Dividida en cinco partes, cun revelador prólogo situado en Islandia, o uso de suxestivas imaxes (aéreas) corporativas, segmentos musicais e significativo material de recurso plantexa un retrato da depredación, unha denuncia da mala fe –óptica liberal, non revolucionaria-, impunidade, conflitos de intereses e repartos de poder derivados da cobiza dun entramado de bancos de inversión, conglomerados financieiros, aseguradoras e axencias de calificación.

Un mundo polo que pululan analistas, funcionarios, xornalistas, políticos, executivos, inversores e académicos capaces de apoiar temeridades especulativas, incentivos millonarios, fraudes hipotecarios, evasións de impuestos, blanqueos de capital ou financiacións políticas, unha eficaz crónica do desastre desregulador, do desdén pola sociedade e do colapso dun sistema. Entre o material adicional destacan os valiosos audiocomentarios a modo de conversa entre Ferguson e a súa produtora, Audrey Farrar.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 9 de xullo de 2011.

Patrimonio Nacional

O Códice Calixtino é unha obra de valor incalculábel e capital importancia histórica e simbólica; por iso estaba gardado baixo chave nunha sala á que só tiñan acceso tres persoas e había cinco cámaras de seguridade no recinto. O malo é que ningunha das cámaras enfocaba o libro e que o control das chaves era “bastante laxo”, segundo dicía onte a prensa; a este paso acabaremos sabendo que tiña copia delas até Cipriana, la de los títeres. Oxalá as investigacións sirvan para recuperar o Códice en boas condicións, mais haxa ou non final feliz a pregunta a facérmonos é se un material tan valioso debe estar en mans dunha Igrexa que demostra ter un comportamento absolutamente irresponsábel: pouca atención lle debían prestar se durante catro ou cinco días ninguén reparou en que xa non estaba no seu sitio.

Unhas horas antes de que se desvelara este delirante asunto, un grupo de expertos do Consello de Europa constataba en Madrid a debilidade do elemento máis precioso do noso patrimonio inmaterial, a lingua galega. De acordo co mandato da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias viñan comprobar o estado das medidas de protección do noso idioma e descubriron a brutal regresión dos dous últimos anos e como os tímidos xestos en defensa do galego que eloxiaran en anteriores informes -das galescolas ao decreto de educación- foran fulminados por decisión da Xunta actual. A pregunta a facer, aquí tamén, é se un material tan valioso coma a lingua debe estar ao coidado de quen arrisca a súa desaparición.

Por sorte, estas aldraxes teñen sempre a debida resposta dunha sociedade civil atenta e esperta, afeita a defender con enerxía a cultura e a creación artística e científica. Va que si?

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 8 de xullo en Xornal de Galicia

sábado, 2 de xullo de 2011

Bazin + Brecht + Marx


Crónica de Anna Magdalena Bach
Coñecidos desde Crónica de Anna Magdalena Bach (1967), Danièle Huillet (París, 1936-Cholet, 2006) e Jean-Marie Straub (Metz, 1933), parella de cineastas rigorosos, exquisitos, posúen unha particular poética do cine baseada na procura de esencialidade, o desposuimento e a representación. Ferozmente políticos, Pedro Costa realiza en 2001 un magnífico documental sobre eles, Onde jaz o teu sorriso, relato do proceso de montaxe da súa película Sicilia! (1998), mostra viva da coherencia dos seus métodos, da súa loita –fóra de compracencias– contra “os clixés estéticos e morais”, a combinación de minuciosidade e liberación que emana da posta en escea.

Influentes na súa radicalidade (mais sen herdeiros), atopamos un libro que recompila parte da súa produción escrita, Jean-Marie Straub y Danièle Huillet. Escritos, edición de Manuel Asín para Intermedio, a exemplar editora videográfica nunca suficientemente louvada, tanto pola selección de títulos e autores como polo coidado con que realiza as súas tarefas. A calidade (e accesibilidade) dos textos de Straub-Huillet facilita a adquisición independente do libro –sae no cofre tres dos catro dedicado a eles, acompañada dos filmes Crónica…, Lecciones de historia (1972) e Antígona (1991)–, inmersa Intermedio na recuperación dun material antes soterrado. Unha lúcida miscelánea de materiais axusta o volume, escindido en catro partes: as anotacións sobre mestres alleos (“Outros”), a reflexión propia (“Nós”), un detritus de expropiación (“Montaxes”) e o guión anotado (por Huillet) de Una visita al Louvre (2003), colofón a esta imprescindible antoloxía, a máis completa editada en calquera idioma sobre o belixerante e xenial dúo.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 2 de xullo de 2011

A cultura que apoiemos


Na segunda metade dos 40, á volta da II Guerra Mundial, nunha altura na que o cinema era a principal oferta de lecer, os cidadáns estadounidenses acudían ás salas unhas trinta veces por ano e a venda de entradas acadou picos de noventa millóns por semana. Esas cifras que hoxe nos parecen extraordinarias implicaban uns ingresos igualmente fabulosos para a industria; facíanse moitos e moi variados filmes e había un público detrás que respondía por eles. A era dourada de Hollywood existiu porque ademais de talento creativo había unha forte demanda por parte dos espectadores.

A costa abaixo empezou axiña, a medida que a televisión foi ocupando o espazo de privilexio dos fogares. Aqueles 4500 millóns de billetes anuais dividíronse hoxe por tres; ao longo destas seis décadas duplicouse a poboación do país, co cal a asistencia media anda agora por debaixo das cinco entradas por persoa e ano. Máis do triplo que en Galicia, que queda nun miserento 1,3.

Podemos inventar mil escusas, mais o caso é que imos pouco ao cinema. Queixámonos de que é caro e a oferta non sempre satisfactoria, mais tampouco facemos esforzos para apoiar as boas iniciativas que xa existen. Pasan cousas diante dos nosos fuciños mais procuramos mirar para outro lado porque “hoxe non me vén ben e seguramente haberá outro que vaia por min”. Actuamos coma se os bos filmes, os bos libros e mesmo os bos xornais se fixeran sós, coma se non precisaran nunca do noso apoio e fose abondo con dar de cando en vez unha palmada nas costas. Só reaccionamos cando é demasiado tarde, para chorar hipocritamente. Non damos entendido que non haberá máis cultura que a cultura que sexamos capaces de defender.

Martin Pawley. Artigo publicado en Xornal de Galicia o venres 1 de xullo

domingo, 26 de xuño de 2011

José Luis Guerín, eloxio do inacabado

Poucos cineastas son capaces de explicar con tan elocuente precisión a súa propia obra –e a dos outros: estamos ante un pensador e analista con frutíferos resultados mesmo na docencia– como José Luis Guerín (Barcelona, 1960). Poucos son tamén os directores na historia do cine español que, instalados, como Guerín, nunha mirada de insubornable radicalidade, reflexiva, comprometida e razoada, irrompesen desde o inicio da súa traxectoria –sobre todo coa súa segunda longametraxe, Innisfree (1991), regreso ao mito con El hombre tranquilo na memoria– de xeito tan persoal e influente.

Cineasta con conciencia de autor que funciona en simultáneo como arqueólogo, explorador e detective de formas, hai en Guerín unha confluencia de coñecemento e respecto polo legado, unha medida conxunción de sabeduría, reflexión, poesía, ensaio, procura de pureza e sinxeleza que facilita construcións visuais e narrativas indagatorias, consistentes mergullamentos no tempo.

Logo de traballos curtos en diferentes formatos e vocación autodidacta, un precoz José Luis Guerín auscultaba o desexo feminino na apenas entrevista Los motivos de Berta (1983), esbozo da maxistral En la ciudad de Sylvia (2007), peza maior presente en Venecia 2007, onde establece unha suxestiva xeografía de rostros que indaga na mirada, o tempo e as relacións humanas a través dun relato delicado e mínimo. Este ano –xermolo dos materiais de Guest (2011)– devén fundamental. Guerín recolle a riqueza e diversidade do cine contemporáneo colocándose en puntos de debate centrais. Isto representa unha entrada noutras canles de expresión e difusión: a instalación Las mujeres que no conocemos (Bienal de Venecia) e o cuestionamento do propio proceso de traballo –o bosqeuxo como signo tutelar– nas imaxes fixas de Unas fotos en la ciudad de Sylvia.

Se na fermosa Tren de sombras (1997) superpoñía ensaio, fake, cine de (falsa) metraxe atopada nunha brillante mostra dos resortes e orixes da escritura fílmica, En construcción (2001) incorpora no cine español a complexa dialéctica ficción-non ficción, ao tempo que acada premios e recoñecemento. Guerín é dono na actualidade, mentres circula Guest, de novas imaxes vivas: a correspondencia co gran Jonas Mekas (CCCB), o estudo sobre pintura e cine La Dama de Corinto (Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente, Segovia) e a contribución ao filme colectivo –con Straub e Claire Denis– do festival coreano de Jeonju, Recuerdos de una mañana.

José Manuel Sande. Publicado o domingo 26 de xuño en Xornal de Galicia

sábado, 25 de xuño de 2011

O mellor actor do mundo


Da vida e milagres do espía –axente doble– Juan Pujol (Barcelona, 1912-Caracas, 1988), alcumado Garbo, existía un filme próximo ás súas fazañas, Nuestro hombre en La Habana (1959), versión da novela de Graham Greene interpretada polo gran Alec Guinness. Figura central dos servicios de intelixencia na II Guerra Mundial grazas á súa decisiva participación no desembarco de Normandía, Garbo traballou para os aliados ao tempo que gozaba –feito que mantivo ata o final– da confianza do alto estado alemán, converténdose no primeiro home condecorado na guerra polos dous bandos. O crebacabezas da súa vida esaxerada resume o espírito dun período terrible, obrigado a mil estratexias de supervivencia e heroicidades.

A vertente teatral do personaxe, capaz de inventar subaxentes e de finxir unha temperá morte (1949), contén claves narrativas, verte as complexidades da relación ficción-realidade. Así, a falta de imaxes de Pujol determinará todo o inicio de Garbo. El espía, firmado por Edmon Roch. Servíndose da coralidade, eixe narrativo formado por cinco voces –do experto historiador Nigel West á espía Aline Griffth, condesa de Romanones–, Roch suma imaxes históricas e películas relacionadas, amosando a fascinación polo enigmático Garbo.

O proxecto nace da guionista lucense María Hervera, coñecedora na súa infancia da primeira muller de Pujol, Araceli González. Despois de anos, Hervera dá o impulso definitivo coa colaboración de Edmón Roch e Isaki Lacuesta, coasinantes do guión. Premio Goya (documental) e Gaudí (guión, documental), a edición de Versus contén notables extras, un libriño e un dobre disco con valiosos audiocomentarios de Roch, escenas eliminadas, entrevistas e material propagandístico da época.

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 25 de xuño de 2011

A resaca contra os superheroes

Entrou onte nas salas o filme que máis alegrías lle está a dar á industria ianqui en 2011: The Hangover Part II, un título que á Warner debeulle parecer demasiado austero para España e por iso decidiron transformalo no definitivo Resacón 2, ¡Ahora en Tailandia!. Á marxe das (limitadas) virtudes da película, que repite sen inspiración o esquema da primeira entrega, o que interesa do seu espectacular éxito –235 millóns de dólares recadados até o momento– é constatar como unha comedia pode arrasar pasando por riba das carísimas producións de superheroes. Máis aínda: The Hangover recibiu nos Estados Unidos a cualificación de “Restricted”, o cal significa que os menores de 17 só poden vela se van acompañados dun adulto; e malia iso os seus espectaculares números superan os obtidos pola cuarta entrega de Piratas do Caribe, apta para toda a familia. E sen necesidade de 3D!

Este fenómeno coincide no tempo coa relativa decepción de tres estreas case consecutivas baseadas en personaxes de banda deseñada: Thor, X-Men: First Class e a recentísima Green Lantern, que non chegará aquí até finais de xullo. Filmes os tres que como mínimo duplican o orzamento da despedida de solteiro ideada por Todd Phillips e que nalgún caso –a precuela dos Mutantes, a que peor funcionou de toda a saga– ingresarán a metade de diñeiro. As action movies con cómic de fondo seguen a ser produtos rendíbeis, mais xa non garanten resultados mareantes coma os de Spiderman ou o último Batman, The Dark Knight. A esperanza agora vén da man duns señores que non controlan ben as súas noites de festa; as súas desventuras servirán para sacar os despachos de billetes da atonía na que levaban mergullados varias semanas.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 24 de xuño en Xornal de Galicia

sábado, 18 de xuño de 2011

O amante do guiñol

Comentabamos hai uns meses a rigurosa análise que facía Carlos Aguilar (Madrid, 1958) para a colección Signo e Imagen (Cátedra) da prolífica obra do director español Jesús Franco. Fronte á desmedida produción de Franco, Aguilar ten no seu haber tamén un dos grandes éxitos da editorial, un libro que atravesa reescrituras, ampliacións e varias edicións, o seu estudio monográfico sobre a obra -tan breve como imaxinativa- do cineasta italiano Sergio Leone (1929-1989).

Aguilar, aplicado a unha escritura erudita e entusiasta, céntrase no mítico realizador, autor de sete longametraxes, a última, Érase una vez en América (1984), precedida dun proceso laborioso (e trece anos sen dirixir), un artista rupturista dono dun contundente manierismo, de absoluto (e progresivo) culto e nítidas influencias noutros autores (Tarantino, Carpenter, Scorsese, Raimi, Hill ou o seu antigo colaborador, Clint Eastwood).

O crítico desgrana con paixón e sólidas argumentacións a grandeza de Leone no seu contexto: a exploración nos mecanismos xenéricos como revolución do western e o filme histórico; a estilización e o tratamento do mito; a peculiar mestizaxe cultural procedente de distintas tradicións (a exuberancia italiana, os códigos férreos destinados á subversión do cine norteamericano, as nocións de morte e tempo presentes na cultura xaponesa) que ten unha brillante combinación a partires da chamada Triloxía do Dólar e Hasta que llegó su hora (1968).

Reivindicación de Leone sagaz e equilibrada, a franqueza de Aguilar no recoñecemento das fantasías caprichosas do autor non aforra duras críticas, en boa medida a un título que considera fallido: ¡Agáchate, maldito! (1971).

José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 18 de xuño de 2011.

Desde la taquilla

Cada mércores Juan Herbera actualiza o seu blog Desde la taquilla para facer unha análise rigorosa dos resultados comerciais dos filmes que se estrearon a fin de semana anterior. As súas anotacións son unha ferramenta imprescindíbel para calibrar a saúde da exhibición cinematográfica en España e revélannos a importancia de facer unha revisión crítica dos números, máis alá da espectacularidade dos totais que con frecuencia non son máis que ruidosos fogos de artificio a agacharen o baixo nivel da festa.

No artigo desta semana chama unha vez máis a atención sobre a pobre asistencia ás salas no que vai de ano, un 6% inferior á do mesmo período de 2010 (que non foi precisamente glorioso). O ano pasado por estas datas estabamos inmersos no Mundial de fútbol, acontecemento que como é obvio inflúe na asistencia a toda clase de espectáculos; agora non hai nin Mundial nin Liga, mais a afluencia aos cinemas é practicamente a mesma. A priori cabía imaxinar que as estreas de Piratas do Caribe ou X-Men repararían un pouco os danos acumulados, mais a súa pegada final nos despachos de billetes estivo moi por debaixo das expectativas. Vaise atenuando ademais o efecto do 3D: aumenta o número de títulos e copias, si, mais iso non implica un crecemento equivalente da recadación. As tres dimensións non sempre supoñen un valor engadido, a non ser no prezo da entrada, que xustamente afasta moitos ­espectadores.

Non estamos ao borde da catástrofe (aínda) mais si hai erros por corrixir e modelos de negocio que cambiar. O que me pregunto é se todas as partes están polo labor ou se pola contra prefiren seguir escoitando a orquestra mentres o barco vai enchéndose de auga.

Martin Pawley. Artigo publicado o venres 17 de xuño en Xornal de Galicia