No número de decembro de 2014 a Revista Luzes preguntou a vinte e cinco
persoas por cinco filmes galegos producidos dende 1989, ano da aparición
de Sempre Xonxa, Continental e Urxa que ás veces se cita coma "inicio"
do cinema galego, cousa evidentemente inexacta. A listaxe pretendíase
absolutamente aberta e así fixen eu a miña, que combina o meu criterio
persoal (e subxectivo) con títulos cuxa importancia obxectiva non
debería discutirse a estas alturas. Velaí van os meus cinco, por orde
cronolóxica, cos comentarios que enviei á revista que, infelizmente, non
puideron ser recollidos nin no papel nin no sitio web:
O cazador (Ángel Santos, 2008)
A
súa estrea no Filminho 2008 (e, no mesmo certame, de París #1 de Oliver
Laxe) foi unha pequena revelación, un sinal de que estaba nacendo algo,
de verdade. A confirmación dunha capacidade e unha cinefilia xa
apuntada en traballos anteriores do mesmo autor, en particular
Septiembre (2004).
Todos vós sodes capitáns (Oliver Laxe, 2010)
A
presenza en Cannes deste filme é sen discusión algunha o feito máis
importante do cinema galego dos últimos vinte e cinco anos (e un dos
feitos máis importantes da cultura galega, en xeral). Unha referencia.
Gato encerrado (Peque Varela, 2010)
1977
foi un fito da creación galega confirmada pola súa selección no
Festival de Sundance. A súa seguinte curta, Gato encerrado, foi unha
proeza aínda maior, un cóctel maxistral e audaz no formal e no
ideolóxico que a través das vidas paralelas de dous gatos catalogaba de
maneira tan concisa coma certera as desigualdades e inxustizas do mundo.
Precisamos máis filmes de Peque.
Vikingland (Xurxo Chirro, 2011)
Unha
lección: para facer cinema non sempre se precisan grandes recursos. Sen
grandes recursos non darás feito Lawrence de Arabia, con certeza, mais
hai outro tipo de propostas que si son factíbeis a forza de decisión,
traballo e talento. Ingredientes os tres que caracterizan a obra toda de
Xurxo Chirro, figura imprescindíbel que aínda non recibiu o
recoñecemento que merece.
Costa da Morte (Lois Patiño, 2013)
Chegou
no momento xusto, no apoxeo da aceptación cinéfila das propostas
contemplativas arredor da paisaxe e o traballo. A acollida foi
extraordinaria: premio en Locarno, ducias e ducias de festivais,
proxección en corenta países... O seu éxito representou tamén a
definitiva consolidación dunha marca útil, a do "novo cinema galego".
Lois Patiño: a star is born.
Martin Pawley
Ningún comentario:
Publicar un comentario