Amosando publicacións coa etiqueta Cineuropa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cineuropa. Amosar todas as publicacións

sábado, 15 de novembro de 2025

A nosa terra é nosa

Nuestra tierra (Lucrecia Martel, 2025)

O 12 de outubro de 2009 foi asasinado a tiros Javier Chocobar, cacique da comunidade Chuschagasta da provincia de Tucumán, na República Arxentina. O líder comuneiro, canda outros membros do pobo diaguita, defendía o territorio do intento de apropiación por parte dun terratenente, Sergio Amín, que quería explotar unha canteira de laxes. Amín visitou a zona acompañado de José Valdivieso e Luis Humberto Gómez, ex-axentes de policía, e reaccionaron ante a presenza pacífica dos indíxenas abrindo fogo e fuxindo en coche, deixando como resultado o corpo morto de Chocobar e feridas graves aos curmáns Andrés e Sergio Mamani. Houbo que agardar até 2018 para que se celebrase o xuízo por este crime; o veredicto supuxo unha condena exemplar para os tres responsábeis, mais esta non chegou nunca a cumprirse.

Unha característica fascinante e arrepiante ao mesmo tempo da execución de Chocobar é que foi rexistrada en vídeo por un dos verdugos e acabou por ser difundida en Internet. Esas imaxes de baixa resolución foron obxecto de debate e escrutinio público e serviron de proba inapelábel, e a directora Lucrecia Martel intégraas no magnífico documental Nuestra tierra, estreado no Festival de Venecia e que forma parte da programación de Cineuropa (...)

Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 15 de novembro de 2025, sábado. As persoas subscritoras poden ler o artigo completo en liña nesta ligazón.

xoves, 6 de novembro de 2025

Premio Cineuropa 2025: Kamal Aljafari


Hai varios verbos que parecen inevitábeis á hora de escribir sobre o cinema de Kamal Aljafari. “Lembrar” é un deles, se cadra o máis obvio. O pasado desprégase na pantalla para axudarnos a ler o presente xa dende a súa primeira curta, Visit Irak (2003), que fai dunha oficina abandonada da liña aérea Iraqi Airways a perfecta metáfora para un país convertido nunha ausencia. Tamén a memoria familiar, o regreso ás orixes que representa The Roof (2006), encomenda dunha televisión alemá que non lle gustou aos que a pagaron, decepcionados ao ver homes e mulleres que falaban calmadamente e se comportaban con normalidade: na súa visión colonialista, os palestinos debían actuar doutra maneira, talvez máis enfurecida e dramática. E, por suposto, a memoria histórica, o intelixente uso do material de arquivo para facer sátira da propaganda israelí que fomenta o entusiasmo polo exército en Paradiso, XXXI, 108 (2022) ou para expoñer como o último século en Palestina foi un continuo de abuso e aniquilación, primeiro por parte da autoridade colonial británica, logo polo odio xenocida do sionismo. É iso o que conta A Fidai Film (2024), unha lección de cinema, a demostración de que xuntar un plano con outro chega a ser, algunhas veces, un sublime exercicio artístico e político. Imaxes contra o esquecemento, contra o intento abxecto de demolición material e inmaterial dunha nación.

Outro verbo de uso común é “resistir”, a palabra intimamente cosida á pel das vítimas da ocupación. O pobo palestino, o pobo saharauí ou tantos outros que foron, son e serán. Unha vida de resistencia acaba por ser unha vida nun limbo, unha vida de espera entre unha traxedia e a seguinte, entre unha dor e outra, a cotiandade da desesperanza e a frustración, da expulsión inminente, como en Port of Memory (2009), case unha ficción. Mais a resistencia obstinada deriva en inspiradora disidencia. With Hasan in Gaza (2025), a súa última película que en certo sentido é a primeira, unha que filmou antes que ningunha outra, alá en 2001, vai por aí. No contexto actual de destrución masiva emociona ver as crianzas de Gaza na praia de Gaza, emociona ver unha Gaza chea de cicatrices mais aínda en pé, un lugar vivo antes de que os promotores de odio fixeran o que mellor saben, matar. A Gaza que filmou Kamal pode non existir xa fisicamente, mais ficou gardada para sempre na memoria da humanidade.

Un terceiro verbo é “existir”. Relaciónase con todo o anterior: as imaxes conxelan un “agora” que de forma inmediata se volve pasado, preservan corpos que xa non están. En Recollection (2015) reaparece a vida real que se ocultaba detrás das máis vulgares películas de acción, as paisaxes de fondo, a veciñanza que paseaba sen ser moi consciente de que por alí andaba un tal Chuck Norris. O cinema, a literatura, a arte en xeral, fai eternas as vidas. Fai eternas as bondades e as mesquindades, os rancores e os afectos, o horror e a beleza. Coa arte reconstruímos a existencia de quen nos antecederon, conservámonos a nós mesmos e a quen virá despois de nós; preservamos a nosa especie, o que crea e o que destrúe, entendémonos mellor unhas persoas ás outras, aprendemos dos erros e dos acertos. É cuestión só de mirar, de escoitar, de atender, de comprender. De recoñecer o cinema como un mecanismo de existencia, de resistencia, de lembranza.

Martin Pawley. Texto escrito para o catálogo de Cineuropa 2025. Pode descargarse o catálogo completo en PDF nesta ligazón (PDF, 23 MB). Kamal Aljafari recollerá o Premio Cineuropa o 11 de novembro ás 20:00 no Teatro Principal.

A folga de actores e actrices de 1975

En medio da efervescencia disidente e das loitas políticas e sociolaborais dos últimos estertores da ditadura franquista, xorde, resultado dun proceso activo acumulado de tempo, a folga de actores e actrices de 1975 en España.

Unha folga xeral unitaria e de enorme seguimento, desenvolvida entre o 4 e o 12 de febreiro —un período especialmente tenso e represivo—, capaz de abarcar a todo o mundo do espectáculo e provocar desde suspensións nos teatros de Madrid ata cancelacións de sesións de rodaxes e programas de TVE.

A folga vai formular de xeito audaz un tempo de reivindicación en forma de petición dunha serie de melloras (aumento salarial, un día de descanso semanal, a función diaria única no teatro, o cobro polos ensaios…), posibilitando como consecuencia a impugnación das estruturas do sindicato vertical sectorial franquista. O aparato represor franquista non vai defraudar: detencións (de Rocío Dúrcal, José Carlos Plaza e Tina Sainz a Pedro Mari Sánchez), ameazas e severas multas, o que desencadea unha gran corrente de solidariedade internacional. Entendido como un suceso histórico menos susceptible de recoñecemento do que debera, representa ademais o xerme de moitos cambios laborais na profesión, constituíndo un auténtico e memorable punto de inflexión. 

José Manuel Sande. Texto escrito para o catálogo de Cineuropa 2025. Pode descargarse o catálogo completo en PDF nesta ligazón (PDF, 23 MB)O sábado 15 de novembro ás 17:30 en Numax Cineuropa acollerá unha mesa redonda sobre a folga de actores e actrices coa participación de Petra Martínez e José Manuel Sande; modera José Luis Losa. A entrada é de balde até completar a capacidade.

martes, 12 de novembro de 2024

Alberto Gracia, eloxio da melancolía

Hoxe o cineasta galego Alberto Gracia recibe no Teatro Principal de Santiago o Premio Cineuropa 2024, que se une ao premio Alquimias da Seminci que obtivo hai unhas semanas por "La Parra". Recuperamos con ese motivo o artigo publicado a comezos de ano no Sermos Galiza canda a estrea do filme no Festival de Rotterdam, que podedes ler completo en liña no sitio web de Nós Diario

Alberto Gracia, eloxio da melancolía

Do 25 de xaneiro ao 4 de febreiro decorre o Festival de Cinema de Rotterdam, unha das grandes referencias para a cinefilia de todo o planeta. Entre as 14 longametraxes que integran a súa competencia principal hai unha produción galega, La Parra, dirixida polo ferrolán Alberto Gracia, un creador inconformista e lúcido cuxa obra move sempre á reflexión sobre o que queda de humano na sociedade do espectáculo.

Alberto Gracia. Imaxe: Amador Lorenzo | Filmika Galaika

No calendario de festivais de cinema o de Rotterdam é a primeira gran cita europea do ano (ou a primeira gran cita internacional, sen máis, se descontamos a norteamericana de Sundance, cuxo impacto se concentra sobre todo na produción nacional). Naceu en 1972 baixo o liderado de Hubert Bals, quen sería o director até a súa prematura morte en 1988, aos 51 anos, co obxectivo de presentar filmes innovadores na súa linguaxe e temática e pór o foco nas producións das cinematografías asiáticas e os países en desenvolvemento, na altura aínda insuficientemente presentes mesmo nos circuítos alternativos. Para a sesión inaugural do 28 de xuño escolleu O carteiro do iraniano Darius Mehrjui e na sala se ocuparon unicamente 17 butacas. O certame de 1972 acabou vendendo algo máis de catro mil billetes, unha cifra que foi medrando velozmente e na actualidade é setenta veces maior: en 2023 o International Film Festival Rotterdam (IFFR) recibiu máis de 2.500 profesionais e a audiencia total das súas proxeccións sumou 283.506 persoas. O IFFR formou público e creou tendencia para se converter nun modelo en favor da pluralidade que deu e dá a coñecer constantemente novas voces.

A listaxe de gañadores da competición principal, os emblemáticos “tigres”, inclúe favoritos da crítica como o coreano Hong Sang-soo, premiado en 1997 por O día que un porco caeu ao pozo, mais tamén un director agora inmensamente popular como o británico Christopher Nolan, que venceu coa súa ópera prima Following. E canda eles o arxentino Pablo Trapero (Mundo grúa), a española Mercedes Álvarez (El cielo gira) ou a estadounidense Kelly Reichardt (Old Joy). A aposta pola diversidade esténdese a unha iniciativa impulsada polo IFFR, o fondo Hubert Bals, que desde hai trinta anos empuxa -tamén con diñeiro- o desenvolvemento de proxectos fílmicos.

O galego Alberto Gracia coñece ben o festival de Rotterdam: as tres longametraxes que dirixiu foron seleccionadas alí. Producida por Zeitun Films, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser formou parte en 2013 da competencia Bright Future e saíu de alí co premio da crítica internacional, o FIPRESCI, para dar inicio a un selecto percorrido por, entre outros destinos, Valdivia, a Cinemateca Uruguaia ou a Viennale austríaca. A partir do mito evocado no título, o mozo alemán que se criou en completo illamento, sen relación ningunha con outros humanos e polo tanto tamén sen linguaxe, as súas fascinantes imaxes en 16 mm e branco e negro apelaban de forma directa e radical á pura definición do que é o cinema e o descubrimento do mundo. Regresou a Bright Future en 2018 con La estrella errante, un filme invadido por corpos zombificados -encabezados pola presenza magnética de Rober Perdut, quen trinta anos atrás gravara un único disco coa banda punk Los Fiambres- para abordar o poder vampírico das imaxes e o narcisismo narcótico da exhibición permanente dunha identidade disfrazada a través do avatar do “eu” público. A vaidade da sociedade dixital do “like”, do consumo rápido sen tempo para a dixestión, do apetito ávido que é garantía de desengano, é un aspecto transversal a toda a súa obra, igual que a presenza de elementos da cultura popular de masas, dos coches ás pantallas, que tamén se fan notar en La Parra (Filmika Galaika / Tasio), coa que participa na sección maior do IFFR, un salto de categoría que é motivo obvio de satisfacción.

O protagonista, Damián (o actor Alfonso Míguez), vive de xeito moi precario nunha gran cidade. Cando recibe a nova de que morreu o seu pai debe regresar á súa vila natal, Ferrol, despois de vinte anos de ausencia. Ese punto de partida do “retorno ás orixes” podería suxerir un certo filtro biográfico no relato, mais en conversa por videoconferencia Alberto Gracia fai de La Parra a consecuencia de ver películas e moverse nun circuíto cultural, Madrid e antes Barcelona, cidades nas que viviu, polo cal deu en preguntarse cando deixou de lado o cinema o aspecto existencial que nos anos 70 aínda era manifesto; de feito, nos créditos finais hai un agradecemento explícito “ao cinema dos 70 por ofrecer principios cando só había fins”. Un exemplo canónico da busca metafísica desa década, mesmo dentro do marco industrial dos xéneros tradicionais, son os traballos de Paul Schrader, que antes de facer películas foi autor dun libro influente. O estilo transcendental no cinema, no que procuraba elementos comúns en Yasujiro Ozu, Robert Bresson e Carl Dreyer como autores cunha vontade explícita de explorar o “misterio da existencia”. Na procura dese punto en que nos afastamos das “grandes preguntas”, Alberto pon o foco nos anos 20 como “lugar orixinal”, a era das vangardas culturais e científicas, do fordismo e da psicanálise, mais tamén o “momento en que o ser humano se atopa co terror ao darse conta de que non sabe quen é: eu vivo na miña casa, mais ese que vive na miña casa non son eu. 1919 é o ano do Tratado de Versailles, mais tamén o ano en que Sigmund Freud publica o magnífico ensaio O sinistro (Das Unheimliche). Giorgio de Chirico, pintor melancólico e ambiguo, estaba a facer na altura as súas pinturas metafísicas: un médico e un artista chegan á mesma conclusión de que hai algo no obxectivo, no real, que é espectral, fantasmal, que hai algo en nós que non somos nós. É unha etapa de cambios e metamorfoses case cada día. É tamén a era da iluminación das cidades, de querer iluminalo todo para eliminar as sombras, o misterio, mais arredor diso tamén xorde o medo”.

Para Alberto “perdemos a ambigüidade da melancolía, de ver a través da escuridade que nos habita. O capitalismo arrasou con todo e deostou a melancolía; a súa parte negativa foi chamada depresión e a farmacia converteuse nunha das grandes potencias económicas e piar do capitalismo. O que non encaixa está tolo e ten que tomar pastillas. Levouse a linguaxe á máxima especialización, ao súmmum da literalidade” -no filme o presentador dun concurso de televisión afirma con insólita convicción “A palabra é a palabra!”-, “obnubilados polo progreso que rematou por volver contra nós como unha besta. Tes que rir en público, non podes ser unha persoa melancólica, cando a melancolía é realmente o sentimento máis creativo e amoroso que temos. A película é absolutamente melancólica e eu creo na melancolía, aínda máis nos tempos de incerteza en que estamos. É a única saída para crear futuros, é a maior forza utopista ou polo menos modernista, algo que Mark Fisher explicou moi ben antes de suicidarse”.

“Foster Wallace”, prosegue, “contaba a anécdota dun peixe vello que atopa dous peixes novos, saúdaos e pregunta bo día, rapaces, como está a auga?, e os peixes míranse entre eles e din que demo é a auga? Podes estar tan metido no medio que non recoñeces o medio. Co cinema pasa o mesmo”. Hai que preguntarse polo cinema igual que os peixes de Foster Wallace deberían facerse preguntas sobre a auga. “Que ten que dar a arte, que debería ofrecer ao espectador, o que quere ou o que necesita? Evidentemente o que necesita. Penso que a miña película molesta, ou debería molestar. As obras que se recordan, as que quitan o veo do esquecemento, teñen que molestar. Non teñen por que ser grotescas, ou gore, mais deben remexer na ferida”.

Ferrol pode ser, en moitos sentidos, unha ferida. Na película é unha cidade da que non se pode saír, un decorado no que se moven pantasmas atrapadas na melancolía. Un lugar illado até fisicamente, como reflicten as imaxes do accidente do Discoverer Enterprise, a plataforma petrolífera que bateu en 1998 contra a Ponte das Pías. Mais as ruínas “teñen historia” e sempre se viron como lugares máxicos. Na era “das almas mortas e o cibertempo”, a película asume a degradación do corpo e a morte, a necesidade de aprender a morrer e de morrer para (re)nacer, como paso obrigado para un reinicio. “En realidade a democracia nace para darlle a oportunidade ao ser humano de volver nacer. Nacemos e herdamos o que nos deron o noso pai e a nosa nai, mais todo ser humano ten que volver nacer. Hoxe vivimos a perda do corpo, que é unha anestesia, unha indolencia. Como recoñeces o teu corpo no corpo que habitas? Os únicos recordos que tes son as cicatrices, sexan metafísicas ou físicas, e esas cicatrices van contigo. No espello cada día es unha persoa diferente, e todas esas persoas únense polas cicatrices”. Nesa cidade sen saída, a pensión La Parra é para Damián un acubillo poboado por “anxos”, unha comunidade de criaturas derrotadas mais insubmisas que lle asignan unha nova identidade, a de Cosme (o propio Alberto Gracia), que desaparece ao comezo mentres guía unha andaina no monte de persoas cegas (o esforzo do camiño de volta dese grupo de invidentes será unha sorte de leitmotiv que se retoma aquí e acolá).

Esa dualidade remite ao propio cinema, “que nos permite ser nós mesmos máis que nunca, mais tamén nos obriga a ser outros, a alienarnos dunha forma absoluta. A película fala desa experiencia que é á vez individual e colectiva. O problema no individuo actual é que non ten tempo, algo do que xa falaron Paul Virilio ou Franco “Bifo” Berardi. Despois de que se nos fora negado o espazo, foinos negado o tempo. O cinema era o lugar dos soños, da milagre, e tamén foinos negada esa experiencia comunal. É curioso porque o cinema é a única arte que non empezou dunha maneira relixiosa, senón de maneira profana, asociada ás fábricas”.

Contra a lóxica do capitalismo como sistema de desexo sen pracer, ou do pracer sempre adiado na continuidade permanente dos estímulos, en palabras de “Bifo”, cómpre reivindicar a atención e a calma, a presenza, o corpo, o misterio. “A atención é a clave”, volve Alberto. “Ti lle preguntas a alguén o que desexa e non o sabe, porque os desexos veñen creados desde fóra, son unha invasión temporal en realidade, non é tempo propio. Se non tes pensamento crítico, vivirás na publicidade. Porén, o melancólico cre no imposíbel. Tenta xerar contido, xerar futuro... recordando. No cinema contemporáneo emprégase moito o found footage, o material atopado e o arquivo, mais moitos usos que se fan del son moi burgueses, unha reactualización desas imaxes baixo unha mirada presente do mundo. O misterio ten que manterse sempre. O cinema xorde nas ausencias, non ten que pór tapóns, iso é nostalxia, o Nostos. Non quero a volta da dor, mais quero que a dor sirva para conectarnos co espírito do mundo”. Iso non significa renunciar á alegría, por suposto. “A min a alegría de vivir non ma quita ninguén, haina que manter sempre”.

Ferrol como espello

Ao empregar Ferrol como espello Alberto Gracia segue o legado do escritor francés René Daumal, autor d’O Monte Análogo, explicitamente citado en La Parra. “Daumal chega á conclusión de que a mellor forma de falar de un mesmo é falar da contorna. Empregar unha xeografía para falar de paisaxes mentais e ao mesmo tempo falar de paisaxes mentais para falar dunha xeografía. Ao mostrar Ferrol estou mostrando tamén a psicoloxía do personaxe, e tamén ao revés, hai unha correspondencia entre o interior e o exterior”. "Gústame unha cousa que conta Daumal: nacemos con pés, mais non con zapatos, e cómpre elixir ben os zapatos. Para iso é preciso que che axude alguén que sabe máis, un mestre. Logo, co andar dos anos, xa aprendes cales son os zapatos que precisas”. No consumismo moderno parecería que son os zapatos os que nos elixen a nós, “e cremos que non é así, mais o desexo é de outro, aínda que ti penses que é teu”.

Martin Pawley. Artigo-entrevista publicado orixinalmente no Sermos Galiza que acompañou o Nós Diario do sábado 3 de febreiro de 2024.

sábado, 9 de novembro de 2024

Miguel Gomes, a arte de narrar

Miguel Gomes na estrea de 'Grand Tour' na Seminci. (Foto: Seminci / Photogenic

O portugués Miguel Gomes (Lisboa, 1972) é un dos cineastas máis prestixiosos e respectados do noso tempo. A súa obra, con títulos coma Tabu, a triloxía As Mil e Uma Noites ou Diários de Otsoga, xoga permanentemente coas estruturas narrativas e os procedementos para contar unha historia. En maio gañou o premio á mellor dirección no Festival de Cannes co seu último filme, Grand Tour, que ten agora a súa estrea en Galiza no marco de Cineuropa após pasar pola Seminci de Valladolid, onde se desenvolveu esta conversa na que tamén participa a súa parella e coguionista Maureen Fazendeiro. 

Convén comezar polo principio, coa primeira filmación en Asia que fixeron hai máis de catro anos. Cal era a idea inicial da película? 
Maureen Fazendeiro: Había unha idea clara do percorrido, que estaba inspirado nun relato do Somerset Maughan no libro The Gentleman in the Parlour, sobre un home que foxe de Birmania a Singapur e logo a Tailandia, Vietnam, Filipinas e China para evitar o matrimonio coa súa namorada, e en cada un dos países recibe un telegrama dela.
Miguel Gomes: O relato ten moi poucas páxinas, así que era absurdo querer ser fiel ao texto porque non é case nada, mais si podíamos ser fieis ao libro, que é un libro de viaxes, e nós podíamos facer tamén un filme de viaxes. É un libro de viaxes clásico, con descrición de templos, de mercados, de rituais, tamén algúns encontros con persoas, e a película quería ser fiel a ese espírito, pois antes de escribir a primeira liña do guión fixemos nós propios a viaxe e filmámola. Queríamos crear unha sorte de arquivo que sería o futuro das personaxes (...)

Martin Pawley. Entrevista completa publicada no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario do sábado 9 de novembro de 2024. As persoas subscritoras poden ler o artigo nesta ligazón.

xoves, 9 de novembro de 2023

O grande festival galego

María Casares en As dúas memorias (Jorge Semprún, 1974)

Dende 1987 a cinefilia do noso país ten en Santiago de Compostela unha cita outonal obrigada con Cineuropa, no inicio unha humilde mostra de filmes que foi medrando en días e sesións até ocupar novembro enteiro (que tempos aqueles!) para acabar tendo unha aparencia plena de festival internacional, agora até cunha sección competitiva dentro dedicada a primeiras e segundas películas. É o grande festival galego de cinema, un certame aberto a toda clase de xéneros e duracións cun pé posto na actualidade, nos títulos máis destacados da colleita anual, e outro na memoria, na recuperación en sala de obras e cineastas que merecen revisión e reinterpretación para superar, ás veces, miradas viciadas do pasado. No brillante texto introdutorio do catálogo, José Luis Losa, director de Cineuropa, defende os festivais como “mitins da pluralidade”, “reivindicacións do propio e do alleo” e “pontes culturais sen controis migratorios”, obxectos culturais, en consecuencia, ameazados pola brutalidade das dereitas españolas máis desvergonzadas. Os festivais que sobreviven convértense entón en espazos alegres para a disidencia, en celebracións colectivas da diversidade “fronte os bárbaros da motoserra”.

A festa da arte e o coñecemento compostelá esténdese este ano do 9 ao 25 de novembro e achega unha longa colección de títulos notábeis. É o caso de Anatomía dunha caída de Justine Triet, Palma de Ouro en Cannes para unha película de solvencia extrema na que un xuízo que debe determinar a responsabilidade dunha muller na morte do seu home deriva nunha análise entre entomolóxica e bergmaniana da relación da parella cunha sensacional Sandra Hüller como centro magnético do relato: cóntanse cos dedos as actrices que hai hoxe á súa altura. Grande Premio do Xurado na Berlinale, O ceo vermello sitúa unha vez máis o alemán Christian Petzold como un dos mellores realizadores do noso tempo, alguén que parece incapaz de equivocarse e que xa nos regalou un dos monumentos fílmicos do século XXI, Phoenix. Aquí adopta formas máis lixeiras, mesmo podería ser cualificada de “comedia” polo menos en boa parte da metraxe, mais persiste a súa asombrosa capacidade para sorprendernos sen malas artes, para cativarnos con retratos humanos memorábeis, personaxes que nos fai sentir próximos coas súas virtudes e cos seus erros. Premio á mellor dirección en Cannes, A lume manso de Tran Anh Hung dá conta da colaboración e o amor entre unha cociñeira e un afamado gourmet. O seu virtuosismo é tan evidente como vacuo, mais paga a pena xa só pola irresistíbel complicidade que demostran Juliette Binoche e Benoît Magimel en todas as súas escenas, en particular aquelas nas que os vemos preparando pratos con esmero. Outra variedade de virtuosismo é a do portugués João Canijo no díptico Mal Viver / Viver Mal, onde as vidas cruzadas das mulleres que rexentan un hotel (con mención especial para unha impresionante Anabela Moreira) e os hóspedes que nel se aloxan fican expostas por un maxistral traballo fotográfico de Leonor Teles, directora ademais da ficción Baan, cuxa melancolía romántica fai pensar en non poucos momentos no Happy Together de Wong Kar-wai. E como non sentir interese e admiración polo que fagan Aki Kaurismäki, Ryusuke Hamaguchi, Radu Jude, Alice Rohrwacher ou un parece que resucitado Wim Wenders?

Cómpre poñer en valor o acerto do festival ao dedicar un completo ciclo a Jorge Semprún, un intelectual sempre en acción que viviu moitas vidas nunha soa. Sobrevivente do campo de exterminio de Buchenwald, membro activo do Partido Comunista finalmente expulsado, insospeitado ministro de cultura do felipismo e escritor de prestixio gañador do Premio Planeta cando iso significaba algo, Semprún foi tamén, até podería dicirse que “sobre todo”, un home do cinema. Guionista para Alain Resnais (A guerra rematou, Stavisky), Costa Gavras (Z, A confesión, Sección especial), Joseph Losey (As rutas do Sur) ou Hugo Santiago (As vereas de Saturno), dúas veces candidato ao Oscar, dirixiu el propio a apaixonante As dúas memorias, documental pioneiro sobre a Guerra Civil e o exilio que a través de clarificadoras entrevistas tece unha análise nada compracente das debilidades do goberno republicano, as dificultades dos grupos de oposición á ditadura para entender o estado do mundo e os indicios de banalización e esquecemento nunha sociedade xa adormentada. A escusa para revisarmos estes filmes é o centenario do seu nacemento, unha efeméride que está pasando inexplicabelmente inadvertida.

Martin Pawley. Publicado orixinalmente no Nós Diario o 9 de novembro de 2023, quinta feira.

mércores, 3 de novembro de 2021

Premio Cineuropa 2021: Nadav Lapid


O cinema de Nadav Lapid (Tel Aviv, 1975) é furiosamente político. Non hai na súa xeración un cineasta que reflexione con tanta clarividencia coma el sobre as identidades nacionais, que analice as grandezas e miserias dos sentimentos colectivos, que faga unha lectura -xusta por ser demoledora- do furor patriótico que deriva, con desprezábel frecuencia, en furor bélico. Faino desde Israel, un país posuído polo demo das armas ao que se lle consenten os máis crueis ataques aos dereitos humanos. Faino con inequívoco espírito crítico mais afastándose do maniqueísmo groseiro, desde o recoñecemento das contradicións e a complexidade dun presente no que case nada se pode describir (felizmente) en termos binarios.

O cinema de Nadav Lapid é, ademais, intensamente persoal. A maioría dos seus filmes inspíranse na súa experiencia, en elementos ou episodios da súa propia vida. Nadav foi un neno poeta que improvisaba versos de inexplicábel fondura, coma o Yoav d’A profesora de parvulario (2014), filme capital do século XXI, o retrato dunha loita revolucionaria e suicida, a preservación da arte por parte dunha xihadista das palabras en guerra contra a banalidade, unha insuperábel Sarit Larry compoñendo un dos personaxes máis fascinantes das últimas décadas. Nadav foi tamén un “estranxeiro na súa patria” que escolleu marchar de Israel e poñer rumbo a París, igual ca o Yoav da sensacional Sinónimos (2019), Oso de Ouro na Berlinale, cun formidábel Tom Mercier coa enerxía dun debuxo animado na pel dun mozo cun empeño imposíbel, o de renunciar radicalmente á súa vida pasada para converterse en francés, convencido de que ser israelí é como padecer un tumor que debe ser extirpado con cirurxía. Nadav é, por suposto, un cineasta que berra contra a extinción da liberdade mentres fai fronte á morte da súa nai e fiel colaboradora, como lle sucede ao Y. (Avshalom Pollak) de Ahed’s Knee (2021, Premio do Xurado en Cannes). E calquera momento é bo para render xusto tributo á nai de Nadav, Era Lapid, a excepcional montadora das tres primeiras longametraxes do seu fillo, así como da mediometraxe Do diario dun fotógrafo de casamentos e dun prodixio de cinco minutos, a curta Lama – Por que?, ou de como unha imaxe nunha pantalla pode transformarte para sempre. 

Entre o íntimo e o colectivo, entre a razón e o desexo, entre a indignación máis rabiosa e a humanista comprensión e mesmo o cariño polas persoas, as súas paixóns e os seus erros, os personaxes de Nadav Lapid móvense sometidos a impulsos contrarios, a vontade de se expresaren de forma libre e independente, de seren como queren ser mais, inevitabelmente, asumiren que nunca se darán descargado da pesada lousa que é a Historia, das inercias da sociedade en que viven, das súas tradicións, os seus mitos e os seus vicios. Mais nós somos o resultado de todo canto pasa ao noso redor e, de feito, non é posíbel sermos se non é en sociedade (coas súas tradicións, os seus mitos e os seus vicios, unha vez máis). As batallas nas que toman parte os protagonistas das súas películas son batallas perdidas de antemán, mais é un deber que as dean. É necesario perdelas para gañar, para acadar a satisfacción íntima do “había que facelo”. Ou para que se produza unha revelación e cambalee o mundo aos seus pés, un mundo de camaradería machista, orde e disciplina coma o do policía de Policía en Israel (2011, Premio Especial do Xurado en Locarno), que acaba por descubrir as tráxicas consecuencias de facer o que supostamente debe. Hai que rebelarse para descubrir as causas profundas do malestar, para identificar o desarranxo do mundo, para combater os discursos uniformes e as mensaxes simples, para pelexarse contra a submisión e as alienacións tóxicas. Para aceptar o perigo, o medo, a incomodidade, a derrota; sinais todos eles de lucidez para avanzarmos nun tempo convulso. 

Martin Pawley. Artigo escrito para o catálogo de Cineuropa 2021. Nadav Lapid recibirá un dos Premios Cineuropa o martes 9 de novembro ás 20:00 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Máis información e programación completa no sitio web do festival. Podes descargar o catálogo deste ano nesta ligazón (PDF, 10,5 MB).

* * * * *

Sobre Nadav Lapid en ACTO DE PRIMAVERA:


Unha conversa con Nadav Lapid (febreiro de 2019)


martes, 24 de novembro de 2015

Paulina [La patota] (Santiago Mitre, 2015)

Un conflito complexo raras veces admite unha solución fácil, aceptábel por todos de xeito unánime. Despois de sufrir un brutal acto de violencia, a protagonista elixe un camiño inesperado e ao facelo formula unha emenda á totalidade do sistema para cuestionar canto hai de pura vinganza niso que chamamos xustiza. O talento narrativo e formal de Santiago Mitre acada aínda maior altura que na súa opera prima El estudiante grazas a unha interpretación excepcional de Dolores Fonzi, verdadeiro centro de gravidade dun filme excelente que se prestará a intensos debates. Nota: 7/10.

Martin Pawley

venres, 20 de novembro de 2015

The assassin (Hou Hsiao-hsien, 2015)

Cando ao final de ano nos entreteñamos a facer listaxes dos mellores filmes de 2015 será moi fácil atopar un candidato para o primeiro posto: Hou Hsiao-hsien. Porque é un dos autores esenciais do noso tempo e porque The Assassin, película de perfección insultante e beleza maiúscula, é xa unha das cimas dunha filmografía, a súa, inzada de obras mestras. É menos un wuxia, por máis que haxa algunhas acrobáticas pelexas, e máis un filme de Hou, e iso implica precisos movementos de cámara, unha coidada posta en escena e un traballo de luz e son abraiante. E por se non fose suficiente, a protagonista é a magnética Shu Qi (Millennium Mambo, Three times). Un clásico instantáneo. Nota: 10/10.

Martin Pawley

martes, 17 de novembro de 2015

John From (João Nicolau, 2015)


João Nicolau fai, el si, verdadeiro cinema de barrio. É o gran poeta da vida na cidade, o cantor das tardes longas de verán e asfalto nas que a cabeza soña con lugares exóticos. Tamén é o gran retratista da adolescencia, lonxe das representacións tópicas e retorcidas da televisión. Sempre imaxinativo e exuberante, sempre musical e festivo, o cinema de Nicolau consegue que saiamos da sala máis felices sen ser compracente nin facer trampas sentimentais, tan só poñendo en práctica o humanismo máis básico: o cariño e a simpatía polos personaxes. Nota: 9/10.

Martin Pawley

domingo, 15 de novembro de 2015

She's funny that way (Peter Bogdanovich, 2014)

Cinéfilo á antiga usanza, Peter Bogdanovich coñece como ninguén os resortes e clichés da comedia clásica. A súa volta á ficción é un enredo gozoso con Ernst Lubitsch coma referente confeso e un elenco en estado de graza (Owen Wilson, Jennifer Aniston, Imogen Poots) que dispara diálogos a velocidade supersónica. Mais non se trata dun pastiche de anticuado encanto camp senón dun filme vivo e contemporáneo, enésima demostración de sabedoría dun autor cuxa grandeza non sempre foi debidamente recoñecida. Nota: 7/10.

Martin Pawley

xoves, 5 de novembro de 2015

Premio Cineuropa 2015: Miguel Gomes

 
A Miguel Gomes (Lisboa, 1972) encántalle que lle conten historias. Encántalle a narración na súa forma máis básica, alguén que vén e enfía un relato. Unha voz que explica algo que sucedeu, real ou imaxinario, é sempre un bo principio, ás veces é máis que suficiente. Mais para ser bo contando historias primeiro hai que ser bo escoitándoas. Miguel é con certeza un gran escoitador e iso fixo del un dos máis grandes fabuladores do noso tempo.

Fabulador si, mais nunca escapista. Non emprega a ficción para fuxir da realidade, para inventar mundos de fantasía nos que ao final os malvados perden e a ledicia se estende de maneira imparábel. A ficción non é un refuxio para esquecer as tristezas e insatisfaccións do cotián, non é un sucedáneo da felicidade, senón unha ferramenta máis para o coñecemento do mundo. A capacidade creativa humana sabe xogar á vez co real e o imaxinario, podemos valernos dos dous para afrontar mellor cada “que”, “como” e “por que” que se presenta diante de nós. Disolver as fronteiras entre os relatos sucedidos e os inventados, entre o documental e a ficción, non é unha vía para o pesimismo nihilista do “todo é mentira e entón todo dá igual”, senón un saudábel camiño de integración, o do “todo vale porque de todo se aprende”. E igual que precisamos afastarnos das árbores para ver enteiro o bosque, convén coller distancia da realidade para obter dela unha visión máis complexa e completa.

Deste exercicio totalizador ofrece probas abondosas e excelentes a filmografía de Miguel Gomes. Tamén dun espírito lúdico, que non insensato, que definía xa a súa primeira longametraxe, A cara que mereces (2004), ou unha curta libérrima e fermosísima, Cântico das criaturas (2006). Aquele querido mês de agosto, recibida co entusiasmo xeral da crítica no Festival de Cannes de 2008, facía evidente a mestría dun autor que levaba un retrato naturalista dos calorosos veráns no interior portugués -tan facilmente recoñecíbeis polos galegos na súa rutina de verbenas e incendios forestais- cara ao terreo dramático dos desencontros amorosos sen consolo. Tabú, premio Alfred Bauer e FIPRESCI na Berlinale de 2012, erguíase sobre os ombros do cinema clásico para darlle unha forma nova a un relato novelesco de paixóns adúlteras e desenlace tráxico. Logo, en 2013, Redemption, o xesto xeneroso de intentar meterse na cabeza de catro aterradores monstros contemporáneos. Un filme político de trinta minutos que dá paso a outro de seis horas: o Portugal de hoxe condensado nunha obra mestra en tres volumes, As Mil e Uma Noites (2015). Un filme que é moitas cousas, que é todas as cousas, mais acaba por ser esencialmente unha: a emocionante reivindicación da nosa necesidade de buscar beleza e de crear beleza. De atender ao canto dos paxaros. De inventar contos, para dicir quen somos.

Martin Pawley. 

* * * * *

Miguel Gomes recibirá o Premio Cineuropa o venres 13 de novembro ás 20:00 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Máis información e programación completa no sitio web de Cineuropa.

mércores, 6 de agosto de 2014

Banditi a Orgosolo (Vittorio de Seta, 1961)

“As ovellas non son o máis cinematográfico dos animais. Coma protagonistas dun filme, deixan moito que desexar”, sentenciaba xa no primeiro parágrafo a recensión que o New York Times fixo na estrea americana desta primeira longametraxe de ficción de Vittorio de Seta. O crítico que escribiu aquel texto, Eugene Archer, sorprenderíase da destacada presenza que as ovellas acabarían tendo cincuenta anos despois no cinema máis audaz, incluso nos Estados Unidos coa maxistral Sweetgrass á cabeza.

As ovellas, polo demais, non son as protagonistas do filme. De haber algún seríao a paisaxe austera, dura e pedregosa da illa de Cerdeña, retratada nun fermosísimo branco e negro polo propio Vittorio de Seta, tamén director de fotografía. É outro Mediterráneo, ben lonxe do dolce far niente de turistas en vacacións. Aquí hai moito que facer para, simplemente, saír adiante. Michele e o seu irmán pequeno subsisten de maneira humilde grazas ao seu rabaño: o leite, os queixos. A súa é unha vida honesta e sacrificada que se sabe incompatíbel coas regras oficiais e por iso cando é acusado inxustamente duns delitos que non cometeu a solución máis viábel non é facerlles fronte confiando na lei, senón escapar ás montañas, que é tanto como escapar cara á morte. Non hai espazo para a esperanza, a violencia non xera outra cousa que violencia e a única saída ante unha culpa allea será unha culpa propia. É algo que outro Vittorio (de Sica) xa nos contara tempo atrás: cando che rouban a indispensábel bicicleta a tentación inevitábel é roubares ti outra, dilemas morais á parte. Nese vingativo principio de acción e reacción repousa, non o esquezamos, a historia da humanidade.

Martin Pawley. Texto escrito para o ciclo "Creo en Italia... Máis che vale!" de Cineuropa 2013.

martes, 5 de agosto de 2014

Porte aperte (Gianni Amelio, 1990)

Palermo, anos 30. Un funcionario fascista que vén de ser despedido volve á que era a súa oficina e asasina o seu antigo xefe e o home que o substituíu no posto. A súa esposa agarda por el fóra no coche; saen ao campo e alí, lonxe de todos, viólaa e mátaa. En menos de quince minutos fica retratada a reacción cruel e violenta dun home desesperado, Tomasso Scalia (o actor Ennio Fantastichini), que cos seus actos marcha directo á pena capital entre o entusiasmo popular que brama pola execución do “Monstro de Palermo”.

Aí podería acabar o conto, mais realmente é aí onde empeza. Porque o interese de Gianni Amelio (e o de Leonardo Sciascia, autor da novela na que se basea o filme) non está no condenado, senón no xuíz encargado do seu caso, Vito de Francesco -un sensacional Gian Maria Volontè- empeñado en mirar máis aló para descubrir que máis miserias hai de fondo e, sobre todo, evitar a execución, a aplicación dunha inhumana condena que segundo a propaganda do réxime facilita que a xente poida durmir deixando as “portas abertas” que anuncia o título. Da man dese personaxe de serenidade memorábel -e do seu encontro con outra figura modélica, o xurado popular Consolo (Renato Carpentieri), un home do campo que herdou unha impresionante biblioteca- Gianni Amelio transforma un drama xudicial nun estudo sobre os crimes e os seus castigos cun ollo posto en Dostoievsky e, sobre todo, nunha convincente alegación contra a pena de morte e a favor da compaixón, a arma máis nobre para sobrevivir en tempos de corrupción e totalitarismo.

Martin Pawley. Texto escrito para o ciclo "Creo en Italia... Máis che vale!" de Cineuropa 2013.

L'arte di arrangiarsi (Luigi Zampa, 1954)

Rosario “Sasà” Scimoni fará todo canto poida con tal de saír adiante na procura das dúas cousas que arela: diñeiro e compaña feminina. O seu non ten que ver coa tenra picaresca dos desherdados da fortuna, el é un xenuíno cambiachaquetas profesional e sen conciencia que leva ao extremo aquela frase de Groucho Marx de “estes son os meus principios, mais se non lle gustan teño outros”. Grazas a súa ética mutante e a súa moral camaleónica saltará do socialismo ao fascismo e do fascismo ao comunismo sen complexo ningún, coa mesma falta de escrúpulos coa que casará por conveniencia e desenvolverá toda sorte de actividades e negocios, incluso o cinema se iso lle serve, de paso, para achegarse a unha actriz.

O Rosario Scimoni encarnado por Alberto Sordi -actor prolífico que naquel mesmo 1954 aparece acreditado en quince películas- non deixa de ser un inquietante antecedente da lóxica bunga bunga de Silvio Berlusconi, outro experto na arte di arrangiarsi. A de Luigi Zampa é, si, unha comedia brillante e viva, unha desapiadada e enérxica sátira social e política, mais acaba por deixarnos o corpo inquieto porque no seu retrato cruel e sarcástico do arribismo -e, peor aínda, a súa aceptación e aplauso nun país enfermo- é fácil recoñecer moitas das feridas do presente.

Martin Pawley. Texto escrito para o ciclo "Creo en Italia... Máis che vale!" de Cineuropa 2013.

luns, 4 de agosto de 2014

Domenica d'Agosto (Luciano Emmer, 1950)

Domingo, 7 de agosto, San Gaetano. O sol sae ás 5:15 e ponse ás 19:42; a Lúa é crecente. O preciso intertítulo inicial ponnos en situación: estamos en pleno ferragosto e o principal obxectivo de calquera romano é poñer os pés canto antes na praia de Ostia. Experimentado documentalista, Luciano Emmer debutaba na ficción con este filme que adoptaba os postulados do neorrealismo no ámbito menos amargo da comedia costumista e coral. O naturalismo, a rodaxe en exteriores e a total ausencia de artificio baixo o prisma do humor amábel; máis Calabuch que Plácido, para entendernos.

Obra agridoce e con certas doses de morriña, Domenica d'Agosto é unha boa mostra do que se deu en chamar “neorrealismo rosa” con mozos en bicicleta, primeiros amores, familias numerosas arquetípicas que nin a carón do mar renuncian ao espaguete e un garda urbano co rostro, mais non a voz, de Marcello Mastroianni: foi dobrado por outro grande, Alberto Sordi. Tanta praia, porén, non foi do agrado do Centro Católico Cinematográfico de Italia, que no seu día descualificou o filme por ofrecer “momentos de noxento exhibicionismo”. A perversa imaxinación censora sempre ve máis do que hai.

Martin Pawley. Texto escrito para o ciclo "Creo en Italia... Máis che vale!" de Cineuropa 2013.

mércores, 6 de novembro de 2013

Premio Cineuropa 2013: Albert Serra

Manoel de Oliveira, José Luis Guerín, Pedro Costa... o Premio Cineuropa foi distinguindo ao longo da súa historia a algúns dos autores máis insubornables do cinema contemporáneo, os que transcenden o ámbito local para se converteren en referencias de vangarda mundial, os que fan camiñar a arte por vieiros non pisados. A esa listaxe ilustre engádese agora o nome de Albert Serra (Banyoles, 1975), o cineasta español con maior recoñecemento internacional dos últimos anos.

Descubríunolo a Quinzaine des Realisateurs de Cannes, que da man de Olivier Père viviu un dos seus períodos máis fértiles coma plataforma de lanzamento de creadores (Lisandro Alonso, Miguel Gomes, Corneliu Porumboiu e Mia Hansen-Løve, entre outros). En 2006 pasou pola Quincena Honor de cavalleria, achegamento non narrativo, libre e valente á novela por excelencia das letras españolas, o Quijote de Miguel de Cervantes. O filme, rodado integramente en exteriores, en paraxes naturais catalás sen a máis mínima presenza de construcións humanas -Miguel Marías chegou a definilo coma un western-, prestaba atención ás paisaxes e os tempos mortos no vagar dos dous arquetipos literarios: aquí un Quijote terminal e algo rosmón e un Sancho desorientado, que parece preguntarse que fai na compaña deste home que de cando en cando lle propón mirar o ceo. Mais, como se apunta de maneira explícita nun dos diálogos, un non existiría sen o outro. A crítica que importa -daquela, con Cahiers du Cinema á cabeza- respondeu con entusiasmo e Honor de cavalleria acumulou ducias de festivais e premios en citas tan destacadas coma a Viennale (o FIPRESCI), Belfort e Torino.

Na súa seguinte longametraxe valeuse doutro relato mítico, o da adoración dos Reis Magos. El cant dels ocells (2008) erguíase sobre a tradición cristiá, dos textos bíblicos e a arte sacra á cultura viva dos autos sacramentais, na busca dun “cinema puro”, que reivindica o feito relixioso, o misterio da humanidade, máis alá da catequese. Coma na anterior, Serra manexa de forma consciente o coñecemento que o espectador ten dos personaxes e dos feitos para omitir calquera tentación descritiva e deterse, de novo, na gloria da natureza, na beleza da imaxe, diluíndo as fronteiras entre a ficción e a non ficción. E conségueo sen caer na solemnidade, no hieratismo mortuorio; antes polo contrario, hai humor, moito, nunha película que é xenuíno gozo e celebración.

O eco de Serra nesa altura é xa incuestionábel. Recibe convites de institucións culturais e museos que resolve con audacia: El noms de Crist (2010) deseñada para a exposición ¿Estáis listos para la televisión? do MACBA que puidemos ver tamén no CGAC; El senyor ha fet en mi meravelles (2011), encargo do CCCB dentro da serie Correspondencias que a el o uniu co arxentino Lisandro Alonso. O seu prestixio lévao a ser protagonista da edición 2012 da lendaria Documenta de Kassel, para a que preparou un proxecto descomunal, El tres porquets, sobre tres figuras chave da historia alemá, Goethe, Hitler e Fassbinder. 101 horas de montaxe final que viaxaron, logo da Documenta, ao Centro Pompidou de París na retrospectiva integral que lle dedicou na primavera pasada.

O intenso traballo de Kassel adiou a versión definitiva de História de la meva mort, co que obtivo o premio maior no Festival de Locarno 2013. O encontro entre Casanova e Drácula representa, á vez, un choque de séculos: o XVIII fronte ao XIX, a Ilustración fronte ao Romanticismo, a luz contra as tebras. Gañan as tebras. E gaña, sobre todo, Serra, que se reinventa cun verdadeiro filme falado tan diferente a calquera cousa que poidan imaxinar -incluídas as súas obras precedentes- que é, nas súas propias palabras, unfuckable. Razón non lle falta.

Martin Pawley. Texto para o catálogo do festival Cineuropa 2013, edición número 27.

venres, 14 de outubro de 2011

Festivais de cinema: S.O.S.

Fai unhas semanas se soubo da supresión da Mostra de Valencia e, anteriormente, houbo unha seria ameaza de suspensión do Punto de Vista, que, ao final, optouse pola solución de convertilo en bianual. Concretamente a cita de Pamplona pasa por ser un dos mellores festivais a nivel mundial dedicado ao cinema de non-ficción. Mais aínda así, a pesar de ter consolidado -en apenas sete edicións-, un bo facer e un gran prestixio internacional, o goberno de Navarra non dubida en condicionalo baixo o peso dos recortes orzamentarios derivados da crise. As voces de alerta sucedéronse porque todo mundo se decatou de que pode ser unha inercia desastrosa para calquera evento deste tipo.

Obviamente corren malos tempos para o mundo da cultura, a falta de axudas institucionais fan perigrar calquera proxecto cultural. No mundo do cinema este factor estase a convertir nun factor determinante. Nalgunhas fases da institución cinematográfica estes recortes poden ser beneficiosos como na produción que aposte máis pola potencialidade creativa mais que pola dispoñibilidade de recursos. Mais onde si é crítico na teórica vertente de distribución e exhibición dos filmes. A concepción tradicional do cinema está mudando constante e deixando obsoleta a perspectiva comercial das salas de cinema. Como alternativa a este sistema sempre estiveron os festivais de cinema como lugares de encontro para dar voz a películas e aos directores menos convencionais, mais aínda así esta fórmula tamén se atopa en perigo.

Ás limitacións económicas hai que sumar os cambios de gobernos tanto locais como rexionais. En moitos dos casos os festivais se deben a políticas culturais concretas que se desbotan coa alternancia de gobernos e a súa disparidade de prioridades. Isto se recrudece coas dependencias do acento personal dos festivais que lle infiren a presenza de determinado director definindo moitísimo (para ben ou para mal) o devir das mostras. A sustitución destes “alma maters” supoñen un forte contratempo a súa continuidade.

O frenesí tecnolóxico fai que os festivais teñan certo lastre analóxico xa que son unhas plataformas paralelas a unha maneira tradicional de contemplar o cinema. Aínda así os festivais dan unha plusvalía converténdose as súas exhibicións en sesións-evento onde existe o engadido dun contexto, da presenza do director ou dun dialogo a posteriori. Este modelo tamén está caduco e na rede xurden festivais on-line como o de Filmin, Festival Scope ou Animacam, que reactualizan o concepto e abren camiños de futuro.

Por último hai que facer referencia ao panorama galego onde na vindeira temporada vai notar todas estas oscilacións. Unha vez máis Losa defenderá o modelo contrastado e de éxito que supón Cineuropa. O OUFF de Ourense intentará cubrir a baixa de Nicanor coa intervención dunha xestora. Curtocircuito buscará o seu lugar como segunda opción dentro do Concello de Santiago. Amal continuará na mesma liña tendo en conta a tranquilidade que lle proporcionan os seus valedores. O Play-Doc recortará voa intención de evitar os problemas da anterior edición. Cans seguirá redimensionando a anécdota. O Cinema de Autor de Lugo continuará xogando as bazas localistas. A Mostra de Cinema e Ciencia e o S8 porán a proba a cinefilia e aos gobernantes da Coruña. Vilagarcía fará valer a súa historia para sobrivir. E, por último, pequenos festivais como o de Redondela, Sada e Bueu seguirán sendo modelos para nutrir a escasez nesas localidades de oferta cinematográfica.

Un panorama cheo de diversidade mais que se atopa totalmente ao pairo ante tanta inclemencia. Neste punto conviría unha axilidade gubernamental –que visto ate o de agora- non tería precedentes, e intentar que o organismo responsable fixera unha decidida aposta por normalizar o sector sacando á luz unha prístina convocatoria de axudas, asesorando aos distintos equipos sobre a necesidade dunha planificación axeitada acorde aos recursos, priorizar as existencias destes eventos á capacidade de atinxir valores culturais, e certa función mediadora para atenuar decisións apresuradas por parte de institucións e entidades colaboradoras de desvincularse deste tipo de proxectos que levaron moito esforzo e anos erguelos.

Xurxo González

sábado, 13 de novembro de 2010

Cinema galego en Cineuropa

O fácil é dicir que Cineuropa, a cita principal do calendario de festivais galegos, aposta polos cineastas do país, por todos eses autores novos (e non tan novos) que fan filmes sen prexuízos, sen máis limitacións que as que lles impón o talento grande ou pequeno que posúan. Creadores valentes que pensan, ensaian e arriscan, e que en consecuencia unhas veces se equivocan e outras veces acertan, único xeito que coñezo de progresar en calquera ámbito do coñecemento. O fácil é caer no paternalismo e falar deles en termos compasivos, como se difundir a súa obra fose unha cuestión de caridade.

Como programador da sección Panorama audiovisual galego de Cineuropa síntome na obriga de darlle á volta á frase. Non é Cineuropa a que aposta polos creadores, son os creadores os que apostan por Cineuropa. Son eles os que nos conceden o privilexio de exhibirmos as súas obras, os que comparten xenerosamente connosco o seu esforzo e a súa creatividade, os que nos permiten facer do certame un punto de encontro para todos os implicados na creación cinematográfica en Galicia, sexan autores, críticos ou espectadores con curiosidade polo que fan os seus veciños. Son eu, e non eles, quen debe estar agradecido. Agradecido por poder proxectar a filmografía case completa de Lois Patiño, inesperadamente variada e fecunda tendo en conta a súa xuventude; a primeira longametraxe do equipo creativo que forman Víctor Hugo Seoane, Jaione Camborda e Iván Marcos, Lugares no tempo, fértil e repousado canto a unha maneira de vivir que renuncia ás présas, e os traballos de Ramiro Ledo, Marcos Nine, Alberte Pagán, Ángel Santos, Peque Varela e tantos outros, até superar o medio cento de filmes (e máis que podería haber). Grazas a todos eles pola confianza que nos outorgan.

Publicado en Xornal de Galicia o venres 12 de novembro de 2010