![]() |
| Caixa estenopeica producida pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío. Imaxe: Marta Cortacans. |
Deixouno claro nun comunicado a comezos de ano o Colexio de Ópticos e Optometristas de Galiza: observar a nosa estrela a simple vista ou con lentes de sol "sempre entraña riscos, pois a gran cantidade de radiación que emite a diversas lonxitudes de onde, principalmente infravermello, visíbel e ultravioleta, pode danar a retina de maneira grave ou mesmo producir cegueira se a contemplación é prolongada", en palabras da presidenta do colectivo, Esther Amaro. Un exemplo típico é a retinopatía solar, unha lesión fotoquímica na retina que na literatura médica aparece a miúdo asociada á observación imprudente de eclipses. Uns poucos segundos poden ser suficientes para producir danos irreversíbeis. As emisións ultravioleta do Sol son a causa da fotoqueratite, unha sorte de queimadura semellante á que se produce se ollamos uns arcos de soldadura sen pantalla de protección. Eses danos, ademais, poden pasar ao principio inadvertidos e cando se manifestan os seus síntomas (dor e visión borrosa, entre outros moitos) talvez xa sexa demasiado tarde.
Protexerse ben non consiste só en reducir un pouco o brillo molesto da luz: precisamos peneirar a maior cantidade de radiación posíbel que sexa compatíbel cunha visión nítida do disco solar. Por iso son absolutamente inútiles os trucos caseiros que aínda hai quen practica de xeito temerario: as radiografías, os vidros escuros ou as películas fotográficas non impiden o paso da radiación que deriva en lesións oculares (...)
Martin Pawley. Artigo publicado no caderno de verán Máis do Nós Diario o 2 de agosto de 2026. Podes ler o texto completo no sitio web do xornal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario