Nos últimos anos un grupo de
cineastas galegos conseguiu abrirse un oco no panorama internacional de
festivais, de Cannes a Pusan pasando por Marsella, Locarno ou Rotterdam. O
que en 2010 bautizamos coma "novo cinema galego" con intención
provocadora contra a improdutiva rutina do escepticismo e a desidia é
hoxe unha realidade sólida no creativo, poboada por un número de
creadores xa imposíbel de ignorar que debe vencer co seu talento as
dificultades xeradas pola crise e as políticas culturicidas.
Ángel
Santos ocupa un lugar de privilexio nesta alentadora xeración de
cineastas. Aínda que probou con fortuna fórmulas documentais e
ensaísticas -o díptico Fantasmas #1 e #2 ou Adolescentes- é, de todos
eles, o que con máis vigor se dedicou á ficción, primeiro en varias
notábeis curtametraxes (A., Setembro, O cazador, Sara y Juan) e logo no
terreo da longa con Dos fragmentos / Eva e agora Las altas presiones, o
seu traballo máis pulido. E fíxoo cunha coherencia exemplar, facendo
evidentes -mais sen caer na imitación groseira- as súas moitas e boas filias
literarias e fílmicas, de Anton Chejov a Eric Rohmer. O cinema de Ángel
está cheo de amores mozos e de rupturas amargas, é un cinema habitado
pola enérxica efervescencia da xuventude mais tamén invadido pola
frustración ante o paso do tempo e os soños que non se cumprirán. Así é Las Altas Presiones, un filme de reencontros que foxe de calquera
tentación exhibicionista e convida o espectador a sentarse (e sentirse)
sereno e cómodo para compartir ao voo hora e media entre amigos, lonxe
do ruído e a furia, un pouco alegre, tamén un pouco triste.
Martin Pawley. Versión galega dun artigo escrito para o blog do Festival de Cine de Sevilla.
Ningún comentario:
Publicar un comentario