Amosando publicacións coa etiqueta CGAC. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CGAC. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de marzo de 2014

Madame Satã (Karim Aïnouz, 2002)

Chamábase João Francisco dos Santos e era analfabeto “de pai e mãe”. Naceu o 25 de febreiro de 1900 en Glória do Goitá, municipio do estado de Pernambuco, mais residiu dende neno no Rio, onde se forxou a súa lenda, a lenda de Madame Satã, o “homossexual mais macho que já houve na história”. O amante apaixonado e o pai de familia numerosa, o transformista musculoso que practicaba capoeira e se enfrontaba con frecuencia coa policía, o home provocador e desafiante que foi procesado en vinte e nove ocasións e condenado en dez delas, que recoñecía polo menos tres homicidos e o triplo de agresións. Nunha desas leas morreu un garda civil; a pistola estaba na súa man, mais non foi del a culpa: nas súas propias palabras “a bala fez o buraco” mais “quem matou foi Deus”. Un currículo criminal que o levou a entrar e saír varias veces do cárcere até cumprir, en total, vinte e sete anos e oito meses en prisión, máis dun terzo da súa vida. Madame Satã, mito lumpen, símbolo da contracultura, fillo “deste asfalto, deste clima, deste ragu cultural brasileiro, que tentamos negar inutilmente” segundo foi definido nunha gran entrevista a comezos dos 70 na revista O Pasquim.

Un personaxe así merecía unha película. Foi a primeira longametraxe do cearense Karim Aïnouz e con ela chegou ao Festival de Cannes, sección Un Certain Regard. As altas expectativas do seu debut confirmounas con obras posteriores aínda máis sólidas coma Viajo Porque Preciso, Volto Porque te Amo ou O Abismo Prateado. Con Madame Satã fixo un filme carnoso e escuro, sensual e fascinante, que supera o risco (temíbel) do espectáculo lascivo para europeos ao ofrecer un retrato necesariamente poliédrico do mito, encarnado por un Lázaro Ramos no papel da súa carreira por máis que logo probase ser un eficaz comediante ás ordes de Jorge Furtado (O homem que copiava, Meu tio matou um cara). Un filme tan gozosamente pegañento e contaxioso coma a canción Ao romper da aurora, un samba clásico de Francisco Alves, Lamartine Babo e Ismael Silva que o protagonista entoa -literalmente berra- nunha das súas secuencias máis memorábeis.

Martin Pawley. Texto escrito para a ficha (PDF, 367KB) do filme no ciclo de cine transxénero do CGAC, do 27 de febreiro ao 3 de abril.

venres, 14 de marzo de 2014

Morrer como um homem (João Pedro Rodrigues, 2009)

Hai que ter coidado co Festival de Cannes. A súa repercusión mundial é, si, insuperábel, e para calquera director visitar a Costa Azul é como ocupar a pole position nun campionato de Fórmula 1. Mais esa visibilidade ten un reverso perigoso, pois tamén coloca os filmes ao alcance de críticos e programadores que realmente odian o cinema, que detestan a súa necesaria diversidade e negan calquera proposta que se afaste do sota-cabalo-rei no que se senten cómodos. Así foi que unha obra mestra como Morrer como um homem, terceira longametraxe do João Pedro Rodrigues, pasou en 2009 pola sección Un Certain Regard entre a indiferenza e o desprezo expreso de medios coma Variety, que a condenou a vagar unicamente por festivais de temática LGBT e a vinculaba —que tópico tan tonto!— con Pedro Almodóvar. Mais como apuntou Dennis Lim nun imprescindíbel artigo-entrevista publicado na revista de referencia CinemaScope, os filmes de João Pedro Rodrigues exhiben en abundancia o que dende hai tempo escasea nos de Almodóvar, “brío, nervio e unha verdadeira empatía polas necesidades carnais e o comportamento transgresor”.

Morrer como um homem ten moito de musical, mais é un musical austero, íntimo, sen espectáculo; contido até no formato, o 4:3 que remite ao cinema clásico e incluso o mudo, evocado nas secuencias tintadas do bosque. A protagonista é unha drag veterana, unha histórica da noite de Lisboa cun fillo ausente e un noivo fráxil, adicto ás drogas. Tonia é home e muller, pai e amante; un personaxe múltiple que fai súa a canción de Paulo Bragança que interpreta na memorábel secuencia final do cemiterio: “quero ser plural / crescente e minguante / viver num segundo / o eterno instante”. Leva décadas actuando coma muller con pleno convencemento aínda que sen atreverse a dar o paso da cirurxía de reasignación de xénero —explicada a través da papiroflexia nunha brillante escena—, mais como adianta o título do filme na hora da morte acabará por vestir traxe masculino e gravata. Tonia é unha figura forte mais vencida, esgotada polo esforzo de “nascer larva” e “morrer borboleta”. Necesitada dunha paz e unha felicidade que merece, a súa poderosa humanidade enche este filme excepcional feito por un dos máis grandes cineastas da actualidade.

Martin Pawley. Texto escrito para a ficha (PDF, 367KB) do filme no ciclo de cine transxénero do CGAC, do 27 de febreiro ao 3 de abril.

mércores, 26 de febreiro de 2014

Orlando (Sally Potter, 1992)



Cando a cineasta Sally Potter empezou a darlle voltas á idea de levar ao cinema a novela Orlando de Virginia Woolf, vai xa para trinta anos, as respostas que recibiu non foron precisamente animosas. A película era unmakable, “imposíbel, demasiado cara e exenta de interese”, e o mellor que podía facer era abandonala canto antes. Ante consellos tan entusiastas a directora londiniense optou por aparcar o proxecto sen desbotalo por completo, e foi finalmente en 1988 cando comezou a escrita do guión e a busca de financiamento: valentía e empuxe non son virtudes que lle falten a unha muller que co andar do tempo mesmo se atreveu a rodar un filme con diálogos en pentámetro iámbico, o singular Yes.

Tiña claro que debía escapar da rancia tradición do heritage cinema, aqueles filmes-museo cuxo obxectivo principal parecía ser a exhibición da verde campiña e os grandes palacios, luxo escapista amparado case sempre en nobres textos literarios. A aposta sería outra: un exquisito tratamento visual, que remite ocasionalmente ao seu contemporáneo Peter Greenaway —sensación reforzada polo feito de contar na dirección de arte con Ben van Os e Jan Roelfs, responsábeis de The Cook, the Thief, His Wife and Her Lover (1989) e Prospero’s Books—, e unha ecléctica banda sonora na que loce o falsetto de Jimmy Sommerville. Facer Orlando esixía asumir riscos e rachar convencións narrativas, as mesmas que lle permiten ao personaxe principal moverse por catro séculos e cambiar de xénero con insólita naturalidade. “A mesma persoa. Ningunha diferenza en absoluto... tan só un sexo distinto”, di mentres contempla no espello o seu corpo feminino espido. Corenta minutos atrás Orlando era o protexido de Isabel I —encarnada por Quentin Crisp, “a verdadeira raíña de Inglaterra”, en palabras de Sally Potter—, quen o agasalla cunha casa señorial coa condición de que “non se consuma, non murche, non envelleza”. Ninguén mellor para cumprir ese mandato que Tilda Swinton, descuberta para o cinema na sensacional Caravaggio por Derek Jarman, quen lle confiaría logo o papel decisivo de Isabella en Edward II, co que gañou a Copa Volpi na Mostra de Venecia. Só unha actriz co seu dominio da escena e fascinante presenza en pantalla pode representar momentos diferentes da historia sen parecer disfrazada, só alguén coa súa versatilidade e talento pode caer ao chan e dicir iso de “Natureza, natureza, son a túa noiva... tómame” sen que resulte ridículo.

Martin Pawley. Texto escrito para a ficha (PDF, 254KB) do filme no ciclo de cine transxénero do CGAC, do 27 de febreiro ao 3 de abril.

mércores, 27 de abril de 2011

Novo Cinema Galego no CGAC

A etiqueta “novo cinema galego”, tan provocadora como eficaz, foi cobrando peso ao longo dos últimos meses, mais... que hai de novo nese novo cinema? A asunción de riscos, a certeza de que non hai máis límites para facer arte que os do talento que cada un teña, a vontade de participar nos mesmos debates estéticos e argumentais que sacoden o cinema no resto do planeta. Por primeira vez temos un cinema que non chega tarde, que se suma ás tendencias e correntes creativas en tempo presente. Tamén hai críticos, polo xeral fóra dos grandes medios, e mesmo entidades culturais, que perciben estes movementos como unha oportunidade que non hai que perder. Estas xornadas, dedicadas aos novos creadores cinematográficos galegos, constarán de seis sesións que terán lugar ás 19:30 h no auditorio do CGAC en Santiago de Compostela. Cada unha delas será presentada por un dos comisarios do ciclo e contará coa presenza do director correspondente. Ao finalizar a proxección de cada filme abrirase un coloquio cos asistentes.

PROGRAMA

28 DE ABRIL
Sesión 1. Peque Varela
Gear (2004, 1 min) + Phace (2005, 1 min) + 1977 (2007, 8 min) + Gato encerrado (2010, 12 min)

5 DE MAIO
Sesión 2. Marcos Nine
Manuscritos pompeianos (2010, 18 min) + Radiografía dun autor de tebeos (2010, 20 min) + Avance da longametraxe La brecha (2011, 20 min)

19 DE MAIO
Sesión 3. Eloy Enciso
No tan buena vista (2002, 9 min) + Funk the Wheel (2003, 7 min) + Isa003 (2003, 7 min) + La clase (fragmento) (2003, 8 min) + Pic-nic (fragmento) (2007, 9 min) + Miércoles (2008, 5 min) + Arraianos (fragmento) (en produción, 12 min)

26 DE MAIO
Sesión 4. Lois Patiño
Recordando los rostros de la muerte (2010, 38 min) + Paisaje-Duración (2010, 10 min) + Paisaje-Distancia (2010, 12 min)

9 DE XUÑO
Sesión 5. Ángel Santos
O cazador (2008, 25 min) + Sara y Juan (2009, 21 min) + Fantasmas #1 (2010, 9 min)

16 DE XUÑO
Sesión 6. DSK: Juan Lesta e Belén Montero
Serie ICONOSCOPIO (2009-2010, 18 min) + Serie PENÍNSULA XY (Ruta x, 2011, 16 min; Ruta y, 2011, 10 min)

COMISARIOS: Acto de Primavera (Martin Pawley, Xurxo González e José Manuel Sande). COORDINADORA: Gema Baños

Máis información, no sitio web do CGAC e no folleto do ciclo.