![]() |
| Fotograma de Yol (Yılmaz Güney, 1982) |
O Kurdistán é unha das maiores nacións sen estado do planeta. Segundo as estimacións que elabora o Instituto Kurdo de París, o pobo kurdo fórmano corenta e seis millóns de persoas, das cales vinte residen en Turquía, outras doce no Irán, oito millóns e medio no Iraq e 3,6 millóns en Siria. En amplas rexións deses países a poboación kurda é maioritaria. Hai outro medio millón que vive na Transcaucasia, sobre todo Acerbaixán e Armenia, e ademais está a diáspora espallada por diversos países europeos que suma millón e medio de persoas e é especialmente significativa en Alemaña. Malia a dispersión xeográfica, o pobo mantén como sinais de identidade a cultura e a lingua, co idioma kurdo como vehículo de comunicación maioritario con varios dialectos: o Kurmanji (kurdo do norte), o Sorani (kurdo central) e o kurdo do sur. Unha lingua que se escribe con alfabetos diferentes dependendo da zona, o de base latina, o kurdo-árabe ou os alfabetos ruso e armenio no caso das ex-repúblicas soviéticas.
A defensa desa identidade chocou, e segue a chocar, co comportamento totalitario de varios dos estados nos que se asenta este pobo. Os kurdos do Iraq non choraron, abofé que non, a desaparición do sátrapa Saddam Hussein, que ordenou a destrución de até o 90% das vilas en que vivían. Para a historia universal da infamia fica o masacre de Halabja, o 16 de marzo de 1988, un ataque masivo con armas químicas que matou perto de cinco mil cidadás. No inicio do filme Quilómetro cero, dirixido en 2005 polo cineasta kurdo-iraquí Huner Saleem, unha parella escoita na radio do coche noticias da invasión estadounidense de 2003 (...)
Martin Pawley. Artigo publicado no Nós Diario o 26 de xuño de 2026, sábado. Podes ler o texto completo no sitio web do xornal.

Ningún comentario:
Publicar un comentario