A concepción cinematográfica dun director aseméllase ás veces a fórmulas
que van cambiando para descifrar un problema matemático. Atopamos entre
as teimas de cada un elementos que alicerzan todas as súas
especulacións e outros que se incorporan con maior ou menor fortuna para
facer a ecuación máis significativa. Estas variables poden evocar
repeticións e solapamentos, mais tamén apuntar novos diálogos e producir
estrañezas. Moitas veces os críticos deixámonos levar por prexuízos
sobre os cineastas no intento de codificación do seu traballo e para
ben ou para mal estas lousas caen sobre as costas do director.
Probablemente entre os nosos directores un dos máis marcados por estes
sambenitos sexa Ángel Santos.
Con Las altas presiones, a súa
segunda longametraxe, volvemos a certo territorio transitado pola súa
filmografía. Tanto na súa ópera prima (Dos fragmentos / Eva) como nas
súas curtametraxes de ficción (A., Septiembre, O cazador, Sara y Juan)
vemos que o interese de Santos se centra nas relacións persoais de
parella. A insistencia nesta temática amorosa evidencia unha xenealoxía
que o conecta coa "nouvelle vague". O interesante deste acoutamento é
que empregando a óptica axeitada sae á luz certo grao de conduta humana
que pode ser considerada unha representación. Os distintos estados
de amor que aparecen no filme son un inventario onde o espectador
pode recoñecerse. En traballos anteriores Santos trataba estas “postas
en sentimento” dunha maneira intranscendente, sen apenas irradiación.
Porén, en Las altas presiones hai un cambio á hora de reflectir esas
condutas. Santos carga as tintas das relacións, esaxera as situacións,
os comportamentos son máis radicais, incorpora rexistros teatrais... En
suma, un artificio escénico que reforza algúns dos comportamentos
baseados na falsidade ou no simulacro.
O outro aspecto que
aparece en Las altas presiones é o propio cinema. Toda a filmografía de
Santos destaca por facer gala dunha excelente cinefilia. Mais na súa
segunda longametraxe é cando esta emerxe en toda a súa magnitude. No
corazón da trama temos unha persoa que traballa para unha produtora e
percorre un territorio na procura de localizacións para un futuro filme.
Unha reflexión sobre o medio trufada de contaminacións e texturas: o
mundo dos monicreques, a maxia, a literatura, a música, a filmación en
16mm, o emprego do vídeo, a manipulación no ordenador ou as imaxes de
televisión. Mais o pensamento sobre as derivas fica nun segundo plano.
Las altas presiones ofrece un aumento de complexidade da posta en escena
para deconstruír a natureza do cinema. Comeza cunha personaxe cun
estado anímico ao pairo que se relaciona con espazos en ruína. Santos
ofrece unha gran presentación do personaxe sen recorrer á palabra. Este
comezo ten algo de documental contemplativo onde a “relación sentimental
coa paisaxe” fai que as imaxes falen en silencio. Mais aos poucos
Miguel (papel interpretado por Andrés Gertrudix) váisenos enunciando en
relación cos outros personaxes, primeiro na cidade mais tamén
internándose na natureza mais mesta. Neste reduto waldeniano os
personaxes xa non se comportan dunha maneira social e sorpréndennos coa
súa impostura. A actuación dos personaxes, sobre todo os de Marta e
Bruno, subscriben estes substratos desautomatizadores. En Dous
fragmentos / Eva unha secuencia, a do home que inchaba globos,
condensaba o espírito de modernidade do cinema de Santos propiciando a
comuñón entre o documental e a ficción. O procesual emerxe de novo. A
improvisación leva a aportar unha gran naturalidade ás secuencias
protagonizadas polo sentimento amoroso.
Para rematar
falaremos da importancia do traballo en Las altas presiones. O cinema de
Santos tendemos a etiquetalo no rexistro dos desvíos sentimentais
adolescentes alleos aos conflitos sociais. Mais a madurez do cineasta
constátase ao renunciar a certo esteticismo sentimental e enmarcar o
sentimento amoroso nunha crise social que acentúa todas as vivencias,
incluso as que teñen certo nivel de sedución, como teoricamente son as
do cinema. Santos pretende certa desmitificación do cinema, das súas
referencias ornamentais e incluso de si mesmo. Os tempos actuais son
pouco dados ao engano. O operario do cinema traballa dunha maneira
apática. Os espazos en ruína fan referencia a tempos de maior bonanza
económica. O contexto da crise fai contrapunto ás banalidades.
Finalmente o protagonista renuncia ao seu status intelectual e quere
participar nun traballo físico no que “manchar” as mans para non vivir
máis nunha mentira insostible. A idea que permanece ao final de Las
altas presiones é a de certo desencanto, non só procedente do
protagonista, senón dunha xeración, dunha sociedade e dun tipo de cinema
onde os soños se converten en pesadelos.
Xurxo González
Ningún comentario:
Publicar un comentario