xoves, 1 de xaneiro de 2026
La casa del silencio y la oscuridad
sábado, 6 de decembro de 2025
Xosé Cobas, o infindo nun instante
![]() |
| Páxina do libro "Soño dunha sombra" (Kalandraka) |
martes, 19 de agosto de 2025
O fulgor da morte
![]() | ||
| Hiroshima (Hideo Sekigawa, 1953) |
mércores, 14 de agosto de 2024
Lecturas de verán. Podcast "Nadar de costas" (Revista Quiasmo).
mércores, 1 de maio de 2024
La belleza no puede ser un privilegio
sábado, 2 de decembro de 2023
O rastro do poético. Entrevista a Bernardo Atxaga.
![]() |
| Bernardo Atxaga. Imaxe: Jone Irazu. |
domingo, 1 de outubro de 2023
El sueño animal
domingo, 16 de outubro de 2022
Carol
martes, 26 de abril de 2022
Despois do diario de Anne Frank
venres, 22 de abril de 2022
Zoocities. Animais salvaxes na cidade.
luns, 24 de maio de 2021
Sobre a vida e a morte
A doutora recoñece a dificultade de detectar o momento en que é imposíbel mellorar a vida do paciente e toca pasar do tratamento ao alivio. Un alivio que precisamos tamén os vivos: os ritos de despedida axudan tanto ou máis aos que fican como aos que van marchar. Trátase de naturalizar a morte, de non fuxir dela, de xerar a serenidade, a dignidade e a paz que sexa posíbel, sen afastar a mirada. Hai que morrer rodeados de amor, preferibelmente na casa, nunca en soidade, sempre con información boa, sempre en contacto honesto cos equipos médicos, revivindo os recordos que completan o relato dunha vida.
O segundo ensaio, O misterio da medicina familiar, é unha monografía preparada grazas a unha bolsa do John Fry Trust para o progreso da atención primaria. O texto de Iona é unha apaixonada celebración da vocación fronte á avaliación mercantil que lle pon un prezo a todo, tamén aos coidados. A consecuencia de exixir a análise das implicacións financeiras das decisións médicas é o exame do “valor financeiro atribuído ao noso traballo, co conseguinte desgaste da vocación”. O resultado é que os pacientes se converten en consumidores con “crecentes expectativas respecto do que teñen dereito a agardar” e os doutores e doutoras pasan a ser “provedores dunha mercadoría”, en prexuízo do sentido orixinal de servizo público. Esa “erosión da motivación profesional e vocacional, e a súa substitución por unha busca que só persegue unha motivación: a recompensa financeira e material” pode ben ser “o legado máis perigoso do thatcherismo”. Ese egoísmo xa é norma, recórdanos a escritora, así que o maior desafío é redescubrir “un senso de vocación e de sociedade”. O conflito entre a función médica de defensa do paciente e a obriga cada día maior de aforro de recursos non ten solución, pois “non é posíbel loitar ao mesmo tempo polo ben individual e polo ben colectivo”, xa que os dous “se basean en principios éticos distintos, e sempre haberá problemas cando os principios colectivos se apliquen ao coidado a título persoal”.
Aínda máis interesante é a diferenciación da autora entre a “enfermidade”, entendida como un feito medíbel con criterios técnicos, fronte a experiencia individual da “doenza”, que abrangue non só a enfermidade en si senón “outras formas de desacougo, coma o cansazo e a infelicidade, o sufrimento e a mágoa”. O éxito da “medicina científica” pon “unha énfase na enfermidade que adoita invalidar a experiencia persoal da doenza” e en consecuencia todas as formas de desacougo e malestar que non encaixan nunha categoría ben definida pola práctica histórica tenden a ser menosprezadas ou ignoradas. Aínda por riba, “moitos doutores e políticos non estiveron moi dispostos a recoñecer o poder e o alcance dos determinantes socioeconómicos respecto dunha mala saúde: o xeito en que o funcionamento da sociedade fai que os seus propios membros non se atopen ben por mor do estrés que xeran a pobreza, unha vivenda precaria, o desemprego, a contaminación e a falta de oportunidades para acadar algo que pague a pena”.
Iona Heath sinala outro perigo adicional: o mito da curación, “a inferencia, a falsa promesa, de que a ciencia ofrece unha cura para cada enfermo e un adiamento indefinido da morte”, que transforma o final da vida nunha sorte de erro que debera ser evitado grazas a unha medicina que parece prometer a inmortalidade. Diso se deriva tamén a crenza no (imposíbel) dereito a unha saúde perfecta, ao alivio inmediato de toda incomodidade e dor física. Aceptar iso non supón que a medicina nos deixe en desamparo, pois “cando non podemos sandar, debemos estar en disposición de axudarlle ao paciente a lle atopar certo sentido ao seu sufrimento”. Trátase, en suma, de comprender plenamente que a enfermidade e a morte son unha consecuencia máis da vida. Nese camiño, o libro de Iona Heath é unha feliz revelación.
Martin Pawley
martes, 19 de xaneiro de 2021
A brea de avelaíñas
Mais, para alén destas emocións alegres tristes, como lle lin unha vez ao querido Javier Rebollo, o maior valor do libro é a súa defensa apaixonada do gozo que a natureza produce en nós, da felicidade inherente ao recoñecemento do paso das estacións a través do canto dos paxaros e as flores que estralan en infinidade de cores, do abraio ante a aparición dunha bolboreta ou a presenza sublime dos cetáceos, tamén a desolación que nos inspira a aniquilación estúpida de espazos cheos de vida, a desaparición de innumerábeis especies e a redución drástica de moitas outras, como as avelaíñas do título. Fronte ao mito do desenvolvemento sustentábel e as estratexias de avaliación económica dos ecosistemas, que “poden conquistar o intelecto” mais "non a imaxinación”, McCarthy promove a necesidade de chegar ao corazón da xente, de impulsar as mudanzas radicais que se precisan para salvagardar o medio ambiente a través da convicción de que hai “un vencello ancestral co mundo natural que persiste no máis profundo de nós”, de forma que a natureza non é apenas un fondo de pantalla idílico senón “parte da nosa esencia, o fogar natural da nosa psique, onde podemos atopar non só gozo, senón tamén paz, e cuxa destrución sería tamén a destrución dunha parte fundamental de nós mesmos”. Algo que, de perdelo, nos deixaría incompletos. Porque a máis pequerrechiña das herbas, deixouno escrito Xosé María Díaz Castro, fai máis grande o universo.
Martin Pawley
domingo, 13 de decembro de 2020
Sigue o Carro da Osa Maior
Entre as lecturas dos últimos meses, unha das que máis me impresionou é “Breve historia da escravitude”, de James Walvin, editado en galego por Factoría K de Libros, selo da editorial Kalandraka. O título deixa pouco espazo para a dúbida sobre o contido: é o relato, doloroso, da maior inxustiza perpetrada pola humanidade, o tráfico de persoas e a explotación de homes e mulleres por outros homes e mulleres que se aproveitaron e se enriqueceron do seu traballo e do seu padecemento. Walvin comeza examinando a escravitude na antigüidade, para recordarnos, cito textualmente, que “prosperou no antigo Exipto, onde escravizaron os africanos do sur, e foi unha institución fundamental nas civilizacións clásicas de Grecia e Roma e os seus correspondentes imperios e colonias”. Persistiu a escravitude, canda outras formas de servidume, na Europa medieval e no imperio bizantino, na Europa cristiá e tamén no mundo islámico, a través de moitas estratexias e sistemas de explotación que se conectaban entre si a través das vías e redes de comercio.Cando na Idade Moderna as potencias europeas empezan a explorar por mar o planeta dan cun continente que non coñecían, América. Un continente cheo de recursos cuxa explotación exixe o esforzo físico de moitos corpos, e eses corpos foron arrancados violentamente de África para subministrar a man de obra precisa para os cultivos agrícolas do outro lado do Atlántico. Durante os tres séculos e medio de tráfico de escravos de África a América transportáronse en barcos arredor de doce millóns de africanos e africanas, un negocio do que participaron a maioría das potencias navais europeas. Convén non esquecer que A Coruña foi, e esa é unha historia aínda insuficientemente divulgada, un porto negreiro; un deses traficantes foi Juan Francisco Barrié, bisavó de Pedro Barrié de la Maza, que tanto empeño puxo en que o ditador Franco tivera o Pazo de Meirás como casiña de verán. Mesmo na primeira novela de Rosalía de Castro, La hija del mar, o cruel Alberto Ansot que xera sufrimento por onde pasa é cualificado de "pirata del África", o que apunta a súa probábel condición de negreiro.
A viaxe nos barcos negreiros tiña lugar en condicións atroces, por máis que o obxectivo comercial fose o de levar a porto o maior número de corpos nas mellores condicións posíbeis. Mais a dificultade da viaxe, cos escravos amoreados e agrilloados baixo cuberta, mal alimentados e expostos ao rápido contaxio de doenzas, en particular as gastrointestinais como a disentería -"cando estaban doentes, aliviábanse no sitio onde estaban, de xeito que cos excrementos se ensuciaban e contaminaban eles mesmos e aos demais prisioneiros", conta o libro-, provocaban uns niveis altos de mortalidade que chegaron a ser do 20% a comezos do XVII e non baixou nunca do 5%. En total, calcúlase que por volta de millón e medio de persoas morreron polo camiño e foron lanzadas ao mar e descontadas dos libros de contabilidade, cal se fosen sacos de fariña: eran unha simple mercadoría. Walvin detalla un episodio de crueldade extrema, o do barco Zong en 1781, cuxos responsábeis nun momento en que estaban quedando sen provisións acordaron lanzar ao mar a 133 escravos coa intención expresa de reclamar despois a indemnización correspondente á compañía de seguros.
Este réxime infame alimentou masivamente de man de obra os cultivos agrícolas en toda América, de forma especial no Brasil e no Caribe co cultivo da cana de azucre, tamén do tabaco. E por suposto na América do Norte. Nos Estados Unidos asociamos a escravitude aos campos de algodón, mais o autor fai notar que a aposta polo algodón foi relativamente tardía e empezou arredor de 1790, nunha altura na que xa había escravos africanos traballando no tabaco, no azucre e no arroz. Mais o algodón foi un negocio próspero que se multiplicou en moi poucos anos e con iso tamén se multiplicou o número de escravos, tamén polo crecemento vexetativo da poboación de orixe africana, pois os fillos que nacían dos escravos eran tamén escravos. En 1776 nos Estados Unidos había medio millón de escravos; en vésperas da guerra civil, en 1860, había xa catro millóns, e o 60% traballaba no algodón. Esa é a imaxe que chegou á cultura popular por medio de libros e filmes, sen ir máis lonxe Gone with the Wind, que tanto contribuíu a glorificar unha visión nostálxica e pouco crítica do vello sur e os seus usos escravistas.
Esas décadas foron tamén as da asombrosa expansión dos movementos abolicionistas, coa igrexa cuáquera como motor decisivo, por certo. Nos EEUU non foron poucos os escravos que escaparon das plantacións na busca da liberdade e non tardou en funcionar unha rede clandestina, o chamado “Underground Railroad”, o ferrocarril subterráneo, que apoiaba a fuxida cara a territorios máis benévolos, en moitos casos os "territorios libres" do norte ou mesmo Canadá. A terminoloxía en clave que manexaban na rede remitía ao vocabulario ferroviario, e así había "condutores", persoas que cooperaban como guías, ou "estacións”, para referirse aos lugares que servían de refuxio. Mais antes de chegar aos puntos de contacto onde podían atopar a axuda dunha man amiga, os escravos e escravas debían afrontar horas e días de fuxida por si mesmos e tentar chegar a un lugar seguro antes de que algún cazarrecompensas os capturara para devolvelos á plantación a cambio de diñeiro, onde probabelmente serían asasinados como castigo “exemplar” ante o resto de escravos. O momento idóneo para escapar e gañar unhas horas de vantaxe antes de que se descubrira a súa ausencia era a noite, e de noite como guía podían valerse das estrelas. No caso das rutas ao norte, chegar ao destino equivale a seguir a Polar, que se localiza moi facilmente a partir de dúas estrelas do Carro da Osa Maior, Merak e Dubhe, as dúas estrelas traseiras da caixa do Carro. Se unimos cunha liña esas dúas estrelas e proxectamos a distancia que as separa cinco veces chegamos directamente á Polar.
Aos escravos e escravas bastáballes un coñecemento moi básico do ceo nocturno, do cal parece obvio que non poderían falar abertamente. Non requirían referencias moi precisas, bastaríalles ter ideas xerais de orientación na escuridade. A cultura popular preserva pegadas de como se podía transmitir esa información codificada, por exemplo, a través dunha canción. Como esta, Follow the Drinking Gourd, aquí nunha versión contemporánea de Eric Bibb.
Esta canción puido encamiñar xente á liberdade. Salvar vidas, en suma, e como tal ocupa un lugar simbólico na revisión histórica da escravitude e a loita polos dereitos civís. O “Drinking Gourd” é, literalmente, a cabaza empregada como recipiente de auga para beber, mais na canción alude de forma metafórica ao Carro da Osa Maior, ou, para ser exacto, ao "Big Dipper", o "grande cazo" da cultura anglosaxoa. Seguir ese “drinking gourd” era unha maneira de dicir “sigue o Carro”, como recordatorio de que o Carro sinala a estrela que sinala o norte. A letra toda da canción daría información en clave, con indicacións sobre o camiño e como facelo, referencias xeográficas dunha ruta que pasaba polos estados de Mississippi, Alabama, Tennessee e Kentucky. Follow the Drinking Gourd foi publicada por primeira vez en 1928, recollida por un entomólogo e folclorista amador, H. B. Parks; ao parecer, escoitara a canción en tres ocasións diferentes na década de 1910. Mais, como case sempre nestes casos nos que as fontes son por natureza perecedoiras, é difícil, ou imposíbel, determinar canto hai de realidade e canto de reelaboración tardía. Hai espazo para o escepticismo, quizais a canción fose, máis ca un mapa real, un himno para alentar os escravos e escravas a escapar; mais tamén para certo grao de reivindicación entusiasta. E sempre de fondo o principio fordiano do "When the legend becomes fact, print the legend".
luns, 1 de xuño de 2020
O pintor cego
mércores, 18 de decembro de 2013
Lisboa
Aqueles días en Lisboa morei nunha pensión no Bairro Alto, que non é mal bairro para empezar. Foi poñer un pé na rúa e camiñar pola Misericordia baixo un sol de abril e ter unha sensación instantánea de ledicia. O Indie, festival modélico, serviu -e servirá- de escusa para voltar a Lisboa cada primavera, e aquela ledicia primeira non fixo máis que medrar. Gústame estar alá. Tamén visitar os seus espazos emblemáticos e facer todas as cousas que facemos os turistas -quero pensar que eu alí xa non o son, ou non de todo-, mais, sobre todo, gústame estar. Estar, ademais, en boa compaña. Agora cando vou a Lisboa experimento unha feliz frustración: non consigo ver a todos os amigos. Non me dá o tempo.
Entre tanto foron acumulándose experiencias. Lisboa é, tamén, unha noite na Mesa dos Frades co incansábel João Botelho (actuaba Carminho), un concerto de Lou Reed, un picnic de aniversario no Jardim da Tapada das Necessidades, un partido do Benfica na casa do Miguel, un show do Gonçalo Gonçalves no Chapitô, dous ou tres paseos en barco polo Tejo, un encontro casual con Mia Couto nunha libraría, un programa de radio na RDP-África co Rogério Gomes, un almoço no Cais do Sodré co Carloto, un jantar sublime coa Graça Castanheira, un copo á noite co Pedro Peralta, unha manifestación do 25 de abril, un debate sobre cinema e ciencia que inventou a Joana e unha conferencia de Pedro Russo. E, ademais, ducias e ducias de filmes de cineastas que admiro e aprezo.
Renuncio, pois, a ser obxectivo. A última vez que vin Lisboa coincidín no voo con David Pintor; decateime no bus que nos levaba á terminal, mais non me decidín a presentarme. Fixen mal: tería sido xenial compartir con el un café nalgún dos espazos que inspiraron o fermoso álbum que vén de editar Kalandraka. Sería outra bonita experiencia, compartir Lisboa con alguén que a quere debuxar. David pinta unha cidade necesariamente luminosa que exhibe o encanto melancólico dos tranvías, mais consegue afastarse do espírito das guías de viaxe para amosar unha Lisboa real e fabulosa a un tempo, con tendais da roupa nas ventás e sardiñas a voaren libremente polas páxinas. É fácil recoñecerse nese álter ego do autor que debuxa nunha terraza, pasea por calellas empedradas ou descansa nun banco nun miradoiro con vistas ao río. Nas ilustracións de David Pintor cada lector atopará as pegadas da súa propia Lisboa e irá incorporando ao libro -así debe ser sempre- os sitios, sons, músicas e sabores que a memoria lle traia, que para min son moitos. O dito, non podo -nin quero- ser obxectivo.
Martin Pawley
mércores, 23 de xaneiro de 2013
Leo Lionni
Así arrancou a (gloriosa) carreira de Leo Lionni no campo do álbume ilustrado. Faltáballe pouco para facer cincuenta anos e tiña unha ampla e exitosa experiencia nos Estados Unidos coma deseñador gráfico en revistas e axencias publicitarias, nas que soubo integrar o rompedor traballo de creadores hoxe míticos coma Andy Warhol, Alexander Calder ou William de Koonig. Antes, na súa mocidade en Italia, acadara certa sona coma pintor. A Italia regresou en 1960 para iniciar unha nova etapa coma autor de libro infantil e experimentar as inmensas posibilidades da colaxe.
Pequeno Azul e Pequeno Amarelo (1959), a súa primeira obra mestra, segue a marabillarnos hoxe pola súa audaz aposta pola abstracción. Os protagonistas son manchas de cores que xogan e brincan -menos na escola, representada por un represor rectángulo negro-; nunha desas, ao se dar unha aperta, o azul e o amarelo acaban por mesturarse nun verde que os fai irrecoñecíbeis a ollos das súas familias. A tristura de se sentiren rexeitados polos seus provoca as bágoas, que os devolven ás cores orixinais e á felicidade do fogar: as cores comprenden axiña que poden mesturarse sen medo, unha metáfora nítida, sinxela e poderosa. Imposíbel non ver neste libro un referente para unha alfaia da LIX de noso, De cores e de amores de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
Unha mensaxe igualmente fértil, a da eficacia do traballo en equipo, desenvólvea en Nadarín (1963). Nun océano de peixes vermellos, o peixe negro séntese fóra de lugar e vai na procura das marabillas do mar -anémones, medusas, lagostas- resoltas por Lionni en elegantes ilustracións. Un gran predador ameaza un grupo de pequenos peixes vermellos e Nadarín convence o cardume de se organizar para nadaren xuntos conformando un único corpo moito maior. E iso que ser grande non sempre é útil. O caracol que soñaba con ter A casa máis grande do mundo (1968) acaba descubrindo as desfavorábeis consecuencias do exceso de ambición e do cultivo caprichoso das aparencias, nun volume ilustrado con rechamantes imaxes figurativas.
Frederick (1963), unha das súas obras máis coñecidas, é unha gozosa reivindicación do oficio de narrar. Mentres os seus compañeiros ratos se preparan para o inverno, o protagonista, con alma de poeta, ocúpase de labores menos pragmáticos: garda recordo da luz e a calor do Sol e das cores da natureza, e xunta palabras coas que entreter e encher os días fríos que virán. Agustín Fernández Paz emprega a miúdo unha cita de Cunqueiro, “precisamos beber soños coma quen bebe auga”, que encaixa moi ben co espírito deste álbume magnífico. Tamén co d'O soño de Matías, demostración elocuente de paixón pola arte. Ao rato do título cámbialle a vida a visita a un museo, non só porque aí descobre a súa vocación, senón tamén o amor. A pintura non fará del o médico que soñaban os pais, mais si achará nela a satisfacción e a felicidade que o afastarán do seu agrisado día a día. Máis ca noutros, Leo Lionni fala de si mesmo neste libro: coma un home que aprendeu cedo a percibir a beleza que nos fai amar o mundo e que confía na imaxinación artística para facer del algo mellor. Martin Pawley
Pequeno Azul e Pequeno Amarelo, Nadarín, Frederick, A casa máis grande do mundo e O soño de Matías están publicados en galego por Kalandraka.
venres, 23 de decembro de 2011
A Christmas Carol de Charles Dickens
Por entre as pregaduras da túnica sacou fóra dous rapaces, ruíns, submisos, atemorizados, repugnantes, miserables. Axeonlláronse aos seus pés e agarráronse ao exterior da roupa.
-Ai, o home! Mira aquí. Mira, mira aquí! – exclamou o fantasma.
Eran un rapaz e unha rapaza. Pálidos, fracos, farrapentos, malencarados, alobados, pero tamén prostrados na súa humildade. Onde a agraciada xuventude debía encher as súas feituras, e dotalos coas súas cores máis frescas, unha man murcha e seca, coma a da vellez, dedicárase a beliscalos e retorcelos, e a desfacelos en anacos. Onde os anxos debían estar sentados en tronos, os demos vagaban á espreita, ameazando. Ningunha mudanza, ningunha degradación, ningunha perversión da humanidade, en ningún grao, de entre todos os misterios da creación, ten uns monstros a metade de horribles e espantosos.
Asombrado, Scrooge recuou cun pequeno salto. Mostrándose daquel xeito, tentou dicir que eran uns rapaces moi lindos, pero as palabras quedáronlle atravesadas: non querían participar nunha mentira de tal magnitude.
-Espírito! Son teus? -Scrooge non puido dicir máis.
-Son fillos do Home -dixo o espírito mirando para eles-. E agárranse a min suplicando polos seus pais. Este rapaz chámase Ignorancia. E esta rapaza chámase Necesidade. Gárdate deles dous, e de toda a súa parentela, pero sobre todo gárdate do rapaz, pois na súa fronte vexo escrita a condenación, a menos que esa escritura se borre. Négao! -gritou o espírito apuntando coa man cara á cidade-. Difama a aqueles que cho din! Admíteo para os teus fins perversos, e aínda peores! E espera o final!
-Non teñen ningún refuxio ou recursos? -berrou Scrooge.
-Acaso non hai cárceres? -dixo o espírito devolvéndolle por última vez as súas propias palabras-. Non hai casas de beneficencia?
A campá deu as doce.
...
Canto de Nadal, de Charles Dickens. Ilustracións de Roberto Innocenti. Tradución ao galego de Carlos Acevedo. Editorial Kalandraka. Idiomas dispoñibles: Castelán, Galego, Portugués
Poucos lectores han quedar que non teñan noticia do seu argumento, mil veces dramatizado e adaptado ao teatro e ao cinema e case sempre con escasa fortuna; os seus personaxes, empezando polo do protagonista Ebenezer Scrooge, pasaron xa a formar parte da mitoloxía popular ao se erixiren en símbolos universais. A clave está, como sempre, na habilidade do xenio inglés para dotar ao seu relato de elementos emocionais de inmensa efectividade que fan que sexa imposíbel entregarse ás súas páxinas sen sentir en todas e cada unha delas o pulso vibrante do seu aprecio polas persoas. Alén diso, a Canción de Nadal é outro magnífico retrato dun mundo cheo de inxustizas que Dickens combate con contaxiosa enerxía.
Ebenezer Scrooge é a encarnación da miseria e do egoísmo. Ao longo de toda unha vida de renuncia sistemática ao amor e de entrega ao exercicio estrito e mesquiño do seu traballo Scrooge deu en se converter nun individuo que só nos pode inspirar desprezo aos que entendemos que nel asoman moi poucos dos rasgos que nos identifican como humanos. Ebenezer non é realmente un ser vil e perverso, senón alguén que carece de sentimentos, condenado a existir sen chegar a experimentar o mais mínimo sopro da ledicia. Para el, como para tantos outros tamén hoxe en día, os pobres son xente sospeitosa que merece a súa desgraza, quizá un feixe de vagos e maleantes nos que malgastan os seus impostos as miserentas institucións públicas. O seu pensamento non difire moito do que algúns manifestan hoxe sobre os inmigrantes, feito que nos lembra que no mundo en que vivimos hai bastantes máis Scrooges dos que pensamos.
A Ebenezer dáselle unha oportunidade para mudar de actitude. A aparición do seu antigo socio, o defunto Jacob Marley, preludia as posteriores visitas dos tres espectros que lle amosan o Nadal do pasado, do presente e do futuro, nunha espiral de emoción crecente que vai desfacendo a resistencia do pobre vello. A lembranza da súa xuventude, coas tardes entregado á lectura como único xeito de fuxir da súa soidade, provócanlle un primeiro momento de fraqueza, pero o verdadeiro punto de inflexión é a aparición de Tim Cratchit, o fillo minusválido do seu escravizado dependente Bob. A familia Cratchit goza do Nadal con felicidade malia a súa pobreza. Dickens dosifica os elementos mais dramáticos e avánzanos a posíbel morte do cativo, pequeno e fráxil; xusto despois describe unha estampa aparentemente sen importancia, a de Tim entoando unha canción sobre un neno perdido na neve, detalle mínimo e sutil que sempre me pareceu revelador da grandeza dun autor sempre disposto a esnaquizar as nosas barreiras intelectuais. Entre unha cousa e outra o espírito do Nadal do presente ten tempo de citarlle a un avergoñado Ebenezer algunhas das súas palabras máis ferozmente malthusianas. A chegada do último dos espíritos e a visión dun futuro desolador e terríbel acabará por desarmalo por completo: a certeza de estar absolutamente só e o medo de saber que non é necesario para ninguén, que ninguén ha de botalo en falta, fan que Scrooge rectifique e se agarre desesperadamente á vida.
Martin Pawley























