Así arrancou a (gloriosa) carreira de Leo Lionni no campo do álbume ilustrado. Faltáballe pouco para facer cincuenta anos e tiña unha ampla e exitosa experiencia nos Estados Unidos coma deseñador gráfico en revistas e axencias publicitarias, nas que soubo integrar o rompedor traballo de creadores hoxe míticos coma Andy Warhol, Alexander Calder ou William de Koonig. Antes, na súa mocidade en Italia, acadara certa sona coma pintor. A Italia regresou en 1960 para iniciar unha nova etapa coma autor de libro infantil e experimentar as inmensas posibilidades da colaxe.
Pequeno Azul e Pequeno Amarelo (1959), a súa primeira obra mestra, segue a marabillarnos hoxe pola súa audaz aposta pola abstracción. Os protagonistas son manchas de cores que xogan e brincan -menos na escola, representada por un represor rectángulo negro-; nunha desas, ao se dar unha aperta, o azul e o amarelo acaban por mesturarse nun verde que os fai irrecoñecíbeis a ollos das súas familias. A tristura de se sentiren rexeitados polos seus provoca as bágoas, que os devolven ás cores orixinais e á felicidade do fogar: as cores comprenden axiña que poden mesturarse sen medo, unha metáfora nítida, sinxela e poderosa. Imposíbel non ver neste libro un referente para unha alfaia da LIX de noso, De cores e de amores de Xabier P. DoCampo e Xosé Cobas.
Unha mensaxe igualmente fértil, a da eficacia do traballo en equipo, desenvólvea en Nadarín (1963). Nun océano de peixes vermellos, o peixe negro séntese fóra de lugar e vai na procura das marabillas do mar -anémones, medusas, lagostas- resoltas por Lionni en elegantes ilustracións. Un gran predador ameaza un grupo de pequenos peixes vermellos e Nadarín convence o cardume de se organizar para nadaren xuntos conformando un único corpo moito maior. E iso que ser grande non sempre é útil. O caracol que soñaba con ter A casa máis grande do mundo (1968) acaba descubrindo as desfavorábeis consecuencias do exceso de ambición e do cultivo caprichoso das aparencias, nun volume ilustrado con rechamantes imaxes figurativas.
Frederick (1963), unha das súas obras máis coñecidas, é unha gozosa reivindicación do oficio de narrar. Mentres os seus compañeiros ratos se preparan para o inverno, o protagonista, con alma de poeta, ocúpase de labores menos pragmáticos: garda recordo da luz e a calor do Sol e das cores da natureza, e xunta palabras coas que entreter e encher os días fríos que virán. Agustín Fernández Paz emprega a miúdo unha cita de Cunqueiro, “precisamos beber soños coma quen bebe auga”, que encaixa moi ben co espírito deste álbume magnífico. Tamén co d'O soño de Matías, demostración elocuente de paixón pola arte. Ao rato do título cámbialle a vida a visita a un museo, non só porque aí descobre a súa vocación, senón tamén o amor. A pintura non fará del o médico que soñaban os pais, mais si achará nela a satisfacción e a felicidade que o afastarán do seu agrisado día a día. Máis ca noutros, Leo Lionni fala de si mesmo neste libro: coma un home que aprendeu cedo a percibir a beleza que nos fai amar o mundo e que confía na imaxinación artística para facer del algo mellor.
Martin Pawley
* * *
Pequeno Azul e Pequeno Amarelo, Nadarín, Frederick, A casa máis grande do mundo e O soño de Matías están publicados en galego por Kalandraka.
Ningún comentario:
Publicar un comentario