Amosando publicacións coa etiqueta Ciencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ciencia. Amosar todas as publicacións

domingo, 9 de marzo de 2025

Einstein en Galiza

O nome da Coruña manuscrito por Albert Einstein.

Xa gañador do Premio Nobel de Física, que lle foi concedido en 1921 “polas súas achegas á Física Teórica, e nomeadamente polo descubrimento da lei do efecto fotoeléctrico”, e convertido nunha celebridade mundial após a comprobación experimental da curvatura da luz polo efecto da masa grazas ás medicións durante a eclipse total de Sol en 1919, Albert Einstein realizou, entre outubro de 1922 e marzo de 1923, unha longa viaxe que o levou a Asia, Palestina e España, experiencia que documentou nun diario (esta viaxe impediulle, por certo, recoller persoalmente o Nobel, cuxa cerimonia tivo lugar un ano despois do anuncio, en 1922). Cando regresou a Berlín estaba canso e con poucas ganas de seguir percorrendo o planeta para dar conferencias, mais non demorou moito en caer de novo na tentación, e así en 1925 aceptou cruzar o Atlántico con destino a América do Sur para dar conta da súa teoría da relatividade na Arxentina, Uruguay e Brasil. Foi o empeño (e o diñeiro) porteño o que fixo posíbel esta nova travesía: a Asociación Hebraica (antecedente da aínda existente Sociedad Hebraica Argentina) financiou a maior parte dos gastos, se ben o convite foi feito oficialmente por cinco universidades arxentinas xa que o alemán expresou a súa intención de atender só propostas académicas (...)

Martin Pawley. Artigo escrito para o sitio web da A. C. Alexandre Bóveda. Pode lerse o texto completo neste enderezo.

domingo, 2 de outubro de 2022

Salvemos la noche

Érase una vez, en una región del universo no especialmente diferente de cualquier otra, una enorme cantidad de polvo y gas, los restos materiales de estrellas que habían colapsado mucho antes. Por alguna razón, algunos de esos materiales dispersos se juntaron formando un pequeño grumo y a partir de ahí tomó las riendas la gravedad, la fuerza dominante a escala macroscópica. Ese grumo, por el hecho de tener un poco más de masa, atrajo más partículas y se fue haciendo cada vez más grande. Y al hacerse más grande su masa aumentaba y caían más y más materiales. Fruto de ese proceso, lento pero incesante, aquel aglomerado inicial se convirtió en un nuevo sol. Nuestro Sol, en concreto.

En la vecindad de nuestra estrella en formación había muchos otros escombros a diferentes distancias. Poco a poco se fueron apelotonando para dar lugar a grandes esferas, algunas realmente enormes hechas de gas; las más pequeñas, por contra, eran muy densas, rocosas. Una de esas esferas, que hoy llamamos “planetas”, es nuestro hogar, la Tierra. El escenario principal de nuestras historias quedó dispuesto hace 4500 millones de años. Era un cuerpo convulso y activo que con el tiempo se fue amansando. Surgieron en él estructuras complejas, abiertas a procesos químicos igualmente complejos. Estructuras capaces de multiplicarse. Bastaron unos cientos de millones de años para la aparición del más antiguo antepasado común de todos los seres vivos, LUCA, acrónimo de “last universal common ancestor”. La vida no se hizo esperar.

Hace unos cuatro mil millones de años que la Tierra alberga vida. Y la vida fue evolucionando, adaptándose a un planeta que gira sobre sí mismo. Ese movimiento orienta en cada instante una mitad de la esfera hacia el Sol y deja la otra mitad en sombra. Se alternan la luz y la oscuridad. El día y la noche. Y cuatro mil millones de años son muchos días y muchas noches. Un billón y medio de días y un billón y medio de noches, en una cuenta tosca. No es extraño que para los seres vivos fuese útil reconocer esa sistemática alternancia de los niveles de luz. Que fuese útil reconocer, además, que esa alternancia es cambiante, que la duración de los días y las noches oscila entre unos valores máximos y mínimos de forma periódica, anunciando de paso otros cambios importantes. Los días que crecen evocan la llegada de épocas cálidas; las noches largas anuncian frío y lluvia. No hay mejor marcador de las variaciones estacionales que un buen control de las horas de luz natural. La evolución encontró estrategias para medir esas variaciones. Para distinguir bien el “cuándo”. Para anticiparse a los cambios.

Para todos los seres vivos del planeta, la luz y la oscuridad no son aspectos circunstanciales, prescindibles. Son aspectos esenciales. Este libro admirable trata de eso, de cuánto necesitamos los seres humanos diferenciar con claridad el día y la noche. Tener mucha luz cuando es de día y la mayor oscuridad posible durante la noche. Su autor, Emilio Sánchez Barceló, dedicó su carrera como investigador a explorar la importancia biológica de la luz y a estudiar como los niveles de luz definen el ritmo de muchas funciones fisiológicas. También a conocer mejor lo que sucede cuando eses ritmos se alteran, cuando nuestros relojes internos pierden el compás.

Hay una idea fundamental en este libro que se apunta ya en el título. La producción artificial de luz es, no hay ninguna duda, uno de los mayores inventos de la humanidad. Desde la antigüedad, la creación artística y científica ha sido posible gracias a que las fuentes de luz nos permitieron extender las horas de actividad más allá de lo que nos facilita el Sol. Pero la explosión de la iluminación artificial en el último siglo nos ha hecho olvidar que la conexión con el ciclo día/noche es inherente a nuestra biología y que romperlo se paga muy caro. Perder la noche ha sido una elección equivocada, de consecuencias dramáticas. Estamos a tiempo de revertir esa situación, de rescatar la noche, la oscuridad de la noche. Esa oscuridad que nos fascina e inquieta, que nos hace sentir vulnerables, pero que por eso mismo nos produce un extraño gozo, la satisfacción de saberse ínfimo ante la vastedad del firmamento.

No conozco a nadie que no experimente cierta clase de escalofrío ante la visión de un cielo repleto de estrellas. Hay algo íntimo que nos une a ellas. Heredamos de alguna estrella muerta todo el oxígeno que necesitamos para vivir, todo el calcio que almacenan nuestros huesos, todo el hierro que tiñe de rojo nuestra sangre, todo el sodio y el potasio de los canales neuronales por los que fluye el conocimiento. El átomo más abundante de nuestro cuerpo es el hidrógeno y todo el hidrógeno que existe se formó aún mucho más pronto, en el principio mismo del universo, mientras la luz empezaba a surcarlo. Piensen en ello la próxima vez que alguien les pregunte la edad: la mayoría de los ladrillos que nos forman tienen 13800 millones de años.

Somos cosmos, ahora lo sabemos. Podemos reconocernos en el espejo de las noches estrelladas. También por eso es nuestra obligación proteger la noche. Cuidarla. Recuperar la oscuridad que perdimos estúpidamente y preservarla para las generaciones futuras. Tenemos que salvar la noche.

Martin Pawley. Prólogo escrito para a segunda edición (2022) do libro "Hicimos la luz... y perdimos la noche. Efectos biológicos de la luz" de Emilio J. Sánchez Barceló, editado pola Editorial Universidad de Cantabria. 

martes, 30 de agosto de 2022

Días de memoria e metáforas

Con máis demora da xustificábel, leo por fin Días de memoria e metáforas, que é (máis ou menos) un diario pandémico escrito polo doutor en Química, profesor de secundaria xubilado e divulgador en activo Ramón Vilalta López. E malia a algunhas debilidades no que atinxe á corrección e depuración estilística, non precisamente infrecuentes nos libros autoeditados, lino con moito pracer e con inevitábel e crecente simpatía cara ao autor, un sabio á antiga usanza, un intelectual con formación científica e progresista de verdade, isto é, alguén que promove a globalización do coñecemento e a mellora da calidade de vida para toda a humanidade sen facelo de costas ao resto de seres cos que compartimos planeta.

Días de memoria e metáforas é a obra dun viaxeiro afervoado, dun lector voraz e diverso, dun home apaixonado pola ciencia. Un caderno de recordos enfiados durante o confinamento, episodios que saltan no tempo e no espazo duns países a outros, dunhas décadas a outras, alimentados polos ecos dos libros lidos, de Borges a Benedetti, Galeano ou Idea Vilariño, das cancións que se citan aquí e acolá, das obras artísticas que axudan a dar forma ás nosas identidades. É, tamén, un canto de amor ao seu Uruguay de nacemento e crianza, o país dos paxaros pintados, dos picaflores e dos ombús, un país que presume de laicismo e de servizos públicos. Se o volume funciona como marabillosa guía de viaxes, isto é especialmente certo nas moitas páxinas apaixonadas dedicadas a Uruguay e en particular a Montevideo, a cidade das múltiples augas e os ventos desbocados, en palabras de Cristina Peri Rossi, que, por culpa de Ramón, pasa a ser un destino soñado para min.

Mais se hai un trazo inequívoco en Días... é a práctica entusiasta da empatía e a súa defensa do colectivo fronte á idiotez, etimolóxica, de quen só se preocupa polo beneficio propio. Contrario ás interpretacións simplistas de fenómenos complexos, a única división binaria en que se recoñece o autor é a que distinga “os que explotan e os que son explotados, (...) os que non respectan dos que aprenderon a respectar, os que non queren dos que queren, os que dividen innecesariamente dos que non confunden as persoas con bits do código binario”. Lonxe da soberbia e a crueldade inherente a esa abxecta divulgación tecnófila axeonllada ao servizo das corporacións, Ramón é un humanista clásico, unha persoa curiosa polo mundo no que vive, polo mundo que o antecedeu e polo mundo que o sobrevivirá. Cústame comprender como as editoriais galegas convencionais non perseguen a Ramón para publicarlle libros co acabado que estes merecen: gañarían moito os seus catálogos e nós como pobo. Precisamos moitas máis voces científicas como a súa, voces que, como escribiu Luís Sepúlveda, non confunden a mentira co engano.

Martin Pawley

domingo, 17 de abril de 2022

Cuando sueña el cerebro

A acción sitúase en Pamplona mentres se celebra o Festival Punto de Vista. O meu amigo e cineasta Alberto Gracia presenta un filme nunha aula pequena, non é unha sala de cinema, mais ben debe tratarse dunha sesión de “pitching” ou unha conferencia. Non sei como é o filme, mais sei que me gusta. Un pouco despois estamos os dous nun piso da cidade navarra que é idéntico ao piso no que eu vivo na Coruña; estamos de paso, probabelmente subimos a coller un paraugas ou algo polo estilo. Niso é que Alberto perde o coñecemento e empeza a sangrar abundantemente. Chamo a urxencias mais non consigo que reaccionen como é debido, non entenden o que lles digo, fanme preguntas innecesarias coas que perden un tempo valioso. Alberto leva xa demasiados minutos inconsciente e perdendo sangue e todo apunta a un desenlace fatal. É entón que eu, con total naturalidade, asumo que o que estou vivindo é un soño, un que non me está gustando nada, en particular o seu previsíbel final, así que deliberadamente deteño o relato. Non quero que siga o soño, que se interrompe nese punto.

Uns días antes tiven outro soño, felizmente menos tráxico, cuxo final tamén precipitei. Estou no Porto, noutro festival de cinema, o Porto/Post/Doc. Unha banda que non coñezo actúa no Coliseo ou no Passos Manuel, dous recintos que están na mesma rúa. Asisto ao concerto e pásoo moi ben, a banda baixa do escenario e toca entre o público, gústame o espectáculo. Ao saír xa é de noite; atopo na porta un coñecido que me conta que toda a xente vai ir de festa a un bar e eu respondo que non vou, que prefiro ir ao hotel. Mais hai un detalle curioso: eu levo na man unha bolsa do lixo ben cargada, é practicamente redonda, e teño que deitala nun contedor. Póñome a buscar un contedor de lixo na contorna mais non o atopo, así que dou unhas cantas voltas e chego até unha igrexa. Métome por unha calella pegada á igrexa e vou avanzando coa bolsa, mais a rúa faise a cada paso máis baixa e estreita, co cal teño que irme agachando cada vez máis para avanzar. Cando alcanzo o final da rúa vexo que hai un muro: é unha rúa cega. Non me queda máis remedio que desandar o camiño, aínda coa bolsa, mais é aí que son consciente de que é un soño e non me apetece nada repetir todo o traxecto de novo, non quero, non me divirte, así que, tamén aquí, deliberadamente interrumpo o soño. 

Os dous casos encaixan na categoría dos “soños lúcidos”, aqueles nos que a persoa se dá conta, nalgún punto, de que o que está experimentando é un soño. Algunha xente é capaz, ademais, de controlar e alterar algúns elementos do soño (no meu caso o control foi máis ben pequeniño). Mesmo hai experimentos de laboratorio nos que persoas soñadoras lúcidas con grande habilidade chegan a “comunicarse” co equipo de investigación correspondente. Deste tema trata o capítulo 14 do libro Cuando sueña el cerebro, editado por Pasado y Presente; nesa altura eu levaba máis de 200 páxinas coa boca aberta. Os autores son Antonio (Tony) Zadra, profesor de psicoloxía na Universidade de Montreal, e Robert (Bob) Stickgold, profesor de psiquiatría en Harvard, investigadores de longa e sólida traxectoria que comparten neste volume o actual estado da arte do fascinante ámbito da “oniroloxía”, a ciencia dos soños. E o primeiro desafío é definir que é un soño, pois non hai un consenso claro ao respecto. Tony e Bob optan por un criterio amplo, segundo o cal baixo a etiqueta de soños entran desde a actividade mental onírica “pasaxeira e fragmentaria” até as “aventuras nocturnas máis dramáticas e épicas”. 

Fan, a seguir, un repaso sucinto máis esclarecedor da historia do estudo dos soños, con Freud como personaxe inevitabelmente destacado. Mais o verdadeiro salto científico chega a mediados do século XX coa tecnoloxía que permite rexistrar os sinais da actividade cerebral. Así, en 1953 Eugene Aserinsky e Nathaniel Kleitman dan a coñecer a existencia do sono de movementos oculares rápidos (sono REM) e con iso se abre un mundo novo: o sono admite unha exploración científica moderna máis alá da descrición e a interpretación, máis ou menos disparatada, dos relatos oníricos. Chega o momento de caracterizar con rigor a estrutura do sono, as súas diferentes fases e o que sucede en cada unha delas. Ao longo da noite vanse alternando períodos REM (con intensa actividade cerebral e total atonía muscular) e non REM, e nos dous soñamos. A gran pregunta é: por que? Ou, máis ben, para que?

Non hai hoxe dúbida ningunha do papel fundamental do sono para a vida; non existe, para empezar, ningunha especie animal que non durma. A perda de facultades cognitivas e físicas no ser humano por falta de sono está sobradamente estudada, por máis que aínda existan persoas insensatas que presuman de durmir pouco, froito quizais dunha tradición cultural que contemplou as horas de descanso como horas perdidas. Durmir favorece o crecemento na infancia, a regulación da insulina e a produción de anticorpos. O sono é, ademais, decisivo para a organización da información no cerebro e a consolidación da memoria. “Pasamos as horas prestando atención ao noso redor, absorbendo información nova e almacenándoa, agardando até o momento do sono para revisar e repasar toda esa información e desentrañar o seu significado”, recordan os autores. “Por cada dúas horas que pasamos espertos, almacenando nova información, o noso cerebro precisa unha hora de sono para aclarar o seu significado e importancia; unha hora desconectados do mundo exterior e con todos os mecanismos de regulación descendente, que guían as nosas accións e pensamentos en vixilia, desconectados. Esa é a tarefa crucial que a evolución lle asignou ao sono”.

Está claro que necesitamos durmir, mais cal é a función de soñar? A Elias Howe serviulle para inventar a máquina de coser e a August Kekulé para descubrir o anel do benceno, mais son exemplos excepcionais. Cal é a vantaxe evolutiva dos soños? Os autores expoñen un modelo innovador para explicar o porqué: o modelo NEXTUP, acrónimo de Network Exploration to Understand Possibilities, “exploración en rede para comprender posibilidades”. Segundo o NEXTUP, os soños procuran asociacións novas e creativas que o cerebro en vixilia non tería en conta mais que poden ser útiles no futuro. En xeral, o cerebro combina nos soños recordos recentes, novos, con outros debilmente asociados a este máis afastados no tempo e constrúe unha narrativa que tece ligazóns inesperadas entre eles para seleccionar e reforzar as máis significativas. Eses relatos oníricos “non son creacións fellinianas nas que a túa nai se balancea nun trapecio” e polo usual teñen pouco ou nada que ver coa imaxe que o cinema dá dos soños, seguramente herdada do discurso freudiano e a mitoloxía surrealista. A súa lóxica interna tende a ser plenamente convincente, por máis que estea chea de elementos estraños, mais convén insistir en que de acordo co NEXTUP é a xustaposición de elementos estraños e a busca de vínculos febles o obxectivo dos soños. “O cerebro soñante”, din no memorábel epílogo, “só intenta mostrarnos o que foi e o que podería ser. E faino igual que faría unha figura xenial da pintura, da música, da novela ou do teatro: mostrándonos o que non podemos explicar completamente. Podemos dicir que esa é a función da arte, e cremos que tamén é a función dos soños. E, tal e como acontece coa boa arte, soñar enriquece a nosa vida e nos axuda a navegar por ela”. Mentres durmimos, o cerebro segue traballando. Dalgún xeito, nunca dorme de todo, conclúen, “sempre soña”.

Martin Pawley

mércores, 20 de outubro de 2021

domingo, 13 de decembro de 2020

Sigue o Carro da Osa Maior

Entre as lecturas dos últimos meses, unha das que máis me impresionou é “Breve historia da escravitude”, de James Walvin, editado en galego por Factoría K de Libros, selo da editorial Kalandraka. O título deixa pouco espazo para a dúbida sobre o contido: é o relato, doloroso, da maior inxustiza perpetrada pola humanidade, o tráfico de persoas e a explotación de homes e mulleres por outros homes e mulleres que se aproveitaron e se enriqueceron do seu traballo e do seu padecemento. Walvin comeza examinando a escravitude na antigüidade, para recordarnos, cito textualmente, que “prosperou no antigo Exipto, onde escravizaron os africanos do sur, e foi unha institución fundamental nas civilizacións clásicas de Grecia e Roma e os seus correspondentes imperios e colonias”. Persistiu a escravitude, canda outras formas de servidume, na Europa medieval e no imperio bizantino, na Europa cristiá e tamén no mundo islámico, a través de moitas estratexias e sistemas de explotación que se conectaban entre si a través das vías e redes de comercio.

Cando na Idade Moderna as potencias europeas empezan a explorar por mar o planeta dan cun continente que non coñecían, América. Un continente cheo de recursos cuxa explotación exixe o esforzo físico de moitos corpos, e eses corpos foron arrancados violentamente de África para subministrar a man de obra precisa para os cultivos agrícolas do outro lado do Atlántico. Durante os tres séculos e medio de tráfico de escravos de África a América transportáronse en barcos arredor de doce millóns de africanos e africanas, un negocio do que participaron a maioría das potencias navais europeas. Convén non esquecer que A Coruña foi, e esa é unha historia aínda insuficientemente divulgada, un porto negreiro; un deses traficantes foi Juan Francisco Barrié, bisavó de Pedro Barrié de la Maza, que tanto empeño puxo en que o ditador Franco tivera o Pazo de Meirás como casiña de verán. Mesmo na primeira novela de Rosalía de Castro, La hija del mar, o cruel Alberto Ansot que xera sufrimento por onde pasa é cualificado de "pirata del África", o que apunta a súa probábel condición de negreiro.

A viaxe nos barcos negreiros tiña lugar en condicións atroces, por máis que o obxectivo comercial fose o de levar a porto o maior número de corpos nas mellores condicións posíbeis. Mais a dificultade da viaxe, cos escravos amoreados e agrilloados baixo cuberta, mal alimentados e expostos ao rápido contaxio de doenzas, en particular as gastrointestinais como a disentería -"cando estaban doentes, aliviábanse no sitio onde estaban, de xeito que cos excrementos se ensuciaban e contaminaban eles mesmos e aos demais prisioneiros", conta o libro-, provocaban uns niveis altos de mortalidade que chegaron a ser do 20% a comezos do XVII e non baixou nunca do 5%. En total, calcúlase que por volta de millón e medio de persoas morreron polo camiño e foron lanzadas ao mar e descontadas dos libros de contabilidade, cal se fosen sacos de fariña: eran unha simple mercadoría. Walvin detalla un episodio de crueldade extrema, o do barco Zong en 1781, cuxos responsábeis nun momento en que estaban quedando sen provisións acordaron lanzar ao mar a 133 escravos coa intención expresa de reclamar despois a indemnización correspondente á compañía de seguros. 

Este réxime infame alimentou masivamente de man de obra os cultivos agrícolas en toda América, de forma especial no Brasil e no Caribe co cultivo da cana de azucre, tamén do tabaco. E por suposto na América do Norte. Nos Estados Unidos asociamos a escravitude aos campos de algodón, mais o autor fai notar que a aposta polo algodón foi relativamente tardía e empezou arredor de 1790, nunha altura na que xa había escravos africanos traballando no tabaco, no azucre e no arroz. Mais o algodón foi un negocio próspero que se multiplicou en moi poucos anos e con iso tamén se multiplicou o número de escravos, tamén polo crecemento vexetativo da poboación de orixe africana, pois os fillos que nacían dos escravos eran tamén escravos. En 1776 nos Estados Unidos había medio millón de escravos; en vésperas da guerra civil, en 1860, había xa catro millóns, e o 60% traballaba no algodón. Esa é a imaxe que chegou á cultura popular por medio de libros e filmes, sen ir máis lonxe Gone with the Wind, que tanto contribuíu a glorificar unha visión nostálxica e pouco crítica do vello sur e os seus usos escravistas.

Esas décadas foron tamén as da asombrosa expansión dos movementos abolicionistas, coa igrexa cuáquera como motor decisivo, por certo. Nos EEUU non foron poucos os escravos que escaparon das plantacións na busca da liberdade e non tardou en funcionar unha rede clandestina, o chamado “Underground Railroad”, o ferrocarril subterráneo, que apoiaba a fuxida cara a territorios máis benévolos, en moitos casos os "territorios libres" do norte ou mesmo Canadá. A terminoloxía en clave que manexaban na rede remitía ao vocabulario ferroviario, e así había "condutores", persoas que cooperaban como guías, ou "estacións”, para referirse aos lugares que servían de refuxio. Mais antes de chegar aos puntos de contacto onde podían atopar a axuda dunha man amiga, os escravos e escravas debían afrontar horas e días de fuxida por si mesmos e tentar chegar a un lugar seguro antes de que algún cazarrecompensas os capturara para devolvelos á plantación a cambio de diñeiro, onde probabelmente serían asasinados como castigo “exemplar” ante o resto de escravos. O momento idóneo para escapar e gañar unhas horas de vantaxe antes de que se descubrira a súa ausencia era a noite, e de noite como guía podían valerse das estrelas. No caso das rutas ao norte, chegar ao destino equivale a seguir a Polar, que se localiza moi facilmente a partir de dúas estrelas do Carro da Osa Maior, Merak e Dubhe, as dúas estrelas traseiras da caixa do Carro. Se unimos cunha liña esas dúas estrelas e proxectamos a distancia que as separa cinco veces chegamos directamente á Polar.

Aos escravos e escravas bastáballes un coñecemento moi básico do ceo nocturno, do cal parece obvio que non poderían falar abertamente. Non requirían referencias moi precisas, bastaríalles ter ideas xerais de orientación na escuridade. A cultura popular preserva pegadas de como se podía transmitir esa información codificada, por exemplo, a través dunha canción. Como esta, Follow the Drinking Gourd, aquí nunha versión contemporánea de Eric Bibb.

Esta canción puido encamiñar xente á liberdade. Salvar vidas, en suma, e como tal ocupa un lugar simbólico na revisión histórica da escravitude e a loita polos dereitos civís. O “Drinking Gourd” é, literalmente, a cabaza empregada como recipiente de auga para beber, mais na canción alude de forma metafórica ao Carro da Osa Maior, ou, para ser exacto, ao "Big Dipper", o "grande cazo" da cultura anglosaxoa. Seguir ese “drinking gourd” era unha maneira de dicir “sigue o Carro”, como recordatorio de que o Carro sinala a estrela que sinala o norte. A letra toda da canción daría información en clave, con indicacións sobre o camiño e como facelo, referencias xeográficas dunha ruta que pasaba polos estados de Mississippi, Alabama, Tennessee e Kentucky. Follow the Drinking Gourd foi publicada por primeira vez en 1928, recollida por un entomólogo e folclorista amador, H. B. Parks; ao parecer, escoitara a canción en tres ocasións diferentes na década de 1910. Mais, como case sempre nestes casos nos que as fontes son por natureza perecedoiras, é difícil, ou imposíbel, determinar canto hai de realidade e canto de reelaboración tardía. Hai espazo para o escepticismo, quizais a canción fose, máis ca un mapa real, un himno para alentar os escravos e escravas a escapar; mais tamén para certo grao de reivindicación entusiasta. E sempre de fondo o principio fordiano do "When the legend becomes fact, print the legend". 

Que as estrelas serviron de guía no camiño da liberdade, iso non admite moita dúbida. Fórono, por exemplo, para a admirábel Harriet Tubman, nacida escrava, quen logo de escapar organizou durante dez anos varias misións máis nas que rescatou outras 70 persoas. Harriet, que tivo unha vida longa (morreu arredor dos 90 anos), desenvolveu despois unha intensa actividade política en favor do abolicionismo e do voto feminino.

Martin Pawley

domingo, 26 de xullo de 2020

Ciencia en igualdade

Por unha ciencia construída en igualdade entre diferentes

Mudaron as formas, mais boa parte da divulgación científica contemporánea segue o padrón de sempre: unha persoa moi lista explícalle cousas a outras que saben menos. Quedou atrás a rixidez e a vestimenta académica e agora o divulgador pode ir en pantalón curto e camisa hawaiana, pon todo o empeño en caer simpático e abre contas en canta rede social colle fama, nomeadamente as que frecuenta a mocidade. Mesmo prodiga o seu verbo nos bares, onda o vulgo, porque o obxectivo é evanxelizar con sermóns científicos. Mais todo iso non deixa de ser o século XIX revestido con tecnoloxía moderna e a obsesión capitalista polo “impacto”, que se mide contando cabezas. Aínda son, no fondo, sacerdotes que baixan dos púlpitos coa misión de captaren fieis.

Está ben, é un labor as máis das veces honesto e valioso. Mais non é o único camiño e quizais non deba ser o principal. Fronte á ciencia que cae do ceo sobre a testa de novos adeptos, quizais conveña fomentarmos unha cultura científica que naza da colaboración entre persoas e entidades de base, feita man con man, como acontece en iniciativas escolares das que en Galiza hai notábeis exemplos, da Axencia NOSA ao Open Science de Cambre. Ciencia construída en igualdade entre diferentes, un modelo que debería practicarse máis tamén entre a poboación adulta.

Martin Pawley. Artigo escrito para o oitavo número do caderno "Aprender", suplemento de investigación e divulgación do Nós Diario coordinado por Susana Rois; 15 de xullo de 2020.

mércores, 8 de xullo de 2020

Coidarmos o fogar

A Agrupación Ío publica en galego un caderno da IAU que compila ideas esenciais da astronomía

Que precisamos saber sobre astronomía? Que coñecemento do universo debería ter calquera persoa con algunha educación científica? Responder estas preguntas foi o punto de partida para unha longa serie de discusións, obradoiros e intercambios telemáticos por parte dun grupo de membros da Unión Astronómica Internacional, entidade que agrupa a máis de 14 mil astrónomos e astrónomas profesionais. O resultado do seu traballo foi un documento de enorme valor educativo, “Big Ideas in Astronomy”, presentado en maio de 2019, que aspira a servir de ferramenta de alfabetización astronómica. A partir da versión orixinal en inglés, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío emprendeu unha tradución ao galego: o idioma de noso foi o primeiro do mundo que contou coa súa propia versión do texto.

Entre o case centenar de ideas repartidas nos once capítulos do caderno é un desafío destacar algunhas. A humanidade leva mirando o ceo e preguntándose que é todo iso que hai aí fóra desde a antigüidade. Ao longo de miles de anos foi cambiando a nosa visión do cosmos, de forma asombrosa no último século. Hai cen anos a Vía Láctea era todo o universo coñecido; hoxe sabemos que a nosa é apenas unha máis entre centos de miles de millóns de galaxias, cada unha delas con miles de millóns de estrelas, moitas delas, quizais a maioría, con planetas que dan voltas ao seu redor. Hai cen anos non sabiamos ben de que estaban feitas as estrelas; empezamos a entendelo grazas a unha muller excepcional, Cecilia Payne. Despois comprendemos o mecanismo polo que producen enerxía e aprendemos como se forman e como evolucionan. Descubrimos que nas últimas etapas da vida das estrelas se forman boa parte dos elementos químicos, como o calcio dos nosos ósos e o ferro do noso sangue: somos po de estrelas. Nas últimas décadas sorprendémonos coas pistas que sinalaban que todos eses elementos son apenas unha parte mínima dun universo dominado pola materia e a enerxía escura. Un universo que vemos sempre no pasado, pois a radiación que nos permite estudalo tarda un tempo en chegar até nós: un segundo desde a Lúa, oito minutos desde o Sol, dous millóns e medio de anos desde a galaxia veciña, Andrómeda. Un universo ao que lle puxemos idade: 13800 millóns de anos.

Quizais non esteamos sós nese universo. A busca de vida fóra da Terra acaba coma quen di de iniciarse, estimulada pola detección de moléculas orgánicas no medio interestelar e a constatación de que hai organismos capaces de vivir en ambientes realmente extremos. Mais, polo momento, o único planeta no que sabemos que hai vida é a Terra, ese que nos empeñamos en destruír. Velaí a idea máis importante: debemos preservar a Terra, o noso fogar, o noso único fogar.

Martin Pawley. Artigo escrito para o quinto número do caderno "Aprender", suplemento de investigación e divulgación do Nós Diario coordinado por Susana Rois; 24 de xuño de 2020.

sábado, 6 de xuño de 2020

Coñecermos hoxe para non chorarmos mañá

Ignorarmos a ciencia é un suicidio colectivo. É a ciencia a que leva anos alertándonos dos principais desafíos da humanidade: o desastre climático producido polo quecemento global, as diferentes formas de contaminación, a catastrófica perda de insectos que pon en perigo os ecosistemas, as pandemias presentes e futuras ou as (moi reais) ameazas do espazo exterior, desde os cometas e asteroides que poden achegarse á Terra ao potencial impacto das tormentas solares. É a ciencia, tamén, a que nalgúns casos formula solucións paliativas.

Apostar pola ciencia non é unha elección, é unha necesidade. E tamén é unha necesidade comunicar a ciencia. A sociedade precisa ter coñecementos científicos, as ferramentas básicas para facer un axeitado diagnóstico dos problemas, distinguir o que é prioritario do que non o é e comprender as consecuencias, a miúdo irreversíbeis, que a medio e longo prazo poden ter as decisións equivocadas. Para non lamentármonos mañá, é imprescindíbel estarmos informados hoxe.

Martin Pawley. Artigo escrito para o primeiro número do caderno "Aprender", suplemento de investigación e divulgación do Nós Diario coordinado por Susana Rois; 27 de maio de 2020.

sábado, 12 de xaneiro de 2019

Necesitamos a interrupción da noite

Deixádeme empezar contando unha historia sobre un mozo e un telescopio.

O escenario desta historia é Lawrence, Massachussets, Estados Unidos. O ano é 1889. O mozo chámase Robert e é orfo de pai; ten quince anos e le con avidez unha revista nesa altura xa veterana, Youth's Companion. Unha publicación que nacera en 1827 dirixida ao público máis novo co ánimo de promover “a virtude e a piedade e servir de aviso contra toda forma de transgresión”. Co paso dos anos a orientación cambiou sensibelmente e cara ao final do século a revista abríase a un público máis diverso: as súas páxinas acolleron textos de autores lendarios como Mark Twain, Jack London ou Emily Dickinson.

Youth Companion destacou tamén polas súas estratexias de promoción. Convidaba os lectores a buscar subscritores e a cambio ofrecíalles agasallos, entre os que non eran infrecuentes os kits científicos. Naquel 1889 a recompensa para os xoves máis dilixentes era un telescopio. Coa axuda da súa nai na procura de novos compradores da revista, Robert fíxose merecedor do prometido telescopio refractor e fixo dun dos cuartos da súa casa o seu primeiro observatorio. Para familiarizarse co ceo devorou os libros dispoñíbeis na Biblioteca Pública de Lawrence. Leu e releu os atlas astronómicos e namorouse en especial dun libro, Our Place among the Infinities, escrito polo astrónomo Richard Anthony Proctor, autor dalgúns dos primeiros mapas de Marte e fundador dunha revista de divulgación, Knowledge. No desenvolvemento desta publicación contou, por certo, coa axuda da súa filla Mary Proctor, que logo tería unha celebrada carreira como comunicadora científica: escribiu infinidade de artigos e deu centos e centos de charlas en diversos países.

A marabilla do ceo chocaba coa pesada inercia da vida escolar. En decembro de 1891 o noso Robert escribía, con inconfundíbel frustración adolescente, estas frases no xornal do instituto de Lawrence:
“A rutina da vida escolar que se nutre enteiramente de libros é incribelmente monótona, tan monótona, de feito, que nos deprime non ter a certeza de se un día saberemos ou non o que aprendemos onte; un pouco de observación real sobresairía entre todo este negror igual que a Lúa sobresae na escuridade cando a miramos a través dun telescopio; fai que a escuridade pareza agradábel”.
Acabou o instituto, desempeñou diversos oficios, casou, foi á universidade de Harvard, deixouno e, finalmente, grazas ao seu avó, fíxose cunha granxa en Derry, New Hampshire. Alí viviu coa súa muller Elinor durante varios anos. Pola mañá cedo, antes de ocuparse dos labores do campo, erguíase para escribir poesía. A lenda literaria do noso Robert abrolla de verdade nesta altura. Porque o noso Robert é Robert Frost, un dos grandes nomes da poesía estadounidense, catro veces gañador do Pulitzer, cifra récord para ese premio.

Robert Frost amaba o ceo nocturno. Observou o ceo na súa mocidade, observouno mentres viviu no campo, observouno con seguridade durante os anos, case vinte, que deu aulas de inglés no Amherst College de Massachussets, onde había un observatorio que tiña, cando el chegou en 1917, un telescopio de 18 polgadas. Amaba o firmamento e o firmamento asoma en poemas seus como The Star-Splitter, Canis Major ou Fireflies in the Garden. Na súa poesía tamén está presente a desaparición da noite. Ao longo da súa vida Robert Frost asistiu á electrificación do seu país, á domesticación incandescente de terras que antes eran salvaxes. A luz artificial ameaza a noite, como apunta con retranca o poema The Literate Farmer and the Planet Venus:
The idea is no doubt to make one job
Of lighting the whole night with one big blob
Of electricity in bulk the way
The sun sets the example in the day [1].
No mesmo poema un verso posterior reclama: “we need the interruption of the night” [2]. Necesitamos a interrupción da noite.

Un dos mellores poetas galegos, Xosé María Díaz Castro, escribiu no único libro que publicou en vida, Nimbos (1961):
A noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobre o medo e o mal
as estrelas arder.
Necesitamos a interrupción da noite. A noite é necesaria.

Hoxe sabemos que ademais dunha verdade poética, estes dous versos son tamén unha verdade científica. Hoxe coñecemos o impacto da contaminación luminosa en ámbitos moi diferentes. Comprendemos como a exposición á luz artificial pola noite agride a natureza e a nosa saúde, dilapida diñeiro e acaba co patrimonio cultural do ceo nocturno.

Desde que xurdiron as primeiras formas de vida na Terra hai uns catro mil millóns de anos o noso planeta xirou sobre si mesmo un billón de veces. É unha cifra a vulto, mais válenos. Un billón de días co seu correspondente billón de noites. A vida, en todas as súas formas, evolucionou afacéndose a esa alternancia de luz e escuridade, de horas baixo o dominio do Sol e horas ao relento da noite. Unha alternancia que ademais é variábel, a consecuencia do efecto combinado dos movementos de rotación e translación do noso planeta. A todas as especies resúltalles útil prepararse para a chegada do día ou da noite, nas que desenvolverán os hábitos que correspondan a cada período, desde a alimentación e o apareamento até o necesario descanso. Élles igualmente útil anticiparse aos cambios estacionais, adiviñando a proximidade do verán ou do inverno polo incremento ou diminución de horas diarias de luz. Mais para iso é imprescindíbel recoñecer ben o día e a noite e iso, na actualidade, non resulta doado. A luz artificial, que se estende por centos de quilómetros das cidades, desfigura de xeito decisivo as condicións ambientais nocturnas: fai desaparecer a escuridade e iso deixa indefensas a todas as especies que teñen nela o seu hábitat de vida. Niveis de luz cos cales os humanos non nos atrevemos a dar un paso poden ter un impacto gravísimo en moitos seres vivos.

Paxaros mortos por colisións nas cidades. Fonte: FLAP.
Non hai semana que non apareza un novo estudo sobre os efectos negativos da luz artificial pola noite sobre o medio ambiente. Hai exemplos clásicos, como o das tartarugas mariñas que desovan nas praias. Cando se produce a eclosión dos ovos as crías deben saír correndo cara ao mar, que de maneira natural deberían recoñecer por reflectir a luz do firmamento, mais o probábel agora é que se desvíen cara a territorio urbano, que é o que máis brilla. Fascinante é o caso das aves que se orientan polas estrelas, para as cales un ceo borrado supón quedar sen mapa. Moitas especies de aves quedan atrapadas polas manchas de luz das cidades e a miúdo chocan fatalmente contra os edificios (só na América do Norte poden morrer por esa causa até mil millóns de exemplares cada ano [3]) ou esgotan os limitados recursos cos que afrontan as migracións. O impacto da luz sobre as poboacións de insectos é tamén moi coñecido e iso pon en perigo o seu decisivo papel como polinizadores [4]. A contaminación luminosa afecta mesmo mar adentro, como proban estudos feitos con corais da Gran Barreira de Arrecife en Australia [5]: os seus ciclos reprodutivos vense alterados cando a luz artificial compite coa luz da Lúa como marcador do seu ritmo biolóxico. E non só á fauna, tamén lles afecta ás árbores e plantas. A luz artificial pode favorecer o adianto ou atraso dalgúns procesos vitais, co efecto consecuente para todo o ecosistema. Nas cidades é moi fácil comprobalo. Reparen nas árbores de folla caduca que están preto dun farol: é frecuente que as ramas que teñen luz máis perto sigan verdes mesmo despois do solsticio de inverno.

Fotografía tomada na Coruña o 29 de decembro de 2016. Imaxe: Martin Pawley
Os seres humanos non quedamos á marxe. Sabemos que ao longo do día varían moitas das nosas variábeis fisiolóxicas, como a tensión arterial ou a temperatura. Se nos poñemos o termómetro pola mañá ao levantarnos e despois á tardiña, podemos comprobar como en condicións normais o valor máis alto ímolo obter no segundo caso. O noso grao de lucidez tamén é variábel: non somos igual de capaces de resolver problemas complexos ás tres da mañá que ao mediodía. Tamén non somos igual de hábiles ao volante ou no manexo de maquinaria sofisticada (o excepcional libro Why We Sleep de Matthew Walker dá datos arrepiantes sobre o papel do sono como causa de accidentes ou erros fatais).

Hoxe coñecemos moito mellor que hai vinte anos -mais aínda estamos lonxe de coñecelos ben- os procesos que rexen esas variacións diarias. Ou máis ben case diarias, “circadianas”. O noso ritmo propio non se axusta exactamente ao patrón de 24 horas ditado pola rotación terrestre: o reloxo biolóxico central tende a desfasarse e por iso cada día hai que “poñelo en hora”, coma un reloxo ao que haxa que darlle corda. Entre os estímulos que facilitan ese axuste diario o máis importante é o ciclo natural de luz. Un equipo comandado por David Berson, neurocientífico da Universidade de Brown, publicou en 2002 [6] unha investigación fabulosa que desvelaba o papel fotorreceptor dunhas células específicas na retina. Ademais dos conos e bastóns, nos nosos ollos temos un terceiro tipo de células, as chamadas “células ganglionares da retina intrinsecamente fotosensitivas”, ipRGC, cuxa función non ten que ver coa visión senón coa detección do nivel de luz: indícanlle de forma directa a unha rexión do cerebro canta luz hai para desa forma saber se nos achegamos ao día ou á noite. Iso é fundamental para a nosa posta en hora e, en consecuencia, para lanzar os procesos fisiolóxicos que correspondan a cada momento. Por exemplo, subir ou baixar a presión arterial e a temperatura. Ter sono ou estar lúcido. Activar ou inhibir a produción de certas hormonas, como a melatonina.

A exposición case permanente á luz manda unha mensaxe confusa ao cerebro. Cae a noite, mais estamos rodeados de farois e anuncios luminosos que parecen dicirlle ao noso cerebro que é de día. Antes de durmir pasamos varias horas pegados a pantallas -televisións, computadores ou móbiles- que producen luz cunha compoñente azul que activa as células ganglionares. Non experimentamos o suficiente contraste entre o día e a noite, mellor dito, entre a luz intensa do día e a escuridade total da noite. E iso non lle sae gratis ao noso corpo. Hai unha longa colección de patoloxías, algunhas moi graves, asociadas a estas disrupcións do ritmo circadiano.

A contaminación luminosa custa cara. Non é só unha licenza poética referida ao seu efecto sobre a natureza e a saúde, é literal: custa centos de millóns de euros. O proxecto Cities at Night calculou en case mil millóns de euros anuais o gasto en enerxía para iluminar a noite en España. Entre un 30 e un 50% podería aforrarse sen demasiada dificultade simplemente aplicando criterios máis sensatos [7]. Bastaría asumir que a luz artificial é un axente contaminante e por tanto debe utilizarse só onde se necesita, ou sexa, cara ao chan, e non proxectada cara arriba ou cara á xanela dun veciño; só cando se necesita, non por igual a todas as horas en todos os lugares, senón tendo en conta o tráfico de persoas e vehículos; co nivel preciso, a intensidade requirida para realizar tarefas mais nunca máis da necesaria; e co espectro adecuado, optando sempre por fontes de cor cálidas para o horario nocturno (e descartando as lámpadas que producen moita luz azul, como sucede cos LED branco-azulados que se instalaron masivamente nos últimos anos e que no canto de corrixir o problema o multiplicaron).

A Noite Estrelada de Vincent Van Gogh. Fonte: Museum of Modern Art, Nova York
Vincent van Gogh pintou este cadro en xuño de 1889 durante o seu internamento, voluntario, no asilo de lunáticos de Saint-Paul, en Saint-Remy-de-Provence, Francia. Titúlase A noite estrelada. Ao seu irmán Theo escribiulle uns meses antes desde Arles “Preciso unha noite estrelada con cipreses, ou quizais sobre un campo de trigo maduro. Hai noites realmente fermosas aquí”. Xa desde o psiquiátrico, en xuño, contáballe: “Esta mañá vin o campo desde a miña xanela moito tempo antes do amencer, sen máis nada que o luceiro da alba, que parecía moi grande”. Venus é, en efecto, o punto gordo á carón do ciprés. Obviamente distinguimos a Lúa, mais o ceo de Van Gogh é un ceo elaborado desde a memoria, unha reconstrución alucinada da noite, como nos lembra Paul Bogard no seu imprescindíbel The End of Night.

Na Noite estrelada sobre o Ródano recoñecemos o Carro da Osa Maior e fascínanos a idea dun ceo estrelado á vez que se reflicten as luces dos farois de gas sobre o río. Fascínanos a idea de que cohabite a luz artificial coa luz natural das estrelas, que as luces dos farois non supriman as luces da noite. Unha noite que marabillaba a Van Gogh e que xa non poden ver os millóns de admiradores que peregrinan cada ano a diferentes museos para ver os seus cadros. Vese ben isto noutra célebre pintura, Terraza de café pola noite, que pintou en efecto de noite e nese café. Sobre o café iluminado e sobre a cidade toda esténdese a noite estrelada. O local agora chámase “Café La Nuit” e preserva a súa imaxe exterior para gozo dos turistas. O que xa non preserva é o ceo nocturno. Faltan as estrelas do pintor do sombreiro de malvas.

Os humanos actuais somos descendentes dos primeiros Homo Sapiens que pisaron a Terra hai douscentos mil anos e ao longo dese tempo nunca faltou unha noite ao final de cada día e un día ao final de cada noite, e o mesmo sucedeu con todos os homínidos que os precederon. A noite fíxonos sentir medo porque nela somos máis vulnerábeis, máis aínda mentres durmimos, mais tamén foi o noso compás, a nosa guía para movernos polo tempo e polo espazo. Comprender as regras da noite serviu para que puidésemos orientarnos, para localizar o punto no norte (ou no sur) ao redor do cal dá voltas o ceo, para saber onde nace e onde se pon o Sol (e con el a Lúa, os planetas, as estrelas todas). Así aprendemos a desprazarnos polo mundo para descubrir como eran outras terras. Comprender o ceo serviu tamén para coñecer o paso do tempo, para identificar os feitos que se repiten e ser capaces de predicir fenómenos. O rigor do inverno, a resurrección da natureza na primavera, a calor do verán, o recollemento do outono. Se existe a agricultura é porque aprendemos a identificar os ritmos naturais e a facelos nosos e para iso tivemos que recoñecer o firmamento como espello deses ritmos. Foi preciso contar o tempo por lúas, ou pola saída ou a posta do Sol en certas posicións, e logo, con máis detalle, pola aparición ou non de certas estrelas. Elaboramos calendarios grazas ao noso coñecemento do ceo. Aprendemos a calcular as horas do día pola posición do Sol e as da noite polo movemento das estrelas.

Nas cidades chamamos noite a ese momento en que non pasan coches e non hai tanto barullo nas rúas, mais a noite de verdade é outra cousa. A noite é escuridade e perder a escuridade é perder a noite. Encher de luz artificial a noite, facer da noite día, é perder a noite. E perder a noite é perder a Van Gogh, a Robert Frost e a Díaz Castro, a Walt Whitman ou García Lorca. A música, a literatura, as artes plásticas e o cinema que encontraron no ceo nocturno a súa inspiración. Un coñecemento milenario, un patrimonio cultural transmitido xeración tras xeración. É perder, tamén, a ciencia que emana da noite, da observación astronómica, a que nos fixo entender o noso lugar no universo. A observación que nos descubriu, de Galileo en diante, que alá onde poñamos un telescopio as estrelas se multiplican e onde parecía haber unha realmente hai miles, logo millóns.

As "calculadoras" de Harvard. Fonte: Universidade de Harvard.
Esta mítica fotografía lémbranos un grupo de mulleres fascinante, as calculadoras de Harvard, cuxo traballo laborioso axudou a sentar as bases da astrofísica e a cosmoloxía do século XX. De pé, a admirábel Williamina Fleming, cuxo marido a abandonou, embarazada, ao pouco de chegar aos Estados Unidos desde a súa Escocia natal. Para sobrevivir buscou traballo do que fora e atopouno como criada nunha casa singular, a de Edward Pickering, director do observatorio de Harvard. Pickering tivo a habilidade de recoñecer o talento de Mina e non tardou en propoñerlle cambiar a súa casa polo observatorio. Acabou sendo a xefa das calculadoras e a primeira muller que ostentou un cargo no centro, como responsábel da colección de placas fotográficas. Descubriu varias novas, ducias de nebulosas -incluída a nebulosa da Cabeza de Cabalo, unha das xoias do ceo profundo- e centos de estrelas variábeis. Mais antes de todo iso foi unha inmigrante en terra estraña, entregada á súa sorte, e iso sempre me fai pensar en cantas Williaminas debe haber hoxe no mundo a piques de botarse ao mar ou de cruzar continentes enteiros en busca dun porvir menos inxusto.

Ao grupo das calculadoras incorporouse Henrietta Swan Leavitt, que nos deu as claves para calcular a distancia ás estrelas. Mentres estudaba estrelas variábeis cefeidas nas nubes de Magallanes decatouse dunha curiosa relación que fixo notar, en forma de frase inocente, nun boletín dos anais do observatorio: “It is worthy of notice that in table VI the brighter variables have the longer periods”. Chama a atención que as variábeis máis brillantes teñen os períodos máis longos. O brillo aparente dunha estrela depende tanto das características desa estrela como da distancia a que se atopa, e así unha estrela no noso ceo pode brillar moito porque en efecto é moi luminosa ou ben porque aínda non séndoo tanto está relativamente perto. Henrietta Leavitt entendeu que o período de pulsación tiña que ser unha característica propia da estrela, de maneira que atopar unha relación entre o brillo e o período de variación de brillo proporcionábanos unha información valiosa real e non aparente sobre ese astro. En canto tivésemos un valor fiábel da distancia a algunha desas variábeis cefeidas poderíamos comparar unhas con outras e extrapolar valores de distancia para todas as demais. Niso traballou Ejnar Hertzsprung. Con iso abriuse un mundo novo para o cálculo de distancias. Ou, literalmente, un universo novo. Hai cen anos todo o universo coñecido collía dentro da Vía Láctea. Foi en 1923 cando Edwin Hubble constatou no observatorio do Monte Wilson, en California, que a nebulosa de Andrómeda era de seu unha galaxia, diferente da nosa, cargada á súa vez de millóns de obxectos. Conseguiuno estudando variábeis cefeidas en Andrómeda ata chegar á conclusión de que estaban demasiado lonxe como para pertencer á Vía Láctea.

As últimas estimacións aseguran que no universo debe haber entre douscentos mil millóns e dous billóns de galaxias e entre tantas a nosa é só unha máis. O universo empezou a crecer naquel 1923, sobre os ombreiros de xigantes, no observatorio de Monte Wilson. Hoxe ese observatorio xa non serve para escrutar o espazo profundo. O ceo de Monte Wilson xa non vale para facer ciencia de vangarda porque non é suficientemente escuro. Como case todos os seus contemporáneos. Non é casual que fosen os profesionais dos observatorios os primeiros en lanzar a voz de alarma. Xa en 1973 Merle Walker, do observatorio Lick, analizou con tino o empeoramento notábel da calidade do ceo nos centros de investigación de California e Arizona e lanzou unha premonitoria advertencia final: “O futuro da astronomía óptica terrestre depende de con que nivel de éxito resolvamos os problemas paralelos de controlar a contaminación luminosa nos observatorios existentes e de adquirir e protexer axeitadamente os mellores sitios de ceos escuros que queden" [8]. 45 anos despois podemos dicir que, tristemente, non conseguimos ningunha das dúas cousas. Ir ao encontro da verdadeira escuridade é agora todo un desafío.

Fabio Falchi. Imaxe: Riccardo Furgoni.
Sobre estas liñas ven a Fabio Falchi, profesor do Istituto Statale di Istruzione Superiore “Galileo Galilei” en Mántova, Italia. No seu tempo libre investiga no Istituto di Scienza e Tecnologia dell’Inquinamento Luminoso. No seu tempo libre, repito. Fabio Falchi é un titán na loita polos ceos escuros. A súa investigación e o seu impulso achéganos unha fabulosa ferramenta para calibrar o estado real do desastre que é a contaminación luminosa. O Atlas Mundial do Brillo do Ceo, cuxa segunda edición se publicou en xuño de 2016, dinos que o 80% da poboación mundial vive baixo ceos afectados pola contaminación luminosa. En España, tres cuartas partes da poboación non vemos xa a Vía Láctea. A Vía Láctea que si vía Díaz Castro na súa mocidade na Terra Chá, en Galiza. Hoxe tería que esforzarse bastante.

Nun artigo para o semanario Sermos Galiza Marcos Pérez, director dos Museos Científicos Coruñeses, escribiu: “Do mesmo xeito que non hai mariñeiros sen mar ou naturalistas sen natureza, non pode haber astrónomos sen estrelas”. Quizais tampouco haxa poetas, cineastas, músicos, artistas plásticos, científicos e científicas doutras áreas cuxa curiosidade naceu unha noite mirando o ceo.

Martin Pawley. Artigo publicado no caderno "A Fondo" 203 publicado no semanario Sermos Galiza do 15 de novembro de 2018, nº 322. En versión española o artigo forma parte do nº 12 da revista "Astronomía Digital", especial 20º aniversario, que pode descargarse nesta ligazón.

* * * * *

Notas 

[1] En atrevida tradución galega: A idea, sen dúbida, é facer o traballo / de alumar a noite toda cun gran cachifallo / de electricidade a esgalla para que pareza / que o Sol, coma de día, está sobre a cabeza.

[2]  We need the interruption of the night / To ease attention off when overtight, / To break our logic in too long a flight, / And ask us if our premises are right.

[3] “Across North America, the estimated number of migrating birds killed annually in collisions with buildings ranges from 100 million to 1 billion birds” (FLAP, Fatal Light Awareness Program).

[4] "Insect declines and agroecosystems: does light pollution matter?", M. Grubisic, R.H.A. van Grunsven, C.C.M. Kyba, A. Manfrin, F. Hölker.

[5] "Signaling cascades and the importance of moonlight in coral broadcast mass spawning", Paulina Kaniewska, Shahar Alon, Sarit Karako-Lampert, Ove Hoegh-Guldberg, Oren Lev.

[6] "Phototransduction by retinal ganglion cells that set the circadian clock", Berson DM, Dunn FA, Takao M.

[7] O custo total dos quince anos da misión NASA New Horizons, que enviou unha sonda a Plutón, foi de 600 millóns de euros (fonte: Forbes). Iluminar ben España podería xerar cada dous anos (ou mesmo menos) o aforro preciso para pagar unha misión espacial dese nivel.

[8] “The future of ground-based optical astronomy hinges upon how successfully we are able to solve the twin problems of controlling light pollution at our existing observatories and of acquiring and adequately protecting the best remaining dark-sky sites”, en Light Pollution in California and Arizona, Merle Walker, Publications of the Astronomical Society of the Pacific, Volume 85, nº 507, outubro de 1973.

* * * * *

Lecturas recomendadas

-As referencias á paixón astronómica de Robert Frost proveñen dun artigo de Charles Laird Calia na revista Sky & Telescope, The Astronomy of Robert Frost, abril de 2005.

-Sobre contaminación luminosa e saúde é máis que recomendábel o libro Hicimos la luz... y perdimos la noche do catedrático de Fisioloxía da Universidade de Cantabria Emilio Sánchez Barceló, editado polo servizo de publicacións da propia universidade.

-Sobre contaminación luminosa e impacto ambiental hai abundantísima información dispoñíbel en Internet. Unha boa introdución é Artificial night lighting and protected lands: ecological effects and management approaches, escrito por Travis Longcore e Catherine Rich e dispoñíbel en liña. 

-Sobre as calculadoras de Harvard Dava Sobel escribiu un libro excelente, The Glass Universe, editado en España por Capitán Swing.

-Debo insistir na importancia do ensaio The End of Night de Paul Bogard, sumamente inspirador pola súa reflexión sobre a desaparición da noite.

-En galego o excelente libro de divulgación E fixemos a luz! de Salvador Bará, editado polo servizo de publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, inclúe un conciso e á vez completo capítulo sobre contaminación luminosa.

-A IDA, International Dark-Sky Association, é a principal entidade mundial na loita contra a contaminación luminosa. O seu sitio web está cheo de moi boa información divulgativa. Para quen desexe saber (moito) máis, inclúen unha base de datos actualizada de artigos científicos. En España a asociación de referencia é Cel Fosc.

sábado, 9 de agosto de 2014

Jaítos en "Efervesciencia"


O domingo 12 de agosto de 2007 Juan Carlos Medal, Jaítos, participou no programa da Radio Galega Efervesciencia para falar de astronomía, a conta das Perseidas e do magnífico traballo de divulgación que desenvolve o Planetario da Casa das Ciencias. Aquí queda a gravación da conversa que con el mantivo o director e condutor do programa, Manuel Vicente:

Juan Carlos Medal en Efervesciencia: [mp3, 15,6MB]

mércores, 12 de marzo de 2014

Cosmos: o vello e o novo

Estreada en 1980 con produción da PBS, a rede pública de televisión americana, Cosmos: A Personal Voyage é probabelmente a serie de divulgación científica máis influínte e popular de todos os tempos, con non menos de 500 millóns de espectadores acumulados. Resulta ocioso a estas alturas dicir que boa parte do éxito se debeu á carismática personalidade de Carl Sagan, presentador de Cosmos e guionista xunto a Ann Druyan e Steven Soter. Ademais de ser un científico brillante, Sagan revelouse coma un excepcional divulgador e comunicador que entendeu que a beleza e a emoción non só non era incompatíbel coa transmisión do coñecemento, senón esencial a ela. Non era un sabio disposto a abraiarnos co seu coñecemento do cosmos, senón alguén que quería abraiarnos co cosmos. E o cosmos é "todo o que é, ou foi, ou será". Iso tiña algo de revolucionario no campo da divulgación científica: non se trataba de enumerar descubrimentos con vontade didáctica, senón de propoñer unha viaxe compartida, algo natural na astronomía, a ciencia dos contadores de estrelas. Sagan era un humanista, igual ca David Attenborough, alguén capaz de poñerse na pel do outro e conectar coas súa inquietudes, medos e dúbidas. Un pasador, no sentido que Alain Bergala lle deu ao substantivo [1].

Ao mesmo tempo, Sagan era un home corrente con xerseis de colo subido nun momento en que o cinema e a televisión abandonaran o extinto glamour para encherse de ordinary people, de Woody Allen a Richard Dreyfuss, de Dustin Hoffman a Alan Alda, de Lou Grant a Hill Street Blues. A xeración de Sagan -que é, poñamos por caso, a de Stan Brakhage- é a dos que viviron o entusiasmo pola carreira espacial mais tamén o pánico á Guerra Fría e diso se alimentaba Cosmos, que falaba tanto da fascinación polo universo como da inacabábel capacidade humana para destruírse a si mesmo e para facer que o progreso e a sabedoría fiquen sepultados polo poder. O mesmo primate é capaz de mandar unha sonda aos confíns do Sistema Solar e de queimar a Biblioteca de Alexandría. E por iso Cosmos tiña algo de espírito post-hippy, cos seus exteriores naturais rodados en 16mm, a música de Vangelis, o seu ánimo contemplativo e certos ecos psicodélicos por outra parte comúns na representación estelar, empezando por Jordan Belson.

O novo Cosmos, presentado nos EEUU o domingo pasado en prime-time, ten coma principal problema o seu título. Se a serie de Neil deGrasse Tyson se chamara O Universo para todos veríamola con outros ollos, coma un documental máis, sen tanta expectativa. E como tal produto non estaría mal, aínda que non me parece que destaque sobre outras propostas equivalentes. As virtudes comunicativas do director do Hayden Planetarium de Nova York neste primeiro episodio non se locen apenas. O que fixo popular a Neil é a súa rapidez, humor, ironía, capacidade de improvisación, chispa: por iso é un convidado habitual para falar de ciencia nos late-nights de Jon Stewart, Stephen Colbert, Jimmy Fallon... Neste Cosmos exerce nun rexistro máis "ordenado" e conservador, desenvolve un puro papel de host, e nese sentido daría igual que fose el ou Morgan Freeman. Por iso o seu momento máis potente, o que o humaniza, foi o emotivo recordo a cando coñeceu a Carl Sagan, deliberadamente colocado ao final da primeira entrega, porque iso é algo que el pode contar e quizais Morgan Freeman non.

Boa parte dos contidos do primeiro capítulo evocaron directamente á serie orixinal, incluída a idea do "calendario cósmico". A maior diferenza está na referencia histórica elixida: mentres Sagan escolleu a Alexandría de Eratóstenes, Aristarco, Ptolomeo (“que compilou a maior parte do que hoxe é a pseudociencia da astroloxía, un aviso de que a capacidade intelectual non é garantía contra os enganos”) e Hipatia, o novo Cosmos ocupouse de Giordano Bruno, que morreu na fogueira acusado de herexía, nunha secuencia animada de dubidoso gusto na que os personaxes falan inglés con acusado acento spaghetti, Javier Armentia dixit. Até iso foi unha escolla confusa, posto que a cosmoloxía de Bruno non viña da experiencia e o pensamento científico, senón da súa reflexión teolóxica, e así a súa proposta de pluralidade de mundos tiña a mesma base que a súa negación da Trindade ou da virxindade de María. Bruno era un visionario, mais no sentido Xoana de Arco do termo.

O vello Cosmos practicaba o sosego e deixaba tempo para mirar e escoitar. O novo Cosmos exhibe un molesto exceso de música (a fanfarria de Alan Silvestri) e a parece que inevitábel tendencia espectacularizante en canto a efectos visuais e sonoros (!), particularmente irritante para alguén coma min que pensa que Gravity sería moito mellor muda, sen explosións, sen música e sen diálogos melodramáticos de Sandra Bullock. Ese estilo "Discovery Channel", esa obsesión da televisión comercial americana por intentar crear tensión no ambiente a toda costa a min quítame da pantalla: non soporto eses documentais tipo "as serpes máis venenosas da selva amazónica". Este Cosmos 2014 vai por aí: non é unha “viaxe persoal”, senón unha “odisea do espazo-tempo” e detrás dela está o director e produtor executivo Brannon Braga, responsábel de Star Trek: New Generations; o director de fotografía Bill Pope, que o foi tamén de Matrix e Men in Black 3... De aí xorde tanto ruído e furia nese espazo no que ninguén pode oír os teus berros -ese espazo cuxo silencio lle encanta á protagonista de Gravity, aínda que durante o filme o experimentara pouco-, da aceptación dos tópicos da sci-fi aínda que choque co rigor científico. Para compensar estará aí Neil deGrasse disposto a dicir “xa sei que parece unha loucura, mais é así”, como ao falar do Big Bang.

Martin Pawley

Nota:
[1] "Cuando asume el riesgo voluntario, por convicción y por amor personal a un arte, de hacerse "pasador", el adulto también cambia de estatuto simbólico, abandona un momento su papel de docente tal y como viene definido y delimitado por la institución para retomar la palabra y el contacto con sus alumnos desde otro lugar, menos protegido, en el que entran en juego sus gustos personales, y también su relación más íntima con tal o cual obra de arte, un lugar en el que el "yo" que podría resultar nefasto en su función de docente se vuelve prácticamente indispensable para una buena iniciación". Alain Bergala, La hipótesis del cine, Editorial Laertes, páx. 66.

luns, 23 de setembro de 2013

Neuroeducación

"Todo comienzo del aprendizaje, el más temprano del niño, debería hacerse directamente en contacto con la naturaleza, no entre cuatro paredes". O profesor Francisco Mora (Granada, 1945) apela ao coñecemento que hoxe temos do funcionamento da cerebro para xustificar cambios profundos no modelo educativo e, xa pode dicirse, en sentido radicalmente oposto ás habituais "follas de ruta" das autoridades (in)competentes. "A un niño de dos o tres años se le deberían enseñar los diferentes tipos de hojas, flores, plantas, animales y todos los infinitos registros de formas y colores en el campo, en la naturaleza, y menos en el aula con dibujos y tampoco con películas. El niño necesita en la formación inicial saber y aprender qué es una flor cogiéndola con las manos, mirándola directamente, oliéndola, apreciando y distinguiendo el tacto de los pétalos. Y distinguiendo, mirando el cielo, un azul de otro. Y todo ello con la protección y el sentimiento emocional, con la sonrisa del padre o del maestro. Solo así no lo olvidará jamás y anclará, además, sus futuros conocimientos abstactos de una forma sólida, sobre cimientos perceptuales emocionales reales, directos". A provocación é dobre: non fala só de fuxir da rixidez do cemento, senón de facelo, ademais, dende o confort que supón o agarimo e o amor, "palabrota" que tamén consideraba esencial Daniel Pennac no seu memorábel Mal de escola. Non por casualidade o libro do profesor Mora leva coma subtítulo "Solo se puede aprender aquello que se ama". O coñecemento nace da emoción e é fonte de pracer. A adquisición de coñecementos, explícanos, comparte substratos neurais coas condutas que nos levan a buscar auga e alimento ou á sexualidade. Non é un pracer diferente: a curiosidade que se obtén coa aprendizaxe e os praceres biolóxicos activan os mesmos circuítos neuronais.

Neuroeducación (Alianza Editorial, 2013) é, tamén, unha efusiva defensa da escola. "Parece muy claro que aquellos aspectos básicos de la conducta, como la memoria de trabajo, la inhibición de la impulsividad y el cambio constante del foco atencional, así como la toma de decisiones y la solución de problemas nuevos, se potencian de modo significativo con la exposición de los niños a una educación formal (maestro-otros niños-reglas de comportamiento)". O colexio ten "efectos neurocognitivos" no neno: a escolarización -un fenómeno por outra parte moi recente- produce cambios específicos nas estruturas cerebrais, coma o aumento do volume do corpo caloso. E tamén ten efectos moi positivos o ensino, dende idade moi temperá, de varias linguas. Hoxe sábese que os nenos que aprenden dúas linguas dende o nacemento "gárdanas" en circuitos neuronais separados no seu cerebro. Do manexo común e fluído deses dous reservorios derívanse vantaxes cognitivas que se manteñen até a vellez, por exemplo no retraso medíbel da aparición de demencias. O manexo dende a infancia de varias linguas implica saltar dunha a outra de maneira inconsciente, un entrenamento que resulta moi eficaz para o cerebro: "en la vida real las personas que hablan varios idiomas toman decisiones más rápidamente y con menos errores que las monolingües".

A educación non pode ignorar, vén dicirnos o autor, o que xa sabemos -e sabemos cada vez máis- sobre os mecanismos cerebrais, a percepción e a memoria. Os horarios educativos deben ter en conta os ritmos biolóxicos humanos, con picos de rendemento mental a media mañá e media tarde e caída acusada na hora da "siesta", e a importancia do sono nocturno e un bo pequeno almorzo para manter os axeitados niveis de glicosa (e este asunto non é banal no actual contexto de crise no que para moitos rapaces a única comida diaria en condicións é a que reciben no comedor escolar). Do mesmo xeito, a resposta ante as dificultades na aprendizaxe derivadas de diversos trastornos e enfermidades (ansiedade, depresión, déficit de atención, hiperactividade, dislexia, discalculia, autismo, etc) esixe un tratamento individualizado e flexíbel, apegado aos descubrimentos que se van adquirindo sobre esas materias. De aí xorde tamén ese novo oficio por necesidade interdisciplinar do "neuroeducador", consultor e vixía coa obriga de transformar o saber neurocientífico en fórmulas prácticas para o seu uso diario no centro educativo. De todo iso e moito máis trata este excelente e suxestivo libro cuxa lectura, máis que aconsellábel, non debería ficar limitada aos profesionais da docencia.

Martin Pawley

mércores, 5 de xuño de 2013

O ceo é para todos?

As tres imaxes seguintes foron tomadas por Óscar Blanco (Agrupación Astronómica Ío) en tres lugares diferentes de Galicia. As tres cunha mesma orientación, co norte na parte superior da imaxe, e en momentos non moi afastados da noite: a segunda e a terceira corresponden á mesma hora, arredor das 2:30 AM, e a primeira un pouco máis cedo, sobre as 00:45. As condicións de exposición e sensibilidade son distintas para cada fotografía, para evitar a saturación debida á contaminación lumínica. Porque diso falan estas fotos, de contaminación lumínica. Do que perdemos de ver cada noite polo exceso de luz artificial que lanzamos inutilmente ao ceo.

A Coruña (zona As Escravas)


Arillo, Oleiros


Perto de Valdín, A Veiga.


Podedes ver as imaxes con maior resolución neste enderezo.

luns, 4 de marzo de 2013

Neurociencia para Julia

Poucas áreas do coñecemento humano están a proporcionarnos tantas noticias -e tan excitantes- como a neurociencia. O estudo do cerebro é un campo relativamente novo -case todo o que se sabe del descubriuse no último século- e de enorme transversalidade, que implica hoxe a profesionais procedentes de ámbitos en orixe moi diferentes, da psicoloxía á física ou a informática. E como cerebro todos temos un a curiosidade que desperta o tema é case inevitábel e de aí que exista, incluso en España, unha revista específica fácil de atopar nos quioscos e un crecente número de libros de divulgación. Un deles é Neurociencia para Julia, escrito polo investigador e comunicador científico Xurxo Mariño. Coa frescura e naturalidade que lle é propia ao autor, sobradamente demostrada en artigos, conferencias e -sobre todo- nos impagábeis discurshows, Xurxo ofrece unha clarificadora introdución ao noso apaixonante sistema nervioso: o que é, o que fai e como o fai é o asunto central dunhas páxinas que se len con ansia e inducen o lector a querer "saber máis". Máis sobre o curioso efecto McGurk, sobre a pegada sinestésica á hora de poñerlle nome ás formas ou sobre Henry Molaison, o home incapaz de fabricar novos recordos. Especial atención merecen os capítulos relacionados coa linguaxe, con interesantísimas referencias á influencia que ten na nosa memoria e ao peso das linguas na construción diso que chamamos "realidade", e o soño, cuxa función descoñecemos malia sabermos con certeza a súa necesidade. E para rematar, un capítulo final dedicado a desmontar algunhas ideas estúpidas comúns entre os charlatáns e vendedores de misterios, caso da telepatía ou a telequinesia. Un libro a non perder.

Martin Pawley


* * *


Neurociencia para Julia será presentado na Coruña o próximo venres 22 de marzo, na Domus.