A doutora recoñece a dificultade de detectar o momento en que é imposíbel mellorar a vida do paciente e toca pasar do tratamento ao alivio. Un alivio que precisamos tamén os vivos: os ritos de despedida axudan tanto ou máis aos que fican como aos que van marchar. Trátase de naturalizar a morte, de non fuxir dela, de xerar a serenidade, a dignidade e a paz que sexa posíbel, sen afastar a mirada. Hai que morrer rodeados de amor, preferibelmente na casa, nunca en soidade, sempre con información boa, sempre en contacto honesto cos equipos médicos, revivindo os recordos que completan o relato dunha vida.
O segundo ensaio, O misterio da medicina familiar, é unha monografía preparada grazas a unha bolsa do John Fry Trust para o progreso da atención primaria. O texto de Iona é unha apaixonada celebración da vocación fronte á avaliación mercantil que lle pon un prezo a todo, tamén aos coidados. A consecuencia de exixir a análise das implicacións financeiras das decisións médicas é o exame do “valor financeiro atribuído ao noso traballo, co conseguinte desgaste da vocación”. O resultado é que os pacientes se converten en consumidores con “crecentes expectativas respecto do que teñen dereito a agardar” e os doutores e doutoras pasan a ser “provedores dunha mercadoría”, en prexuízo do sentido orixinal de servizo público. Esa “erosión da motivación profesional e vocacional, e a súa substitución por unha busca que só persegue unha motivación: a recompensa financeira e material” pode ben ser “o legado máis perigoso do thatcherismo”. Ese egoísmo xa é norma, recórdanos a escritora, así que o maior desafío é redescubrir “un senso de vocación e de sociedade”. O conflito entre a función médica de defensa do paciente e a obriga cada día maior de aforro de recursos non ten solución, pois “non é posíbel loitar ao mesmo tempo polo ben individual e polo ben colectivo”, xa que os dous “se basean en principios éticos distintos, e sempre haberá problemas cando os principios colectivos se apliquen ao coidado a título persoal”.
Aínda máis interesante é a diferenciación da autora entre a “enfermidade”, entendida como un feito medíbel con criterios técnicos, fronte a experiencia individual da “doenza”, que abrangue non só a enfermidade en si senón “outras formas de desacougo, coma o cansazo e a infelicidade, o sufrimento e a mágoa”. O éxito da “medicina científica” pon “unha énfase na enfermidade que adoita invalidar a experiencia persoal da doenza” e en consecuencia todas as formas de desacougo e malestar que non encaixan nunha categoría ben definida pola práctica histórica tenden a ser menosprezadas ou ignoradas. Aínda por riba, “moitos doutores e políticos non estiveron moi dispostos a recoñecer o poder e o alcance dos determinantes socioeconómicos respecto dunha mala saúde: o xeito en que o funcionamento da sociedade fai que os seus propios membros non se atopen ben por mor do estrés que xeran a pobreza, unha vivenda precaria, o desemprego, a contaminación e a falta de oportunidades para acadar algo que pague a pena”.
Iona Heath sinala outro perigo adicional: o mito da curación, “a inferencia, a falsa promesa, de que a ciencia ofrece unha cura para cada enfermo e un adiamento indefinido da morte”, que transforma o final da vida nunha sorte de erro que debera ser evitado grazas a unha medicina que parece prometer a inmortalidade. Diso se deriva tamén a crenza no (imposíbel) dereito a unha saúde perfecta, ao alivio inmediato de toda incomodidade e dor física. Aceptar iso non supón que a medicina nos deixe en desamparo, pois “cando non podemos sandar, debemos estar en disposición de axudarlle ao paciente a lle atopar certo sentido ao seu sufrimento”. Trátase, en suma, de comprender plenamente que a enfermidade e a morte son unha consecuencia máis da vida. Nese camiño, o libro de Iona Heath é unha feliz revelación.
Martin Pawley
Ben interesante e necesario.
ResponderEliminar