venres, 22 de abril de 2022

Zoocities. Animais salvaxes na cidade.

A colección Vitamina N de Kalandraka, unha das máis estimulantes aparecidas nos últimos anos no ecosistema editorial galego, suma un novo título de lectura recomendabilísima: Zoocities – Animais salvaxes na cidade, da filósofa, escritora e tradutora francesa Joëlle Zask. Coa xente confinada nas casas pola pandemia, na primavera de 2020 asistimos ao inesperado espectáculo das cidades recuperadas pola fauna salvaxe, dos xabarís presentes nas vilas do noso país aos monos, corzos e canguros vistos alí e acolá. Deste feito, e da mesma COVID-19, unha enfermidade transmitida de animais a persoas, xorde unha pregunta capital que alenta o libro: como compaxinar as sociedades humanas urbanas cunha relación saudábel, en todos os sentidos, coa natureza non domesticada nin reducida a paisaxe.

Joëlle Zask elabora unha documentada reflexión sobre o propio concepto de cidade, ou da colonización humana como antagonista da natureza, unha natureza que debía ser conquistada e dominada. Iso valía tamén para os pobos orixinarios habitantes deses territorios, descritos no pasado como animais daniños cuxa existencia se toleraba só como forza de traballo ou como testemuña exótica dun primitivismo xamais ben comprendido e as máis das veces inventado, como acontecía co infame teatro dos zoos humanos aínda comúns no XIX. A misión do home branco era “sacar as poboacións atrasadas da súa condición primitiva e, tomando o lugar da Historia, acelerar a súa evolución cara a un estadio final de florecemento pleno”, e, en xeral, defender a superioridade da "vida espiritual" fronte á "bestialidade" propia da natureza. 

Esa visión errada e mutuamente excluínte do doméstico e o salvaxe persiste por desgraza entre nós, mais unha conciencia ecolóxica sensata e moderna exixe superala en favor das “interaccións equilibradas entre seres diferentes”, como propón a autora. Contra o urbanismo que “vexetaliza” as vilas poñendo árbores en testos, árbores que perden así a súa condición de silvestres para se converter en engadidos decorativos ás edificacións (e “cuxo risco de que evolucionen cara a un estado imprevisto é limitado, xa que, para librarse delas, abonda con deixar de regalas”), Joëlle fai unha apaixonada defensa da diversidade, da pluralidade e da desorde na que os animais e as plantas sexan tamén “veciñas” e dispoñan de espazos para o seu libre desenvolvemento. Unha defensa, pois, da cidade concibida coa natureza e non contra a natureza, da cidade que busca “coñecer a natureza e adaptarse a ela sen escorrentala”. Dada a vergonzante mediocridade da política municipal do noso tempo vexo difícil que ideas coma estas poidan ser non xa postas en marcha senón simplemente lidas e entendidas, mais confío en que veñan tempos menos cativos e, nesa altura, libros coma este serán unha suxestiva referencia.

Martin Pawley

Ningún comentario:

Publicar un comentario