Varios aspectos destacan en When You’re Strange (2009), documental sobre a traxectoria de The Doors, a mítica banda de rock californiana –un legado esencialmente expresado en 54 meses, entre 1966 e 1971– formada por Ray Manzarek, Robby Krieger, John Densmore e Jim Morrison. Un deles é tan inusual como afortunado: o afán didáctico e a análise musical sitúanse por enriba da biografía ao uso. Isto non representa obstáculo para un entretido repertorio (cronolóxico) salpicado das fitas, incidentes, censuras e angustias acontecidas ao grupo coa figura do malogrado Morrison como núcleo.
Rebobinado dinámico pola conciencia dunha época complexa –a psicodelia, os movementos sociopolíticos, a adicción á violencia dun país, Vietnam, a segregación racial, a clausura final dos soños–, a renuncia a entrevistas e a construción con substancial material da época permite unha narración precisa que, sen abdicar da subxectividade, aparece conducida pola lúcida e omnipresente voz do actor Johnny Depp, experto en relatos contraculturais.
Aproximación ao eclecticismo autodidacta do grupo, o despregamento dos temas memorables –The End, Riders on the Storm, Light My Fire, Break on Through (to the Other Side), Touch Me– condensa un traballo realizado con autenticidade por Tom Dicillo (1953), cineasta de estirpe independente autor de filmes como Johnny Suede e Delirious que iniciou a súa traxectoria como camarógrafo de Jim Jarmusch. Presente en Berlín, Sundance e San Sebastián, premio Grammy, a empresa española Avalon prosegue coa súa brillante colección de biopics musicais –Joe Strummer, Joy Division, Scott Walker, Neil Young, Chet Baker ou Daniel Johnston–.
José Manuel Sande. Publicado o sábado 23 de xullo en Xornal de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario