A Mostra de Venecia fixo pública onte a súa inabarcábel programación completa, cunha sección competitiva que combina grandes autores –Cronenberg, Ferrara, Garrel, Polanski, Friedkin, Sokurov– e cineastas que se incorporaron á pasarela festivaleira nos últimos anos –Giorgos Lanthimos, Steve McQueen, Andrea Arnold–. O luxo cinéfilo prosegue fóra de concurso con Chantal Akerman, Marco Bellocchio, Ermano Olmi, Victor Kossakovsky ou Al Pacino, mais a volta da parella Claude Nuridsany & Marie Perennou, autores de Microcosmos e Xénese. En Orizzonti, a portuguesa Teresa Villaverde (Cisne) e o chileno José Luis Torres Leiva (Verano) nunha ampla listaxe na que tamén resoan os nomes de Michael Glawogger, Ross McElwee e Ben Rivers.
Unhas horas antes o Festival de Donostia daba a coñecer once títulos da súa sección oficial, e o anuncio revela con claridade as dificultades para facerse un oco nun calendario no que por orzamento e por historia son o curmán pobre. Con Venecia coma meta inalcanzábel, a estratexia pasa por acoller filmes que teñen a súa verdadeira premiere en Toronto, caso dos de Terence Davies –a gran figura desta edición–, Sarah Polley e Mathieu Demy, o fillo de Jacques, a quen se lle dedica unha retrospectiva. Posto que pasaron por salas nos seus países de orixe tampouco son presentacións mundiais nin a comedia Los Marziano de Ana Katz, estreada con éxito na Arxentina a finais de abril, nin Kiseki de Hirokazu Kore-eda, un habitual do certame sempre derrotado, a diferenza de Arturo Ripstein, que gañou dúas veces a Cuncha de Ouro e agora proba sorte con Las razones del corazón. É un programa de transición, continuísta. Polos cambios, se os houber, aínda haberá que agardar.
Martin Pawley. Artigo publicado o venres 29 de xullo en Xornal de Galicia
Actualización: outros dous filmes aínda non anunciados oficialmente mais si seguros na sección oficial de Donostia son No habrá paz para los malvados de Enrique Urbizu e Los pasos dobles de Isaki Lacuesta. Isaki presentará ademais un documental en Zabaltegi relacionado con ese mesmo proxecto, e tamén con Miquel Barceló coma inspirador: El cuaderno de barro.
Actualización 2 de agosto de 2011: o festival deu a coñecer a listaxe de filmes españois seleccionados nas diferentes seccións, entre os cales hai dous con produción galega: Tralas luces de Sandra Sánchez (Tic Tac Producciones) e Arrugas de Ignacio Ferreras (Perro Verde Films)
Ningún comentario:
Publicar un comentario