mércores, 21 de setembro de 2011

Agnès Varda, un cine no que a vida continúa

Vittorio Gassman, xenio atormentado, miraba cara ao pasado no texto autobiográfico Un gran porvir ás túas costas coa idea de clausura dunha vida, inmisericorde co paso do tempo. Agnès Varda (Bruxelas, 1928), cineasta e fotógrafa vivaz e sensible, decide camiñar de costas no seu último filme, Les plages d’Agnès (2008), outeando toda a súa traxectoria con delicadeza, ausentes todos os fatalismos innecesarios.

A película, César ao mellor documental, proporciona unha dimensión de procura global do seu traballo, unha miscelánea equilibrada do proveito de elementos autobiográficos, activismo humorístico, emotividade e sentido lúdico que, para os coñecedores do seu documental de culto Los espigadores y la espigadora (2000), “documental de camiño errante” –Varda dixit–, peza mestra da arte do detritus fílmico coa súa estrutura de colaxe e persoal antoloxía dos procesos de recolección na sociedade do consumo, axuda a entender as exploracións realizadas en primeira persoa en parte do cine de non ficción contemporáneo. Un Eu outrora vergoñento que subliña as dimensións afectivas da experiencia para a cineasta e outórgalles maior relieve aos aspectos subxectivos dun discurso claramente obxectivo.

Sobrepasado o Eu exhibicionista (Moore), a presenza deste recurso en Varda colinda con outros fascinantes –e distintos– investigadores da subxectividade moderna –de Marker e Jordá a Berliner– coincidindo cunha situación excepcional da non ficción, na que Varda se involucra co emprego de novos formatos e a presenza de compoñentes integradores do cine-ensaio.

Mais isto aparece emparentado con todo o seu cine anterior, amparado por unha sólida formación como fotógrafa marcada pola produtiva etapa no Théâtre National Populaire francés (1948/1960) que a leva a montar filmes construídos sobre fotografías como Salut les Cubains (1962 e 1963), aproximación aos estertores iniciais da revolución cubana, agregando o compoñente viaxeiro que sempre posuirá a súa filmografía.

Varda aparece adscrita por orde xeneracional e concepción artística a un grupo fóra de toda norma ou circuíto estandarizado –Resnais, Demy ou Marker–, cronoloxicamente pre-Nouvelle Vague, máis politizado e versátil que os logo célebres auteurs franceses. As pisadas da crucial Te querré siempre (1953) de Rossellini na súa primeira longametraxe, La pointe courte (1954), descrición do final dunha parella que reflexiona sobre a experiencia conxunta, producida en réxime de cooperativa, xa perfilan a falsa ruptura ficción-non ficción e a fraxilidade dos xéneros.

Autora de estimulantes retratos femininos, Varda –con Chantal Akerman– devén na gran cineasta europea, con títulos como Cléo de 5 a 7 (1962), a espera en tempo real dunha moza por coñecer o seu destino; o pequeno panfleto Réponse de femmes (1975); Una canta, la otra no (1977) ou a toma de conciencia da muller moderna, Sin techo ni ley (1985), León de Ouro en Venecia, dura e elaborada reconstrución dos dias finais dunha moza rebelde ou o retrato da amiga, Jane Birkin, en Jane B. par Agnès V. (1988).

A vontade de captar o mundo faille conciliar os dous aspectos da realidade que concitan o seu interese, o “moi combinado, composto, pensado, e a reportaxe, a vida real”, o movemento entre a vida interior e o mundo. Isto conduce a un universo de historias comprometidas que amosan itinerancias e complexidades, cheo de asociacións, analoxías, azar, unha escritura fílmica receptiva á interacción e que visibiliza o propio proceso de construcción.

Parella do director Jacques Demy (1931-1990) desde 1958, ambos crean a produtora Ciné-Tamaris. Cando Demy, logo do éxito das películas cantadas Los paraguas de Cherburgo e Las señoritas de Rochefort é tentado por Hollywood, Varda viaxará con el e rematará coñecendo os movementos contraculturais que se xestan nese momento historico, un feito que lle impide estar presente no maio francés pero que lle permite realizar traballos radicais como Black Panthers (1968), un retrato do movemento político afroamericano. Nos últimos meses da vida de Demy, Varda recibe del unha importante encarga: gravemente enfermo, desexa que ela filme a súa infancia, co resultado de Jacquot de Nantes (1991). Dez días despois de finalizar a rodaxe, Demy morre. En Les demoseilles ont eu 25 ans (1993), documento sobre Las señoritas de Rochefort, Varda tribútalle unha nova homenaxe ao que foi o seu compañeiro de sempre.


Les plages d’Agnès sintetiza o seu cine. Varda estrutura un tema xenerando infinidade de motivos, persoas –moitas e sonadas: de Nathalie Sarraute a Jim Morrison, dos Dardenne a Jean Vilar, de Cocteau a Godard, de María Casares a Calder, de Laura Betti a Harrison Ford–, reflexións e asociacións, un cine de interrogantes e celebración no que a multiplicación de sentido e os niveis narrativos apelan con intelixencia a outras artes establecendo sempre unha curiosa simbiose entre imaxe e texto.

José Manuel Sande. Publicado o 3 de outubro de 2009 no suplemento Nós do Xornal de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario