A diversificación da actividade do cineasta barcelonés José Luis Guerín (1960) permítelle nos últimos anos o aumento do volume do traballo ao tempo que a entrada noutras canles de difusión, os centros de arte. O autor de grandes títulos da historia do cine, de Tren de sombras (1997) a En la ciudad de Sylvia (2007), ofrece nestes días –desde decembro de 2010 e ata o 28 de agosto– unha exposición a modo de instalación audiovisual, La Dama de Corinto. Un esbozo cinematográfico, dentro do Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente de Segovia.
Despois de gozar na Bienal de Venecia 2007 da montaxe fotosecuencial Las mujeres que no conocemos, a historiadora da arte –ex directora do Reina Sofía– Ana Martínez de Aguilar queda fascinada por esta vertente creativa de Guerín. Contactan e xorde unha proposta específica para o museo segoviano, unha instalación en varias salas –cadros proxectados– acompañada dunha publicación. No libro, con textos de Martínez de Aguilar e Calvo Serraller, inclúese, establecido Guerín na epístola fílmica –quente a correspondencia (CCCB) con Jonas Mekas–, a obra fílmica central en DVD, Dos cartas a Ana.
A peza –media hora– profundiza no presuposto previo, o proveito das relacións pintura-cine e a constitución das imaxes en Occidente. Conto de esbozos e sombras, Guerín constrúe en ton didáctico e poético o paralelismo pantalla-lenzo mentres indaga na súa querencia polas orixes, a esencialidade e a decantación por unha arte austera, onde a presenza do mito, as imaxes desaparecidas e a invocación a Plinio o Vello –Historia Natural– comportan unha explicación da arte impregnada de ilusión, frescura e sabedoría.
José Manuel Sande. Publicado en Xornal de Galicia o sábado 16 de xullo de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario